Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 134 Martes, 09 de xullo de 1996 Páx. 6.672

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 4 de xullo de 1996 pola que se realiza unha convocatoria extraordinaria para o ingreso de fillos do persoal dos servicios centrais da Xunta de Galicia na gardería infantil de Vite, dependente da Consellería de Familia, Muller e Xuventude.

Dentro da política de fomento da acción social destinada ós seus traballadores, que vén levando a cabo a Xunta de Galicia, inclúese, entre outras, a atención ás necesidades derivadas da situación familiar daqueles. Tales necesidades, apreciadas pola Administración, foron, así mesmo, postas de manifesto en diversas ocasións polas organizacións sindicais con representación entre o citado colectivo.

Polo exposto e sendo consciente a Administración da importancia do problema, con data do 1 de xullo de 1996 a Consellería da Presidencia e Administración Pública e a Consellería de Familia, Muller e Xuventude asinaron un acordo de colaboración que ten por obxecto poñer á disposición do persoal de servicios centrais da Xunta de Galicia cinco novas unidades da gardería infantil de Vite, dependente da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, para a atención dos seus fillos de idades comprendidas entre os 0 e os 3 anos.

Por todo isto, en virtude das competencias que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente orde ten por obxecto regula-lo procedemento de adxudicación de prazas na gardería infantil do polígono de Vite da cidade de Santiago de Compostela, dependente da Consellería de Fami

lia, Muller e Xuventude, no relativo ás solicitudes de novo ingreso para fillos do persoal dos servicios centrais da Xunta de Galicia.

Artigo 2º.-Requisitos.

Para a cobertura destas prazas establécense como requisitos:

-Ser fillo/a do persoal dos servicios centrais da Xunta de Galicia ou estar acollido legalmente.

-Ter como mínimo 3 meses de idade e non ter cumpridos os 3 anos antes do 31 de decembro do presente ano.

Artigo 3º.-Prazo de presentación das solicitudes.

3.1. As solicitudes presentaranse antes do 16 de xullo no rexistro da Consellería de Presidencia e Administración Pública e dirixiranse á Dirección Xeral da Función Pública.

3.2. Os pais ou representantes legais do neno ou nena presentarán a solicitude (anexo I) para o seu ingreso, acompañandoa dos seguintes documentos:

-Fotocopia da última nómina na que se acredite estar traballando nos servicios centrais da Xunta de Galicia.

-Fotocopia do libro de familia.

-Fotocopia da declaración do IRPF do ano 1995 de cada membro da unidade familiar que perciba ingresos económicos polos que estea obrigado a facer declaracións ou declaración xurada en sentido contrario.

-No caso de nenos e nenas con minusvalidez física, psíquica ou sensorial, informe do correspondente equipo de valoración no que se indique o grao de minusvalidez, así como a súa necesidade de integración.

3.3. No caso de que a solicitude non reúna os requisitos esixidos, a Dirección Xeral da Función Pública requirira ó interesado para que, nun prazo de dez días, corrixa os defectos ou xunte os documentos necesarios, con indicación de que, se así non se fixer, se terá por desistida a súa petición, arquivándose sen máis trámite.

Artigo 4º.-Baremo de admisión.

Se a demanda supera a oferta de prazas, aplicaránselle a tódalas solicitudes o baremo que a continuación se especifica, tendo en conta a renda per Cápita (RPC) familiar.

Entenderase por RPC a suma dos ingresos reflectidos nas declaracións do IRPF dos membros da unidade familiar dividido polo número destes.

Criterios económicos:

-Renda per cápita familiar anual de menos de 750.000 ptas.: 4 puntos.

-Renda per cápita familiar anual entre 750.001 e 1.000.000 ptas.: 3 puntos

-Renda per cápita familiar anual entre 1.000.001 e 1.500.000 ptas.: 2 puntos.

-Renda per cápita familiar anual entre 1.500.001 e 2.000.000 ptas.: 1 puntos.

Criterios familiares:

-Por familia numerosa: 3 puntos.

-Por ter 1 ou máis irmáns no centro: 2 puntos.

-Por ter formalizado un acollemento familiar: 2 puntos.

-Por familia monoparental: 1 punto.

A selección das solicitudes efectuarase en función da puntuación acadada segundo o devandito baremo. Para estes efectos tódolos extremos que desexen ser valorados terán que ser acreditados documentalmente.

No caso de que haxa empates entre varios solicitantes aplicaranse os criterios familiares en orde descendente para proceder ó desempate.

Artigo 5º.-Comisión de baremación.

A comisión de baremación estará composta, cos seus correspondentes suplentes, polas seguintes persoas:

-Presidente: subdirectora xeral de Acción Familiar.

-Secretario: xefe de sección de Relacións Laborais

-Vocais:

* 2 técnicos da Dirección Xeral da Familia.

* 1 funcionario da Dirección Xeral da Función Pública.

* O/A director/a da gardería infantil.

* Un representante dos traballadores.

Artigo 6º.-Relación provisional de admitidos.

6.1. A comisión fará pública a relación provisional, coa puntuación obtida, por cada un dos solicitantes.

Esta relación expoñerase na Consellería da Presidencia e Administración Pública e na Consellería de Familia, Muller e Xuventude.

6.2. Os solicitantes que o desexen poderán efectua-las reclamacións, debidamente documentadas, que coiden oportunas no prazo de dez días contados desde a data de publicación da relación provisional.

Artigo 7º.-Proposta inicial da comisión.

7.1. Unha vez examinadas e resoltas as posibles reclamacións, por resolución da Dirección Xeral da Función Pública procederase á publicación da relación definitiva de admitidos e da lista de espera coa puntuación obtida en cada caso. Tales relacións exporanse nos taboleiros de anuncios das Consellerías de Familia, Muller e Xuventude e da Presidencia e Administración Pública. A Comisión elaborará a proposta inicial de selección e determinará a contía que se deberá aboar como tarifa ou as exencións aplicables en cada caso sempre de acordo coas tarifas en vigor segundo o disposto no artigo 10º.

7.2. As resolucións recaídas deberánselles notificar ós solicitantes admitidos. Estes disporán dun

prazo de dez días para confirmaren a súa praza e achegaren a documentación complementaria segundo o disposto no artigo 8º.

Artigo 8º.-Documentación complementaria.

8.1. Os interesados terán que presentar dentro dos dez días seguintes á notificación da admisión, a seguinte documentación complementaria:

-Certificado médico do neno ou nena.

-Carné de vacinación actualizado.

Se non se presentase a devandita documentación no prazo sinalado, terase por decaída a solicitude da praza.

Artigo 9º.-Solicitudes fóra de prazo.

As solicitudes presentadas fóra de prazo de convocatoria, por circunstancias sobrevidas, serán tramitadas e baremadas para a súa inclusión na lista de espera, segundo a puntuación obtida.

Artigo 10º.-Prezos.

10.1. Os prezos axustaranse ó disposto no Decreto 179/92, do 26 de xuño, polo que se fixan as novas tarifas de prezos das garderías dependentes da Consellería de Familia, Muller e Xuventude.

10.2. O pagamento de tarifas será mensual e deberanse aboar nos dez primeiros días de cada mes.

10.3. Non se aboará a tarifa que corresponda ó mes en que o centro puidera estar pechado por razóns de vacacións de verán. Se por calquera motivo, o centro permanecese pechado durante un número superior a quince días naturais consecutivos, non se aboará a tarifa que corresponda a este período.

10.4. A inasistencia do usuario durante un período determinado non supón reducción ningunha nin exención da tarifa, mentres non se formalice a baixa correspondente.

Artigo 11º.-Baixas.

Causarase baixa na gardería infantil por algunha das circunstancias seguintes:

-Por vontade dos pais ou representantes legais.

-Por perda da condición de traballador/a dos servicios centrais da Xunta de Galicia.

-Por comprobación de falsidade nos documentos ou datos achegados.

-Por incompatibilidade ou inadaptación absoluta do neno para permanecer no centro.

-Por falta de asistencia continuada durante un mes sen causa xustificada.

As baixas serán resoltas pola Dirección Xeral da Función Pública unha vez oídos a dirección da gardería e mailo interesado, agás a reflectida no punto 1.

As baixas producidas ó longo do curso escolar por calquera dos motivos anteriormente expostos cubriranse coas solicitudes que quedasen en lista de espera en cada grupo de idade, por rigorosa orde de puntuación.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral da Función Pública para que dicte, no ámbito das súas competencias, as resolucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 1996.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

Documentación que se xunta

p Última nómina.

p Libro de familia.

p Xustificación de haberes (declaración do IRPF do ano 1995 ou declaración xurada de non estar obrigado a facelo de se-lo caso).

p Informe do organismo competente sobre a necesidade de integración no caso de nenos con minusvalidez física, psíquica ou sensorial.

p Título de familia numerosa.

p Contrato de acollemento familiar.

p Documentación acreditativa de incidencias alegadas na orde socio-familiar.

5084