Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Luns, 08 de xullo de 1996 Páx. 6.644

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 274/1996, do 4 de xullo, polo que se declara de interese público a compatibilidade para o exercicio das actividades da Subdirección Xeral de Asuntos relacionados coa Unión Europea coas de director da oficina da Fundación Galicia-Europa en Bruxelas.

A Subdirección Xeral de Asuntos relacionados coa Unión Europea da Consellería de Economía e Facenda ten ó seu cargo, de acordo co artigo 9.3º do Decreto 117/1994, do 4 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Economía e Facenda, modificado polo Decreto 138/1996, do 29 de marzo, exerce-la dirección técnica das actuacións derivadas da participación de Galicia nas organizacións rexionais europeas e nas institucións da Unión Europea (UE), en particular no Comité das Rexións, así como a xestión de todos aqueles asuntos que, relacionados coa UE, requiran dunha actuación coordinada perante a Administración xeral do Estado e, se é o caso, coas institucións comunitarias.

Co fin de consegui-la necesaria fluidez da información sobre a Unión Europea, o cal permitirá a adopción de decisións coa axilidade necesaria para o cumprimento das competencias atribuídas á Xunta de Galicia, considérase oportuno que o titular do devandito posto desenvolva a actividade de coordinación da oficina da Fundación Galicia-Europa en Bruxelas.

De acordo co exposto e co previsto no artigo 3.1º da Lei 53/1984, do 16 de decembro, de incompatibilidades do persoal ó servicio das administracións públicas e as demais disposicións de aplicación, por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catro de xullo de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo único.-Declárase de interese público a compatibilidade para o exercicio das actividades da Subdirección Xeral de Asuntos relacionados coa Unión Europea da Consellería de Economía e Facenda coas de director da oficina da Fundación Galicia-Europa en Bruxelas.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 215/1994, do 16 de xuño, polo que se declara de interese público a compatibilidade para o exercicio das actividades da Xefatura do Servicio de Asuntos da Unión Europea da Consellería de Economía e Facenda coas de director da oficina da Fundación Galicia-Europa en Bruxelas.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catro de xullo de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

4974