Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 129 Martes, 02 de xullo de 1996 Páx. 6.499

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 22 de abril de 1996, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se dispón a inscrición no rexistro e publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo de ámbito provincial para a empresa Fontecelta, S.A.

Visto o texto do convenio colectivo para a empresa Fontecelta, S.A. (código 2700292), da provincia de Lugo, asinado o día 7 de abril de 1996, pola representación da mentada empresa e a dos seus traballadores, e de conformidade co disposto no artigo 90 apartados 2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo.

Esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do citado convenio colectivo no rexistro de convenios desta delegación, así como o seu depósito.

Segundo.-Remiti-lo texto do mentado convenio colectivo á Dirección Xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Lugo, 24 de abril de 1996.

Manuel Bande Díaz

Delegado provincial de Lugo

Convenio colectivo de Fontecelta, S.A. para 1996

Disposicións xerais

Capítulo I

Artigo 1º.-Ambito de aplicación.

As disposicións pactadas no presente convenio colectivo regularán, durante a súa vixencia, as rela

cións laborais que nel se establecen entre a empresa Fontecelta, S.A. e o seu persoal, no centro de traballo de Céltigos-Sarria, en Lugo.

Artigo 2º.-Ambito persoal.

Este convenio afecta a todo o persoal pertencente ó cadro de persoal da sociedade, así como o que ingrese na compañía durante a súa vixencia, agás o persoal que exerza funcións de alta dirección, entendéndose por tal o director xeral, director financeiro e director administrativo.

Artigo 3º.-Vixencia, duración e denuncia.

O presente convenio entrará en vigor o día da súa publicación no BOP, aínda que os efectos económicos se retrotraerán ó 1 de xaneiro de 1996 e a súa duración será ata o 31 de decembro de 1996.

O convenio prorrogarase tacitamente de ano en ano se calquera das partes, mediante representantes, non o denuncia cunha antelación mínima dun mes da data do seu vencemento ou a de calquera das súas prórrogas. A esta denuncia terá que acompañala necesariamente o proxecto dos puntos concretos que se pretenda revisar.

Se non existisen delegados de persoal, para que a denuncia produza efecto, debrá ser apoiada e asinada polo 51% dos traballadores en cadro de persoal.

Artigo 4º.-Normas supletorias.

Para todo o non previsto neste convenio colectivo, haberá que aterse ó disposto na lexislación vixente e normas específicas aplicables sobre o particular.

Capítulo II

Artigo 5º.-Conceptos retributivos.

Establécense como conceptos integrantes da retribución total os seguintes:

a) Salario base: vén representado pola cantidade que baixo este epígrafe se reflicte no anexo I deste convenio.

b) Antigüidade: establécese un complemento de antigüidade para todo o persoal, desde a súa entrada na empresa, consistente en trienios ó catro por cento sobre o salario base pactado.

c) Plus de asitencia: por este concepto aboarase a cantidade de 210 pesetas por cada día efectivo de traballo. Desde o 1 de xuño ata o 30 de setembro, o importe deste plus para o persoal de producción será de 310 pesetas diarias.

Artigo 6º.-Xornada laboral.

A xornada laboral ordinaria será de 40 (corenta) horas semanais de traballo efectivo para tódalas quendas, traballadas de luns a venres.

Establécense tres quendas. A primeira realizarase durante todo o ano. O segundo realizarase, solicitándose voluntarios para o efecto, cando a empresa o considere conveniente, logo de información ós representantes dos traballadores. A terceira quenda contará co persoal necesario para a fabricación de envases. A quenda de mañá será de 7 a 15 horas, a de tarde de 15 a 23 , e a de noite, de 23 a 7 horas.

En todo caso, existirá un descanso de trinta minutos para bocadillo, en metade da xornada laboral, computable como tempo de traballo.

As horas traballadas durante o período abranguido entre as 23 horas e as 7 horas terán unha retribución específica incrementada nun trinta e cinco por cento sobre o salario base, salvo que o salario se establecese atendendo a que o traballo sexa nocturno pola súa propia natureza.

Os días 24 e 31 de decembro e o martes de entroido serán festivos non recuperables e trasladaranse a outra data, de común acordo entre as partes, cando coincidan en día non laborable.

Artigo 7º.-Gratificacións extraordinarias.

Establécense tres pagas extraordinarias que serán aboadas, unha en xullo, outra en decembro, e outra no primeiro trimestre do ano e por anos vencidos.

Os enfermos e accidentados do cadro de persoal terán dereito a percibiren o 100% de tódalas gratificacións extraordinarias.

As ditas pagas serán aboadas a razón dunha mensualidade do salario base de cada categoría maila antigüidade completa que corresponda.

Artigo 8º.-Horas extrordinarias.

Aboaranse conforme o establecido nas disposicións vixentes de carácter xeral, e a súa realización suxeitarase ás disposicións vixentes en cada momento.

Mensualmente, se é o caso, a dirección da empresa informará ós delegados de persoal do número de horas habidas en cada sección, especificando as circunstancias que as motivaron.

Horas estructurais: en canto ás horas extrordinarias motivadas por causa de forza maior e as estructurais, quedan pactadas como tales as nece

sarias por períodos punta de producción, ausencias imprevistas, cambio de quenda ou as de carácter estructural derivadas do traballo do que se trate, ou mantemento.

As horas realizadas notificaránselle mensualmente á autoridade laboral conxuntamente pola empresa e os delegados de persoal. En todo iso haberá que aterse á lexislación aplicable ó caso.

Artigo 9º.-Gastos locomoción.

A empresa respectará as condicións individuais establecidas para os traballadores que veñan desfrutando de gastos de locomoción con anterioridade á sinatura do convenio colectivo de 1990.

As modificacións de domicilio que se produzan a partir da data da sinatura do convenio deberán serlle comunicadas, obrigatoria e inmediatamente, á empresa polos traballadores, e esta poderá detraer ó menor custo que do cambio de domicilio puidese derivarse, aínda que en ningún caso aumentará o dito custo por este concepto.

Artigo 10º.-Transporte de persoal.

O persoal que no momento da sinatura do convenio de 1990 viña desfrutando do servicio de transporte que a empresa realiza, traxecto Sarria-fábrica, continuará co seu desfrute en tanto siga prestando os seus servicios á sociedade.

Capítulo III

Do persoal e organización do traballo

Artigo 11º.-Organización do traballo.

A organización do traballo corresponderalle á empresa Fontecelta, S.A., respectando os dereitos laborais básicos dos traballadores, conforme o establecido no artigo 4º, apartados 1 e 2 do Estatuto dos traballadores.

A modificación das condicións de traballo será regulada de acordo co preceptuado polo artigo 41 do Estatuto dos traballadores, respectando as competencias que lle son propias dos de delegados de persoal, segundo o artigo 64 do citado estatuto.

Artigo 12º.-Clasificación de postos de traballo.

O persoal afectado polo presente convenio clasifícase en función das súas aptitudes profesionais, titulacións e contido xeral da prestación, nos seguintes grupos:

Grupo I: nel intégranse os que exercen funcións tales como limpeza, vixilancia, peóns con antigüidade inferior a seis meses.

Grupo II: nel encádranse os traballadores que desempeñan as funcións básicas da producción da factoría, como por exemplo, a fabricación de envases, enchedura, etiquetado, paletizado, conducción de carretas, e son capaces de efectuar sinxelas operacións de mantemento e axuste da maquinaria ó seu cargo. Igualmente se inclúen neste grupo os que efectúan labores de auxiliar na administración, o laboratorio ou o almacén.

Grupo III: abrangue este grupo aqueles traballadores que desenvolven tarefas que requiren pericia

nos procedementos industriais e administrativos que poidan incluír habilidade no uso de equipo especializado ou de certa complexidade, como poden ser tarefas mecánicas e eléctricas de mantemento.

Grupo IV: pertencen a este grupo os traballadores que desenvolven tarefas completas que requiren habilidades especializadas e que teñen ó seu cargo unha liña de producción ou embotellado con persoal ó seu cargo.

Grupo V: son aqueles que realizan funcións de comercialización dos productos da empresa e aqueles que teñen baixo a súa responsabilidade un grupo de traballadores.

Grupo VI: son os traballadores que teñen baixo a súa responsabilidade a organización e o funcionamento dunha sección da empresa.

Grupo VII: neste grupo inclúense os titulados de grao medio e os responsables de departamento.

Grupo VIII: adscríbense a este grupo os titulados superiores e directivos da empresa.

Artigo 13º.-Vacacións.

As vacacións consistirán no desfrute de 30 (trinta) días naturais retribuídos.

O calendario de vacacións establecerase entre os delegados de persoal e a dirección en función das necesidades da empresa.

Desfrutaranse nos meses de xaneiro, febreiro, marzo, abril, maio, outubro, novembro e decembro.

Artigo 14º.-Permisos e licencias.

A empresa concederalle ó productor permiso retribuído, logo de aviso e xustificación, nos casos e polo tempo que a seguir se relacionan:

a) Matrimonio: quince días naturais.

b) Nacemento de fillo: dous días naturais, se non fai falta desprazamento. De necesitar desprazarse, catro días naturais.

c) Falecemento ou enfermidade grave do cónxuxe ou parente en primeiro grao de consanguinidade ou afinidade, catro días naturais.

d) Falecemento de parentes ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, dous días naturais, se non necesita desprazarse; en caso contrario, catro días naturais.

e) Por traslado de domicilio habitual: un día natural.

f) Por asistencia ó médico ou especialista: o tempo indispensable para iso.

Artigo 15º.-Permisos non retribuídos.

Os traballadores afectados polo presente convenio poderán dispor de cinco días anuais non retribuídos, e deberán solicitalo cunha antelación mínima de vintecatro horas, quedando a discreción da empresa a súa concesión.

Artigo 16º.-Incapacidade laboral transitoria.

Durante o período de incapacidade laboral transitoria, a empresa completará ata o 100% do salario

base máis antigüidade desde o primeiro día de baixa en tódolos casos, agás nas baixas por enfermidade común non hospitalaria, nos que o complemento se aboará a partir do día 21 desde a baixa.

A indemnización complementaria deixará de percibirse unha vez cese a situación de incapacidade laboral transitoria que a motiva.

Para percibi-la indemnización complementaria será preciso que se acredite a baixa co pertinente parte médico da Seguridade Social, o cal deberá ser entregado na empresa dentro das vintecatro horas seguintes á súa expedición, salvo demora debidamente xustificada.

Esta compensación farase efectiva sempre que, logo de informe do servicio médico da empresa ou do profesional que esta designe, se considere xusto o seu aboamento. Para iso, a empresa poderá requiri-la presencia do traballador accidentado e/ou enfermo na dita situación, por un tempo superior a seis meses dentro do prazo dun ano, para someterse ás comprobacións e recoñecementos médicos que aquela considere oportunos, entendéndose que a non presentación, oposición a ser examinado e/ou non asistencia inxustificada implicará a perda do dereito ó complemento.

Capítulo IV

Outros acordos

Artigo 17º.-Xubilación.

A xubilación será obrigatoria ós 65 anos. No suposto de que, segundo a lexislación vixente, non se cubrise o período de cotización para causar dereito a petición de xubilación, a baixa por tal motivo operarase automaticamente no día no que quede cumprido tal requisito.

Tódolos traballadores que se atopen fixos no cadro de persoal á sinatura do convenio de 1990, e ó outorgárselles pola Seguridade Social, se é o caso, a prestación de vellez (xubilación), e leven na empresa máis de 10 anos de servicios continuos, percibirán un premio de xubilación consonte a seguinte escala:

-De 10 a 15 anos de antigüidade: catro mensualidades de salario base máis antigüidade.

-De 15 a 20 anos de antigüidade: cinco mensualidades de salario base máis antigüidade.

-De 20 a 25 anos de antigüidade: seis mensualidades de salario base máis antigüidade.

-Máis de 25 anos de antigüidade: sete mensualidades de salario base máis antigüidade.

Estes premios aboaránselles igualmente ós que causen baixa por invalidez ou por xubilación anticipada.

O anterior non producirá efecto para os traballadores que entren como fixos do cadro de persoal a partir da data de sinatura do convenio de 1990.

Artigo 18º.-Póliza de seguros.

A empresa obrígase a manter un seguro para todo o persoal afectado por este convenio colectivo que

cubra a morte ou invalidez permanente total ou absoluta derivadas de accidente de traballo ou enfermidade profesional, por importe de 3.000.000.

Os beneficiarios, en caso de falecemento do traballador, serán os designados por este e, no seu defecto, os que legalmente corresponda. A designación deberá contar na oportuna póliza.

A empresa, unha vez concertado o seguro e aboada a correspondente prima, quedará exonerada de todo tipo de responsabilidade dimanante de cantos litixios ou discrepancias de calquera clase puidesen xurdir entre o traballador e/ou os seus habentescausa e a compañía de seguros.

Artigo 19º.-Matrimonio do persoal.

Todo o persoal con antigüidade mínima de dous anos na empresa terá dereito, ó contraer matrimonio, a:

-Unha mensualidade de salario base máis antigüidade, se continuase na empresa.

-Dúas mensualidades de salario base máis antigüidade, en caso de causar baixa voluntaria nela.

-Solicita-la excedencia por tres ou cinco anos, podendo reintegrarse na empresa ó remate do período solicitado, nos termos previstos na lexislación vixente.

Artigo 20º.-Roupa de traballo.

A empresa entregaralle a cada traballador anualmente dúas fundas ou mandilóns.

Cando, polo natural desgaste e uso, o traballador presente deteriorada algunha peza de roupa precisa para o correcto desempeño da súa actividade (fundas, luvas, botas, etc), a empresa entregaralle unha nova contra reintegro da deteriorada.

Acórdase unha prima por compensación para adquisición de roupa de traballo, concepto non cotizable á Seguridade Social, para o ano 1995, de 31.000 ptas, pagadoiras en abril de 1996, sendo esta única e exclusivamente para o ano 1995.

No caso de que o dito deterioramento ou perda se produza por neglixencia manifesta do traballador, este deberá procurarse ás súas expensas cantas pezas de roupa de traballo necesite para o desenvolvemento do seu labor na factoría.

Capítulo V

Disposicións complementarias

Artigo 21º.-Absorción e compensación.

As retribucións establecidas neste convenio colectivo compensarán e absorberán tódalas existentes no momento de entrada en vigor das que poidan producirse no futuro, calquera que sexa a natureza ou orixe delas. Non obstante, as partes remítense ó establecido para o efecto no artigo 26, apartado 4º do Estatuto dos traballadores.

Artigo 22º.-Indivisibilidade.

As condicións deste convenio forman un todo orgánico e indivisible, de tal forma que as materias

obxecto deste terán que ser reguladas na súa totalidade, debendo reconsideralas no seu contido ámbalas partes.

Artigo 23º.-Comisión paritaria.

Créase unha comisión mixta paritaria coas atribucións e funcións que lle confire a lexislación vixente, entre as partes que asinan este convenio.

O citado órgano comporase de dous representantes da empresa e outros dous dos delegados de persoal, sendo a función que se desenvolverá a de cumprimento, seguimento e aplicación do aquí pactado.

Artigo 24º.-Revisión salarial.

No caso de que o índice de prezos ó consumo (IPC) establecido polo Instituto Nacional de Estatística (INE) rexistrase, o 31 de decembro de 1996, un incremento superior ó 4,75% respecto da cifra do dito IPC o 31 de decembro de 1995, efectuarase unha revisión salarial tan pronto se constate oficialmente a dita circunstancia, no exceso sobre a indicada cifra.

ANEXO I

Salario

base

Valor

trienio

Salario

anual 1996

Grupo I81.5403.2621.233.100
Grupo II87.1043.4841.306.560
Grupo III90.4213.6171.356.315
Grupo IV94.3803.7751.415.700
Grupo V96.5203.8611.447.800
Grupo VI101.3354.0531.520.025
Grupo VII116.8504.6741.752.750
Grupo VIII128.6205.1451.929.300

3555