Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Venres, 28 de xuño de 1996 Páx. 6.410

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA E COMUNICACIÓN SOCIAL

ORDE do 24 de xuño de 1996 sobre delegación de competencias no secretario xeral da Consellería de Cultura e Comunicación Social.

A actividade administrativa da Consellería de Cultura e Comunicación Social supón unha concentración de funcións arredor do seu titular que aconsella, dado o seu volume, recorrer á delegación de competencias no secretario xeral da consellería, sen esquece-lo debido respecto ós principios que informan a actividade administrativa e que a nosa Constitución recolle no seu artigo 103.1º

A delegación de competencias permite a axilización administrativa necesaria que redunda en beneficio tanto da Administración como dos administrados, dentro do máis rigoroso respecto ás garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos esixe.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que confiren os artigos 43.3º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e demais disposicións de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Deléganse no secretario xeral as seguintes competencias:

a) O despacho e resolución daqueles expedientes e asuntos de índole administrativa que estean atribuídos ó titular da consellería.

b) Autorizar e dispoñe-los gastos xerais dos servicios da Consellería de Cultura e Comunicación Social, así como o seu compromiso e liquidación, ata o límite dos créditos autorizados e non reservados á aprobación do Consello da Xunta de Galicia, solicitando da Consellería de Economía e Facenda a ordenación dos pagamentos.

c) As funcións que, como órgano de contratación, lle son atribuídas ó titular da consellería pola lexislación vixente.

d) As facultades que lle corresponden ó conselleiro en materia de persoal da súa consellería, nos termos establecidos no artigo 15 da Lei 4/1988, do 26 de maio, e demais, disposicións en vigor.

Artigo 2º

As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas na presente orde, farán constar expresamente esta circunstancia, e consideraranse dictadas pola autoridade que a conferiu.

Artigo 3º

En calquera momento, o conselleiro poderá reclama-lo exercicio das competencias que son delegadas por esta orde, das que quedan excluídos, en todo caso, os supostos previstos no artigo 13.2º da Lei 30/1993, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no artigo 44.2º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual e inferior rango se opoñan ó establecido na presente orde.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de xuño de 1996.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura e Comunicación Social