Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Luns, 24 de xuño de 1996 Páx. 6.211

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 5 de xuño de 1996 pola que se convoca e regula o réxime de concesión de axudas a empresas, asociacións de empresas e crporacións de dereito público para a realización de investigacións dos recursos mineiros encamiñados ó mellor coñecemento e aproveitamento dos recursos obxecto de explotación para 1996.

A persistente baixa nas cotizacións dalgúns dos metais explotados tradicionalmente na Comunidade

Autónoma é causa da paralización dos traballos de extracción destes, cos conseguintes problemas que isto trae consigo. Ó mesmo tempo, outras sustancias minerais de coñecida existencia, algunhas delas no noso subsolo, están adquirindo importancia ó acrecentarse as súas aplicacións coma materias primas.

O desenvolvemento tecnolóxico esixe unha maior calidade das materias primas, especialmente daquelas que se incorporan a procesos de novas tecnoloxías e, para conseguilo, é necesario mellorar e crear novos procesos e productos de especificacións moi esixentes; para isto é imprescindible que as empresas mineiras acometan investigacións de alto risco, tanto para a creación de novas tecnoloxías, coma de recoñecemento de novos depósitos, o que incidirá na creación dunha nova minería que vaia substituíndo a tradicional.

Na súa virtude, e en uso das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Con cargo á aplicación orzamentaria 08.02.641-A.770.0 «Transferencias de capital. Fomento de investigación mineira, augas e explotación de lousas», establécense axudas económicas para aquelas empresas, asociacións de empresas e corporacións de dereito público que realicen investigacións dos recursos mineiros dentro das seguintes áreas de aplicación:

a) Investigacións tecnolóxicas para definir novos procesos de explotación, tratamento e elaboración, mellora de productos e obtención de novos productos.

b) Aplicación de novas tecnoloxías e incorporación de equipos innovadores nos procesos de explotación, tratamento e elaboración.

c) Estudios sobre a minería non ligados ás anteriores áreas.

Artigo 2º

A contía das subvencións poderá acadar ata o 45% do investimento subvencionable nos apartados a) e b) anteriores e ata 100% no caso de estudios do apartado c).

Artigo 3º

As solicitudes, dirixidas ó conselleiro de Industria e Comercio, presentaranse no rexistro xeral das delegacións provinciais, no dos servicios centrais da Consellería de Industria e Comercio ou a través dalgunha das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/92, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó de publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 4º

1. As solicitudes axustaranse ó modelo que figura como anexo e deberán presentarse por triplicado exemplar, acompañadas dos seguintes documentos:

a) Proxecto de investigación ou estudio, se e ó caso, incluíndo unha memoria descritiva da actividade a desenvolver, finalidade e prazo de execución.

b) Copia cotexada do NIF ou do CIF.

c) Declaración de axudas solicitadas, obtidas ou que se prevé solicitar para o mesmo investimento en calquera outra institución, organismo ou Administración pública.

d) Certificado expedido polo delegado provincial da Consellería de Industria e comercio de inscrición no Rexistro Industrial e a súa actualización, cando proceda.

e) Declaración expresa de non ter contraída ningunha débeda, por ningún concepto, coa Xunta de Galicia e de estar ó corrente nas obligas fiscais e coa Seguridade Social.

2. O proxecto de investigación deberá contar, como mínimo, os seguintes apartados:

a) Finalidade de investigación proxectada.

b) Descrición dos traballos que se realizarán.

c) Medios técnicos e humanos para a súa realización.

d) Tempo previsto para a execución da investigación.

e) Orzamento dos investimentos que se van realizar.

f) Toda aquela información que o solicitante da subvención crea de interese para unir ó proxecto.

Artigo 5º

Se a solicitude de subvención non reúne os requisitos que sinala o artigo anterior o interesado será requirido para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achege os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixera, se considerará desistido na sua petición, que se arquivará sen máis trámites.

Examinada a documentación e emitido o correspondente informe técnico, o conselleiro de Industria e Comercio ou o delegado provincial, conforme o establecido no Decreto 88/1990, do 15 de febreiro, sobre desconcentración de competencias para a concesión de axudas e subvencións nos delegados provinciais ou territoriais da Xunta de Galicia, dictará a resolución que proceda.

Unha vez concedida a subvención, esta deberá ser aceptada polo beneficiario, coas condicións específicas que recolle esta orde e as que, se é o caso, se inclúan na resolución.

Artigo 6º

Os criterios que servirán de base para avalia-la prioridade das peticións presentadas serán os seguintes:

a)Minerais que presenten un claro futuro nas súas aplicacións ou demanda.

b) Os traballos de investigación mineralúrxica que se desenvolvan en colaboración cos laboratorios mineralúrxicos de Galicia.

c) Factores de carácter social da zona onde teña aplicación a investigación.

d) Melloras que, como consecuencia da investigación tecnolóxica, se poidan introducir nas instalacións de tratamento e/ou nos productos.

e) Aqueles estudios sobre localización que investiguen recursos da sección C con claras expectativas de apertura dunha nova explotación mineira a curto prazo.

Artigo 7º

A non notificación da resolución no prazo de tres meses desde a presentación da correspondente solicitude determinará a súa desestimación presunta, quedando expedita a vía contencioso-administrativa.

Artigo 8º

Para o pagamento das axudas indicadas será indispensable a presentación antes do 31 de outubro de 1996, ante a delegación provincial correspondente, por triplicado exemplar dos seguintes documentos:

a) Memoria final onde se inclúan as conclusións derivadas da realización do proxecto.

b)Xustificantes debidamente acreditados do investimento realizado.

Os servicios técnicos da Consellería de Industria e Comercio analizarán a memoria xustificativa, e, se ó seu xuízo se realizou cos niveis de calidade esixidos e os investimentos están debidamente acreditados, proporá o pagamento da subvención.

Os órganos competentes da Consellería de Industria e Comercio poderán solicita-las aclaracións ou informes que se consideren convenientes e, no caso de non ser remitidos polo beneficiario dentro do prazo que se lle sinale, considerarase que renuncia á subvención.

Artigo 9º

Para o libramento e posterior aboamento da subvención unirase á documentación que se sinala no artigo anterior certificación da conta bancaria onde debe realizarse o pagamento, expedida pola propia entidade bancaria, así coma os certificados acre

ditativos de estar ó corrente nas obligas tributarias e sociais e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Artigo 10º

No caso de que o investimento ou a actividade realizada tivese un custo inferior ó inicialmente previsto, a axuda reducirase proporcionalmente.

Cando por concurrencia de subvencións ou axudas, o importe total subvencionado exceda, se é o caso, dos límites máximos establecidos no Decreto 309/1995, do 23 de novembro, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia, procederá o reintegro do exceso percibido á Administración autónoma, sen prexuízo doutras responsabilidades que puideran derivarse.

Artigo 11º

No caso de que o beneficiario das subvencións incumprirse algunha das condicións ou obrigas estipuladas, a Consellería de Industria e Comercio instruirá expediente sancionador conforme o previsto na citada Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Procederá o reintegro da axuda e dos xuros de demora nos supostos previstos no apartado 5 do artigo 78 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia. As cantidades que se van reintegrar terán a consideración de ingresos de dereito público e resultará de aplicación para o seu cobramento o previsto nos artigos 19 a 23 da citada lei.

Artigo 12º

En caso de que o beneficiario renunciase ás axudas unha vez percibidas procederase conforme o artigo anterior.

Artigo 13º

Con independencia do establecido na presente orde, en todo caso haberá que aterse ó disposto na Lei 11/1992 do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, na Lei 11/1995, do 28 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma para 1996 e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición derradeira

Facultase o director xeral de Industria para que dicte as disposicións oportunas para o desenvolvemento desta orde.

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 1996.

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

9604767