Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 120 Mércores, 19 de xuño de 1996 Páx. 6.029

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

ORDE do 12 de xuño de 1996 pola que se aproba o deslindamento parcial dos montes Miranda, Faro e Herbeira, pertencentes ás comunidades da Pedra e Cariño do concello de Cariño (A Coruña).

Examinado o expediente de deslindamento dos montes Miranda, Faro e Herbeira pertencentes ás comunidades veciñais da Pedra e Cariño do concello de Cariño (A Coruña) e tendo en conta os seguintes,

Antecedentes de feito:

1º.-Que o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña en Resolución do 23 de febreiro de 1981 acorda clasificar como veciñais en man común os coñecidos coa denominación de Miranda, Faro e Herbeira, se ben, dada a imprecisión dos límites parroquiais, estimándose que parte do monte Miranda pertence á parroquia de Landoi, e parte do Faro e Herbeira, á parroquia de Cariño, debe terse en conta esta circunstancia na referida clasificación ordenando que se efectúen os deslindamentos precisos, co obxecto de que cada comunidade parroquial reciba a parte do monte veciñal en man común que realmente lle pertence.

2º.-Que, de oficio, a Administración forestal redacta unha proposta de gastos en novembro de 1992 co obxecto de realiza-lo deslindamento parcial entre as parroquias da Pedra e Cariño, que foi aprobada polo conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes, adxudicando a execución do deslindamento á empresa P.G. Galicia.

3º.-Que a tramitación previa ó apeo se executou cumprindo as prescricións establecidas nos artigos 96 e seguintes do Regulamento de montes do 22 de febreiro de 1962.

4º.-Que o apeo se iniciou, de acordo coa data prevista, o 7 de setembro de 1994, no lugar e hora indicados, e realizouse coa asistencia dos representantes da Administración autonómica e das comunidades da Pedra e Cariño, entregando o representante da primeira un escrito no momento de iniciarse o apeo.

5º.-Que o 3 de novembro de 1994 o enxeñeiro operador elaborou o seu informe proposta, abriuse un período de vista e reclamacións, e rematou o expediente co informe proposta do xefe do Servicio de Montes e Industrias Forestais da Coruña do 16 de abril de 1996, no que propón, consonte o informe proposta do enxeñeiro operador e o informe do Gabinete Xurídico Territorial, que se aprobe o deslindamento parcial entre as parroquias de acordo coas actas, levantamento topográfico e plano que figuran no expediente.

Fundamentos de dereito:

I.-O Servicio de Montes e Industrias Forestais da Coruña é competente para verifica-lo referido

deslindamento, cumpridas tódalas prescricións legais en canto a publicidade, notificacións e demais requisitos esixidos pola lexislación vixente, e esta Consellería de Agricultura, Gandería e Montes é competente para dicta-la presente orde, de conformidade co establecido no artigo 14 da Lei de montes, do 8 de xuño de 1957, en relación co Real decreto 1535/1984, do 20 de xuño, sobre traspaso de funcións e servicios do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de conservación da natureza.

II.-As comunidades da Pedra e Cariño non achegaron ningunha documentación en defensa dos seus dereitos no período legal.

III.-O escrito achegado polo representante da comunidade da Pedra no momento de iniciarse o apeo foi informado polo Gabinete Xurídico Territorial da Coruña e nel maniféstase:

1º.-Que a asociación de veciños San Bartolo é a promotora do deslindamento, e non está lexitimada para iso ó non ser propietaria de monte ningún.

2º.-Que a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes é incompetente para adopta-lo acordo de deslindamento, que deberá proceder do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común, que tamén deberán designa-lo técnico responsable.

3º.-Que se opón ó deslindamento e entende que este non modifica o estatus xurídico do monte.

A estas manifestacións o Gabinete Xurídico Territorial contesta:

a) Que o dito escrito está presentado fóra do prazo sinalado no artigo 97 do Regulamento de montes e antes do período de vista do expediente que establece o artigo 120 do mesmo Regulamento, polo que é claramente extemporáneo.

b) Que a alegación da promoción do expediente pola asociación de veciños San Bartolo é falsa, xa que é de oficio pola Administración forestal e baseándose no mandato do Xurado Provincial de Montes Veciñais efectuado na declaración dos montes Miranda, Faro e Herbeira.

c) En canto á incompetencia da consellería non se pode admitir xa que os artigos 11.4º e 25 da Lei de montes veciñais en man común e artigo 53 do Regulamento que o desenvolve establecen o contrario.

d) En canto á oposición ó deslindamento, cómpre dicir que é certo que o deslindamento non produce efectos en canto á propiedade, senón só en canto ó estado posesorio, xa que as resolucións do Xurado Provincial de Montes soamente poden ser alteradas pola xurisdicción civil, nembargantes no caso que nos ocupa o xurado non ten elementos suficientes para outorga-la propiedade individualmente a cada comunidade e ordena que se faga o reparto de acordo cun procedemento de deslindamento e as comunidades afectadas ademais de poderen presentar toda a documentación que estimasen oportuna en defensa do seus intereses, poden recorre-la orde resolutoria do expediente perante a xurisdicción

contencioso-administrativa ou, se é o caso, perante a xurisdicción civil se a controversia se basea en cuestións relativas ó dominio.

Vistos:

A Lei de montes, do 8 de xuño de 1957, e o Regulamento para a súa aplicación, do 22 de febreiro de 1962.

A lexislación vixente en materia de montes veciñais en man común.

O Real decreto 1535/1984, do 20 de xuño, de traspaso de funcións e Servicios do Estado á comunidade Autónoma de Galicia en materia de conservación da natureza.

A Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Esta Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, por proposta da Dirección Xeral de Montes e M.A.N.

DISPÓN:

1. Aproba-lo deslindamento parcial dos montes Miranda, Faro e Herbeira pertencentes ás comunidades da Pedra e Cariño, de acordo coa liña divisoria que une os piquetes:

Nº 1. Situado no lugar denominado Pena das Pasadas no alto dunha rocha duns seis metros de altura.

Nº 2. Situado nun promontorio formado por un conxunto de rochas coñecido co nome de Pena Blanca, a unha distancia de 535,78 metros en dirección oeste do nº 1.

Nº 3. Situado no alto do Monte Limo, no lugar coñecido como Vixía do Limo nas ruínas dunha antiga garita de vixilancia, a unha distancia de 1.289 metros en dirección NO do nº 2.

Nº 4. Situados nunha rocha de 1,8 metros de alto e forma piramidal, a unha distancia de 259 metros en dirección NO do nº 3 e cerca do acantilado. De acordo coas actas, rexistro topográfico e plano que figuran no expediente.

2. Acorda-la cancelación de tódalas anotacións preventivas de deslindamentos, agás as relativas a predios ou dereitos amparados, segundo os datos do rexistro, polo artigo 34 da Lei hipotecaria.

3. Declarar, expresamente, que no referente ás reclamacións de propiedade a presente resolución esgota a vía administrativa e que queda expedita a xudicial civil.

4. Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e en contra dela só cabe interpo-lo recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día da súa entrada en vigor.

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 1996.

P.D. (Orde do 13-12-1993)

Antonio Luis Rosón Pérez

Secretario xeral da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes

9604630