Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Luns, 17 de xuño de 1996 Páx. 5.901

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 236/1996, do 14 de xuño, polo que se modifica o Decreto 153/1989, do 27 de xullo, dos órganos rectores das caixas de aforro galegas.

Mediante o Decreto 153/1989, do 27 de xullo, desenvolveuse a organización e funcionamento dos órganos rectores das caixas de aforro galegas. O tempo transcorrido amosou a bondade desta disposición, que facilitóu un funcionamento eficiente e democrático destas institucións.

Non obstante, apréciase que o actual procedemento de renovación dos órganos rectores con renovacións parciais, cada dous anos, da metade de cada grupo representado, pode ser susceptible de modificación, de modo que, sen altera-la obriga de mante-la proporcionalidade establecida para cada grupo representado nin a duración máxima do cargo, permita proceder á renovación por grupos completos. Deste xeito, permítese que cada dous anos se poida proceder á renovación da metade dos membros integrantes de cada órgano, afectando alternativamente ós representantes de dous grupos que abrangan o 50 por cento dos intereses representados. Deste modo, ábrese a posibilidade para que cada caixa de aforros, dentro da súa autonomía de xestión, elixa o procedemento que sexa máis apropiado ás súas necesidades e características para a renovación dos seus órganos.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catorce de xuño de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Modifícase o artigo 6 do Decreto 153/1989, do 27 de xullo, ó que se lle engade o seguinte parágrafo:

«As caixas de aforro realizarán cada dous anos a renovación dos membros que compoñen os órganos rectores, e poderán optar entre renova-la metade dos membros representantes de cada un dos grupos sinalados no artigo 27 da Lei 7/1985, do 17 de xullo, ou renova-la totalidade dos representantes de cada dous dos grupos citados que abrangan o 50 por cento da composición total do órgano, de xeito que neste caso os grupos, alternativamente de dous en dous, renoven a totalidade dos seus representantes cada catro anos».

Artigo 2º

Modifícase o artigo 20 do Decreto 153/1989, do 27 de xullo, que queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 20º.-Duración do cargo de compromisario.

A elección de compromisarios poderase realizar cada dous ou cada catro anos, segundo se estableza nos estatutos de cada caixa de aforros, procedendo aqueles, de entre eles, á elección dos conselleiros xerais en representación dos impositores».

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó establecido no presente decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.

Autorízase a Consellería de Economía e Facenda para dicta-las disposicións e adopta-las medidas que sexan necesarias para o desenvolvemento do presente decreto.

Segunda.

O presente decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catorce de xuño de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

9604684