Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 110 Mércores, 05 de xuño de 1996 Páx. 5.456

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 24 maio de 1996 pola que se fan públicas as bases que regulan a concesión de axudas financeiras ó tipo de xuro para a potenciación do comercio detallista na Comunidade Autónoma de Galicia e os convenios subscritos con distintas entidades e institucións para a adecuada instrumentación das ditas axudas.

Con data 23 de maio de 1996, o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), a Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, a Confederación de Empresarios de Galicia e as Cámaras de Comercio, Industria e Navegación da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago, Tui, Vigo e Vilagarcía de Arousa asinaron un convenio co obxecto de establecer unha liña de axudas para potencia-lo comercio detallista na Comunidade Autónoma de Galicia, ó amparo do Decreto 309/1995, do 23 de novembro, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia, e a orde da Consellería de Economía e Facenda do 18 de abril de 1996. No dito convenio e como anexo a el establécense as bases que regulan a concesión de axudas.

Ese mesmo día, o Igape e a Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia susbcribiron con dezasete entidades financeiras un convenio para a instrumentación das ditas axudas.

En virtude do exposto, de conformidade coa Lei 5/1992, de 10 de xuño, de creación do Igape e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 317/1992, do 12 de novembro, e en virtude das facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro.-En cumprimento do disposto no artigo 78 da Lei 11/1992, de 11 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, e co obxecto de darlles unha adecuada difusión, fanse públicas as bases que regulan a concesión de axudas financeiras ó tipo de xuro para a potenciación do comercio na Comunidade Autónoma de Galicia, que figuran como anexo I.

Segundo.-Faise público o texto do convenio subscrito entre o Igape, a Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, as Cámaras de Comercio galegas e a Confederación de Empresarios de Galicia, que figura como anexo II.

Terceiro.-Faise público o texto do convenio coas entidades financeiras e a relación de entidades que o susbcribiron o mesmo, que figura como anexo III.

Santiago de Compostela, 24 de maio de 1996.

José Antonio Orza Fernández

Presidente do Instituto Galego de Promoción Económica

ANEXO I

BASES QUE REGULAN A CONCESIÓN DE AXUDAS FINANCEIRAS Ó TIPO DE XURO Ó ABEIRO DO CONVENIO PARA A POTENCIACIÓN DO COMERCIO DETALLISTA NA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA.

De conformidade co disposto na cláusula sexta do convenio de data 23 de maio de 1996, subscrito ó abeiro do Decreto 309/1995, do 23 de novembro, e a Orde do 18 de abril de 1996, polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), a Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, a Confederación de Empresarios de Galicia e as Cámaras de Comercio, Industria e Navegación da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, Tui, Vigo e Vilagarcía de Arousa para a potenciación do comercio detallista na Comunidade Autónoma de Galicia, as partes asinantes establecen as bases polas que se regulará a concesión das axudas previstas nel.

BASES

Primeira.-Obxecto.

O obxecto das presentes bases é instrumentar unha vía de financiamento destinada á potenciación do comercio detallista na Comunidade Autónoma de Galicia, consistente en subvenciona-lo tipo de xuro dos préstamos concedidos por entidades financeiras coas que se concerte o respectivo acordo, e que se destinen ó financiamento dos investimentos que se realicen en establecementos comerciais.

As solicitudes de axuda obxecto das presentes bases serán atendibles mentres exista dotación orzamentaria suficiente de conformidade co disposto na base segunda.

Segunda.-Dotación orzamental.

Para o conxunto das actividades subvencionables destínase para o ano 1996 unha cantidade de ata 42,5 millóns de pesetas, resultante de aplicar 4,25 puntos de subsidiación a un importe máximo de préstamos de 1.000 millóns de pesetas, os fondos achegados polo Igape serán de 27,5 millóns de pesetas e 15 millóns de pesetas pola Consellería de Industria e Comercio. Os préstamos distribuiranse do seguinte xeito: destínanse 200 millóns de pesetas a cada unha das catro provincias galegas e o resto a un fondo común de reserva. No caso de que se esgote a dotación inicial atribuída a unha provincia, cubriranse as operacións correspondentes con cargo ó fondo común, e no caso de que se esgote este, poderán empregarse os fondos atribuídos a outras provincias que non fosen utilizados.

Terceira.-Ámbito territorial e prazo de solicitude.

O ámbito territorial destas bases será o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

O prazo de presentación de solicitudes de subvención na entidade financeira iníciase o día da publicación destas bases no Diario Oficial de Galicia, data de entrada en vigor do convenio para a potenciación do comercio na Comunidade Autónoma de Galicia, e remata o día 15 de outubro de 1996. Nembargantes, o prazo de presentación de solicitudes poderá rematarse anticipadamente no caso de que se esgote a dotación orzamentaria destinada ás axudas previstas nestas bases, o que se comunicará ás entidades financeiras.

Cuarta.-Beneficiarios e actividades subvencionables.

Poderán acceder ás axudas establecidas nestas bases os titulares de establecementos comerciais detallistas, situados na Comunidade Autónoma de Galicia que teñan a dimensión sinalada no artigo 3.1º da orde da Consellería de Economía e Facenda do 18-4-1996.

Son actividades económicas subvencionables aquelas que se relacionan dentro do anexo III.

Quinta.-Modalidade e destino das axudas.

A axuda consistirá na subsidiación ó tipo de xuro dos préstamos concertados coas entidades financeiras coas que se subscribise o correspondente acordo e que se destinen a financiar proxectos de investimento en novos establecementos comerciais, moderniza-los xa existentes e/ou adquirir polo arrendatario o local onde vén exercendo a actividade, sempre e cando demostre unha antigüidade no contrato de arrendamento mínima de 5 anos.

En concreto, serán subsidiables os investimentos novos en:

-Adquisición de locais comerciais.

-Obras de reforma en xeral.

-Obras de novo establecemento.

Reformas estructurais.

-Instalacións básicas.

-Revestimentos, pinturas e acabados xerais.

-Equipamento.

-Elementos de transporte, exclusivamente vehículos industriais.

-Mobiliario e informática.

-Melloras decorativas.

-Honorarios de proxecto e decoración.

-Outros investimentos que contribúan á mellora das estructuras de comercialización ou desenvolvemento das actividades comerciais.

No caso de adquisición de bens usados unicamente serán financiables os bens inmobles, computando como investimento subvencionable por este concepto unha contía que non exceda á correspondente ó resto dos conceptos de investimento novo incluídos no proxecto investidor, excepto cando o investimento consista na adquisición polo arrendatario do local, caso no que se poderá computar como investimento subvencionable o 100% do seu valor.

Os investimentos en inmobilizado inmaterial non poderán supera-lo 25% do total do investimento subvencionable do proxecto.

O investimento subvencionable determinarase excluíndo o IVE e outros impostos do custo de adquisición.

Serán investimentos subvencionables os que se realicen ou se teñan realizado con posterioridade ó 1 de xaneiro de 1996 que cumpran co disposto nestas bases.

O beneficiario deberá mante-los investimentos obxecto de financiamento, acollidos ás axudas establecidas nestas bases, durante a vixencia do préstamo subsidiado, e destinalas á finalidade declarada na solicitude, agás no caso de que os bens en que se materialice o investimento sexan substituídos por outros da mesma natureza e destino, non podendo obter para a súa adquisición ningún tipo de axuda do Igape.

No caso de transmisión por calquera concepto do negocio ó que está vinculada a axuda financeira concedida e sempre que o adquirente continúe o exercicio das mesmas actividades do transmitinte, poderase solicita-lo cambio da titularidade da axuda, debéndose recoller na escritura ou documento de transmisión o traspaso da totalidade dos dereitos e obrigas comprometidos no proxecto subvencionado. A solicitude de cambio de titularidade e a documentación acreditativa deberá ser enviada a través da entidade financeira ó Igape, que resolverá sobre ela.

Sexta.-Características das operacións de préstamo.

A) Importe dos préstamos e porcentaxes de financiamento.

A contía do investimento subvencionable será superior a 750.000 pesetas e inferior a 10.000.000 de pesetas.

O importe da operación do préstamo con dereito a subsidiación será superior a 525.000 pesetas e non poderá exceder do 70% do investimento subvencionable. En ningún caso o importe do préstamo superará o importe do investimento subvencionable pendente de pagamento á data de presentación da solicitude no Igape.

B) Prazos de amortización e vixencia da subsidiación.

O prazo máximo de amortización será con carácter xeral de ata 5 anos, incluído como máximo un ano de carencia, agás para os préstamos que financien exclusivamente a adquisición de bens inmobles; en tal caso poderán superar, sen ningunha restricción, os límites de prazo e carencia establecidos. Non obstante, a subsidiación non superará os cinco primeiros anos e será calculada como se o préstamo fose a cinco anos incluído un de carencia. As amortizacións realizaranse polo prestatario en cotas trimestrais iguais, con vencemento o derradeiro día do trimestre natural, debendo recolle-la póliza ou escritura o número de cotas e as datas nas que se producirán a primeira e derradeira.

C) Tipo de xuro e subsidiación para o beneficiario das operacións de préstamo.

O tipo de xuro nominal para o beneficiario das operacións de préstamo acollidas ás presentes bases será fixo durante a vixencia das operacións e será do 8,50%.

Poderase conceder unha subsidiación ó tipo de xuro das operacións de préstamos acollidos a estas axudas de ata 4,25 puntos.

D) Amortización anticipada.

O beneficiario poderá amortizar anticipadamente total ou parcialmente o préstamo, destinándose o importe anticipado á reducción en igual contía das cotas de amortización restantes, sen que se produza variación no prazo de duración do préstamo. A entidade financeira deberálle comunicar puntualmente as ditas amortizacións anticipadas ó Igape e o novo calendario de amortización, e en calquera caso, antes de presenta-la solicitude de cobro da liquidación anual de subvención.

E) Comisións.

A entidade financeira prestamista poderá percibir dunha soa vez, unha única comisión máxima, de apertura e por tódolos conceptos, de ata o 1%.

No caso de que a operación de préstamo estea avalada por unha S.G.R., que subscriba o convenio,

a comisión máxima anual do 1% sobre o saldo vivo do préstamo será subvencionada polo Igape.

Sétima.-Tramitación.

A) Modelo de solicitude e documentación.

As solicitudes presentaranse en impreso oficial normalizado que se incorpora a estas bases como anexo I. O impreso será datado e asinado polo solicitante e dilixenciado pola entidade financeira co selo e data.

Ademais do impreso de solicitude presentarase por duplicado a seguinte documentación:

1. Documentación acreditativa das circunstancias persoais do solicitante: fotocopia do NIF, no caso de ser persoa física. No caso de ser persoas xurídicas, deberán achegar fotocopia da tarxeta de identificación fiscal e copia da escritura de constitución e estatutos debidamente inscritos no Rexistro Mercantil.

Certificación emitida polo representante legal na que se faga constar: número de traballadores, volume de negocio e o importe do activo total do balance, todo iso referido ó 31 de decembro de 1995. No caso de sociedades nas que o capital estea participado en mais dun 25% por outra sociedade deberá incluír na certificación que esta non supera a dimensión de Peme tal como establece o artigo 3º da orde da Consellería de Economía e Facenda do 18-4-1996.

2. Certificación acreditativa do cumprimento das obrigas fiscais e fronte á Seguridade Social, emitida polos organismos competentes.

3. Acreditación de que o beneficiario non ten contraída débeda ningunha coa Xunta de Galicia.

4. Fotocopia da alta no imposto de actividades económicas e do último recibo pagado por este imposto.

5. Memoria do investimento proxectado, que deberá conter:

-Indicación da situación do inmoble onde se localizarán os investimentos que se van realizar.

-Descrición dos investimentos que se pretende, con detalle dos que recaen sobre bens novos ou usados, indicando conceptos e importes.

-Orzamento dos investimentos, no que figurarán detalladas e separadas as partidas de obras e instalacións, indicando a súa finalidade, maquinaria e outros investimentos.

-Detalle do investimento pagado e o que está pendente de pagamento, datado e asinado polo solicitante. A dita relación estará selada pola entidade financeira.

6. Contrato de arrendamento, só para o caso de adquisición do local arrendado.

7. Declaración xurada do representante legal da empresa doutras axudas solicitadas para a mesma operación.

O Igape poderá solicitar toda aqueloutra documentación que considere conveniente. En todo caso, o beneficiario poderá achegar ademais calquera outra documentación e información adicional que considere oportuna para efectos dunha correcta análise da solicitude.

B) Presentación de solicitudes.

As solicitudes presentaranse na entidade financeira segundo o modelo oficial xa citado, achegando orixinal e catro copias, acompañadas pola documentación que se sinala no epígrafe anterior por duplicado exemplar.

A entidade financeira datará e selará os cinco exemplares, entregaralle ó solicitante a cuarta copia, quedará coa terceira copia. Remitiralle ó Igape o resto dos exemplares da solicitude e a documentación completa por duplicado, así como a comunicación de concesión do préstamo (segundo modelo que se xunta. Anexo II) e da concesión do aval da S.G.R., se é o caso. Unha vez verificado que o expediente está completo o Igape remitirá unha copia da solicitude e da documentación á delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio que corresponda.

No caso de operacións avaladas por unha S.G.R., estas poderanlles remitir ó Igape as solicitudes (orixinal e dúas copias) e a documentación por duplicado sempre e cando veñan acompañadas da comunicación de concesión do préstamo pola entidade financeira e pola certificación de concesión do aval.

O prazo límite para a presentación polas entidades financeiras das solicitudes ante o Igape é o 15 de novembro de 1996.

C) Concesión.

Con carácter de seguimento do convenio e de proposta sobre a concesión ou denegación da subvención, créase unha comisión integrada por dous representantes do Igape, un representante da delegación provincial da Consellería de Industria e Comercio, un representante da Confederación de Empresarios da provincia correspondente e un representante designado polas Cámaras de Comercio desa provincia. Esta comisión funcionará por seccións provinciais sendo en todo caso presididas por un dos representantes do Igape actuando o outro como secretario, celebrándose as reunións que previamente convoque o seu presidente na sede do Igape. Asistirán, con voz pero sen voto, os técnicos do Igape que elaborasen a proposta que se eleva á comisión.

A comisión de seguimento propoñerá a concesión ou denegación da axuda. O Igape, resolverá e notificará ó solicitante, á entidade financeira e, se é

o caso, á S.G.R., a concesión ou denegación da solicitude de subsidiación.

Nos casos de resolucións de concesión, previamente á formalización do préstamo o beneficiario deberá aceptar expresamente a dita resolución. A aceptación formalizarase na copia da resolución que para tal efecto se remitirá xunto coa resolución de concesión.

D) Formalización.

A partir da entrada en vigor do convenio, a entidade financeira poderá formaliza-los préstamos cos seus clientes, logo de presentación de solicitude no Igape, respectando as condicións xerais establecidas nel.

Unha vez comunicada a resolución de concesión do Igape deberán incluír un anexo á póliza de préstamo, intervido por federatario público, no que se faga consta-las características establecidas na dita resolución.

Se o préstamo se formaliza con posterioridade á data de notificación da resolución de concesión, deberá recolle-la característica de estar acollido ás axudas previstas no convenio; figurará na póliza ou escritura o tipo de xuro nominal anual e os puntos de subsidiación concedidos, así como a obrigatoriedade de aplicalo ó pagamento dos investimentos especificados na descrición do investimento aprobado.

O prazo máximo para a formalización ou a adaptación do préstamo ás condicións da resolución do Igape será de tres meses, contados dende a data de notificación da concesión ó interesado, prazo a partir do que a concesión se considerará nula, salvo autorización expresa do Igape, á vista da solicitude razoada do beneficiario e coa conformidade da entidade financeira.

A entidade financeira remitiralle ó Igape, coa maior brevidade, unha fotocopia da póliza ou escritura de préstamo e, se é o caso, o correspondente anexo, antes de presenta-la primeira certificación de xustificación de investimentos.

E) Disposición e xustificación dos investimentos.

O período de disposición non poderá supera-la data da primeira amortización do préstamo.

Á formalización do préstamo, ou en todo caso previamente á utilización dos fondos, a entidade financeira requiriralles ós beneficiarios a documentación (facturas, contratos, certificacións de obra, etc.) que acredite a execución do investimento subvencionable, estea xa pagada ou pendente de pagamento. Non se establece restricción en canto ó número de disposicións, nin en canto á contía correspondente a cada unha delas, sempre que o importe no seu conxunto non exceda da porcentaxe -préstamo subvencionado/investimento subvencionado- segundo a resolución de concesión.

Unha vez formalizado o préstamo, as disposicións realizaranse a través dunha conta específica na que se reflectirán única e exclusivamente os movementos habidos nesta.

A entidade financeira deberá conservar copias cotexadas dos documentos que xustifiquen o investimento total subvencionado, así como dos medios utilizados para o seu pagamento, enviando esta documentación acompañada do extracto da conta específica ó Igape, cando practiquen a primeira e, se é o caso, a segunda xustificación do investimento.

Oitava.-Liquidación.

a) Liquidación de xuros.

A liquidación periódica de xuros, ó igual que as amortizacións, seralle realizada trimestralmente pola entidade financeira ó beneficiario, o último día do trimestre natural.

Os trimestres serán sempre de 90 días e tódolos meses de 30 días, computándose estes, para a liquidación, desde a data de disposición, incluída esta.

b) Liquidación da subsidiación.

O cálculo da subsidiación realizarase por parte da entidade financeira por períodos trimestrais que remitirán ó Igape segundo o procedemento establecido na cláusula novena.

En tanto non estean presentadas as certificacións de xustificación de investimentos, pola totalidade do investimento, as liquidacións calcularanse sobre o importe do préstamo que corresponda ó investimento xustificado. A partir da xustificación total do investimento as posteriores liquidacións da subsidiación realizaranse sobre o saldo vivo teórico do préstamo.

A xustificación do investimento realizarase a través de «certificacións de xustificación de investimentos» emitidas pola entidade financeira, podéndose realizar como máximo dúas certificacións. A primeira deberá acadar como mínimo o 50% do investimento subvencionable. Se se realiza unha segunda esta debe ser complementaria da primeira ata a xustificación total do investimento.

A entidade financeira esixiralles ós beneficiarios copias cotexadas dos documentos que xustifiquen a realización do investimento subvencionable así como os documentos xustificativos do pagamento, que remitirán ó Igape acompañando ás ditas certificacións.

As «certificacións de xustificación de investimentos», que deberán ser cubertas pola entidade financeira, deberán conter cando menos o importe do investimento subvencionable xustificado e a porcentaxe que representa respecto da totalidade do investimento aprobado; a parte do préstamo disposto utilizado para o pagamento do investimento xustificado; a data valor da xustificación do investimento, que se define como a última data de pagamento do investimento xustificado na certificación;

indicación de se se trata de primeira, única ou segunda e complementaria. Neste último caso deberá reflectirse os datos sinalados anteriormente, correspondentes á primeira certificación e a data en que esta foi presentada, así como o resumo total do investimento xustificado e o importe disposto do préstamo e as porcentaxes correspondentes entre investimento xustificado e préstamo disposto.

No caso de que na única ou última certificación de xustificación de investimento non se acade o 100% do investimento subvencionable aprobado na resolución, deberá achegar, a entidade financeira, unha solicitude de modificación da resolución asinada polo empresario para adaptala ó proxecto realizado e xustificado.

Para o cálculo da subsidiación tomarase como data inicial a data valor que figura na certificación de xustificación de investimento emitida pola entidade financeira.

No caso de que o préstamo fora formalizado con anterioridade á concesión, conforme ó disposto no primeiro parágrafo, apartado D da cláusula 7ª anterior, a data valor da certificación de investimento non poderá ser anterior á data de notificación da resolución.

Os trimestres serán sempre de 90 días e os meses de 30 días.

O prazo máximo para remitiren as entidades financeiras as certificacións de xustificación dos investimentos, será de 4 meses, contado a partir da data de terminación do período de disposición, podendo o Igape conceder prórroga a solicitude razoada do empresario, tramitada a través da entidade financeira.

Novena.-Pagamento da subsidiación.

O pagamento da subsidiación ós beneficiarios realizarase anualmente a través da entidade financeira, agás o disposto no punto 1º do parágrafo terceiro desta cláusula.

As entidades financeiras solicitaranlle ó Igape o pagamento da subvención, dentro dos 15 primeiros días do ano correspondente ó exercicio inmediatamente anterior. Achegaranlle á devandita solicitude as liquidacións trimestrais en formato de listados ou relacións individualizadas dos préstamos ordenados alfabeticamente onde figuren: o capital vivo teórico a data de inicio do trimestre que se liquida; as variacións no capital vivo que se produciran ó longo do trimestre e a data na que se produciron e, naqueles préstamos nos que se presentara nese trimestre certificación de xustificación de investimentos, o importe do préstamo disposto con dereito a subvención e a data valor; o tipo de xuro; os puntos obxecto de subsidiación e o importe da subvención que corresponde, certificando a autenticidade deses datos.

As liquidacións trimestrais presentaranse en tres grupos diferenciados de préstamos:

1º Trimestralmente cada entidade financeira realizará unha liquidación da subsidiación daqueles préstamos dos que a súa última amortización venza nese trimestre natural. O período de liquidación da subvención para cada préstamo abarcará desde o 1 de xaneiro do exercicio que se está liquidando ata a data do vencemento do préstamo, incluído este. A entidade financeira solicitará o cobro desta liquidación trimestral dentro dos 15 primeiros días do trimestre natural seguinte ó que se liquida.

2º Para aqueles préstamos excepcionais recollidos no apartado B) da cláusula sexta, formalizados a máis de 5 anos, presentarase liquidación individualizada de cada un deles.

3º A liquidación da subvención do resto dos préstamos efectuarase do modo xeral descrito no segundo parágrafo desta cláusula.

As liquidación practicadas serán a conta e provisionais, en tanto o Igape non realice a oportuna comprobación, que poderá efectuarse durante o período de vixencia do préstamo. Nos casos de erros nas liquidacións de subsidiación, o Igape procederá á súa corrección, podendo compensa-las cantidades indebidamente aboadas coas posteriores liquidacións de subsidiación.

Décima.-Verificación e control dos investimentos.

De acordo co sinalado no artigo 2.2º e artigo 17 da Orde do 18-4-1996 da Consellería de Economía e Facenda pola que se establecen axudas para o financiamento das empresas galegas, poderanse efectua-las inspeccións ou comprobacións que se consideren oportunas, debendo os beneficiarios facilitar ó máximo o devandito labor inspector e achega-la documentación ou información que lle sexa solicitada. Para a súa realización o Igape solicitará a oportuna asistencia técnica das delegacións provinciais da Consellería de Industria e Comercio.

Décimo primeira.-Perda da subvención.

Serán causas de perda da subvención, con obriga de devolución do percibido e o pagamento dos xuros de demora correspondentes, o incumprimento das condicións ou obrigas establecidas nas presentes bases, no Decreto 309/1995, do 23 de novembro da Xunta de Galicia, na Orde 18-4-1996 da Consellería de Economía e Facenda e demais lexislación concordante.

Décimo segunda.-Interpretación e resolucións de dúbidas.

Correspóndelle ó Igape a interpretación e resolución das dúbidas que xurdan sobre a aplicación e cumprimento destas bases, sendo os acordos adoptados neste sentido inmediatamente executivos.

Cláusula de aplicación transitoria

De acordo co establecido na disposición transitoria da orde da Consellería de Economía e Facenda de 18-4-1996, as empresas que formalizasen operación crediticias que poidan estar contempladas na citada disposición transitoria, poderán solicita-la subsidiación establecida nestas bases durante os dous primeiros meses de vixencia delas, achegando á solicitude e documentación establecida, una solicitude específica onde se sinalen os investimentos efectuados a partir do 6-12-1995, a operación crediticia na que os seus fondos fosen utilizados para o pagamento dos citados investimentos, así como aqueles outros investimentos realizados e pagados con fondos distintos da citada operación crediticia e que no seu conxunto estean pagados como máximo nun 30% e o resto pendente de pagamento.

Poderá considerarse, nos termos sinalados nestas bases, investimento subvencionable nestes expedientes, o efectuado a partir do 6-12-1995, tanto se está pagado total ou parcialmente a través da operación crediticia sinalada, como se foi pagado pola empresa sen cargo a ese crédito ponte por un importe total que non supere o 30% do investimento subvencionable.

O préstamo con dereito a subsidiación deberá ser destinado exclusivamente ó pagamento do crédito considerado ponte e ó pagamento de ata o 70% do investimento efectuado pero pendente de pagamento. No caso de que o crédito considerado ponte estivese formalizado e disposto única e exclusivamente para o financiamento do investimento considerado subvencionable, obxecto de solicitude, poderá ser adaptado ás condicións establecidas nas bases sen necesidade dunha nova formalización.

O dereito a subsidiación, no caso de resolución de concesión, computarase a partir da data desta e da formalización do novo préstamo acollido a convenio, nos termos e condicións fixadas no resto destas bases, ou da adaptación do xa formalizado acorde co establecido no parágrafo primeiro do apartado D) da cláusula sétima destas bases.

Modelo de comunicación de concesión de préstamo

Instituto Galego de Promoción Económica (Igape)

Rfa.: Convenio para a Potenciación do Comercio Detallista-1996

R/ Frei Rosendo Salvado, 16 baixo

15701 Santiago de Compostela

Estimados señores:

Estudiada a solicitude de préstamo presentada nesta entidade financeira, acollida ós beneficios regulados polo decreto da Xunta de Galicia 309/1995, do 23 de novembro, e a Orde do 18 de

abril de 1996, da Consellería de Economía e Facenda, e acollida ó convenio de colaboración arriba referenciado, comunicámoslles que foi concedido o préstamo coas características que a continuación se detallan:

Beneficiario:

Nº expediente:

Data de solicitude na entidade financeira:

Oficina:

Importe:

Prazo de vixencia:

Período de carencia:

Tipo de xuro fixo:

Amortización:

Garantías:

Xuntamos orixinal e dúas primeiras copias do impreso de solicitude e a documentación completa esixida para efecto por duplicado exemplar.

Data e sinatura,

ANEXO II

CONVENIO ENTRE O INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA (IGAPE), A CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO DA XUNTA DE GALICIA, A CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA E AS CÁMARAS DE COMERCIO, INDUSTRIA E NAVEGACIÓN DA CORUÑA, FERROL, LUGO, OURENSE, PONTEVEDRA, SANTIAGO, TUI, VIGO E VILAGARCÍA DE AROUSA PARA A POTENCIACIÓN DO COMERCIO DETALLISTA NA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA

En Santiago de Compostela, 23 de maio de 1996,

REUNIDOS

José Antonio Orza Fernández, na súa calidade de presidente do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), representación que lle corresponde pola súa condición de conselleiro de Economía e Facenda de acordo coa Lei 5/1992, do 10 de xuño, de creación do Igape.

Antonio Couceiro Méndez, na súa calidade de conselleiro de Industria e Comercico da Xunta de Galicia, en representación desta consellería.

José Luis Fernández Núñez, en representación da Confederación de Empresarios de Galicia, na súa calidade de presidente da Federación do Comercico.

Miguel Maristany Morado, en representación das Cámaras de Comercio, Industria e Navegación da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, Tui, Vigo e Vilagarcia de Arousa (as Cámaras de Comercio Galegas).

EXPOÑEN:

Primeiro.-As partes asinantes deste convenio xuntan esforzos ante a necesidade de moderniza-lo comercio tradicional para facerlle fronte á competencia de establecementos de maior dimensión e ás esixencias do consumidor actual.

Segundo.-As institucións aquí representadas consideran, pois, esencial a mellora das estructuras comerciais de Galicia para, deste xeito, intentar mellora-la economía deste importante colectivo empresarial potenciando os seus establecementos de cara ó cliente, mellorando a súa calidade, eficiencia e imaxe.

Terceiro.-O presente convenio enmárcase dentro da liña de axudas á pequena e mediana empresa establecida ó abeiro do decreto da Xunta de Galicia 309/1995, do 23 de novembro, e a orde da Consellería de Economía e Facenda do 18 de abril de 1996, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia.

En virtude do exposto, as partes subscriben o presente convenio de colaboración de acordo coas seguintes,

CLÁUSULAS

Primeira.

O obxecto deste convenio é regula-las relacións entre o Igape, a Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, a Confederación de Empresarios de Galicia e as Cámaras de Comercio Galegas, co

obxecto de establecer unha liña de axudas para potencia-lo comercio detallista na Comunidade Autónoma de Galicia a través de iniciativas do empresariado do sector.

Segunda.

As accións obxecto de apoio deste convenio estarán referidas ó financiamento mediante préstamos concedidos por entidades financeiras, coas que se concerte o respectivo acordo, subsidiando os tipos de xuro dos préstamos que estas concedan para o financiamento dos investimentos.

Terceira.-Subsidiación e carácteristicas dos préstamos.

Establécese unha subsidiación con carácter xeral de ata 4,25 puntos.

Con carácter xeral os préstamos subvencionados deberán ter as seguintes condicións:

Prazo máximo: cinco anos.

Amortización: trimestral.

Tipo de xuro: fixo.

Carencia: un ano.

Excepcionalmente, e para os proxectos destinados á adquisición de bens inmobles nas condicións sinaladas nas bases, poderán superar sen ningunha restricción os límites de prazo e carencia establecidos, aínda que a subsidiación non sobrepasará os 5 primeiros anos e será calculada como se o préstamo fose a 5 anos incluído un de carencia.

Cuarta.

A contía do préstamo subsidiable poderá acadar ata o 70% dos investimentos e será superior a 525.000 pesetas.

Pola natureza e dimensión empresarial dos establecementos obxecto de apoio, a contía de investimento subvencionable será superior a 750.000 pesetas e inferior a 10 millóns de pesetas.

Qinta.

A dotación orzamentaria para o presente convenio para o ano 1996 será de 42,5 millóns de pesetas, resultante de aplicar 4,25 puntos de subsidiación a un importe máximo de préstamos de 1.000 millóns de pesetas. Os fondos achegados polo Igape serán de 27,5 millóns de pesetas e 15 millóns de pesetas pola Consellería de Industria e Comercio. Os préstamos distribuiranse do seguinte xeito: destínanse 200 millóns de pesetas a cada unha das catro provincias galegas e o resto a un fondo común de reserva. No caso de que se esgote a dotación inicial atribuída a unha provincia, cubriranse as operacións correspondentes con cargo ó fondo común, e no caso de que se esgote este, poderán empregarse os fondos atribuídos a outras provincias que non fosen utilizados.

A Consellería de Industria e Comercio, a través das súas delegacións provinciais, as Cámaras de Comercio Galegas e a Confederación de Empresarios de Galicia achegarán o persoal técnico e administrativo necesario para asegura-la difusión, e o apoio técnico ós comerciantes no desenvolvemento del. Correspóndelle ó Iga

pe a verificación da solicitude, a reclamación da documentación complementaria, a elaboración da proposta, a comprobación da liquidación e o pagamento dela.

Sexta.-As bases que regulen as axudas ós investimentos dos empresarios, anéxanse a este convenio, e están baseadas no respecto os principios de obxectividade, concorrencia e publicidade, e a garantía da transparencia das actuacións administrativas.

Sétima.

Con carácter de seguimento do convenio e de proposta sobre a concesión ou denegación da subvención, créase unha única comisión integrada por dous representantes do Igape, un representante da delegación provincial da Consellería de Industria e Comercio, un representante da Confederación de Empresarios da provincia correspondente e un representante designado polas Cámaras de Comercio desa provincia. Esta comisión funcionará por seccións provinciais sendo en todo caso presididas por un dos representantes do Igape, actuando o outro como secretario, celebrándose as reunións que previamente convoque o seu presidente na sede do Igape. Asistirán, con voz pero sen voto, os técnicos do Igape que elaborasen a proposta que se lle eleva á comisión.

Oitava.

O Igape, resolverá e notificaralle ó solicitante, á entidade financeira e, e é o caso, á S.G.R., a concesión ou denegación da solicitude de subsidiación.

No presente convenio correspóndelle ó Igape a prerrogativa de interpretación e resolución das dúbidas que xurdan sobre o seu cumprimento, sendo os acordos adoptados neste sentido inmediatamente executivos.

Novena.

O presente convenio entrará en vigor a partir da data de publicación das Bases no Diario Oficial de Galicia.

O período de solicitude de operacións, ante a entidade financeira, conforme este convenio, será dende a data da súa entrada en vigor ata o 15 de outubro de 1996.

Décima.

Será causa suficiente para a denuncia do presente convenio o incumprimento por algunha das partes de calquera das súas cláusulas. A denuncia, que deberá facerse con 30 días de preaviso, supoñerá en todo caso deixar atendidas fronte ós beneficiarios as obrigas contraídas polas partes.

E en proba de conformidade e para que conste, así o din, asinan e outorgan na cidade e data indicadas no encabezamento, en cuadruplicado exemplar e a un só efecto.

Instituto GalegoConsellería de Industira

de Promoción Económicae Comercio

José Antonio Orza FernándezAntonio Couceiro Méndez

Confederación deCámaras de Comercio

Empresarios de GaliciaGalegas

José Luis Fernández NúñezMiguel Maristany Morado

ANEXO III

CONVENIO DE COLABORACIÓN ENTRE O INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA (IGAPE), A CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO DA XUNTA DE GALICIA E A ENTIDADE FINANCEIRA ... PARA A POTENCIACIÓN DO COMERCIO DETALLISTA NA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA

En Santiago de Compostela, a 23 de maio de 1996,

REUNIDOS:

José Antonio Orza Fernández, na súa calidade de Presidente do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), representación que lle corresponde pola súa condición de conselleiro de Economía e Facenda de acordo coa Lei 5/1992, de 10 de xuño, de creación do Igape, en representación deste organismo.

Antonio Couceiro Méndez, na súa calidade de conselleiro de Industria e Comercico da Xunta de Galicia, en representación desta consellería.

D...., en representación da entidade financeira ..., estando facultado para este acto en virtude dos poderes outorgados ó seu favor con data ... ante o notario de ... D. .., con Nº... de protocolo.

EXPOÑEN:

I. Con data 23 de maio de 1996 o Igape, a Consellería de Industria e Comercio da Xunta Galicia, a Confederación de Empresarios de Galicia e o Consello Galego de Cámaras de Comercio subscribiron un convenio ó abeiro do decreto da Xunta de Galicia 309/1995, do 23 de novembro e a Orde do 18 de abril de 1996, para a potenciación do comercio detallista na Comunidade Autónoma de Galicia.

II. O obxecto do convenio mencionado e as bases anexas a el, é a instrumentación dunha vía de financiamento destinada á potenciación do comercio detallista na Comunidade Autónoma de Galicia, consistente en subvenciona-lo tipo de xuro dos préstamos concedidos por entidades financeiras coas que se concerte o respectivo acordo, e que se destinen ó financiamento de investimentos que se realicen en establecementos comerciais detallistas, ben de nova instalación ou de reforma deles.

En virtude do exposto, o Igape, a Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia e a entidade financeira ... subscriben o presente convenio de colaboración ó abeiro do decreto da Xunta de Galicia 309/1995, do 23 de novembro, e a orde da Consellería de Economía e Facenda do 18 de abril de 1996, que se rexerá polas seguintes,

CLÁUSULAS:

Primeira.-Obxecto.

O presente convenio ten por obxecto defini-los termos de colaboración entre o Instituto Galego de Pro

moción Económica (Igape), a Consellería de Industria e Comercico da Xunta de Galicia (en adiante a Consellería de Industria) e a entidade ... (en adiante a entidade financeira) co efecto de establecer unha liña de financiamento subsidiado para o comercio polo miúdo ó abeiro do decreto da Xunta de Galicia 309/1995, do 23 de novembro, e da orde da Consellería de Economía e Facenda do 18 de abril de 1996, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia, e de conformidade co Convenio para a Potenciación do Comercio Detallista na Comunidade Autónoma de Galicia, subscrito con data 23 de maio de 1996 polo IGAPE, a Consellería de Industria, a Confederación de Empresarios de Galicia e o Consello Galego de Cámaras de Comercio, e as bases que regulan a concesión das axudas ó abeiro del.

Segunda.-Desenvolvemento do convenio.

O desenvolvemento do presente convenio, orientado a logra-los obxectivos sinalados na anterior cláusula, realizarase de acordo coas bases que regulan a concesión de axudas financeiras ó tipo de xuro ó abeiro do convenio para a potenciación do comercio detallista na Comunidade Autónoma de Galicia" que se anexan a este convenio e que forman parte del.

Terceira.-Compromiso da entidade financeira.

A entidade financeira comprométese a conceder préstamos nos termos e condicións establecidos neste convenio e nas bases que regulan a concesión de axudas financeiras ó tipo de xuro ó abeiro do Convenio para a Potenciación do Comercio Detallista na Comunidade Autónoma de Galicia.

Cuarta.-Interpretación e resolución de incidencias.

Correspóndelle ó Igape a interpretación e resolución de incidencias e dúbidas que xurdan sobre a aplicación e cumprimento deste convenio, sendo os acordos adoptados neste sentido inmediatamente executivos.

Quinta.-Entrada en vigor e vixencia.

O presente convenio entrará en vigor a partir da data da publicación das bases no Diario Oficial de Galicia e a súa vixencia será a das operacións formalizadas ó amparo del.

E en proba de conformidade, así o din, asinan e outorgan por triplicado exemplar e para un só efecto na data e lugar do encabezamento.

Instituto GalegoConsellería de Industira

de Promoción Económicae Comercio

José Antonio Orza FernándezAntonio Couceiro Méndez

Entidade Financeira

Asdo.: D. ...

RELACIÓN DE ENTIDADES FINANCEIRAS QUE SUBSCRIBIRON O CONVENIO PARA A POTENCIACIÓN DO COMERCIO DETALLISTA NA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA

CaixaBancosS.G.R.

Caixa GaliciaBanco Bilbao VizcayaAfigal

Caixa OurenseBanco Central HispanoSogarpo

Caixa PontevedraBanco Español de Crédito

Caixa VigoBanco de Galicia

Banco Gallego

Banco Herrero

Banco Pastor

Banco Popular

Banco Santander

Banco Simeón

Banco Etchevarría

4215