Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Luns, 03 de xuño de 1996 Páx. 5.315

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 9 de maio de 1996 pola que se anuncia a realización dunhas xornadas sobre gobernos locais en Europa.

Dentro das actividades que vai realiza-la EGAP en 1996, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse en colaboración co Instituto Universitario Ortega y Gasset unhas xornadas sobre gobernos locais en Europa que deberán desenvolverse segundo as seguintes bases:

1. Obxectivos.

Debater sobre o papel dos gobernos locais en España e nos países do noso contorno. Dar a coñece-los novos enfoques e experiencias que se veñen producindo neste ámbito.

2. Destinatarios.

Responsables políticos, directivos e técnicos das administracións provincial e municipal, así como estudiosos e especialistas en materias de xestión pública.

3. Desenvolvemento.

-Duración: 2 días.-Lugar: Santiago de Compostela, salón de actos da EGAP.-Datas: 20 e 21 de xuño.-Horarios: mañá e tarde.-Prazas: limitadas á capacidade do local.

4. Prazo.

O prazo de inscrición nas xornadas finaliza cinco días antes do seu comezo.

5. Tramitación de solicitudes.

As solicitudes irán dirixidas ó director da Escola Galega de Administración Pública, polígono das Fontiñas, r/ Madrid, 2-4, 15703 Santiago de Compostela, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP, ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

6. Selección.

As prazas adxudicaranse por rigorosa orde de entrada no rexistro sempre que se teñan acreditados tódolos requisitos para a inscrición no momento de presentación da solicitude.

Os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión, chamando por teléfono en días laborables, de 11.30 a 14.45 horas ó seguinte número: (981) 57 08 00 (Ext. 244), ou ben consultando a lista de admitidos que se exporá no taboleiro de anuncios da EGAP 48 horas despois de remata-lo prazo de presentación de solicitudes.

7. Inscricións fóra de prazo.

Só se admitirán se quedasen prazas baleiras e sempre que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

8. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento das xornadas, así como a de cancelalas se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

9. Certificado de asistencia.

Outorgaráselles certificado de asistencia ós alumnos que participen con regularidade nas xornadas programadas.

10. Contido.

As xornadas estructuraranse do seguinte xeito:

Intervencións individuais de expertos nacionais e estranxeiros en temas de goberno local.

Discusión dos asistentes ás xornadas verbo dos traballos presentados polos relatores.

Cuestións básicas que se abordarán:

-Impacto do proceso de unificación europea sobre o nivel local de goberno.

-A situación e perspectivas das relacións entre niveis territoriais de goberno en Europa.

-A situación dos gobernos locais nos países do Leste.

Análise das tendencias máis recentes nos sistemas de goberno local nos distintos estados membros da Unión Europea.

Santiago de Compostela, 9 de maio de 1996.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración Pública

4222