Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 105 Mércores, 29 de maio de 1996 Páx. 5.077

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 13 de maio de 1996, da Dirección Xeral de Industria, pola que se ordena a publicación do acordo do Consello da Xunta de Galicia polo que se declara o proxecto de instalacións gasoducto Vilalba-Tui como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, para os efectos previstos na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia.

Enagas, S.A., entidade titular da concesión administrativa para a conducción e subministración de gas natural, presentou, perante a Consellería de Industria e Comercio solicitude para a declaración do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do denominado proxecto de instalacións gasoducto Vilalba-Tui, autorizado pola Dirección Xeral da Enerxía, do Ministerio de Industria e Enerxía por Resolución do 24 de xaneiro de 1996, afectando os seguintes termos municipais: Vilalba, Xermade e Guitiriz na provincia de Lugo; Aranga, Irixoa, Coirós, Oza dos Ríos, Abegondo, Mesía, Ordes, Oroso, Santiago de Compostela, Ames, Brión, Rois, Padrón e Dodro na provincia da Coruña; Valga, Caldas de Reis, Portas, Barro, Pontevedra, Ponte Caldelas, Soutomaior, Pazos de Borbén, Redondela, Mos, O Porriño e Tui na provincia de Pontevedra.

O interese público da execución do dito proxecto xustifica a declaración do proxecto de gasificación Vilalba-Tui como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, dado que a trascendencia da infraestructura enerxética gasista supera o simple ámbito local, invadindo todo o ámbito rexional da nosa Comunidade Autónoma.

Por iso, o Consello da Xunta de Galicia, ó amparo do establecido no capítulo V da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, na súa reunión do 9 de maio de 1996 adoptou o acordo do cal se ordena a publicación.

Santiago de Compostela, 13 de maio de 1996.

Joaquín del Moral Crespo

Director xeral de Industria

Acordo do Consello da Xunta de Galicia polo que se declara o proxecto de instalacións gasoducto Vilalba-Tui coma proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, para os efectos previstos na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia

Tendo en conta a importancia que supón para esta Comunidade Autónoma a rápida execución do proxecto de gasificación de Galicia gasoducto Vilalba-Tui, como eixo principal do que partirán os distintos ramais e redes de distribución de subministración de gas natural para usos industriais e doméstico-comerciais en todo o territorio galego, como servicio público que é, a prestación do cal será garantida e tutelada por esta Comunidade Autónoma, titular deste e en aras á execución da planificación enerxética da Xunta de Galicia, imponse a necesidade de regula-la implantación territorial das ditas infraestructuras, tendo en conta a incidencia rexional das instalacións, que trascende do ámbito local dos termos municipais en que se situarán.

Co obxecto do establecido, o Consello da Xunta,

ACORDA:

Primeiro.-Declara-la incidencia supramunicipal do proxecto gasificación de Galicia: gasoducto Vilalba-Tui.

Segundo.-O órgano competente por razón da materia para a tramitación do dito expediente é a Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, debendo esta consellería cumprir co procedemento legal establecido.

Terceiro.-As determinacións contidas no proxecto, unha vez aprobado definitivamente por este Consello, vincularán o planeamento dos entes locais en que se asenten as súas instalacións, que se adaptarán a elas dentro dos prazos que para tal efecto se determine.

3763