Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 105 Mércores, 29 de maio de 1996 Páx. 5.055

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 200/1996, do 17 de maio, polo que se desafecta do dominio público o inmoble coñecido como Albergue de Turismo, sito na parroquia de Ribas Altas, termo municipal de Monforte de Lemos (Lugo).

O artigo 10.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, sinala que cando os bens e dereitos non fosen necesarios para o cumprimento dos fins determinantes da súa afectación, cesará a súa natureza demanial e adquirirán a condición de patrimoniais, sen prexuízo, se é o caso, do dereito de reversión nos termos da lexislación da expropiación forzosa respecto daqueles bens adquiridos por este título.

O apartado segundo do antedito artigo establece que a desafectación dos bens de dominio público da Comunidade Autónoma de Galicia deberá facerse mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, logo de instrucción do expediente pola Consellería de Economía e Facenda, por instancia da consellería interesada, e sempre que se acredite a desaparición das causas xustificativas da afectación.

No presente caso, a dita acreditación resulta da mesma solicitude de cesión do uso do inmoble polo Concello de Monforte de Lemos, informada favorablemente pola Secretaría Xeral para o Turismo, ó asumi-lo dito concello, en virtude das súas competencias, a prestación do servicio.

Por todo isto, de conformidade coa proposta da Consellería de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezasete de maio de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Desaféctase do dominio público o inmoble coñecido como Albergue de Turismo sito na parroquia de Ribas altas, termo municipal de Monforte de Lemos (Lugo); o dito inmoble foi construído sobre unha parcela que se atopa inscrita no Rexistro da Propiedade de Monforte de Lemos, no tomo 615, libro 226, folio 144, predio número 20.318,inscrición 1ª.

Artigo 2º

O inmoble anteriormente descrito adquire natureza patrimonial.

Santiago de Compostela, dezasete de maio de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

3957