Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Martes, 28 de maio de 1996 Páx. 5.014

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 22 de marzo de 1996, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo de Vulcarol, S.L.

Visto o expediente do convenio colectivo de Vulcarol, S.L., que tivo entrada nesta delegación provincial o día 6-3-1996 e completada a documentación o 20-3-1996, subscrito en representación da parte económica pola empresa, e da parte social polo comité de empresa o día 29-2-1996, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores, Real de creto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro rexistro de convenios colectivos de traballo desta delegación provincial, e a súa notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 22 de marzo de 1996.

Fernando Rodríguez Corcoba

Delegado provincial da Coruña

Convenio colectivo de Vulcarol, S.L.

Artigo 1º. Ámbito funcional.

O presente convenio colectivo será de aplicación ó persoal de Vulcarol, S.L. dedicado á limpeza industrial da central térmica e mina de Endesa nas Pontes.

Artigo 2º. Ámbito temporal.

O convenio terá vixencia desde o 1 de xaneiro ó 31 de decembro de 1996.

Quedará automaticamente denunciado a partir do día 1 de novembro de 1996, podéndose iniciar a partir desa data a negociación dun novo convenio.

Será prorrogado en tódolos seus conceptos en tanto non se logre un acordo expreso nas novas negociacións.

Artigo 3º. Vinculación á totalidade.

As condicións establecidas neste convenio forman un todo orgánico indivisible e para efectos da súa aplicación práctica serán consideradas globalmente en cómputo anual, sen que caiba a aplicación illada dalgunha das súas partes.

Artigo 4º. Absorción e compensación.

As retribucións establecidas no presente convenio compensan e absorben tódalas existentes ata o momento da súa entrada en vigor, calquera que sexa a natureza ou a orixe delas.

Os aumentos de retribucións que poidan producirse no futuro por disposicións legais de xeral aplicación só poderán afecta-las pactadas no presente convenio cando, consideradas en cómputo anual, superen estas.

En caso contrario, serán absorbidas ou compensadas por estas últimas, subsistindo o presente convenio nos seus propios termos e sen modificación ningunha nos seus conceptos, módulos e retribucións.

Artigo 5º. Comisión mixta de interpretación.

Para a correcta interpretación e vixilancia do convenio crearase unha comisión mixta de interpretación formada polo comité de empresa e a representación desta que tomou parte nas deliberacións. A comisión será presidida por quen esta designe en cada sesión. Será secretario un vocal, igualmente nomeado para cada sesión, tendo en conta que o cargo recaerá unha vez en cada unha das dúas representacións.

A comisión reunirase no prazo máximo de quince días desde a súa convocatoria e cantas veces sexa mester para resolve-los problemas referentes á aplicación e interpretación do convenio, e as súas resolucións terán carácter vinculante.

Artigo 6º. Xornada laboral.

A xornada laboral será de 38 horas semanais de traballo efectivo, distribuídas da seguinte forma:

Xornada continuada: luns a mércores, de 7 a 15 horas; xoves e venres, de 7 a 14 horas.

Xornada partida: luns a mércores, de 8.30 a 13.15 e de 14.45 a 18 horas; xoves e venres, de 8.30 a 13.15 e de 14.45 a 17 horas.

O persoal en xornada partida pasará a xornada continuada durante o período do 15 de xuño a 14 de setembro.

O pesoal a xornada continuada disporá de 20 minutos de descanso para bocadillo que terá a consideración de tempo traballado.

Os traballadores afectados por este convenio disporán de 15 minutos á saída do traballo para se asearen.

Se durante a vixencia deste convenio se reducise a xornada semanal de Endesa (As Pontes), e sempre que esta non sexa inferior a 37 horas semanais, adaptarase a xornada de acordo con tal reducción.

Artigo 7º. Retén de garda.

Os sábados, domingos e festivos haberá un retén de persoal de garda, nomeado pola empresa, no caso de non existiren voluntarios suficientes, con horario de 7 a 13 horas e descanso os luns e os martes.

Por cada sábado, domingo ou festivo traballado percibirán unha prima de 3.385 ptas., se ben poderán optar por percibi-la prima e dous días de descanso ou só tres días de descanso. O terceiro día de descanso cobrarase da mesma forma ca un dos outros dous.

Artigo 8º. Vacacións.

Todo o persoal desfrutará dunhas vacacións anuais retribuídas de 30 días naturais. Os maiores de 50 anos desfrutarán de 31 días.

A retribución será a do salario real correspondente á xornada ordinaria, exceptuando os pluses de distancia e transporte. Empresa e comité confeccionarán un calendario de vacacións procurando que tódolos traballadores as desfruten entre o 15 de xuño e o 15 de setembro.

Os traballadores que se incorporen á empresa ó longo do ano desfrutarán a parte proporcional de vacacións que lles correspondan. Obrigatoriamente desfrutaranse dentro do ano natural e non poderán ser compensadas en metálico nin acumuladas para anos sucesivos.

Artigo 9º. Licencias retribuídas.

O traballador, avisando coa debida antelación e posterior xustificación, terá dereito a licencias retribuídas nos seguintes supostos:

a) 15 días naturais por casamento.

b) 5 días naturais por enfermidade grave de familiar de primeiro grao. Asimílase ó primeiro grao a parella con quen se conviva.

c) 4 días por falecemento de familiar en primeiro grao.

2 días por falecemento de familiar en segundo grao.

1 día por falecemento de familiar en terceiro grao.

d) 6 días por nacemento de fillo.

e) 1 día por traslado de domicilio habitual.

f) Os permisos necesarios para concorrer a exames, cando se cursen estudios para a obtención dun título académico ou profesional.

g) Ó tempo imprescindible para recibir asistencia sanitaria, debendo xustificarse adecuadamente o tempo de permanencia. O traballador terá dereito ó cobro dos pluses polo tempo que xustifique de permanencia en consulta.

h) Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal.

i) 1 día para a renovación do carné de conducir.

j) 1 días para a renovación do DNI.

k) 1 día para o recoñecemento médico anual.

Artigo 10. Salario base.

O salario base é o que se establece para cada categoría na táboa salarial anexa. O salario base devéngase por día natural.

Artigo 11º. Antigüidade.

O complemento persoal por antigüidade consistirá en tres bienios do 5% do salario base e posteriores quinquenios do 7% do salario base. Respectarase o establecido no Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores.

Artigo 12º. Pagas extraordinarias.

Todo traballador afectado por este convenio terá dereito a percibir dúas pagas extraordinarias polo importe cada unha delas de 93.987 ptas., ou a parte proporcional ó tempo traballado segundo o seu período de devengo. Estas pagas denominaranse de verán e Nadal.

A paga de verán devengarase proporcionalmente ó tempo traballado no primeiro semesetre e farase efectiva como máximo o día 20 de xullo.

A paga de Nadal devengarase proporcionalmente ó tempo traballado no segundo semestre e farase efectiva como máximo o día 20 de decembro.

Artigo 13º. Participación nos beneficios.

Coa nómina do mes de febreiro percibirase unha gratificación por participación nos beneficios consistente na cantidade de 93.987 ptas.

Devengarase do día 1 de xaneiro ó 31 de decembro, proporcionalmente ó tempo traballado.

Artigo 14º. Plus de actividade.

Percibirase para cada categoría, segundo a táboa salarial e por día efectivo de traballo.

Artigo 15º. Plus de transporte e distancia.

Por día efectivo de traballo percibirase o complemento extrasalarial denominado plus de trasporte e distancia, na contía de 820 ptas.

Artigo 16º. Plus de nocturnidade.

O traballador que realice a súa xornada de traballo entre as 22 e as 6 horas, percibirá en concepto de nocturnidade a cantidade de 907 ptas. por xornada efectivamente traballada.

Artigo 17º. Plus tóxico, penoso e perigoso.

Pola excepcional toxicidade, penosidade e perigosidade que concorra en determinados postos de traballo percibirase un plus na contía de 1.733 ptas. por xornada efectivamente traballada. Aboarase a parte proporcional no que exceda de 8 horas.

Percibirase o plus nos seguintes traballos:

-Limpeza interior do silo de cinzas.

-Conducto de gases de saída e circulación.

-Limpeza interior de caldeira.

-Traballos en roletes e pista de aros.

-Manta e alimentadores.

-Colectores e precipitadores.

Así como en todos aqueles que legalmente se determine o dereito á súa percepción.

Artigo 18º. Plus de mina.

O persoal que realice o seu traballo na mina percibirá por día traballado a cantidade de 1.376 ptas. Inclúese nesta cantidade o desprazamento.

Artigo 19º. Plus de central.

O persoal que preste os seus servicios na central térmica percibirá un plus por día traballado de 405 ptas.

Artigo 20º. Plus de pistola.

Por día efectivamente traballado co pistola de auga a presión percibirase un plus de 486 ptas.

Os seguintes traballos equipararanse, para efectos económicos, ó manexo de pistola de auga a presión:

-Aspirado de caldeira

-Aspiración con equipo Munkebo

-Pistoleado con hidrolimpadora de presión

Artigo 21º. Plus de varredora e outros pluses.

Os peóns que manexen varredoras automóbiles percibirán por día efectivo de traballo no dito posto un plus de 305 ptas.

Os traballos realizados nos postos denominados planta 2 de trituración, pozo de trituración, galerías (desde trituración a planta 6, e desde trituración a separación magnética), varanda de control, gorros chineses de cinza e cintas transversais de parque

de carbóns, devengarán un plus por día traballado de 203 ptas.

Pola especial toxicidade, o plus devengado na planta 6 será de 313 ptas. por día traballado.

Artigo 22º. Traballos especiais e paradas programadas.

22.1. Caldeiras

Os traballos especiais de caldeira realizaranse en dúas quendas de traballo diarias. Pola limpeza interior da caldeira completa percibirase unha prima de 65.000 ptas. ou a parte proporcional ó tempo traballado na devandita limpeza. Independentemente percibirase o plus de tóxico, penoso e perigoso.

22.2. Escavadoras e amoreadoras.

A limpeza de escavadoras e amoreadoras farase cos traballadores que habitualmente traballan na mina. Realizarase cos que estean.

Pola realización destes traballos aboaranse 24 horas extras por máquina, cando se realicen en sábados, domingos ou festivos. As horas de espera pagaranse a 1.067 ptas., non entrando no cómputo das 24 horas mencionadas anteriormente.

A prima por máquina completa será de 4.650 ptas.

22.3. Chemineas.

Establécese unha prima de 7.586 ptas. por tódolos conceptos. Se a limpeza se realiza fóra da xornada ordinaria, pagaranse as horas extras que correspondan.

22.4. Manta e alimentadores.

Establécese unha prima de 2.601 ptas. por operario e servicio completo.

22.5. Colectores e conductos de gases de saída e circulación. Establécese unha prima de 6.676 ptas. por estes traballos.

22.6. Precipitadores.

Establécese unha prima de 10.000 ptas. por liña completa realizada.

Artigo 23º. Horas extraordinarias.

23.1. Horas extraordinarias habituais: supresión.

23.2. Horas extraordinarias esixidas pola necesidade de reparar sinistros ou outros danos de carácter extraordinario e urxentes: realización.

23.3. Horas extraordinarias estructurais e as necesarias por ausencias imprevistas: realización sempre e cando non sexa posible a substitución delas por contratacións temporais na lexislación vixente.

23.4. As horas extras aboaranse a razón de 1.174 ptas. e poderanse compensar a razón de 1 día de descanso por cada 5 horas extras realizadas.

23.5. As horas extras en sábado, domingo ou festivo aboaranse a razón de 1.468 ptas./horas, podendo compensarse a razón de 1 días por cada 4 horas realizadas.

Mensualmente pasaráselle ó comité de empresa unha relación nominativa das horas extraordinarias realizadas.

Artigo 24º. Axuda de comida.

En concepto de suplidos establécese unha axuda de comida por importe de 844 ptas. por día traballado, para o persoal en xornada partida.

Artigo 25º. Axudas de custo.

O importe mínimo para as axudas de custo establecidas no artigo 42 da ordenanza laboral é de 5.167 ptas. cando se teña que comer e pernoctar fóra do domicilio habitual; 3.100 ptas. cando se realicen as dúas comidas principais fóra do domicilio, e de 1.744 pas. cando se realice unha soa comida.

Artigo 26º. Pagamento de salarios.

Os salarios serán aboados nos tres primeiros días do mes, dispoñendo o traballador dunha hora de permiso para cobrar, sempre que o pagamento se realice por cheque ou transferencia bancaria.

Artigo 27º. Organización do traballo.

Tendo en conta a obrigatoriedade da empresa de realizar tódolos traballos establecidos nos contratos subscritos con Endesa para a limpeza industrial de central e mina, en particular os que merecen especial atención no artigo 22, e a adscrición do persoal afectado por este convenio a eles, convense a execución, aínda fóra da xornada normal de traballo.

A realización dos traballos fóra da xornada ordinaria de traballo farase con persoal voluntario dentro de cada categoría e especialidade, completando con traballadores de libre disposición cando os voluntarios non fosen suficientes.

Ámbalas partes comprométense a que, tanto dentro da voluntariedade como na designación, se rote entre tódolos traballadores salvando as diferencias propias de categoría e profesión.

A empresa, sen prexuízo da capacidade de organización que lle é propia, procurará rota-los traballadores por tódolos postos de traballo propios da súa categoría.

Artigo 28º. Traballos de superior categoría.

Todo traballador que realice traballos de superior categoría por espacio de catro meses consecutivos ou seis alternos nun período dun ano, consolidará a retribución económica do dito posto.

Artigo 29º. Promoción.

A empresa realizará cursos de formación e perfeccionamento do persoal, organizándoos a través dos representantes dos traballadores. Estes cursos, no caso de seren superados, servirán de mérito para valorar ascensos.

Independentemente do anterior, a empresa virá obrigada a convocar prazas de ascenso, cando existan vacantes, mantendo unha relación porcentual entre as diferentes categorías. Acórdase crear unha comisión formada por dous representantes de cada unha

das partes negociadoras do convenio para, conxuntamente, definir porcentaxes.

Artigo 30º. Seguro colectivo.

A empresa subscribirá unha póliza de accidentes coa seguinte cobertura:

-Por falecemento derivado de accidente laboral ou enfermidade profesional: 3.640.000 ptas.

-Por incapacidade permanente absoluta ou gran invalidez derivada de accidente laboral ou enfermidade profesional: 4.160.000 ptas.

Para concerta-las novas pólizas, a empresa disporá ata o 28 de febreiro de 1996.

Artigo 31º. Anticipos.

Todo traballador terá dereito a percibir anticipos a conta do traballo realizado, podendo chegar ata o 90% do salario mensual devengado. Considéranse datas hábiles para a súa solicitude os días 15 a 20 de cada mes, e deberase solicitar, cando menos, cun día laborable de antelación.

Artigo 32º

32.1. Aboamento da incapacidade laboral por enfermidade común ou accidente de traballo.

En caso de I.T. por enfermidade común, a empresa complementará as prestacións ata o 100%, a partir do 8º día, dos seguintes conceptos: salario base, antigüidade, pluses de actividade, plus de mina e/ou plus de central, pagas extraordinarias e de participación en beneficios.

O complemento surtirá efectos sempre que as ausencias por I.T. non superen o 3%. En caso contrario, o complemento aplicarase a partir do 15º día de baixa.

No suposto de baixa por accidente de traballo ou enfermidade profesional, darase o mesmo tratamento desde o primeiro día, pero respectando, en todo caso, as condicións máis favorables economicamente, se a achega da S.S. supera a garantía anterior. Este mesmo criterio aplicarase nos casos de baixa con hospitalización, mentres permaneza internado.

32.2. Incapacidade permanente.

O persoal que cause baixa na empresa por incapacidade permanente, total ou absoluta, será substituído por outro traballador co mesmo carácter.

Artigo 33º. Roupa de traballo.

A empresa facilitaralles a tódolos traballadores desde o primeiro día de traballo a roupa de protección e hixiene necesaria. Esta roupa daráselle tamén ó persoal que estea de baixa por enfermidade ou accidente. A cada traballador faráselle entrega de:

1 chaqueta de auga acolchada.

1 buzo (2 central).

1 traxe de faena.

2 toallas de baño.

12 pastillas de xabón Heno de Pravia de 125 gramos.

1 par de zapatos de seguridade de coiro, cada seis meses.

1 camisa de verán.

Entregaráselle un buzo a cada traballador que realice unha caldeira completa, rolete e graxa.

Artigo 34º. Xubilación

Establécese a idade de 65 anos como xubilación obrigatoria. O persoal que se xubile coa citada idade será substituído por outro traballador contratado con carácter estable.

No relativo á xubilación ós 64 anos observarase o establecido na lexislación vixente, sendo compensada con 312.936 ptas.

Establécese un premio por xubilación anticipada para os traballadores cunha antigüidade mínima de sete anos que decidan xubilarse voluntariamente de acordo coa seguinte escala, sempre que a xubilación supoña a amortización do posto de traballo:

Ós 60 anos: 521.560 ptas.

Ós 61 anos: 469.404 ptas.

Ós 62 anos: 417.460 ptas.

Ós 63 anos: 365.092 ptas.

Artigo 35º. Préstamos reintegrables

O persoal fixo poderá solicitar da empresa a concesión de préstamos reintegrables.

Estes préstamos terán como finalidade axuda-los traballadores nos supostos de gastos imprevistos ou extraordinarios e para tal efecto dotarase un fondo social con 2.420.017 ptas.

Elaboraranse os criterios para a concesión destes, que terán un límite de 121.000 ptas. por traballador.

Quedará a criterio da empresa a concesión ou non dos préstamos, así como o prazo de amortización, que non poderá supera-los dous anos.

Artigo 36º. Garantías sindicais.

Os membros do Comité de Empresa disporán da reserva de horas mensuais que establezan as leis para o desenvolvemento das súas funcións de representación.

As horas poderán acumularse nun ou en varios membros do comité, non computándose dentro do crédito horario as empregadas na negociación de convenio ou a petición da empresa.

Artigo 37º. Cota sindical.

A empresa, por petición dos traballadores afiliados a unha central sindical, descontará en nómina o importe da cota mensual de afiliación, que será posta a disposición das centrais por esta. A solicitude será por escrito e permanecerá vixente en tanto non se comunique o contrario.

Artigo 38º. Asembleas.

Os traballadores disporán dun máximo de 5 horas ó ano para asembleas, dúas das cales non poderán coincidir en ningún caso en xoves ou venres.

Artigo 39º. Emprego

En tanto se manteña a actual carga de traballo derivada da relación contractual con Endesa para a limpeza industrial da central térmica e a mina, garantirase «ad personam» o emprego ó persoal procedente de FCC, durante a vixencia do presente convenio.

En todo caso, a empresa comprométese a utiliza-los mecanismos establecidos no Decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, que aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores.

Artigo 40º. Revisión salarial.

Sempre que o IPC real correspondente ó ano 1996 supere o 4% realizarase unha revisión polo exceso sobre o aludido 4%. A revisión terá carácter retroactivo ó 1 de xaneiro de 1996 e farase sobre tódolos conceptos salariais vixentes a 31.12.95, aboándose nunha soa paga coa nómina de febreiro de 1997.

Artigo 41º. Seguridade e hixiene.

En materia de prevención de riscos e saúde laboral observarase o disposto na lexislación vixente.

Artigo 42º. Condicións máis beneficiosas

Os traballadores que, con anterioridade ó presente convenio, viñesen desfrutando de mellores condicións, consideradas no seu conxunto en cómputo anual, cás aquí pactadas, conservaranas.

Cláusula adicional primeira.

Para o non previsto no presente convenio observarase o disposto no convenio colectivo de limpeza de edificios e locais da Coruña.

Cláusula adicional segunda.

Os atrasos que se deriven da aplicación deste convenio serán satisfeitos como máximo coa nómina do mes de abril.

Cláusula adicional terceira.

No suposto de se negociar e que se chegue a asinar un convenio colectivo das empresas auxiliares de Endesa das Pontes, no que participe na comisión negociadora a parte empresarial de Vulcarol, S.L., producirase a adhesión a el, sempre que así o decida a asemblea de traballadores deste centro de traballo, respectándose as condicións máis beneficiosas que ó xuízo dos traballadores existan no actual convenio.

ANEXO

Táboa salarial ano 1996

ConceptosCapatazXefe de equipoOficial primeiraOficial segundaPeón especialPeón ordinario

Salario base3.2183.0893.0892.9822.8722.762
Plus actividade1.4621.4621.4621.4621.4271.427
Plus distancia-Transp.820820820820820820
Plus central405405405405405
Plus mina1.3761.3761.3761.3761.376
Pagas extra93.98793.98793.98793.98793.987
Paga beneficios93.98793.98793.98793.98793.987
Retén fin de semana3.3853.3853.3853.3853.385
Plus nocturno907907907907907
Plus tóxico P. e Perig.1.7331.7331.7331.7331.733
Plus pistola presión486486486486486
Plus varredora000305305
Plus trituración-Art. 21203203203203203
Plus especial planta-6313313313313313
Prima caldeira completa65.00065.00065.00065.00065.000
Prima Escav. e Amor.4.6504.6504.6504.6504.650
H. espera Escav. e Amor.1.0671.0671.0671.0671.067
Prima chemineas7.5867.5867.5867.5867.586
Prima manta e Aliment.2.6012.6012.6012.6012.601
Prima traballos Art. 22.56.6766.6766.6766.6766.676
Prima precipitadores10.00010.00010.00010.00010.000
Axuda comida844844844844844
Hora extra normal1.1741.1741.1741.1741.174
Hora extra festiva1.4681.4681.4681.4681.468

Xubilación anticipadaPréstamos reintegrablesSeguro de accidentes

Ós 60 anos: 521.560 ptas.Fondo: 2.420.017 ptas.Falecemento: 3.640.000 ptas.
Ós 61 anos: 469.404 ptas.Importe: 121.000 ptas.Inv. permanente: 4.160.000 ptas.
Ós 62 anos: 417.460 ptas.Axudas de custo
Ós 63 anos: 365.092 ptas.A. de C. completa: 5.167 ptas.
Ós 64 anos: 312.936 ptas.Comida+cea: 3.100 ptas.
Comida ou cea: 1.744 ptas

2677