Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Martes, 28 de maio de 1996 Páx. 4.988

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

DECRETO 195/1996, do 17 de maio, polo que se modifican determinados artigos do Decreto 343/1992, do 26 de novembro, de axudas ós concellos para a infravivenda rural.

O Decreto 343/1992 do 26 de novembro de axudas ós concellos para a infravivenda rural estableceu o marco de colaboración entre o Instituto Galego da Vivenda e Solo e os concellos de Galicia para a solución do problema das infravivendas rurais habitadas por familias con baixos ingresos co obxecto de que puidesen acadar unha vivenda digna conservando a súa integración social co medio.

Arredor dun tercio dos concellos de Galicia acolléronse ata o presente a estas axudas e a experiencia acadada aconsella perfeccionar determinados aspectos puntuais da normativa vixente conservando polo demais o conxunto do programa en razón da súa boa aceptación.

Neste senso, amplíanse as actuacións da modalidade de nova construcción de vivendas unifamiliares en terreos propiedade dos afectados, esíxese o cumprimento da normativa vixente en materia de habitabilidade, e dos requisitos do planeamento, tipoloxía e conservación do patrimonio, e establécense por último os motivos da denegación da aprobación definitiva do expediente.

En virtude do anterior, por proposta do conselleiro de Política Territorial Obras Públicas e Vivenda, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezasete de maio de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. O artigo 3º do Decreto 343/1992, do 26 de novembro, quedará redactado do seguinte modo:

«Artigo 3º.-Actuacións.

As axudas ós concellos previstas no presente decreto deberán destinarse a algunha das seguintes actuacións:

I. Actuacións en infravivendas ou terreos propiedade dos afectados.

A) Rehabilitación da infravivenda.

Comprende actuacións en cubertas, fachadas e carpinterías exteriores así como as dirixidas a garanti-las condicións hixiénico-sanitarias e de habitabilidade e as obras de acondicionamento térmico, illamentos e estanqueidade da vivenda, mellora das instalacións eléctricas, acabamentos interiores e adaptación da vivenda para uso de minusválidos.

B) Reconstrucción da infravivenda.

Comprende as actuacións de reestructuración interior e baleirados totais con mantemento de fachadas,

as reconstruccións integrais e as ampliacións do volume de edificación.

C) Nova construcción de vivenda unifamiliar.

Comprende a construcción de vivenda nova unifamiliar con destino a realoxamento da familia que habita na infravivenda non susceptible dalgunha das actuacións precedentes.

Poderase adoptar para estas actuacións de nova construcción algún dos proxectos básicos incluídos no catálogo creado pola disposición adicional primeira do Decreto 107/1992, do 30 de abril.

II. Actuacións en edificacións ou terreos do concello.

D) Acondicionamento de edificacións do concello para o seu uso como vivendas.

Comprende as actuacións de rehabilitación e acondicionamento de edificacións dos concellos co fin de adaptalas para aloxamento das familias que habitan en infravivendas non susceptibles dalgunha das actuacións precedentes.

E) Nova construcción de vivendas.

Comprende a construcción de vivendas novas con destino a realoxamento das familias que habitan en infravivendas non susceptibles dalgunha das actuacións precedentes.

III. Requisitos das actuacións.

Tódalas actuacións se axustarán ó planeamento vixente e deberán ser coherentes coa tipoloxía tradicional da zona, e adecuadas ó medio e á paisaxe.

As actuacións deberán cumpri-la normativa vixente en materia de habitabilidade, e especificamente as esixencias derivadas do Decreto 311/1992, do 12 de novembro.

Deberán así mesmo mante-las características tipolóxicas valiosas da edificación primitiva conservando os elementos que o merezan polo seu valor artístico, histórico, arquitectónico ou da tipoloxía tradicional se os houbera.»

2. O artigo 5º.1 do Decreto 343/1992, do 26 de novembro, quedará redactado do seguinte modo:

«1. Memoria para cada unha das infravivendas obxecto das actuacións composta por:

1.1. Impreso, que será regulado por orde da Consellería de Política Territorial Obras Públicas e Vivenda cos datos da unidade familiar e da infravivenda, asinado necesariamente polo cabeza de familia e, se é o caso, polo propietario do inmoble, membro da unidade familiar.

1.2. Informe social sobre a composición, idades, situación económica, de saúde, cultural e de integración social da unidade familiar, con xustificación da necesidade e do axeitado das solucións propostas.

1.3. Informe sobre a infravivenda que ocupa a familia afectada, asinado polo técnico competente, relativo á súa localización, características e estado de deterioración, con reportaxe fotográfica en cor da edificación e xustificación da necesidade e idoneidade das actuacións propostas.

1.4. Proxecto técnico con memoria das actuacións propostas de entre as consideradas no artigo 3º da presente disposición, orzamento de execución material e calendario de execución.

1.5. Informe do técnico municipal de que as actuacións propostas cumpren os requisitos de planeamento, tipoloxía, habitabilidade e conservación do patrimonio esixidos no Art. 3.III do presente decreto.»

3. O artigo 6º.2. do Decreto 343/1992, do 26 de novembro, quedará redactado do seguinte modo:

2. O prazo máximo para a realización das obras será de 1 ano para as actuacións de rehabilitación comprendidas no apartado I.A do artigo 3º da presente disposición e de 2 anos para as restantes actuacións.

Excepcionalmente, por petición motivada do concello, poderase prorroga-lo dito prazo.»

4. O artigo 7º do Decreto 343/1992, do 26 de novembro, complétase co seguinte apartado 3:

«3. Será motivo de denegación da aprobación final do expediente non executa-las obras aprobadas inicialmente dentro do prazo concedido para o efecto, así como non executalas segundo o proxecto aprobado.»

5. O artigo 9º do Decreto 343/1992 do 26 de novembro quedará redactado do seguinte modo:

«Artigo 9º

O incumprimento das obrigas do artigo anterior determinará a devolución por parte da entidade local dos recursos aportados polo IGVS.»

Disposicións adicionais

Primeira.-O prazo de presentación de solicitudes determinarase por orde da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda que será publicada no Diario Oficial de Galicia.

Segunda.-Facúltase o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda para determinar por orde, dentro dos límites da consignación orzamentaria de cada exercicio, a cantidade máxima que se concederá en concepto de subvencións para cada concello.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas as disposicións de igual ou inferior categoría que contradigan o disposto na presente norma.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezasete de maio de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda

3908