Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Venres, 24 de maio de 1996 Páx. 4.871

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 185/1996, do 2 de maio, polo que se declara a urxente ocupación de bens e dereitos co obxecto de impoñe-la servidume de paso para o establecemento e conservación da liña eléctrica a 20 kV Revolta-Castrelo, no concello de Ribadumia (Pontevedra) (expediente 9/1995 A.T.).

Unión Eléctrica Fenosa, S.A., con domicilio para efectos de notificación na r/ Fernando Macías nº 2 da Coruña, solicitou da Consellería de Industria e Comercio a concesión dos beneficios de expropiación forzosa e a declaración de urxente ocupación dos terreos afectados pola execución do proxecto de construcción da liña eléctrica aérea a 20 kV de 2.305 m de lonxitude, conductor LA-110, apoios de formigón e metálicos e tomas de terra, con orixe no apoio nº 8 da L.M.T. Sub. Cambados-Barrantes ata o apoio nº 10 da L.M.T. Vilalonga-Vilagarcía, percorrendo terreos do termo municipal de Ribadumia (Pontevedra) (expediente nº. 9/1995-A.T.).

A dita instalación foi autorizada, declarada en concreto de utilidade pública, e aprobado o seu proxecto de execución, por resolución da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Pontevedra do 10-4-1995, que foi obxecto de publicación inseríndose no DOG do 4-7-1995, no BOP de Pontevedra do 29-5-1995, e no BOE do 1-7-1995.

A solicitude de urxente ocupación fíxose de acordo co disposto no artigo 31 do regulamento que desenvolve a Lei 10/1966, do 18 de marzo, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, aplicable ó presente expediente en virtude do establecido pola disposición transitoria primeira da Lei 40/1994, do 30 de decembro, de ordenación do sistema eléctrico nacional.

Os anuncios de información pública aberta en función desta petición, coa relación de interesados, bens e dereitos afectados, publicáronse no xornal Diario de Pontevedra do 17-12-1995, no BOP de Pontevedra do 12-12-1995, no DOG do 12-12-1995, e nos taboleiros de anuncios da Casa do Concello de Ribadumia e nos da delegación provincial referida; ó mesmo tempo na forma regulamentaria notificouse individualmente a cada un dos interesados que figuran na dita relación, agás ós propietarios dos predios nºs: 29 e 44, que por seren descoñecidos, déuselle traslado das actuacións practicadas ó Ministerio Fiscal, segundo o artigo 5 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954.

A tramitación do expediente fíxose de acordo coa Lei 10/1966, do 18 de marzo, e co seu regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 2619/1966, do 20 de outubro; durante o período no que se someteu a trámite de información pública non se formularon alegacións nin se produciu incidente de ningún tipo.

Unha vez efectuada, por técnicos da Delegación Provincial de Pontevedra, a inspección sobre o terreo seguindo o trazado aprobado para a instalación desta liña, púidose comprobar que nos bens afectados sobre os que se solicitan os beneficios de expropiación, para os efectos da imposición de servidume, non se dan os supostos prohibitivos previstos nos artigos 6 de Lei 10/1966, do 18 de marzo, e 25 de Decreto 2619/1966, nin lles son de aplicación as limitacións do artigo 26 do dito decreto.

Estímase xustificada a urxente ocupación solicitada pola compañía Unión Eléctrica Fenosa, S.A., xa que con esta liña preténdese amplía-las redes de distribución de enerxía, para mellora-la subministración eléctrica nos sectores de establecemento das instalacións e poder garantí-las máximas condicións de seguridade da subministración nas ditas zonas, atendendo as constantes reclamacións polo mal servicio no sector e debido a que a imposición da servidume de paso, polo procedemento ordinario, faría imposible cumpri-los prazos previstos para esta instalación.

Na súa virtude, e por proposta do conselleiro de Industria e Comercio, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dous de maio de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo único.-Para os efectos previstos na Lei 10/1966, do 18 de marzo, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, e no seu regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, declárase urxente a ocupación de terreos e bens gravados coa servidume de paso imposta co alcance previsto no artigo 4 da citada lei, para realiza-la instalación proxectada e proposta por Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., da liña eléctrica aérea a 20 kV Revolta-Castrelo.

Os bens e dereitos a que afecta esta disposición sitúanse no termo municipal de Ribadumia (Pontevedra), e son tódolos que figuran na relación presentada pola empresa solicitante dos beneficios de expropiación, que consta no expediente, o cal se someteu a información pública na forma e datas anteriormente descritas.

Santiago de Compostela, dous de maio de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

3770