Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Martes, 21 de maio de 1996 Páx. 4.731

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 176/1996, do 17 de maio, polo que se regula a acreditación para o exercicio da dirección nos centros docentes públicos nos que se impartan ensinanzas non universitarias.

A Lei orgánica 9/1995, do 20 de novembro, da participación, a avaliación e o goberno dos centros docentes, modifica a Lei orgánica 8/1985, do 3 de outubro, do dereito á educación, en aspectos relacionados co sistema para a elección de director de centros docentes públicos, establecendo ademais, como aspecto máis novidoso, a esixencia dunha acreditación específica ós que desexen ser candidatos á dirección.

Para facilita-la posta en marcha do novo sistema, a citada Lei orgánica 9/1995 prevé que, baixo certas condicións, poidan obte-la acreditación os profesores que xa desempeñaran cargos de director, xefe de estudios ou secretario. Así mesmo permite transitoriamente considera-la posesión de certos méritos, que garantan a preparación para o desempeño da función directiva, equivalente á formación previa que se establece como un dos requisitos fundamentais para acada-la acreditación para o exercicio da dirección.

O artigo 19.2º da Lei orgánica 9/1995 habilita para que as administracións educativas determinen as condicións de aplicación dos requisitos para acada-la acreditación para o exercicio da dirección, así como para establece-los criterios obxectivos e o procedemento que presidirán a valoración requirida para tal acreditación.

Pola súa parte, o artigo 31 do Estatuto de autonomía para Galicia establece a competencia plena desta Comunidade para o regulamento e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias, sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que o desenvolvan.

Cómpre, pois, sobre a base do disposto no artigo 19.2º e nas disposicións derradeiras cuarta e quinta da citada Lei orgánica 9/1995, desenvolve-las condicións, os criterios e o procedemento para a acreditación de referencia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, consultado o Consello Escolar de Galicia, oído o Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezasete de maio de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Finalidade.

O presente decreto ten por obxecto determina-los requisitos e o procedemento para obte-la acreditación para o desempeño do cargo de director de cen

tros docentes públicos, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, polos funcionarios docentes que pertenzan ós corpos ou escalas ós que se refire a Lei orgánica 1/1990, do 4 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, e para os efectos previstos na Lei orgánica 9/1995, do 20 de novembro, da participación, a avaliación e o goberno dos centros docentes, sen prexuízo do establecido na disposición transitoria primeira deste decreto.

Artigo 2º.-Efectos da acreditación.

1. A posesión da acreditación para o exercicio da dirección será requisito imprescindible para ser candidato a director nos centros docentes públicos que impartan ensinanzas non universitarias. Así mesmo permitirá que o interesado poida ser designado como director nos termos establecidos no artigo 20 da Lei orgánica 9/1995.

2. A acreditación dun funcionario docente para o exercicio da dirección reflectirase no expediente persoal do interesado. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria expedirá a través das delegacións provinciais un documento, que se axustará ó modelo recollido no anexo I deste decreto, no que se farán consta-las condicións polas que o interesado acadou a acreditación para o exercicio da dirección.

3. A avaliación negativa do director ó final do seu mandato determinará a necesidade de obter nova acreditación para os que desexen ser candidatos á dirección.

Neste caso só será necesario o requisito da avaliación positiva prevista no apartado b) do citado artigo.

Artigo 3º.-Condicións para acada-la acreditación.

1. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria fará convocatorias periódicas para que os profesores, que pertenzan ós corpos ou escalas docentes de ensinanzas non universitarias, que o soliciten e cumpran as condicións que se establecen neste artigo poidan acada-la acreditación para o exercicio da dirección, para os efectos previstos na Lei orgánica 9/1995, do 20 novembro, da participación, a avaliación e o goberno dos centros docentes.

2. Os requisitos que deben reuni-los profesores para acada-la acreditación para o exercicio da dirección son os seguintes:

a) Ter superados os cursos de formación que se indican no artigo 4º ou posuír algunha das titulacións recollidas no anexo II deste decreto.

b) Ter valoración positiva do traballo previo desenvolvido nos termos establecidos no artigo 5º do presente decreto.

Artigo 4º.-Actividades de formación.

1. Periodicamente a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, ben directamente, ben mediante convenios de colaboración coas universidades ou outras entidades, programará cursos de formación para o exercicio da función directiva de centros docentes non universitarios, coa finalidade de facilitarlles ós profesores que o desexen a formación esixida para obte-la acreditación para o exercicio da dirección.

2. Malia o anterior, para os efectos previstos no apartado a) do artigo 3.2º deste decreto, consideraranse válidas as actividades de formación que reúnan os seguintes requisitos:

a) Ter unha duración mínima de 70 horas.

b) Incorporar no seu contido os aspectos fundamentais do sistema educativo, da organización e funcionamento dos centros educativos, das funcións que deben desempeñar neles os equipos directivos e do papel do director.

c) Estar organizadas por calquera Administración educativa con competencias plenas en materia de educación, ben directamente, ben mediante convenios de colaboración coas universidades ou outras entidades.

Artigo 5º.-Valoración do traballo desenvolvido.

1. A valoración mencionada no apartado b) do punto 2 do artigo 3º deste decreto farase tendo en conta a práctica docente do candidato e o traballo desenvolvido por el no exercicio de cargos correspondentes ós órganos unipersoais de goberno ós que se refire o artigo 9º da Lei orgánica 9/1995, que desempeñase, se é o caso.

2. A valoración do labor docente recollerá, ademais da docencia directa nas aulas, as actividades relacionadas con ela e as iniciativas para mellora-la práctica docente, así como aquelas actuacións de carácter xeral relacionadas coa coordinación pedagóxica, a participación na vida do centro e a atención ó alumnado e, se é o caso, ás súas familias.

3. A valoración do traballo desenvolvido no exercicio de cargos correspondentes ós órganos unipersoais de goberno considerará, tendo en conta as competencias establecidas e as características e o contexto socio-educativo do centro, a eficacia na organización e xestión dos recursos, a participación na elaboración e posta en práctica das liñas educativas do centro, así como as iniciativas adoptadas que contribúan á mellora da calidade do ensino impartido no centro.

4. A valoración a que se refiren os puntos 2 e 3 anteriores será responsabilidade da inspección educativa e deberá ter en conta: no caso do traballo desenvolvido no exercicio de cargos, a información que proporcione o director do centro salvo que sexa o mesmo o interesado, e a que proporcione a comunidade educativa e, no caso da valoración da práctica docente, ademais os informes do xefe de estudios e do xefe do departamento correspondente. Así mesmo terase en conta a información proporcionada polo propio interesado. O proceso de valoración incluirá a visita dun inspector ás clases impartidas polo candidato e unha entrevista con el.

5. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá establecer que o requisito de formación sexa condición necesaria para a valoración a que se refire este artigo.

Artigo 6º.-Indicadores para a valoración.

1. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria desenvolverá os diversos aspectos obxecto de valoración sinalados no artigo 5º deste decreto

e establecerá indicadores sobre eles. Igualmente fixará os procedementos axeitados para facilita-la homologación do proceso de valoración. Tanto os indicadores que se vaian empregar como os procedementos serán coñecidos polos interesados antes de iniciarse o proceso de valoración.

2. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria determinará en que casos se considerarán válidas, para os efectos establecidos neste decreto, as valoracións da práctica docente e do desempeño de cargos directivos realizadas con finalidade diferente á acreditación para o exercicio da dirección.

3. O procedemento que se estableza deberá garantir en todo momento a transparencia e obxectividade do proceso e a súa publicidade, así como prever un sistema de reclamación.

Artigo 7º.-Comisión de acreditación.

1. As acreditacións para o exercicio da dirección serán expedidas polas delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Para tales efectos constituirase en cada provincia unha comisión de acreditación, designada polo delegado provincial, que estará composta por:

-O/A inspector/a xefe do Servicio da Inspección Educativa da respectiva provincia, que actuará como presidente.

-Dous inspectores do Servicio da Inspección Educativa da mesma provincia.

-Dous directores de centros públicos docentes da Comunidade Autónoma de Galicia de entre os acreditados para este cargo e que foran elixidos polos respectivos consellos escolares de centro.

2. A comisión de acreditación terá as seguintes funcións:

a) Solicitará da Inspección de Educación a valoración dos candidatos a que fai referencia o artigo 5º deste decreto.

b) Comprobará que os aspirantes reúnen os requisitos de formación indicados no parágrafo a) do artigo 3º.2 deste decreto.

c) Fará pública unha resolución provisional coa relación de candidatos acreditados.

d) Resolverá en primeira instancia as reclamacións á resolución provisional.

e) Elevará, unha vez resoltas as reclamacións a que se refire o apartado anterior, ó respectivo delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a resolución definitiva coa relación de candidatos acreditados.

f) Cantas outras funcións lle encomenden as respectivas convocatorias.

3. Contra as resolucións da comisión de acreditación poderase recorrrer ante o delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, cos requisitos sinalados nos artigos 114 a 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. A resolución do delegado provincial esgotará a vía administrativa.

Disposición adicional

Única.-Acreditacións expedidas por outras administracións educativas.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria establecerá en que casos e con que condicións serán recoñecidas, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, as acreditacións para o exercicio da dirección expedidas por outras administracións educativas. Para estes efectos terase en conta que as condicións esixidas para a obtención da citada acreditación sexan similares ás que se establecen neste decreto.

Disposicións transitorias

Primeira.-Acreditación de profesores con experiencia na función directiva.

De acordo co establecido na disposición transitoria terceira.1 da Lei orgánica 9/1995, os funcionarios docentes dos corpos ós que se refire esta norma serán acreditados para o exercicio da dirección, da forma que determine a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, sempre que exerceran os cargos de director, xefe de estudios ou secretario durante catro anos cando menos. Para estes efectos será acumulable o exercicio dos citados cargos, independentemente dos cargos desempeñados, por anos completos, entendendo por ano completo o exercicio do cargo durante un período ininterrompido de nove meses. Así mesmo, para os efectos anteriores, considerarase o exercicio dos cargos actuais ata o 30 de xuño de 1996.

Segunda.-Equivalencia dos programas de formación.

En aplicación do apartado 2 da disposición transitoria terceira da Lei orgánica 9/1995, nos dous anos seguintes á entrada en vigor desta lei, a posesión dos méritos que se indican no anexo III será equivalente ós programas de formación ós que se refire o artigo 4º deste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Desenvolvemento.

Autorízase a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para dictar cantas disposicións sexan precisas para a execución e desenvolvemento do establecido neste decreto.

Segunda.-Entrada en vigor.

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezasete de maio de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I

Don/dona

funcionario/a do corpo de

con número de rexistro de persoal

Obtivo a

ACREDITACIÓN PARA O EXERCICIO DA DIRECCIÓN

de conformidade co establecido no Decreto,

por reuni-las condicións seguintes:

Esta acreditación faculta o seu titular para o exercicio da dirección de centros docentes públicos que impartan ensinanzas establecidas na Lei orgánica 1/1990, de ordenación xeral do sistema educativo, de acordo co establecido nos artigos 18 e 20 da Lei orgánica 9/1995, do 20 de novembro, da participación, a avaliación e o goberno dos centros docentes.

, .......... de de........

O/A delegado/a provincial

ANEXO II

TITULACIÓNS QUE RATIFICAN O CUMPRIMENTO DO REQUISITO a) DO ARTIGO 3.2º

a) Licenciado en pedagoxía.

b) Doctores, licenciados ou diplomados que teñan cursado, alomenos, 12 créditos relacionados coa organización e xestión de centros educativos ou coa Administración educativa.

c) Títulos de posgrao de duración e contidos que se axusten ó establecido no artigo 4º.

As titulacións reseñadas nos parágrafos b) e c) deberán ser valoradas pola comisión de acreditación establecida no artigo 7º.

ANEXO III

MÉRITOS EQUIVALENTES Á FORMACIÓN, DE ACORDO COA DISPOSICIÓN TRANSITORIA TERCEIRA APARTADO 2, DA LEI ORGÁNICA 9/1995, NOS DOUS ANOS POSTERIORES Á SÚA ENTRADA EN VIGOR

1. Ter pertencido ó corpo de directores escolares.

2. Actividades de formación realizadas con anterioridade.

a) Cursos de formación dirixidos a equipos directivos organizados pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria desde o curso 1990/91 ata decembro de 1995.

b) Actividades de formación organizadas polo Ministerio de Educación e Ciencia ou polas administracións educativas con competencias plenas en educación desde o curso 1989/90 ata o curso 1995/96, e dunha duración e contido que se axusten ó establecido no artigo 4.2º do presente decreto.

c) Programas de formación organizados polas universidades ou por outros institucións e homologados pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, cunha duración mínima de 50 horas e cun contido que poida considerarse equivalente ós do apartado a).

A valoración dos méritos incluídos neste apartado será realizada pola comisión provincial de acreditación.

3. Experiencia na organización e xestión de centros docentes ou na Administración educativa. Considerarase que cumpren este requisito os profesores que alcancen unha puntuación de oito puntos ó ser aplicado o seguinte baremo:

a) Por cada ano como director, xefe de estudios ou secretario dun centro público, inspector, director dun centro de formación continuada do profesorado ou nun posto de traballo da Administración educativa de nivel 26 ou superior: tres puntos.

b) Por cada ano como vicedirector, administrador, director de sección filial, director-xefe de estudios de sección delegada; director, xefe de estudios ou secretario dos colexios municipais homologados; xerente de centros residenciais docentes; xefe de departamento de orientación, membros dos EPSAS, profesores adscritos á Administración educativa con funcións técnicas en programas educativos, formación do profesorado, ordenación, innovación e planificación escolar, ou asesor técnico pedagóxico en centros de formación continuada do profesorado, centros de recursos e monitores de programa NMai: dous puntos.

c) Por cada ano como vicesecretario: 0,5 puntos.

As fraccións do ano no exercicio dos ditos cargos valoraranse unicamente nos apartados a) e b) a razón de 0,25 e 0,1 puntos cada mes, respectivamente.

4. Outras características da traxectoria profesional. De forma excepcional, poderá considerarse equivalente á formación a traxectoria profesional dun profesor, cando se dean nela unha das circunstancias seguintes ou ben as dúas:

a) A publicación de traballos e a realización de investigacións relacionadas coa organización e xestión dos centros docentes.

b) A dirección, coordinación e impartición de cursos e outras actividades de formación relacionadas coa organización e xestión de centros docentes.

A valoración dos méritos incluídos neste apartado será realizada pola comisión de acreditación.

3629