Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 94 Martes, 14 de maio de 1996 Páx. 4.541

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

DECRETO 161/1996, do 25 de abril, polo que se modifican determinados preceptos do Decreto 200/1993, do 29 de xullo, de ordenación da atención primaria na Comunidade Autónoma de Galicia.

O Decreto 200/1993, do 29 de xullo, de ordenación da atención primaria na Comunidade Autónoma de Galicia, prevé nas súas disposicións transitorias unha serie de mecanismos para a integración do persoal no novo sistema de atención primaria da Comunidade Autónoma.

Na aplicación das ditas medidas xurdiron problemas de índole técnico-xurídico que aconsellan a modificación parcial dalgunha das previsións inicialmente establecidas.

Polo demais, aprovéitase esta modificación para preve-lo establecemento dun réxime específico para determina-lo ámbito funcional e territorial das prazas de matronas de atención primaria do Servicio Galego de Saúde, así como para fixar con precisión a integración no novo sistema e a participación posterior nos procedementos de provisión de postos de traballo.

Na súa virtude, e logo da negociación coas organizacións sindicais presentes na Mesa Sectorial de Negociación do persoal sanitario ó servicio da Comunidade Autónoma, por proposta da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e logo do informe das consellerías da Presidencia e Administración Pública e Econo.mía e Facenda, trala deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintecinco de abril de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º.

Queda derrogada a disposición transitoria primeira do Decreto 200/1993, do 29 de xullo.

Artigo 2º.

1. O apartado 1 da disposición transitoria segunda, que pasa a se-la disposición transitoria primeira, queda redactado da seguinte forma:

«Con anterioridade á convocatoria dos procesos de provisión e selección para a cobertura de postos de traballo vacantes, a tódolos propietarios de prazas das categorías que a continuación se relacionan ofreceráselle-la posibilidade de integrarse no novo sistema de atención primaria:

-Corpo facultativo superior da Xunta de Galicia, escala de atención primaria e especializada, subescala de atención primaria, clase de médicos titulares.

-Médicos estatutarios de zona.

-Médicos xerais dos servicios normais e especiais de urxencias.

-Pediatras estatutarios de zona.

-Odóntologos de cota.

-Corpo facultativo de grao medio da Xunta de Galicia, escala de atención primaria e especializada, subescala de atención primaria, clase de practicantes titulares.

-ATS de zona.

-ATS dos servicios normais e especiais de urxencias.

-ATS de institucións abertas.

-Fisioterapeutas de institucións abertas».

2. Igualmente, o apartado 2 da disposición transitoria segunda pasa a se-lo apartado 2 da disposición transitoria primeira. O apartado 4, parágrafo 1º da devandita disposición queda redactado do xeito seguinte:

«Os profesionais que opten por non integrarse no novo sistema conservarán os seus dereitos individuais e económicos adquiridos, así como as obrigas inherentes á praza que ocupan, dependendo funcionalmente do xefe de servicio correspondente. En todo caso poderán participar nos concursos anuais a que se refire a disposición adicional, logo da aceptación da oferta de integración. De non opter praza no referido concurso, manterán o réxime xurídico e retributivo anterior ata a constitución da correspondente unidade de atención primaria».

Así mesmo, os apartados 3 e 4 da disposición transitoria segunda pasan a se-los apartados 3 e 4 da disposición transitoria primeira.

Artigo 4º

As disposicións transitorias terceira e cuarta pasan a ser, respectivamente, as disposicións transitorias segunda e terceira.

Artigo 5º

Engádese un parágrafo ó final da disposición transitoria segunda, conforme a numeración establecida no artigo anterior, que queda redactado da forma seguinte:

«O establecido na presente disposición transitoria enténdese sen prexuízo do previsto na disposición transitoria segunda da Lei 17/1989, do 23 de outubro, de creación de escalas de persoal sanitario ó servicio da Comunidade Autónoma. Para tal efecto e con independencia do grao de desenvolvemento en que se encontre o novo sistema de atención primaria deseñado polo presente decreto, levaranse a cabo as previsións da dita lei, para a garanti-la posibilidade de acceder á condición de funcionario, estrictamente, ó persoal comprendido no ámbito de aplicación da súa disposición transitoria segunda».

Artigo 6º

Engádese unha nova disposición transitoria cuarta, que queda redactada na forma seguinte:

«1. O Consello da Xunta de Galicia regulará o réxime xurídico das prazas de enfermería obstétrico-xinecolóxicas (matronas) no ámbito da atención primaria da saúde, determinando os ámbitos funcional e territorial propios da súa prestación de servicios e incluíndo na dita regulación ós postos de traballo actualmente pertencentes ó corpo facultativo de grao medio da Xunta de Galicia, escala de atención primaria e especializada, subescala de atención primaria, clase de matronas titulares.

2. Con posterioridade á citada reestructuración e ofertándose os postos de traballo resultantes dela, realizarase o concurso previsto na disposición transitoria quinta da Lei 17/1989, do 23 de outubro».

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintecinco de abril de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Manuel Romay Beccaría

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

3476