Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Luns, 13 de maio de 1996 Páx. 4.469

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 2 de febreiro de 1996, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se ratifica os estatutos da Federación Galega de Caza.

Visto os estatutos da Federación Deportiva Galega de Caza e a acta de aprobación da súa asamblea xeral extraordinaria de 23-12-1995.

Visto o informe da sección de Rexistro de Clubs e Asuntos Xurídicos, a Orde do 28 de xullo de 1995 de desenvolvemento do Decreto 228/1994, do 14

de xullo, regulador das federacións deportivas galegas, a Lei 10/1990, xeral do deporte e demais normativa aplicable,

RESOLVO:

Ratificar con efectos desde a aprobación da súa asamblea os estatutos aprobados de conformidade co artigo 8 da Orde do 28 de xullo de 1995 e autorizar a publicación dos estatutos no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 1996.

Eduardo Lamas Sánchez

Secretario xeral para o Deporte

Estatutos da Federación Galega de Caza

TÍTULO I

Denominación, domicilio, obxecto e natureza

Capítulo I

Principios xerais

Artigo 1º

A Federación Galega de Caza (en adiante FGC) é unha entidade deportiva de dereito privado que agrupa con carácter obrigatorio ós deportistas profesionais ou afeccionados, xuíces e árbitros, ás sociedades ou asociacións, clubs ou agrupacións dedicadas á práctica do deporte da caza ou actividades que con ela se relacionen, asumindo, deacordo coas disposicións legais vixentes, a dirección técnico-deportiva das actividades cinexéticas nos seus aspectos deportivos en xeral de caza maior e menor, caza con arco, competicións de caza menor con can, caza San Huberto, cans de caza en campo (cans de parada, cans de rastro), pombas a brazo, cetrería, paxarís, percorridos de caza, tiro de caza lanzada, raposo, arceas, caza fotográfica e vídeo, ou outras modalidades de práctica cinexética existentes ou que se poidan crear, conforme o disposto na lexislación vixente, nos presentes estatutos, e nos regulamentos da Federación Española de Caza.

Ademais das competencias que lle son propias, exerce, por delegación, funcións públicas de carácter administrativo, actuando como axente colaborador da Administración pública.

Artigo 2º

1. A FGC goza para o cumprimento dos seus fins de personalidade xurídica propia e independente dos que a integran, e plena capacidade de obrar, e atópase constituída de acordo co decreto da Xunta de Galicia 228/1994, do 14 de xullo, regulado pola Orde 28-7-1995 da Consellería de Presidencia e Administración Pública, rexéndose polos presentes estatutos e normativa emanada da Xunta de Galicia. Son de aplicación supletoria os estatutos da Federación Española de Caza e as normas estatais.

2. A FGC como federación deportiva está declarada de utilidade pública, o que comporta o recoñecemento dos beneficios que o ordenamento xurídico outorga con carácter xeral a esas entidades, e mais especificamente os recoñecidos a nesta na Lei do deporte e Decreto 14-6-1994, de dederacións deportivas galegas.

3. A FGC non tolerará discriminación ningunha, xa sexa política, racial ou relixiosa, nin tolerará inxerencias de tal carácter no ámbito do seu cumprimento.

4. É o único organismo competente para emitir calquera documento acreditativo da condición deportiva dos cazadores, ou colectivos destes, no territorio da Comunidade Autónoma galega, mediante a emisión e entrega do pertinente título, consistente actualmente na licencia federativa de caza, e do que deberán proverse necesariamente as persoas ou entidades mencionadas no artigo 1º deste estatuto.

Artigo 3º

O domicilio da FGC establécese en Santiago de Compostela (A Coruña), rúa do Hórreo nº 94 1º B, e poderá ser cambiado de localidade ou provincia, dentro do ámbito da Comunidade Autónoma, por acordo dos dous tercios dos membros asistentes á asemblea xeral, logo de proposta da comisión delegada.

A comisión delegada, por maioría dos seus membros, e cando as circunstancias o aconsellen, poderá acorda-lo cambio do domicilio social dentro da mesma localidade.

Artigo 4º

1. A FGC é o único órgano lexitimado para representar en materia de caza á Comunidade Autónoma galega na esfera das súas competencias e poderá afiliarse e/ou colaborar con outras entidades cinexéticas estatais ou internacionais, sen prexuízo do disposto no Decreto 228/1994, do 14 de xullo, da Consellería da Presidencia e Administración Pública da Xunta de Galicia ou outras disposicións vixentes.

2. Do mesmo xeito, poderá colaborar na forma que estime conveniente con outras federacións, así como con outros centros, organismos, ou asociacións públicas ou privadas, na esfera das súas competencias

3. A FGC está integrada dentro da Federación Española de Caza.

Capítulo II

Funcións e competencias

Funcións públicas de carácter administrativo

Artigo 5º

A FGC, baixo a coordinación e tutela da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, exercerá as seguintes funcións públicas de carácter administrativo:

a) Promoción e divulgación do deporte da caza en tódalas súas facetas.

b) Orienta-los ós deportistas á práctica do deporte da caza, mediante os oportunos cursos de iniciación, formación e perfeccionamento.

c) Apoiar técnica e administrativamente a práctica do deporte da caza, velando ante os organismos competentes polo apoio a esta modalidade deportiva dentro de Galicia.

d) Cualificar e organiza-las actividades e competicións deportivas oficiais de ámbito autonómico galego.

e) Exerce-la potestade desciplinaria sobre os integrantes da federación nos termos previstos pola lei.

f) Exerce-lo control das subvencións que se lles asignen ás asociacións e entidades deportivas nas condicións que fixe a Secretaría Xeral para o Deporte.

g) Executar, se é o caso, as resolucións do Comité Galego de Disciplina Deportiva.

h) Calquera outra que lle sexa atribuída pola lexislación vixente ou que acorde, no ámbito da súa competencia, a asemblea xeral.

Os actos realizados pola FGC no exercicio das funcións públicas de carácter administrativo son susceptibles de recurso ante o conselleiro da Presidencia e Administración Pública, as resolucións do cal esgotan a vía administrativa.

Competencias propias

Artigo 6º

Serán competencia e fins da FGC:

1. Fomentar, ordenar e inspecciona-las actividades deportivas cinexéticas en todo o territorio da Comunidade Autónoma galega, así como controla-lo desenvolvemento deportivo das asociacións de cazadores e dos seus afiliados.

2. Fomentar e colaborar na creación de sociedades ou asociacións, clubs, agrupacións deportivas de caza ou que con ela se relacionen, como medio máis eficaz para o mellor desenvolvemento da súa actividade, dictando para o efecto as normas ás que deban de axustarse.

3. Asesorar a toda clase de entidades públicas ou privadas, en canto signifiquen un perfeccionamento na práctica da caza.

4. Realizar cantas actividades estean encamiñadas á salvagarda e melloramento do medio ambiente natural, incremento da fauna e respecto polos cultivos agrícolas. Así mesmo a FGC poderá presta-la súa colaboración a cantos fins considere convenientes por afinidade do seu cometido e sen ánimo de lucro.

5. Fomenta-la educación e formación dos cazadores e gardería, a difusión da deportividade da actividade cinexética e normas que a regulan, contribuíndo ó incremento da fauna e flora autóctonas e á prevención e represión da caza furtiva.

6. Desenvolver iniciativas no campo da ecoloxía dirixidas á defensa do medio natural.

7. Coidar e defender ante a opinión pública e institucións de carácter privado ou público a figura do cazador como un amante e colaborador do medio ambiente e da natureza.

8. Promover cantas accións considere convenientes ou necesarias para a defensa tanto da caza como dos lexítimos intereses dos cazadores e das sociedades federadas.

9. Aprobar e esixi-lo cumprimento dos presentes estatutos, dos regulamentos que se dicten e das normas de goberno das organizacións aludidas no apartado segundo deste artigo.

10. Organizar e dirixir técnica e administrativamente a actividade da caza, por si ou polos seus órganos de xestión ou organismos dependentes, cantas modalidades de competición se relacionan co deporte da caza ou coa súa simple práctica, en todo tipo de competicións que se desenvolvan no ámbito e competencias da FGC, coadxuvando a que a maior deportividade e corrección impere nas actuacións dos deportistas.

11. Promove-la formación de directores de caza, técnicos, soltadores ou colombaires para a súa participación en competicións e probas deportivas ou en centros e órganos de formación dos seus afiliados.

12. Formación de xuíces e árbitros.

13. Outorgar títulos de aptitude respecto das probas deportivas de caza con arco, caza menor con can, caza San Huberto, cans de caza en campo (cans de parada, cans de rastro), pombas zuritas a brazo, cetrería, paxarís, percorridos de caza, tiro de caza lanzada, raposo, arceas, caza fotográfica e vídeo, e demais competicións deportivo-cinexéticas que se creen, e expedi-las oportunas certificacións en materia das súas competencias.

14. Resolver cantas cuestións sexan da súa competencia e se sometan á súa consideración, emitindo dictames e informes a petición doutras entidades, centros ou organismos.

15. Representa-los seus afiliados ante centros ou organismos galegos, estatais e internacionais, relacionados co deporte da caza, así como proporlles ós ditos órganos as medidas convenientes para a conservación das especies silvestres e para a defensa dos lexítimos intereses dos cazadores. Ademais ostentará na Comunidade Autónoma galega a representación da Federación Española de Caza e a execución de competencias estatais por expresa delegación desta.

16. A aplicación da desciplina deportiva a nivel autonómico.

17. A dilixencia e xestión da licencia deportiva (tanto autonómica como estatal) e a inscrición dos clubs e dos deportistas nas competicións.

18. Establecer convenios e contratos con entidades públicas e privadas.

19. A organización de calquera actividade de promoción, divulgación ou formación permanente que afecte ó interés local ou autonómico.

Capítulo III

Organización territorial

Artigo 7º

A FGC estructúrase territorialmente, de acordo coas súas características propias e co desenvolvemento deportivo, nas federacións provinciais seguintes: A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, que á súa vez poderán organizarse comarcalmente cando a asemblea xeral da FGC así o decida.

Cada federación provincial quedará integrada polas entidades deportivas, deportistas, xuíces e árbitros e outros colectivos que correspondan ó ámbito territorial provincial.

Artigo 8º

As federacións provinciais axustarán a súa actividade ás normas dictadas pola FGC a través dos órganos que correspondan, e directamente, do seu presidente.

Artigo 9º

Os presidentes provinciais nomearaos e separados polo presidente da FGC por proposta da asemblea provincial.

Unha vez nomeados pasarán a formar parte da xunta directiva da FGC.

Artigo 10º

Os presidentes provinciais exercerán as mesmas funcións establecidas para o presidente da FGC, no seu ámbito correspondente, actuando por delegación deste.

Artigo 11º

Os presidentes provinciais, para o mellor cumprimento das súas funcións, poderán designar unha xunta directiva, dándolle conta ó presidente da FGC e á asemblea provincial.

O sistema de funcionamento da xunta directiva, a súa convocatoria, validez e forma de adoptar acordos, axustarase ó establecido para a xunta directiva da FGC.

O número de membros non poderá ser exceder a 12.

Artigo 12º

Anualmente o presidente provincial, e antes da celebración da asemblea xeral da FGC, convocará os representantes das entidades deportivas provinciais co obxecto de informar sobre a actividade desenvolvida pola federación provincial, así como adoptar propostas que serán elevadas polo presidente provincial á asemblea xeral da FGC.

TÍTULO II

Órganos da Federación Galega de Caza

Capítulo I

Artigo 13º

1. Os órganos da FGC estructúranse en:

a) Órganos de goberno e representación.

1. Asemblea xeral.

2. Comisión delegada da asemblea.

3. Presidente.

b) Órganos complementarios dos de goberno e de representación da FGC:

1. Xunta directiva.

2. Comisión executiva.

3. Secretario xeral.

4. Tesoureiro.

c) Órganos técnicos e asesores da FGC:

1. Comité de disciplina deportiva.

2. Comité de xuíces e árbitros.

3. Comisión de competicións.

Artigo 14º

1. A FGC disporá ademais do persoal administrativo e de xestión que lle sexa necesario para o desempeño das súas funcións.

2. Igualmente a FGC poderá xerar cantos servicios sexan necesarios para o cumprimento dos seus fins.

Artigo 15º

De tódolos acordos dos órganos colexiados de goberno e de representación da FGC levantará acta o secretario dela, especificando o nome das persoas que interviron e das demais circunstancias que se consideren oportunas, así como o resultado da votación e, cando sexa o caso, os votos particulares e acordos adoptados.

Artigo 16º

1. Os acordos adoptados polos órganos de goberno e representación da FGC son vinculantes para tódolos membros asistentes á sesión na que se adopten.

2. Os votos contrarios ós acordos adoptados e as abstencións motivadas eximen das responsabilidades que puideran derivarse deles.

Artigo 17º

Tódolos acordos dos órganos de goberno e representación da FGC serán públicos para os membros da federación.

Artigo 18º

En xeral estarase ó disposto na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Capítulo II

Órganos de goberno e representación

A asemblea xeral

Artigo 19º

1. A asemblea xeral é o órgano superior de representación da FGC. Nel teñen representación as sociedades e clubs, os deportistas, os xuíces e árbitros, e outros colectivos que teñan dereito a formar parte dela.

2. Correspóndelle á asemblea xeral, en reunión plenaria, con carácter necesario:

a) Aprobación do orzamento anual e a súa liquidación.

b) Aprobación do calendario deportivo e das bases e regulamentos que rexerán as competicións.

c) Aprobación de regulamentos de toda índole.

d) Aprobación de modificacións dos estatutos.

e) Elección do presidente e membros da comisión delegada.

f) Moción de censura ó presidente.

g) Disolución da FGC.

h) Aprobación dos regulamentos sobre conciliación extraxudicial ou arbitraxe.

i) Aprobación do Regulamento de disciplina deportiva.

j) Aprobación, se é o caso, das propostas de gravame ou alleamento de bens inmobles da FGC.

k) Aprobación das solicitudes e contratación de préstamos.

l) Nomea-los membros do Comité de Disciplina Deportiva, a proposta da xunta directiva.

ll) Nomea-los membros do Comité de xuíces e árbitros, a proposta da xunta directiva.

m) Calquera outra competencia da federación que non lle estea expresamente atribuída polos presentes estatutos a outro órgano.

Composición da asemblea xeral

Artigo 20º

1. A asemblea xeral da FGC estará constituída polo presidente da FGC e polos representantes de tódolos estamentos que integran a dita federación.

2. O número de compoñentes da asemblea xeral da FGC será como máximo de 101 membros, na seguinte proporción:

-Asociacións deportivas de cazadores federadas: 70%

-Deportistas federados: 20%

-Xuíces e árbitros: 10%

3. A representación dos estamentos terá estructura territorial, por provincias, en proporción directa ó número de censados de cada estamento do ano inmediatamente anterior ás eleccións.

Artigo 21º

Para ser membro da asemblea xeral requírese:

1. Te-la condición de cidadán de Galicia según o Estatuto de autonomía.

2. Ser maior de idade e estar en pleno uso dos seus dereitos civís.

3. Non estar inhabilitado por sanción acordada en procedemento desciplinario deportivo.

4. Non ter sido condenado mediante sentencia penal firme que leve anexa pena principal ou accesoria de inhabilitación absoluta ou especial para cargos públicos.

5. Reuni-los requisitos específicos propios de cada estamento deportivo, a saber:

1. Sociedades: ser presidente ou representante de sociedades que figuren inscritas no rexistro correspondente da Federación Galega de Caza, e o estivesen no ano inmediatamente anterior.

2. Deportistas: que acrediten posesión da licencia federativa en vigor, e que a tiveran durante o ano inmediatamente anterior.

3. Xuíces e árbitros: que estean titulados.

Artigo 22º

Os membros da asemblea xeral cesarán por:

-Morte.

-Demisión.

-Deixar de pertencer ó estamento polo que foron elixidos.

-Incorrer en calquera das causas de inelixibilidade que se expresan no artigo anterior.

Se se produce unha vacante será cuberta polo seguinte candidato máis votado.

Artigo 23º

A convocatoria das asambleas xerais, tanto ordinarias como extraordinarias, deberá notificarse ós seus membros coa antelación de dez días acompañada da orde do día, e publicarse no taboleiro de anuncios da FGC e das federacións provinciais, salvo no caso de urxencia, en que poderá facerse cun mínimo de corenta oito horas, por calquera medio que permita ter constancia da data de recepción polos membros da asemblea.

1. A asemblea xeral convocarase, polo menos, unha vez ó ano con carácter ordinario, e antes de comeza-la tempada deportiva, para a aprobación do novo orzamento e liquidación do anterior, aprobación do calendario deportivo, e das bases ou regulamentos que rexerán a competición, e para a aprobación da memoria de actividades anuais.

2. Con carácter extraordinario poderá ser convocada, así mesmo, polo presidente, cando ó seu xuízo conveña ós intereses da FGC, ou a petición dun 25% dos seus membros e sempre que se xustifique e exprese na solicitude o seu obxecto. Presentada a solicitude de convocatoria polo número de membros suficiente, o presidente deberá de convocala necesariamente no prazo de 10 días naturais a asemblea. Desde a convocatoria ata a data de celebración da asemblea non poderán transcorrer máis de 20 días naturais.

Artigo 24º

Para a válida constitución da asemblea xeral requirirase que concorran, en primeira convocatoria, a maioría dos seus membros e en segunda convocatoria, terá lugar calquera que sexa o número de asistentes.

Entre a primeira e segunda convocatoria mediará un prazo máximo de media hora.

Artigo 25º

Os acordos da asemblea xeral adoptaranse por maioría simple dos seus membros, sendo o voto do presidente dirimente en casos de empate. Requirirase maioría absoluta para a aprobación de mocións de censura ó presidente da FGC.

Para a disolución da FGC esixirase a maioría de tres cuarto.

O voto dos membros da asemblea xeral é persoal e non delegable, agás o correspondente ás sociedades de cazadores federadas que poderan exercelo mediante o presidente ou persoa na que él delegue, sempre que non sexa membro da asemblea da federación, de acordo cos seus estatutos, con carácter expreso e escrito para cada reunión.

Artigo 26º

Co fin de garanti-lo cumprimento efectivo das funcións encomendadas a FGC, a Secretaría Xeral para o Deporte convocará a asemblea xeral ou a comisión delegada para o debate e resolución, se procede, de asuntos ou cuestións determinadas, cando aquelas non foran convocadas por quen ten a obriga estatutaria ou legal de facelo no tempo regulamentario.

Comisión delegada

Artigo 27º

A comisión delegada da asemblea xeral da FGC é un órgano colexiado de asistencia a ésta e constituída no seu seo.

A comisión delegada estará composta de 15 membros como máximo, máilo presidente da FGC. Todos eles serán representantes da asemblea xeral.

A composición por estamentos da comisión delegada será a seguinte:

-Estamento de asociacións e clubs federados 10 membros

-Estamento de deportistas 3 membros

-Estamento de xuíces e árbitros 2 membros

Artigo 28º

A comisión delegada será elixida pola asemblea xeral mediante sufraxio entre os seus membros.

Levarase a cabo tamén cada catro anos, mediante sufraxio libre, igual, directo e secreto. Poderanse cubrir vacantes, se se producen, polos candidatos máis votados nas listas abertas, e en representación de cada estamento.

Artigo 29º

Son causas de cesamento dos membros da comisión delegada, ademais da concorrencia de calquera das que leve aparellado o cesamento como membro da asemblea xeral, a demisión específica como membro deste órgano, sen renunciar á condición de membro da asemblea xeral.

Artigo 30º

O voto dentro da comisión delegada será persoal e non delegable.

Artigo 31º

A comisión delegada reunirase como mínimo unha vez cada catro meses, por proposta do presidente.

Artigo 32º

Correspóndelle á comisión delegada da asemblea xeral, con carácter necesario, coñecer e decidir sobre as seguintes materias:

a) Elaboración dun informe previo á aprobación dos orzamentos.

b) Modificación do calendario deportivo.

c) Modificación dos orzamentos.

d) Aprobación e modificación dos regulamentos.

Todas estas modificacións non poderán exceder dos límites e criterios que a asemblea xeral estableza.

A proposta sobre estas materias corresponden exclusivamente ó presidente da federación ou ós dous tercios dos membros das comisión delegada.

Son tamén funcións da comisión delegada:

-O seguimento da xestión deportiva e económica da federación, mediante a elaboración dun informe anual que presentará ante a asemblea xeral, sobre a memoria de actividades e a liquidación de orzamentos.

-Cantas lle delegue a asemblea xeral.

Artigo 33º

A convocatoria da comisión delegada correspóndelle ó presidente, que a levará a cabo por escrito dirixido ó domicilio de cada un dos seus membros, con dez días naturais de antelación como mínimo, respecto da data de celebración da reunión, salvo casos de urxencia ou necesidade debidamente xustificados en que poderá convocarse con previo aviso mínimo de 48 horas.

Na convocatoria incluirase, en todo caso, a orde do día, así como o lugar, data e hora da 1ª e 2ª convocatoria.

A orde do día poderá ser modificada no sentido de incorporar novos puntos, a petición fundada dun mínimo dun tercio da comisión delegada, e sempre que esta incorporación se solicite cunha marxe de tempo suficiente, para que poida ser notificada ós demais membros, cunha antelación mínima de 48 horas sobre a data da convocatoria.

Artigo 34º

Para que a constitución da comisión delegada sexa válida requirirase a concorrencia en primeira convocatoria da maioría dos seus membros, e en segunda convocatoria, da terceira parte dos membros. Ámbalas convocatorias estarán separadas por un máximo de media hora.

Artigo 35º

Os acordos da comisión delegada adoptaranse por maioría simple de votos.

O presidente

Artigo 36º

O presidente da FGC é o representante nato e órgano executivo dela, ostenta a súa representación legal, convoca e preside os órganos superiores e goberno, xestión e representación e executa os acordos destes, dispoñendo das mais amplas facultades para o cumprimento dos fins e propósitos da FGC.

Artigo 37º

1. O presidente, como representante da FGC, ostentará a súa dirección deportiva, económica e administrativa, de acordo co previsto nos presentes estatutos, asistido pola xunta directiva, e en especial, polo tesoureiro e secretario xeral.

2. Correspóndenlle as seguintes facultades:

a) Convocar e presidi-las reunións dos órganos colexiados da FGC, e de tódolos actos da FGC ós que asista con tal carácter.

b) Velar polo cumprimento dos acordos dos anteditos órganos superiores federativos conforme a normativa vixente.

c) O voto de calidade no caso de empate nos órganos que presida.

d) Estimular e coordina-la actuación dos distintos órganos federativos.

e) Ordenar pagamentos a nome da FGC asinando co tesoureiro ou secretario xeral os documentos para o efecto.

f) O nomeamento e cesamento dos presidentes provinciais, por proposta da asemblea provincial.

g) Conferir poderes xerais especiais a letrados, procuradores, ou calquera outra persoa mandataria para que ostente a súa representación legal, tanto en xuízo coma fóra del.

h) Sinatura de contratos e convenios.

i) Nomeamento e cesamento da xunta directiva, secretario xeral, tesoureiro, presidentes de comités, comisións, e asesores, comunicándolle á asemblea xeral os ditos nomeamentos e cesamentos.

j) Nomeamento e cesamento das persoas que teñan relación laboral coa FGC de conformidade coa lexilación vixente e logo de acordo da xunta directiva.

Artigo 38º

O presidente dirixirá os debates dos órganos colexiados da FGC como presidente deles, concedendo e retirando a palabra ós que o soliciten, limi

tando a duración das intervencións se o estimase necesario, adoptando cantas medidas fosen precisas para garanti-la boa orde das reunións, mesmo acordando a suspensión da mesma se o estimase necesario, sen prexuízo de convocar nova reunión para debate-los temas pendentes.

Artigo 39º

O mandato do presidente será de catro anos, coincidindo cos ciclos olímpicos de inverno, ó igual que a súa elección.

No caso de que, excepcionalmente, quede vacante a presidencia antes de que transcorra o prazo para o que foi elixido, considerarase demisionaria toda a xunta directiva, constituíndose a comisión delegada en comisión xestora, presidida polo membro de maior idade. Convocará a asemblea xeral, e esta acordará unha nova eleición do presidente para cubri-la vacante polo tempo que falte ata o remate do prazo correspondente ó mandato ordinario.

Artigo 40º

O cargo de presidente é incompatible con outro dentro das propias estructuras federativas territoriais galegas das entidades deportivas, sen prexuízo de conserva-la súa licencia federativa.

A persoa que resulte elixida como presidente da FGC deberá de cesar en todo tipo de actividades técnicas e directivas no deporte específico e no ámbito territorial da FGC. Non existe incompatibilidade, en ningún caso, coa práctica activa do deporte.

Artigo 41º

Para poder ser candidato a presidente ou membro da xunta directiva terán que reuni-las condicións seguintes:

a) Te-la condición política de galego, según o disposto no artigo 3º da Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril do Estatuto de autonomía de Galicia.

b) Ser maior de idade.

c) Estar en pleno uso dos dereitos civís.

d) Non ter incorrido en ningunha sanción deportiva que o inhabilite.

Artigo 42º

O presidente da FGC cesará polos motivos seguintes:

a) Expiración do termo do mandato.

b) Renuncia, demisión, morte ou incapacidade do interesado.

c) Por incorrer nalgunha das causas de inelexibilidade establecidas nos presentes estatutos.

d) Incorrer nalgunha das causas de incompatibilidade a que se fai referencia no artigo 40, cando non renuncie á actividade ou cargo incompatible

no prazo dun mes contado desde que incorra nalgunha das causas incompatibles.

e) Por aprobación da moción de censura que se regula nos presentes estatutos.

Artigo 43º

A asemblea xeral coñecerá a moción de censura presentada contra o presidente. A dita moción de censura poderá ser presentada polos membros da asemblea xeral que constitúan alomenos un 25% dela, mediante escrito presentado no rexistro da federación. Na dita petición deberá de solicitar do presidente a convocatoria dunha asemblea xeral extraordinaria coa dita moción como único punto da orde do día, así como propor un candidato alternativo á presidencia.

Para prospera-la moción de censura, deberá alcanza-la maioría absoluta dos membros que compoñen a asemblea xeral. Se prosperase, o candidato quedará investido, como presidente cun mandato por un período dun ano.

Para a convocatoria desta asemblea xeral extraordinaria observarase o disposto no establecido para a convocatoria de asembleas extraordinarias.

Esta sesión de moción de censura estará presidida polo membro de maior idade, e non será válido o voto por correo nin a asistencia por representación.

Se a moción de censura non prosperase, non poderá presentarse unha nova dentro do mesmo período de mandato, como tampouco poderá presentarse, no caso de prosperar, contra o candidato investido na dita moción polo tempo que falte para concluí-lo período ordinario.

Artigo 44º

Non poderá ser elixido presidente da FGC quen ostentara ininterrompidamente tal condición durante os tres períodos de mandato inmediatamente anteriores, calquera que fora a duración efectiva destes.

Capítulo III

Órganos complementarios da FGC

Xunta directiva

Artigo 45º

A xunta directiva é un órgano colexiado de xestión da FGC, sendo os seus membros designados e separados libremente polo seu presidente.

Artigo 46º

A composición da xunta directiva será a seguinte:

1. Presidente.

2. Vicepresidente.

3. Os catro delegados provinciais.

4. Secretario xeral.

5. Tesoureiro.

6. Un máximo de 7 vocais.

Artigo 47º

Correspóndelle ó presidente, a iniciativa propia, a convocatoria da xunta directiva, que conterá o lugar, data e hora da celebración, así como a orde do día. Deberá ser comunicada polo menos con dez días de antelación, salvo casos urxentes nos que será suficiente con corenta e oito horas.

Artigo 48º

Para a válida constitución da xunta directiva requirirase que concorran en primeira convocatoria a maioría dos seus membros e en segunda convocatoria calquera que sexa o número de membros asistentes. Será imprescindible a asistencia do presidente á reunión, salvo que delegue noutro membro da xunta. Entre a primeira e a segunda convocatoria mediará un prazo máximo de media hora.

Artigo 49º

O cargo de membro da xunta directiva será incompatible con calquera outro de análoga natureza noutra federación deportiva galega.

Artigo 50º

Os membros da xunta directiva que non sexan membros da asemblea xeral terán acceso ás sesións dela, con dereito a voz pero sen voto.

Artigo 51º

Os membros da xunta directiva cesarán por:

1. Morte.

2. Demisión.

3. Revogación do seu nomeamento polo presidente da FGC., notificando o seu cesamento á asemblea xeral.

4. Incorrer en causa de incompatibilidade cando non renuncie á actividade ou cargo incompatible.

5. Incorrer en causa de inelexibilidade.

Artigo 52º

É competencia da xunta directiva:

1. Prepara-los relatorios, propostas e documentos que lles sirvan de base á asemblea xeral e á Comisión delegada para que esta exerza as funcións que lle correspondan.

2. Fixa-la data e a orde do día da asemblea xeral e da comisión delegada.

3. Proporlle á asemblea xeral e á comisión delegada as modificacións provisionalmente adoptadas ou as que resulten convenientes do Regulamento de eleccións á asemblea xeral, á comisión delegada e á presidencia.

4. Proporlle á asemblea xeral e á comisión delegada a aprobación dos regulamentos internos da FGC, tanto técnicos como de competicións e as súas modificacións.

5. Proporlle á asemblea xeral e á comisión delegada o cambio de domicilio da FGC.

6. Colaborar co presidente na dirección económica, administrativa e deportiva da FGC, e na execución dos acordos dos demais órganos superiores colexiados de goberno e representación dela.

7. Proporlle á comisión delegada a modificación do calendario deportivo.

8. Proporlle á asemblea xeral o nomeamento do xuíz único de competición, do comité de apelación, e do comité de xuíces e árbitros.

9. Tamén, será competencia da xunta directiva a decisión e execución de cantas cuestións de interés federativo non estean especialmente reservadas a outros órganos de goberno superiores da FGC.

Comisión executiva

Artigo 53º

No seo da xunta directiva existirá unha comisión executiva para a resolución de asuntos concretos, ben sexan de trámite ou de notoria ausencia.

Estará integrada polo presidente, que o será da comisión, o vicepresidente, o tesoureiro, e o secretario xeral. Reuniranse periodicamente sen que se requira mais que a presencia de dous dos seus membros para tomar acordos, sempre que un destes sexa o presidente ou a persoa designada por el entre os seus membros.

Os acordos da comisión executiva daránselle a coñecer á xunta directiva na primeira sesión que esta celebre.

Vicepresidente

Artigo 54º

Será un membro da xunta directiva quen substituirá ó presidente con carácter provisional nos casos de ausencia, enfermidade, incompatibilidade eventual ou calquera outra causa legal e exercerá as facultades daquel nestes casos.

O secretario xeral

Artigo 55º

O secretario xeral será designado polo presidente da FGC, desempeñará as funcións que máis adiante se mencionan e as que se lle encomenden.

O nomeamento de secretario xeral deberá recaer nunha persoa que, polos seus coñecementos de organización e administración ou pola súa autoridade en materia deportiva, ofreza garantías para a súa xestión. Non poderá ser separado do seu cargo mais que por decisión do presidente, quen lle dará conta á asemblea xeral e á comisión delegada.

Artigo 56º

O cargo de secretario xeral poderá ser remunerado. Neste caso terá voz pero non voto.

O secretario da FGC non poderá desempeñar ningún cargo noutra federación deportiva, xa sexa española, territorial, ou doutra Comunidade Autónoma

ou provincial, ou en asociación ou sociedade de cazadores.

Artigo 57º

O secretario xeral asistirá e actuará como secretario en tódolos órganos colexiados da FGC, achegará documentación e información sobre asuntos que sexan obxecto de deliberación e levantará acta das sesións. Unha vez aprobas as actas, asinaraas co visto e prace do presidente e custodiará os correspondentes libros de actas.

Artigo 58º

Correspóndenlle ó secretario xeral as seguintes funcións:

1. Organiza-lo funcionamento administrativo da FGC, preparando e despachando tódolos asuntos en trámite, coidando a orde das dependencias federativas e conservación delas.

2. Actuar como secretario de tódolos órganos colexiados da FGC; como secretario das comisións actuará en todo caso, con voz e sen voto.

3. Executar por delegación do presidente os acordos dos órganos superiores de goberno da FGC, preparando as reunións, así como as das súas comisións.

4. Redactar e subscribi-las actas das reunións ás que asista en funcións de secretario, expresando nelas os acordos adoptados, ou as abstencións motivadas que eximen das responsabilidades que puideran derivarse.

5. Ostenta-la xefatura de persoal da FGC, coordinando a actuación das comisións e departamentos federativos.

6. Exercer, por delegación expresa do presidente, a inspección dos servicios da FGC, dos organismos e asociacións dela dependentes, que a mesma determine.

7. Despacha-la correspondencia oficial co coñecemento previo do presidente, conforme as instruccións que reciba.

8. Proporlle á presidencia e á xunta directiva a adquisición dos bens e a realización dos gastos que sexan precisos para atende-las necesidades administrativas da FGC.

9. Informar ó presidente do desenvolvemento dos asuntos pendentes, así como o seguimento e control deles, propoñendo as medidas que se consideren necesarias para a boa marcha da FGC.

10. Coidar da publicación anual da memoria federativa.

11. Velar pola correcta aplicación das normas que se dicten sobre a contabilidade da FGC.

12. Representar á FGC por delegación expresa e escrita do presidente ante toda clase de tribunais de carácter civil ou administrativo e en calquera instancia, así como celebrar no seu nome toda clase de contratos cos poderes e facultades que expresamente e por escrito lle outorgue notarialmente o

presidente da FGC, como representante legal dela, quedando autorizado no seu nome e representación a conceder poderes a procuradores con alcance e facultades que en dereito proceda, designar apoderados nos termos que expresamente e ante notario conceda o presidente da FGC.

13. Corresponderalle ó secretario xeral a custodia dos documentos e libros oficiais da FGC , así como o rexistro de entrada e saída de documentos e o arquivo de todos eles.

O tesoureiro

Artigo 59º

1. O tesoureiro é o órgano de xestión económica da federación, sendo designado polo presidente, e formará parte da xunta directiva.

2. Exercerá como funcións propias:

a) Leva-la contabilidade da federación.

b) Exerce-la inspección económica de tódolos órganos da federación.

c) Elaborar e presentar balances á comisión delegada do estado contable da federación.

d) Tamén, será función do tesoureiro determina-lo patrimonio da FGC, revisándoo anualmente mediante o seu correspondente inventario.

3. Para cumprir cos seus cometidos o tesoureiro contará co persoal administrativo e auxiliar da FGC, na forma que precise e proceda.

Capítulo IV

Órganos técnicos e asesores

Comité de Disciplina Deportiva

Artigo 60º

A FGC en materia de disciplina deportiva ten potestade sobre tódalas persoas que forman parte da súa estructura orgánica, as entidades deportivas e os seus deportistas, técnicos e directivos, os xuíces e árbitros, e en xeral, todas aquelas persoas e entidades que, estando federadas, desenvolvan a actividade deportiva que constitúe o seu obxecto social no ámbito territorial da Comunidade Autónoma galega.

Artigo 61º

Os órganos competentes en materia disciplinaria serán:

a) En primeira instancia, un xuíz único.

b) En segunda instancia, un comité de apelación.

Ámbolos órganos rexeranse por e aplicarán o disposto no Real decreto 1591/1992, do 23 de decembro, sobre disciplina deportiva.

Artigo 62º

Tanto o xuíz único de competición, como o comité de apelación, que estará formado por tres membros, serán nomeados pola asemblea xeral a proposta da xunta directiva da FGC.

De non seren membros da federación, desde o momento do seu nomeamento pola asemblea xeral pasarán a formar parte da FGC.

Os nomeamentos efectuados pola asemblea deberanlle ser notificados á Secretaría Xeral para o Deporte no prazo de 15 días.

Artigo 63º

A duración do cargo coincidirá co da asemblea xeral que os nomease, e durante o dito periodo só cesarán polas seguintes causas:

a) Renuncia ou demisión.

b) Falecemento.

c) Incapacidade física ou psíquica.

d) Sanción que o inhabilite para o cargo.

f) Perda da condición de membro da federación.

Artigo 64º

As resolucións dictadas polo comité de apelación dentro das súas competencias terán carácter definitivo no ámbito da federación e contra elas poderase recorrer ante o Comité Galego de Disciplina Deportiva conforme á lexislación vixente.

Comité de xuíces e árbitros

Artigo 65º

No seo da FGC constituirase un comité de xuíces ou árbitros, composto por 5 membros, elixidos pola asemblea xeral a proposta da xunta directiva, e de entre tódolos xuíces e árbitros titulados pola FGC.

Artigo 66º

Serán funcións deste comité:

a) Establece-los niveis de formación arbitral.

b) Clasificar tecnicamente, en función de criterios prefixados pola asemblea xeral ós xuíces ou árbitros, propoñendo á xunta directiva a adscrición ás categorías correspondentes. Estas clasificacións comunicaránselle á asemblea xeral.

c) Propoñe-los candidatos a xuíces ou árbitros nacionais.

d) Propoñerlle á xunta directiva as normas administrativas que regulan a arbitraxe, para a súa posterior aprobación pola asemblea xeral.

e) Designa-los colexiados nas competicións oficiais de ámbito galego.

f) Colaborar cos órganos competentes da federación na formación de xuíces e árbitros.

Comisión de competicións

Artigo 67º

De entre os deportistas das distintas modalidades deportivas tuteladas pola FGC., e por proposta da xunta directiva, o presidente da FGC nomeará a comisión de competicións, que estará integrada por sete membros.

Artigo 68º

As funcións da comisión de competición serán as seguintes:

a) Elaborar propostas sobre as normas de competicións.

b) Elaborar propostas dos calendarios de competicións anuais.

c) Elaborar informes das competicións realizadas.

TÍTULO III

Réxime electoral

Capítulo I

Os censos

Artigo 69º

Compoñerán os censos correspondentes a cada estamento electoral tódolos membros da FGC que reúnan os requisitos establecidos para cada estamento nos presentes estatutos e no Regulamento electoral.

Capítulo II

Regulamento electoral

Artigo 70º

Os procesos electorais desenvolveranse conforme o Regulamento electoral que deberá ser aprobado pola asemblea xeral, por proposta do presidente, e que regulará as seguintes cuestións:

1. Número de membros da asemblea xeral, circunscrición electoral e número de representantes que por cada circunscrición electoral corresponda a cada un dos estamentos.

2. Calendario electoral.

3. Censo electoral.

4. Composición, competencias e funcionamento da xunta electoral.

5. Requisitos para presentación e proclamación de candidatos. O prazo para a presentación de candidatos a presidente e membros da asemblea xeral non poderá ser inferior a 10 días.

6. Procedemento de resolución de conflictos, impugnacións e reclamacións así como os recursos electorais.

7. Regulación do voto por correo nas eleccións á asemblea xeral. Non se admitirá esta clase de voto nas eleccións á comisión delegada e presidente.

8. Composición, competencia, funcionamento e localización das mesas electorais.

9. Elección de presidente.

10. Elección da comisión delegada.

Capítulo III

A comisión xestora

Artigo 71º

Acordada a convocatoria de eleccións pola asemblea xeral e aprobado o Regulamento electoral, o presidente procederá no prazo sinalado nel á con

vocatoria de eleicións á asemblea xeral. A partir dese momento, a xunta directiva e o presidente constituiranse en comisión xestora, e someterán o Regulamento electoral á ratificación da Secretaría Xeral para o Deporte.

A comisión xestora garantirá a máxima difusión e publicidade das convocatorias de eleicións á asemblea xeral e presidente, así como do Regulamento electoral, coas medidas previstas nas disposicións federativas a través dun medio que permita asegura-la recepción da dita notificación. Deberá expoñerse o Regulamento electoral en cada circunscrición electoral o mesmo día da convocatoria.

A comisión xestora administrará a federación, e convocará e realizará novas eleicións no prazo máximo de tres meses no caso de que non se presentara ningunha candidatura ou non fose válida ningunha das presentadas.

Capítulo IV

Circunscrición electoral

Artigo 72º

A circunscrición electoral será provincial. A elección á asemblea xeral por estamentos será en réxime de listas abertas.

Capítulo V

Xunta electoral

Artigo 73º

1. A xunta electoral será elixida pola asemblea na que se aprobe a convocatoria de eleccións, e estará integrada por tres membros titulares e tres suplentes.

2. De entre os membros designados, o presidente será o de maior idade, actuando como secretario o de menor idade.

3. Os membros da xunta electoral non poderán figurar como candidatos á asemblea xeral e á presidencia da federación.

4. A xunta electoral controlará todo o proceso electoral e terá competencia para coñecer e resolve-las incidencias que se produzan sobre o censo electoral, presentación e proclamación de candidatos, proclamación de membros da asemblea xeral e comisión delegada e do presidente da federación, así como a decisión de calquera outra cuestión que afecte directamente á celebración das eleccións e ós seus resultados. Unha vez finalizada a votación levantará acta de votación e do reconto, e remitirá a acta á Secretaría Xeral para o Deporte no prazo máximo de tres días.

5. As decisións da xunta electoral son executivas e tomaranse por maioría de votos. En casos de empate, o voto do presidente terá carácter dirimente.

6. Unha vez concluído o proceso electoral da asemblea xeral, do presidente da federación e da comisión delegada, a xunta electoral disolverase.

Capítulo VI

Mesas electorais

Artigo 74º

Para a elección dos distintos estamentos da asemblea xeral, do presidente e da comisión delegada, constituirase unha ou varias mesas electorais na forma establecida no Regulamento electoral. Os membros destas mesas non poderán ser candidatos, axustándose no seu funcionamento ás normas que se establezan no Regulamento electoral.

Capítulo VII

Recursos

Artigo 75º

As reclamacións e impugnacións que se presenten contra calquera acto electoral dirixiranse á Xunta Electoral e contra o que ésta resolva caberá recurso ante o Comité Galego de Disciplina Deportiva. Así mesmo caberá recurso ante o Comité Galego de Desciplina Deportiva contra tódolos actos, acordos ou resolucións da xunta electoral ou calquera outro órgano ou membro da federación en materia electoral.

Capítulo VIII

Elección da asemblea xeral

Artigo 76º

1. Os membros da asemblea xeral serán elixidos cada catro anos, coincidindo cos Xogos Olímpicos de inverno, mediante sufraxio libre, secreto, igual e directo entre e polos compoñentes dos distintos estamentos da federación.

2. As eleccións á asemblea xeral serán acordadas por esta, que aprobará a convocatoria con tódolos requisitos que se establecerán no Regulamento electoral aprobado pola asemblea.

3. Acordada pola asemblea xeral a convocatoria de eleccións, o acordo será formalmente executado polo presidente da federación quen asinará a citada convocatoria.

4. Desde a convocatoria para a celebración desta asemblea xeral a xunta directiva e o presidente constituiranse en comisión xestora.

Artigo 77º

Para ser candidato a membro da asemblea xeral requírese o cumprimento dos requisitos establecidos con carácter xeral nestes estatutos.

Os requisitos esixidos para ser elector ou elixible deberán terse cumpridos no día no que se publique a convocatoria de eleccións.

Artigo 78º

As eleccións á asemblea xeral realizaranse para cada un dos postos correspondentes ós estamentos integrantes dela de acordo co previsto nestes estatutos.

Artigo 79º

Os representantes das entidades deportivas na asemblea xeral serán elixidos por e entre os representantes dos correspondentes a cada circunscrición electoral, dos que integran o censo de entidades deportivas inscritas no rexistro da Federación Galega de Caza no momento da convocatoria das eleccións e estivesen igualmente inscritos durante o ano inmediatamente anterior.

Artigo 80º

Os representantes dos deportistas na asemblea xeral serán elixidos por e entre os maiores de 18 anos correspondentes a cada circunscrición electoral, dos que teñan licencia en vigor expedida pola federación no momento da convocatoria das eleicións e tamén a tivesen durante o ano inmediatamente anterior.

Artigo 81º

Os representantes dos xuíces e árbitros na asemblea xeral serán elixidos por e entre os pertencentes a cada estamento, calquera que sexa a súa categoría, dos que teñan licencia en vigor no momento da convoctoria das eleccións e tamén a tivesen, como mínimo, durante o ano inmediatamente anterior.

Capítulo IX

Elección de presidente

Artigo 82º

Unha vez concluídas as eleccións á asemblea xeral, o presidente da comisión xestora, logo de acordo desta, procederá inmediatamente á convocatoria da dita asemblea para elixi-lo presidente e a comisión delegada da federación.

O presidente será elixido para un período de catro anos, coincidindo cos anos en que se celebren os Xogos Olímpicos de inverno, pola asemblea xeral, mediante sufraxio libre, directo, igual e secreto por tódolos membros da dita asemblea xeral, logo de presentación e aceptación das candidaturas correspondentes que deberán de estar avaladas alomenos polo 10% dos membros da asemblea xeral.

Os candidatos a presidente poderán non ser membros da asemblea xeral.

Artigo 83º

Será elixido presidente o candidato que acade a maioría absoluta dos votos emitidos. No caso de que ningún candidato obteña esta maioría procederase a unha segunda votación entre os dous candidatos máis votados, e resultará elixido o que acade a maioría de votos.

No suposto de que se presentara un só candidato, non se efectuará votación, sendo proclamado presidente o único candidato pola Secretaría Xeral para o Deporte.

Artigo 84º

A votación será libre, igual, secreta e directa, non admitíndose o voto por correo, nin por delegación das persoas físicas.

Capítulo X

Elección da comisión delegada

Artigo 85º

Na mesma asemblea xeral convocada para a eleición de presidente, e unha vez realizada esta, procederase á elección dos membros da comisión delegada da asemblea xeral.

A comisión delegada estará composta por 15 membros, mailo presidente da FGC.

Os membros da comisión delegada serán elixidos por e entre os integrantes da asemblea xeral.

Serán elixidos membros da comisión delegada os que acaden maior número de votos ata cubri-lo número de membros correspondentes á comisión delegada.

TÍTULO IV

Réxime económico

Artigo 86º

A federación está sometida ó réxime de administración, orzamento, patrimonio propio e caixa única.

O tesoureiro someterá á asemblea xeral ordinaria un balance de situación e as contas de ingresos e gastos, memoria económica, así como o orzamento para a tempada seguinte, balance e orzamento que deberá ser notificado á Secretaría Xeral para o Deporte.

Non poderá aprobarse un orzamento deficitario salvo autorización da Secretaría Xeral para o Deporte. Tampouco poderán repartirse beneficios entre os seus membros.

A FGC elaborará unha memoria que analizará fielmente actividade económica, a súa adecuada actuación orzamentaria, o cumprimento dos obxectivos e os proxectos que se van desenvolver, e informará separadamente como mínimo sobre os seguintes aspectos:

1. Diferenciación dos ingresos e achegas segundo:

a) Subvencións públicas.

b) Subvencións, donativos ou achegas privadas.

c) Vendas de activos.

d) Ingresos procedentes de competicións organizadas.

e) Ingresos por servicios prestados pola FGC: permisos, licencias, e outros.

f) Ingresos financeiros.

2. Tamén constará o destino da totalidade dos recursos, distinguindo como mínimo os grupos de custo ou investimentos seguintes:

a) Administración da federación.

b) Dirección e servicios da directiva, incluíndo viaxes.

c) Competicións.

d) Axudas a clubs e outras entidades.

e) Axudas para actos deportivos.

f) Construccións e outros inmobilizados.

g) Formación de deportistas e técnicos.

h) Deportes de élite e profesional.

i) Árbitros.

j) Órganos xurisdiccionais.

3. O importe das obrigacións de pagamento que é necesario satisfacer noutros exercicios que non estean previstos no balance.

4. O importe das garantías e os avais comprometidos.

5. A liquidación do orzamento, que explique as variacións en relación co orzamento aprobado na asemblea xeral anterior.

As contas anuais e os orzamentos estarán no domicilio social da FGC cunha antelación mínima de 15 días respecto da data de celebración da asemblea xeral, a disposición das persoas ou entidades con dereito a voto nela, as cales poderán solicitar copia, debendo entregárselle antes da celebración da asemblea.

Artigo 87º

Constitúen os ingresos da federación:

a) As subvencións ordinarias e extraordinarias da Xunta de Galicia ou as que outras entidades públicas poidan concederlle, así como as provenientes, se é o caso, da Federación Española da mesma modalidade deportiva.

b) Os bens ou dereitos que reciba por herdanza, legado ou doazón de persoas físicas ou entidades particulares así como os premios que lle sexan outorgados.

c) As cotas dos seus afiliados.

d) As sancións pecuniarias que se lles impoñan ós seus afiliados dentro do exercicio da potestade disciplinaria.

e) Os froitos, rendas e xuros dos seus bens patrimoniais.

f) Os préstamos ou créditos que se lle concedan.

g) Os beneficios que produzan as actividades e competicións deportivas que organice, así como os derivados dos contratos que realice.

h) Outros que poidan serlle atribuídos por disposición legal ou en virtude de convenio.

Artigo 88º

A federación destinará a totalidade dos seus ingresos e patrimonio á consecución dos fins propios do seu obxecto social.

Artigo 89º

A xestión económica ordinaria correrá a cargo do tesoureiro, baixo a dirección do presidente, coidando das operacións de cobros e pagos. Autorizará coa súa sinatura, mancomunada coa do presidente, ou coa do vicepresidente ou secretario xeral autorizado, tódolos documentos de movimentos de fondos. Será responsable de levar e custodia-los libros de contabilidade. Formulará os balances que anualmente deberán de presentarse á asemblea xeral para a súa aprobación.

TÍTULO V

Réxime documental

Artigo 90º

O réxime documental da Federación Galega de Caza comprende os seguintes libros:

a) Libros de entrada e saída de correspondencia oficial, ou soporte informático.

b) Libro de rexistro de clubs ou soporte informático, no que constará a denominación destes, domicilio social, nome do presidente e da xunta directiva, data de toma de posesión e cesamento dos citados cargos, así como a renovación dos cargos directivos cando se produzan.

c) Libros de actas ou soporte informático, que consignarán as reunións que celebren tódolos órganos colexiados da Federación Galega de Caza, tanto de goberno e representación como complementarios e técnicos.

d) Libros de contabilidade ou soporte informático.

e) Libro de inventario de bens mobles e inmobles ou soporte informático.

f) Rexistro dos membros da asemblea xeral e da comisión delegada ou soporte informático, no que deberán consta-los nomes, enderezos e estamento ó que representan na asemblea.

g) Rexistro ou soporte informático dos membros da xunta directiva, comités e comisións da Federación Galega de Caza, no que deberán de consta-los nomes e enderezos destes.

h) Rexistro ou soporte informático de xuíces ou árbitros titulados.

Artigo 91º

O réxime documental da Federación Galega de Caza estará a cargo do secretario xeral, a quen lle corresponde a custodia dos libros da federación, levantar actas das reunións dos órganos colexiados e, unha vez aprobados, asinadas co visto e prace do presidente, expedir certificacións, remiti-las certificacións e acordos que procedan á Secretaría Xeral para o Deporte e, en xeral, prepara-la resolución e despacho de tódolos asuntos.

No caso de ausencia ou imposibilidade física do secretario, as súas funcións serán desempeñadas polo propio presidente da FGC ou pola persoa en quen delegue.

TÍTULO VI

Modificación de estatutos

Artigo 92º

Os Estatutos da Federación Galega de Caza unicamente poderán ser modificados por acordo da asemblea xeral, logo de inclusión na orde do día das modificacións que se pretendan.

Artigo 93º

1. A modificación ou reforma dos estatutos deberán aprobadas polos dous tercios dos membros da asemblea xeral.

2. A proposta de modificación ou reforma dos estatutos deberá ser realizada:

a) Polo presidente.

b) Pola comisión delegada.

c) Por 1/3 dos membros da asemblea xeral.

Aprobada a reforma dos estatutos pola asemblea xeral, esta deberá ratificarse pola Secretaría Xeral para o Deporte.

TÍTULO VII

Extinción e disolución da FGC

Artigo 94º

A Federación Galega de Caza extinguirase pola seguintes causas:

a) Por acordo da asemblea xeral adoptado por unha maioría dos 3/4 dos seus membros.

b) Polas demais causas que determinen as leis. En todo caso, será necesario que o acordo ou disposición sexa xuridicamente firme.

Artigo 95º

Decidida a disolución, procederase á liquidación do seu patrimonio, mediante unha comisión liquidadora de 5 asembleístas, presidida polo presidente da FGC e asistida polo secretario xeral e polo tesoureiro.

Esta liquidación será supervisada mediante unha auditoría das autoridades competentes, e o seu remanente nete, se existise, dedicarase á realización de fins de interese xeral análogos ós realizados, determinando a Secretaría Xeral para o Deporte o seu destino concreto.

Disposicións transitorias

Primeira.-Os expedientes en trámite iniciados con anterioridade á aprobación destes estatutos, seguiranse conforme á normativa vixente no momento de iniciarse.

Segunda.-Unha vez que se acaben de tramitar na instancia na que se atopen, os posibles recursos que

poidan interporse serán os que prescriben os presentes estatutos.

Disposición derogatoria

Desde a data de publicación dos presentes estatutos no Diario Oficial de Galicia, quedan derrogados os estatutos anteriores e carecerán de validez. En todo caso os regulamentos federativos continuarán en vigor coas adaptacións que correspondan conforme ós estatutos.

Disposición derradeira

Os presentes estatutos entrarán en vigor o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Os presentes estatutos foron aprobados pola asemblea xeral extraordinaria da Federación Galega de Caza, celebrada en Santiago de Compostela o 23 de decembro de 1995.

O Vicepresidente

Rubricado

O secretario xeral

Rubricado

3302