Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Venres, 10 de maio de 1996 Páx. 4.372

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 155/1996, do 9 de maio, polo que se regulan os horarios do persoal adscrito ó servicio de protección de recursos da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

O persoal adscrito ó servicio de protección de recursos da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura é o encargado da vixilancia e control do exercicio das actividades pesqueiras, marisqueiras e de acuicultura para asegura-lo cumprimento da lexislación vixente na materia. As ditas funcións deben desenvolverse ó longo das 24 horas do día, para o cal é imprescindible o establecemento dun horario de traballo especial e distinto ó fixado con carácter xeral para os funcionarios, que se adapte ás necesidades do servicio sen descoida-las garantías dos dereitos dos traballadores.

Por outro lado, estas especialidades de horario, particularmente a dispoñibilidade horaria que implica e a dificultade, penosidade e perigosidade do traballo deste persoal, deben levar como contraprestación unhas retribucións adecuadas e acordes cos servicios realizados.

Por todo o exposto, por proposta dos conselleiros da Presidencia e Administración Pública, Economía e Facenda e de Pesca, Marisqueo e Acuicultura e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día nove de maio de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Xornada de traballo.

A xornada de traballo do persoal adscrito ó servicio de protección de recursos da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura será a establecida con carácter xeral para tódolos funcionarios da Xunta de Galicia. Esta xornada realizarase de xeito continuado.

Artigo 2º.-Horario e quendas de traballo.

O persoal do servicio de protección de recursos realizará o seu traballo entre as 00 e as 24 horas, en función das quendas establecidas, que se axustarán ós horarios que pola correspondente orde da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura se fixen, establecendo así mesmo as oportunas compensacións.

No establecemento das quendas procurarase a rotación semanal do persoal, determinando os efectivos necesarios para atende-los servicios en sábados, domingos e festivos.

En calquera caso o dito persoal non poderá realizar máis dunha quenda de traballo dentro da mesma xornada natural, e entre unha quenda e outra dis

poñerá dun período de descanso de polo menos 12 horas.

Establécese un descanso semanal mínimo de 48 horas consecutivas.

Artigo 3º.-Quendas extraordinarias.

Circunstancialmente e só por causas excepcionais, a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura poderá establecer quendas extraordinarias. En tal suposto, sempre que as circunstancias o permitan, avisarase con antelación ó persoal afectado, sendo preferente para a realización da dita quenda o que desfrutara de maior tempo de descanso.

Así mesmo, establecerase unha quenda extraordinaria cando sexa necesario a continuación do servicio despois de transcorrido o prazo sinalado no artigo 4º.

Artigo 4º.-Prolongación de xornada.

Cando por necesidade da continuidade do servicio que se está prestando sexa preciso seguir ata rematalo, prolongarase a xornada de traballo o tempo necesario, ata un máximo de catro horas.

Artigo 5º.-Control horario.

O control do cumprimento horario do persoal ó que se refire este decreto será realizado polas unidades administrativas que a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura determine.

Artigo 6º.-Compensacións económicas.

O persoal afectado pola presente norma terá dereito, se é o caso, a compensacións económicas por mor das especiais características deste servicio.

Disposición adicional

Por acordo entre a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura e o persoal dunha base ou da inspección e subinspección pesqueira, poderase concentrar nunha semana o traballo de dúas semanas.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de rango igual ou inferior se opoñan ó disposto neste decreto, e en especial a orde da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura do 29 de xullo de 1992, pola que se regulan os horarios do persoal de servicio de vixilancia e inspección pesqueira da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A Consellería de Economía e Facenda efectuará as modificacións orzamentarias que puideran resultar necesarias pola aplicación do presente decreto.

Segunda.-Facúltase o conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura para dictar cantas disposicións considere convenientes en desenvolvemento deste decreto.

Terceira.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, nove de maio de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

9603589