Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Martes, 07 de maio de 1996 Páx. 4.231

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 18 de abril de 1996 pola que se convocan dous cursos sobre protección de personalidades e escoltas dirixidos ós membros dos corpos das policías locais de Galicia.

Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 1996, e conforme ás funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a celebración de dous cursos sobre protección de personalidades e escoltas, que deberán desenvolverse conforme as seguintes bases:

-Obxectivos.

Os cursos teñen por obxectivos:

a) Coñecer e perfecciona-las técnicas aplicables na protección de personalidades.

b) Coñecer qué unidades operativas interveñen nos dispositivos de protección a personalidades.

c) Coñece-los medios técnicos utilizables na protección de personalidades.

d) Coñece-los métodos de actuación de organizacións terroristas.

e) Conseguir coñecementos sobre os explosivos utilizados por organizacións terroristas e as medidas que cómpre adoptar.

-Destinatarios.

Os cursos van dirixidos ós membros dos corpos das policías locais de Galicia.

-Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

-Prazas.

O número de prazas que se ofertarán por curso será de 30.

-Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar nestes cursos deberá presentar, cuberta a máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo, acompañada dunha fotocopia do DNI, e do carné profesional.

2. O prazo para a presentación de instancias ramatará ás 14 horas, nas seguintes datas:

Primeiro curso: o día 27 de maio.

Segundo curso: o día 3 de xuño.

3. As instancias deberán vir asinadas polo xefe do cadro de persoal, ou polo concelleiro de tráfico e seladas, requisito que será indispensable para ser admitido nos cursos; o incumprimento deste requisito suporá á non admisión no devandito curso.

4. As instancias deberán enviarse á sede da Academia Galega de Seguridade, rúa de Madrid, 2-4, polígono das Fontiñas, 15703 Santiago de Compostela, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares

previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

-Contido e duración.

Os cursos terán lugar en sesións de tarde, de luns a venres, e neles trataránse, entre outros, os seguintes temas:

a) Aspectos xerais da protección de personalidades.

b) Protección de personalidades: dinámica e estática.

c) Grupos de apoio.

d) Caravanas.

e) Plans de seguridade: dispositivos.

f) Transmisións, etc.

-Datas.

Os cursos realizaranse nas seguintes datas:

Primeiro curso: do 3 ó 7 de xuño de 1996.

Segundo curso: do 17 ó 21 de xuño de 1996.

O horario será de 16 a 20 horas.

-Relación de admitidos.

A relación de admitidos publicarase os días 29 de maio e 5 de xuño, respectivamente, no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono (981) 56 34 00.

-Lugar.

Na Academia Galega de Seguridade, sita na rúa de Madrid 2-4, no polígono das Fontiñas en Santiago de Compostela.

-Certificado de asistencia.

Ó remate de cada curso entregaráselles un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada a el, non podendo supera-las faltas de asistencia un 15% do total da duración de horas lectivas do curso; unha inasistencia superior ó 15%, aínda que sexa xustificada, implicará a non expedición do certificado.

-Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento dos cursos para adaptalos ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

Santiago de Compostela, 18 de abril de 1996.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade

9603319