Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Venres, 03 de maio de 1996 Páx. 4.091

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 4 de marzo de 1996, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo da empresa Hotel Riazor.

Visto o expediente do convenio colectivo do Hotel Riazor, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 28-2-1996, subscrito en representación da

parte económica pola empresa, e, da parte social, polo comité de empresa o día 20-2-1996, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores, no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, e no Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo desta deletación provincial, e a súa notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 4 de marzo de 1996.

Fernando Rodríguez Córcoba

Delegado provincial da Coruña

Convenio que regula as condicións económicas e laborais do persoal que presta os seus servicios na empresa Hotel e Cafetería Riazor, comunidade de bens

Na cidade da Coruña o vinte de febreiro de mil novecentos noventa e seis.

REUNIDOS:

Dunha parte, Tomás Tarilonte Rodríguez, na súa calidade de director do Hotel e Cafetería Riazor, en representación da comunidade de bens Hotel e Cafetería Riazor, e

Doutra parte, Elena Castro Mahia, Mª Luz García Labora e Luis Carlos Varela Souto, en representación do cadro de persoal de traballadores, como delegados de persoal do Hotel Riazor, e Mª Teresa Sillero González, como delegada do persoal da Cafetería Riazor.

Logo dunha serie de reunións orientadas ó estudio e aprobación do convenio de empresas, chegaron á aceptación do convenio para os indicados centros de traballo, nos termos e condicións que a seguir se especifican:

Artigo 1º.-Ámbito funcional.

O presente convenio afecta ó persoal do cadro que preste os seus servicios no Hotel e Cafetería Riazor, e ó que se incorpore durante a súa vixencia, con sede na cidade da Coruña, Avda. Barrié de la Maza, 27-29.

Artigo 2º.-Vixencia.

Este convenio entrará en vigor o día 1 de xaneiro de 1995 e finalizará o 31 de decembro de 1996.

Poderá ser denunciado por calquera das dúas partes cun mes de antelación respecto da data do seu vencemento. De non o ser entenderase prorrogado por períodos dun ano, sucesivamente. No caso de prórroga por un ano efectuarase un aumento salarial equivalente ó incremento do IPC.

Artigo 3º.-Sistema de retribución.

A retribución salarial do persoal afectado por este convenio consistirá nun soldo base, conforme as distintas categorías profesionais, ó que se lle sumarán os complementos que se pactan, polo que queda totalmente suprimido o réxime de porcentaxe de servicio que rexía nesta actividade, quedando substituído o sistema a que se refire os artigos 49, 52 e seguintes da ordenanza laboral vixente pola nova regulación convida, considerando ademais que esta nova modalidade é máis beneficiosa para a totalidade do persoal ó suprimi-las diferencias que, no outro suposto, habería entre as distintas categorías profesionais.

Artigo 4º.-Compensación e melloras.

As melloras que se implantan neste convenio, así como as voluntarias que se establezan no sucesivo, serán compensadas e absorbidas ata onde alcancen nos aumentos, melloras ou condicións superiores de calquera natureza que, fixadas por disposición legal, contrato individual ou concesión voluntaria, poidan establecerse no sucesivo.

Artigo 5º.-Compensacións máis beneficiosas.

Tódalas condicións económicas establecidas neste convenio teñen a condición de mínimas, polo que os actos, cláusulas, condicións e situacións actuais implantadas que impliquen condicións máis beneficiosas cás aquí convidas, subsistirán para aqueles productores que as viñesen desfrutando.

Artigo 6º

Establécese a seguinte clasificación profesional:

Hotel Riazor

Nivel 1.

Contable xeral.

Nivel 2.

Gobernanta.

Conserxe día.

Nivel 3.

Oficial contabilidade.

Recepcionista.

Encargada de lencería e lavandería.

Conserxe de noite.

Nivel 4.

Telefonista.

Auxiliar de oficina.

Axudante de recepción.

Nivel 5.

Axudante de conserxe.

Nivel 6.

Calefactor.

Electricista.

Camareira pisos.

Nivel 7.

Mozo equipaxe.

Nivel 8.

Lavandeiras.

Limpadoras.

Botóns máis de 18 anos.

Cafetería Riazor

Nivel 1.

Camareiros.

Nivel 2.

Dependentes de 2ª.

Axudante camareiro.

Nivel 3.

Cociñeiro.

Encargado de almacén.

Nivel 4.

Axudante cociña.

Fregadora.

No caso de que non se incluíse algunha categoría profesional neste artigo, a comisión paritaria determinará o seu encadramento correspondente, categoría e nivel.

Artigo 7º.-Retribucións.

A cada categoría profesional aplicaránselle as contías salariais mínimas correspondentes a cada nivel e que serán as seguintes:

Hotel Riazor

19951996

Nivel 1:101.543105.650

Nivel 2:100.404104.420

Nivel 3: 98.004101.924

Nivel 4: 96.916100.793

Nivel 5: 95.752 99.582

Nivel 6: 94.623 98.408

Nivel 7: 93.334 97.067

Nivel 8: 92.529 96.230

Cafetería Riazor

19951996

Nivel 1:101.867105.942

Nivel 2:100.421104.438

Nivel 3: 96.875100.750

Nivel 4: 95.909 99.745

Artigo 8º.-Manutención.

O persoal con dereito a manutención e que non faga uso del, percibirá por tal un plus en metálico de cinco mil cento vintecinco pesetas para o ano 1995 e cinco mil trescentas trinta para o ano 1996.

Artigo 9º.-Aloxamento.

Considerarase incluído nos salarios que figuran no artigo 7 o importe do aloxamento a aquel persoal que o ten recoñecido pola ordenanza laboral do 28 de febreiro de 1974.

Artigo 10º.-Plus de convenio.

Establécese un plus de convenio de tres mil catrocentas trinta e tres pesetas para o ano 1995 e de tres mil cincocentas setenta pesetas para o ano 1996 para todo o persoal, exceptuando os departamentos de lavandería, cafetería, cociña, economato e servicios técnicos, que será de dúas mil sesenta pesetas, para o ano 1995, e dúas mil cento corenta e dúas pesetas para o ano 1996.

Artigo 11º.-Plus de transporte.

Establécese un plus de transporte para todo o persoal afectado polo seguinte convenio de cinco mil setecentas vinteunha pesetas para o ano 1995 e de cinco mil novecentas cincuenta para o ano 1996.

Artigo 12º.-Plus especial.

O persoal dos departamentos que se especifican a seguir e que se encontraban traballando nos ditos departamentos no ano 1990 e continúan na actualidade percibirán un plus especial de once mil catrocentas corenta e tres pesetas para o ano 1995 e de once mil novecentas unha pesetas para o ano 1996.

Departamento de recepción.

Departamento de teléfonos.

Departamento de Administración.

Departamento de lencería.

Artigo 13º.-Antigüidade.

Os premios de antigüidade establecidos pola vixente ordenanza laboral de traballo quedan de acordo coa seguinte escala:

Un 4% sobre o salario do Art. 7, ó cumprirse tres anos de servicio efectivo na empresa.

Un 9% ós seis anos.

Un 17% ós nove anos.

Un 25% ós quince anos.

Un 40% ós vinte anos.

Un 48% ós vintecatro anos.

A partir dos 25 anos de servicio efectivo na empresa, esta aumentará un 2% anual, ata o límite do 60%.

A data inicial para a determinación da antigüidade será a de ingreso na empresa, aínda que cambie por ascenso ou por outro motivo de categoría profesional.

Queda suspendida durante a vixencia do convenio (1995-1996) a antigüidade para os traballadores contratados a partir do 1 de xaneiro de 1995.

Artigo 14º.-Gratificacións extraordinarias.

Durante a vixencia do presente convenio aboaranse tres gratificacións extraordinarias de trinta días cada unha, nos meses de xullo, setembro e decembro, constituídas polos salarios establecidos no Art. 7 incrementados pola antigüidade que corresponda a cada un.

Artigo 15º.-Vacacións.

O período de vacacións para todo o persoal afectado polo convenio será, como mínimo, de trinta días naturais retribuídas a razón de salario base, antigüidade, plus de transporte, plus de convenio e manutención, se é o caso.

As vacacións poden desfrutarse en bloque ou fraccionadas en dous períodos de quince días cada un.

A decisión de desfrutalas nun período ou en dous, así como a data ou datas de desfrute, terá que ser de mutuo acordo entre a empresa e os representantes dos traballadores. En caso de desacordo entre as partes, a xurisdicción competente fixará a data que para o desfrute corresponda, e contra a súa decisión non caberá recurso.

Con independencia das vacacións, os traballadores desfrutarán dos días non laborables legalmente establecidos.

Artigo 16º.-Xornada laboral.

A duración máxima da xornada de traballo será de 40 horas semanais de traballo efectivo. Será xornada continuada nos departamentos de recepción, conserxería, teléfonos, pisos, lencería, administración e contabilidade, sempre en empresas de máis de 50 traballadores.

Artigo 17º.-Dote de matrimonio.

O dote do persoal que contraia matrimonio consistirá no aboamento dunha mensualidade por cada ano de servicio cun máximo de 6. Entenderase como salario base o que corresponda ós traballadores pola súa categoría profesional previsto neste convenio incrementado coa antigüidade.

Este dereito afectará unicamente os traballadores que ó contraeren matrimonio rescindan o seu contrato de traballo.

Tanto o persoal masculino coma o feminino que leve dous anos de servicio na empresa e contraia matrimonio continuando nela, percibirá en concepto de dote unha mensualidade de retribución que comprenderá o salario base maila antigüidade.

No suposto de que o devandito persoal non permanecese na empresa un ano máis a partir da data do matrimonio, descontaráselle na liquidación que se lle practique a cantidade que percibise en concepto de dote.

Artigo 18º.-Licencias.

Sen perda ningunha de retribucións, a empresa concederá licencias nos casos seguintes, e coa seguinte duración:

-Casamento do traballador, 15 días.

-Enfermidade grave do cónxuxe, pais, fillos ou familiares ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, 4 días.

-Parto da esposa, 4 días.

-Morte do cónxuxe, pais, fillos ou familiares ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, 4 días.

-Voda de fillos, irmáns, bautizos e primeiras comunións, 1 día se é dentro da provincia e tres se é fóra dela.

-Intervención cirúrxica grave do pai, nai, fillos, esposa ou familiares ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, 4 días.

-Traslado de domicilio habitual, 1 día.

-Libre disposición, non acumulable a vacacións: 2 días.

Artigo 19º.-Excedencias.

O traballador cunha antigüidade na empresa de alomenos un ano terá dereito a que se lle recoñeza a situación de excedencia voluntaria por un período de cinco anos, sen que en ningún caso se poida producir tal situación nos contratos de duración determinada.

O traballador reunirá as condicións seguintes:

a) Contar cunha antigüidade na empresa superior a un ano. A concesión outorgarase dentro dun prazo dun mes a partir da data da súa petición.

b) A excedencia terá unha duración mínima de seis meses e máxima de cinco anos, e concederase polo tempo solicitado.

c) O traballador que desexe incorporarse ó seu posto de traballo notificarallo á empresa cun mes de antelación respecto da data en que expire o prazo.

d) Perderá o dereito á incorporación ó seu posto de traballo todo aquel excedente que en tal período de tempo preste os seus servicios por conta allea en calquera posto de traballo dentro do territorio nacional en empresas comprendidas na ordenanza laboral do traballo de hostelería.

e) Se a empresa lle dese emprego a outro traballador para substituí-lo excedente, aquel tería a condición de interino e causaría baixa ó reincorporarse o substituído. Se este non se incorporase no prazo e condicións sinalados, cesaría definitivamente na empresa e o interino adquiriría a condición de fixo.

f) Os traballadores terán dereito a un período de excedencia, non superior a tres anos, para atende-lo coidado de cada fillo, a contar desde a data de nacemento deste. Os fillos sucesivos darán dereito a un novo período de excedencia que, de se-lo caso, poría fin á que viñese desfrutando. Cando a nai e mailo pai traballen, só un deles poderá exercer este dereito.

g) Así mesmo, poderán solicita-la situación de excedencia os traballadores que exerzan funcións sindicais de ámbito provincial ou superior e mentres dure o exercicio do seu mandato.

h) Para acollerse a outra excedencia voluntaria, o traballador deberá cubrir un novo período de polo menos catro anos de servicio efectivo na empresa.

i) A excedencia concederase sen dereito ningún a retribución e o tempo que dure non será computable para ningún efecto.

Artigo 20º.-Servicio militar ou civil substitutorio.

Os traballadores cunha antigüidade mínima dun ano que teñan que incorporarse ó servicio militar,

terán reservado o seu posto de traballo e deberán reintegrarse durante os dous meses seguintes á data do seu licenciamento.

Os traballadores que leven dous anos na empresa ou tres temporadas de verán ou inverno, consecutivamente, terán dereito a percibir dúas gratificacións extraordinarias, unha no verán (xullo) e outra no inverno (decembro) da mesma contía cá que percibirían se se atopasen en activo. Estas gratificacións cobraranse con independencia das cantidades que os traballadores percibisen en concepto de liquidación das partes proporcionais das pagas extraordinarias ó se incorporaren ó servicio.

Artigo 21º.-Quebranto de moeda.

En concepto de quebranto de moeda nos establecementos clasificados de luxo, 1ª A, 1ª B e 2ª, da ordenanza nacional de traballo, percibirán: 2.000 ptas. mensuais o caixeiro xeral; 1.500 ptas. o caixeiro do hotel e 1.500 ptas. os caixeiros de departamento.

Artigo 22º.-Enfermidade.

En caso de enfermidade ou accidente, a empresa incrementará as prestacións da Seguridade Social ata o 100% do soldo base máis antigüidade, manutención e plus de convenio.

Esta prestación manterase por un período máximo de 12 meses. Así mesmo, os períodos de enfermidade ou accidente de traballo non se terán en conta para deducir do período de vacacións.

Artigo 23º.-Premio de xubilación e auxilio de defunción.

En caso de falecemento do traballador ou traballadora, concederáselle á viúva, viúvo, ou fillos un auxilio de defunción na seguinte contía e forma:

-Por 5 anos de servicio, unha mensualidade.

-Por 10 anos de servicio, dúas mensualidades.

-Por 20 anos de servicio, tres mensualidades.

-Por 25 anos de servicio, catro mensualidades.

Ó persoal que non leve os 5 anos de servicio na empresa, pagaráselle a parte proporcional ó tempo traballado na contía de seis días por ano de servicio.

Cando se produza a xubilación dun traballador que leve como mínimo 15 anos de servicio na empresa, percibirá dúas mensualidades incrementadas con tódolos emolumentos inherentes a ela, e unha mensualidade máis por cada cinco anos que exceda dos quince de referencia.

Artigo 24º.-Prazos de preaviso.

Os prazos de preaviso nos casos de cesamento voluntario dos traballadores serán os seguintes:

-Xefe de recepción; contable xeral; caixeiro; encargado de economato e adega; encargado de traballo; xefe de cociña; primeiro conserxe de día; encargado xeral ou gobernanta; primeiros encargados de café e café bar: vinte días.

-Resto do persoal: dez días.

O incumprimento destes prazos por parte dos traballadores dará lugar á perda do que puidese corres

ponderlles polas partes proporcionais de xullo, nadal e setembro.

Artigo 25º.-Día da patroa.

O día 29 de xullo, festa de Santa Marta, considerarase festivo para os efectos laborais con opción por parte da empresa para poder substituíla por pagamento en metálico co fin de mante-lo normal funcionamento dela. A substitución en metálico será a que corresponda ó traballador polo seu salario base maila antigüidade dunha xornada normal.

Artigo 26º.-Dereitos sindicais.

As garantías sindicais que no artigo 68 do Estatuto dos traballadores se establecen para os membros do comité de empresa e delegados de persoal electos, esténdense ós candidatos daqueles postos, e durante os seis meses seguintes de celebradas as eleccións ás que se presentaron na súa calidade ou condición de candidatos.

Recoñecerase a existencia de seccións sindicais en empresas de máis de 50 traballadores así como dos delegados das seccións sindicais, que terán os mesmos dereitos e garantías cós membros do comité de empresa.

Os traballadores terán dereito a celebrar asembleas con carácter ordinario unha vez ó mes fóra da xornada laboral e cunha duración dunha hora naquelas empresas que dispoñan de espacio para a súa realización, sen interrompe-las actividades do servicio.

Nos demais dereitos observarase o disposto na ordenanza laboral, Estatuto dos traballadores, Lei orgánica de liberdade sindical e demais normas complementarias.

Artigo 27º.-Seguro por invalidez ou morte.

A empresa contratará un seguro colectivo de invalidez ou morte en accidente de traballo para todo o persoal afectado por este convenio coa cantidade de dous millóns cincocentas mil pesetas para ámbolos dous casos.

Artigo 28º.-Revisión das táboas salariais.

No caso de que o índice de prezos ó consumo establecido polo INE rexistrase a 31 de decembro do ano 1996 un incremento superior ó 4%, efectuarase unha revisión salarial tan pronto como se constate oficialmente a devandita circunstancia, dunha maneira automática. En caso de que o IPC fose inferior ó 4% o exceso considerarase a conta do convenio de 1997.

Artigo 29º.-Xubilación anticipada.

Atendendo ós efectos positivos que de cara a palia-lo actual nivel de desemprego desta medida puidesen derivarse, as partes asinantes deste convenio acordan, conforme o disposto no Real decreto 1194/1985, do 17 de xullo, a xubilación ós 64 anos, co 100% dos seus dereitos pasivos, para aqueles traballadores que voluntariamente o soliciten, comprometéndose a empresa a substituír asemade o traballador xubilado por outro traballador contratado nos termos establecidos no dito real decreto.

Tamén, de acordo coa dita norma legal, nos supostos en que está prevista a aplicación de coeficientes reductores á idade mínima de 65 anos, estes coeficientes aplicaranse á idade de 64 anos, sempre que teña lugar a correspondente substitución do traballador xubilado.

Artigo 30º.-Comisión de interpretación.

A dúbidas que suscite a interpretación e aplicación deste convenio resolveranse entre os delegados do persoal e a representación da empresa.

Disposición adicional

En todo caso, este convenio colectivo enténdese de mínimos e no non previsto nel, observarase o disposto no convenio provincial de hostelería da Coruña.

RETRIBUCIÓNS ANUAIS

Hotel

19951996

En nivel 1:1.641.8081.707.480

En nivel 2:1.624.6981.689.686

En nivel 3:1.588.6991.652.246

En nivel 4:1.572.3671.635.261

En nivel 5:1.554.9241.617.121

En nivel 6:1.538.4201.599.957

En nivel 7:1.518.2451.578.975

En nivel 8:1.506.5601.566.822

Cafetería

19951996

En nivel 1:1.628.8501.694.004

En nivel 2:1.607.1431.671.428

En nivel 3:1.553.9601.616.118

En nivel 4:1.539.4641.601.042

En proba de conformidade con canto se deixa exposto, asínano os comparecentes no lugar e data antes indicados, estendéndose en papel timbrado da clase 8ª, prego enumerado 1C1774958.

Por parte da empresa:

Tomás Tarilonte Rodríguez

Por parte dos traballadores:

Elena Castro Mahia

Mª Luz García Labora

Luis Carlos Varela Souto

Mª Teresa Sillero González

3144