Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Xoves, 02 de maio de 1996 Páx. 4.011

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 29 de marzo de 1996 pola que se regula a expedición de licencias para practica-la pesca marítima de recreo dentro das augas interiores da Comunidade Autónoma de Galicia, e se fixan as zonas do litoral onde se poderá practica-la pesca submarina.

O Decreto 429/1993, do 17 de decembro, da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, refundiu a normativa vixente en materia de actividades pesqueiras de carácter recreativo.

Neste decreto establecíanse as modalidades da pesca de carácter recreativo, e fixábanse as condicións e requisitos básicos para poder practicala.

Así mesmo, establecía, con respecto á práctica da pesca submarina, que a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura regularía por orde as zonas do litoral prohibidas, reservadas ou coutadas a esta actividade.

Por todo isto, procede agora regula-lo procedemento para a obtención da correspondente licencia, así como delimita-las zonas de exercicio da pesca submarina.

En consecuencia, tendo en conta a disposición derradeira primeira do Decreto 429/1993, do 17 de decembro, pola que se faculta a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento e aplicación del,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A práctica da pesca marítima de recreo require da previa obtención da correspondente licencia.

Artigo 2º

1. A licencia, que se expedirá conforme o modelo que figura no anexo I da presente orde, é nominal, individual, intransferible e outórgase por un período de 5 anos a partir da súa data de expedición; deberá, non obstante, ser revalidada anualmente.

2. Non obstante o disposto no parágrafo anterior, poderán outorgarse licencias temporais para o exercicio da pesca submarina, por un mes, revalidables por un mes máis dentro do mesmo ano natural.

Artígo 3º

1. Os interesados en obter nova licencia, revalidación da anterior ou licencia especial, deberán presentar solicitude, de conformidade co modelo que figura no anexo II da presente orde.

2. As solicitudes presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, nos das súas delegacións territoriais e comarcais, ou de calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artígo 4º

As solicitudes de nova licencia irán acompañadas da seguinte documentación:

1. Licencias para a práctica da pesca de recreo desde terra ou embarcación:

a) Fotocopia do DNI ou pasaporte do solicitante.

b) Xustificación do aboamento da correspondente taxa, excepto xubilados ou menores de idade. Tales circunstancias deberán acreditarse documentalmente.

c) Fotografía tamaño carné.

2. Licencias para a práctica da pesca submarina:

a) Fotocopia do DNI ou pasaporte do solicitante.

b) Xustificación do aboamento da taxa correspondente.

c) Documentación que acredite o consentimento paterno, materno ou do titor, cando o solicitante sexa menor de idade non emancipado.

d) Fotografía tamaño carné.

e) Certificado médico no que se faga constar que o solicitante reúne as condicións físicas necesarias para a práctica desta actividade.

Artigo 5º

As solicitudes de revalidación deberán ir acompañadas da seguinte documentación:

a) Fotocopia da licencia do ano anterior, debendo exhibirse o orixinal no momento de presentación da documentación.

b) Xustificación do aboamento da taxa correspondente.

Artigo 6º

As solicitudes da licencia especial, prevista no artigo 3º.4 do Decreto 429/1993, do 17 de decembro, deberán ir acompañadas da seguinte documentación:

a) Fotocopia da licencia outorgada pola correspondente Administración pública territorial con competencia na materia, debendo exhibirse o orixinal no momento da presentación da documentación.

b) Xustificación do aboamento da taxa correspondente.

Artigo 7º

Para exerce-la práctica da pesca submarina, os titulares da licencia deberán cumpri-lo disposto no artigo 54.4º do Real decreto 137/1993, do 29 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de armas.

Artigo 8º

Para a concesión da licencia correspondente será requisito imprescindible que o solicitante non teña pendentes de aboamento, débedas por sancións impostas, en materia de protección de recursos marítimo-pesqueiros, por resolución que esgote a vía administrativa, nin ter sido sancionado coa retirada da licencia de pesca marítima de recreo.

Artigo 9º

Transcorrido un mes desde a presentación da solicitude de nova licencia ou revalidación sen que se notifique a resolución, entenderase outorgada ou revalidada a correspondente licencia.

Artigo 10º

Contra as resolucións dictadas polos delegados territoriais da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura referidas ó outorgamento ou denegación das licencias ou revalidacións, poderá interpoñerse o correspondente recurso ordinario diante do conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, de conformidade co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 11º

De acordo co previsto no artigo 13.d. do Decreto 429/1993, do 17 de decembro, decláranse zonas do litoral prohibidas, reservadas ou coutadas para a práctica da pesca submarina, as sinaladas no anexo III da presente orde.

Artigo 12º

A práctica da pesca submarina nas zonas definidas como reservadas no anexo III deberá notificárselle á delegación territorial correspondente, polo menos, con dous días hábiles de anticipación, que llelo notificará ás confrarías do ámbito territorial correspondente.

Artigo 13º

A práctica da pesca submarina estará permitida os sábados, domingos e festivos de todo o ano. No período comprendido entre o xoves e o domingo da Semana Santa e entre o 15 de xuño e o 15 de setembro, poderá ser practicada tódolos días.

Artigo 14º

Tanto a práctica da pesca deportiva desde embarcación como a submarina realizaranse dentro do horario comprendido entre a saída e a posta do sol.

Artigo 15º

As persoas que foran a realizar inmersións nas zonas definidas como prohibidas ou reservadas no anexo III deberán notificalo, polo menos, con dous días hábiles de anticipación, á correspondente Delegación Territorial da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, que llelo notificará ás confrarías do ámbito territorial correspondente.

Disposicións derradeiras

Primeira.

Facúltase o director xeral de Marisqueo e Acuicultura para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento e aplicación da presente orde.

Segunda.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 1996.

Juan Caamaño Cebreiro

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura

ANEXO III

Zonas do litoral nas que está prohibida a práctica da pesca submarina.

En tódalas rías, por dentro das liñas definidas no anexo II do Decreto 369/1995, polo que se modifica o Regulamento da actividade pesqueira e das artes e aparellos de pesca permisibles en Galicia.

Provincia de Lugo: illas Coelleiras, Farallóns e Ansarón (a menos de 250 metros destas).

Provincia da Coruña: illote dos Aguillóns, illas Sisargas, Lobeiras, Miñarzos, As Basoñas, baixos de Corrubedo, Sagres, Sálvora e illotes (a menos de 250 metros destas).

Provincia Pontevedra: illas Cíes (incluída illa Agoeiro), illa de Ons cara ó exterior, desde a punta do Centolo á punta Fedorente, illa de Onza (a menos de 250 metros destas).

Zonas do litoral reservadas, nas que é preciso notifica-la práctica da pesca submarina.

Provincia de Lugo:

-De illa Pancha á Pancha Corbeira.

-De cabo Morás á Punta Faro.

-Da praia Teixoso á Punta Chileiteira.

Provincia da Coruña:

-De cabo de Bares á punta de Estaca de Bares.

-De punta Ortabade á punta do Cadro.

-De cabo San Adrián á punta do Roncudo.

Provincia de Pontevedra:

-De cabo Silleiro á punta norte de Mougás.

-De pedra do Ferro á punta dos Picos.

3332