Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Venres, 26 de abril de 1996 Páx. 3.914

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE CONSUMO

RESOLUCIÓN do 16 de abril 1996 pola que se convoca e regula a concesión de subvencións a corporacións locais para actividades de información, educación e defensa do consumidor e usuario para o ano 1996.

Correspóndelle á Administración impulsa-la creación e mellora de oficinas municipais de información ó consumidor (OMIC), para facilitarlles ós consumidores e usuarios, coa maior rapidez, a información e defensa dos seus dereitos e lexítimos intereses.

En virtude disto, e de conformidade cos artigos 24 e concordantes do Estatuto galego do consumidor e usuario, e o capítulo II do Decreto 185/1994, do 16 de xuño, sobre información e orientación ó consumidor e usuario,

DISPOÑO:

Artigo 1º

O Instituto Galego de Consumo concederalles subvencións ós concellos desta Comunidade Autónoma, con cargo á aplicación orzamentaria

08.50.343A.460.0 dos orzamentos xerais desta comunidade para o ano 1996 cun crédito máximo de 28.864.000 ptas., para actuacións de información e defensa dos consumidores e usuarios galegos que se realicen durante o ano 1996, a través das súas correspondentes oficinas municipais de información ó consumidor (OMIC).

As ditas concesións estarán limitadas polos créditos dispoñibles para este fin.

Para que os concellos poidan beneficiarse das subvencións ás que fai referencia o artigo 2º desta orde, as oficinas municipais de información ó consumidor (OMIC) deberán, ademais das derivadas do Decreto 185/1994, do 16 de xuño, cumpri-las seguintes condicións:

a) Estar abertas ó público 5 horas diarias como mínimo e contar cun rótulo no que conste de maneira destacada o obxecto da oficina.

b) Facilitarlle ó público información e asesoramento sobre os seus dereitos como consumidor e a forma de exercelos.

c) Atende-las consultas, reclamacións e denuncias dos consumidores e usuarios colaborando para tal fin cos servicios provinciais do Instituto Galego de Consumo.

Artigo 2º.-Obxecto.

O obxecto das subvencións a que se refire o artigo anterior será o seguinte:

a) Gastos de instalación de novas oficinas municipais de información ó consumidor.

b) Gastos de funcionamento, infraestructura e equipamento das oficinas municipais de información ó consumidor xa en funcionamento.

c) Actividades de información, orientación, asistencia técnica, educación e formación dos consumidores e usuarios; edición e divulgación de publicacións de interese para os consumidores relacionadas coa defensa dos seus dereitos; enquisas e campañas de inspección que non teñan carácter ordinario e sempre que se realicen en coordinación cos programas do Instituto Galego de Consumo.

d) Gastos de toma de mostras para a realización de análises de calidade, sempre que as ditas análises estean incluídas no plan de actuacións do Instituto Galego de Consumo; así como gastos de material necesario para o mantemento de laboratorios de consumo vinculados ás OMIC.

e) Campañas de promoción e colaboración no funcionamento da Xunta Arbitral de Consumo de Galicia.

f) Programas mancomunais entre diferentes municipios e/ou de actuación conxunta con asociacións de consumidores referidos ós anteriores apartados c) e d).

Terase en conta de maneira preferente o apartado e) deste artigo.

Artigo 3º.- Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes (anexo I) para acollerse ás axudas económicas previstas na presente orde dirixiranse

ós servicios provinciais de consumo ou ó Instituto Galego de Consumo, sendo en todo caso de aplicación o disposto no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. O prazo de presentación será de trinta días naturais contados a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes irán acompañadas da seguinte documentación, por triplicado:

a) Certificación do acordo do órgano competente pola que se acolle á axuda, coa expresión da cantidade exacta solicitada. (Anexo II).

b) Certificación da poboación de feito, segundo o último censo dispoñible. (Anexo III).

c) Certificación da secretaría do concello na que se faga consta-lo horario no que a oficina permanece aberta ó público para atende-los consumidores e usuarios e para cursar reclamacións ou denuncias que se lles presenten, e que será polo menos de cinco horas diarias ou vintecinco semanais.

d) Certificación da secretaría do concello sobre o organigrama xerárquico e funcional do servicio da OMIC no respectivo concello.

e) Certificación da secretaría do concello sobre concesións e solicitudes de axuda a outros organismos para as actividades obxecto de subvención.

f) Se é o caso, certificación da secretaría do concello da existencia do Consello Local de Consumo, se estiver constituído, ou do acordo de creación del en 1996. (Anexo IV).

g) Se é o caso, certificación da secretaría do concello da existencia de mancomunidade con outros concellos e/ou de actuacións conxuntas con asociacións, para actividades sobre consumo. (Anexo V).

h) Se a axuda solicitada está destinada á instalación dunha nova OMIC, deberase presenta-la certificación dos órganos competentes polo que se aproba o proxecto correspondente asinado polo técnico competente, no que, ademais de garanti-las condicións de idoneidade do local para unha correcta atención ó público, se valorará economicamente o custo do proxecto e a súa necesidade.

i) Se a axuda solicitada está destinada a gastos de funcionamento, equipamento e infraestructura, deberase presentar, ademais dos sinalados nos parágrafos a), b), c), d), e e), os documentos seguintes:

-Orzamento debidamente detallado dos gastos.

-Cando o servicio prestado pola OMIC sexa concertado cunha asociación de consumidores, deberá xuntarse copia do convenio correspondente no que deberá figura-lo importe da contraprestación que a entidade local lle paga á asociación.

-Memoria do actuado en 1995 e anteproxecto das actividades previstas para 1996.

j) Se a axuda está destinada á realización dos distintos programas de actividades a que se alude nos apartado c), d), e) e f) do artigo 2º, memoria expli

cativa da actividade que se vai desenvolver, na que se incluirá:

-Obxetivos que persegue a actividade que se pretende realizar.

-Se é o caso, lugar e data de celebración e duración prevista dela.

-Equipo humano responsable do proxecto.

-Orzamento detallado de gastos.

-Programa provisional.

-Destinatarios e número de persoas beneficiarias da actividade.

-E demais documentación que considere necesaria o Instituto Galego de Consumo.

Artigo 4º.-Contía.

A contía das subvencións axustarase ós seguintes criterios:

a) Para a instalación de novas oficinas municipais de información ó consumidor, a subvención será de ata o 70% do seu custo, cun máximo de 1.000.000 de ptas.

b) Para os gastos de funcionamento, infraestructura e equipamento, a subvención será de ata o 50% do seu custo, cun máximo de 1.000.000 de ptas.

c) Para actividades de información, formación, asistencia técnica, publicacións, enquisas, análises de calidade e campañas de inspección, a subvención será de ata o 50% do seu custo, cun máximo de 5.000.000 de ptas. por acción.

d) Para a promoción e colaboración no funcionamento do sistema arbitral, a subvención será de ata o 70% do seu custo, cun máximo de 1.000.000 de ptas.

e) Para programas mancomunais entre diferentes municipios e/ou actuacións conxuntas con asociacións de consumidores a subvención será como máximo do 50% do seu custo.

As corporacións locais beneficiarias deberán facer consta-lo patrocinio do Instituto Galego de Consumo na información publicitaria relativa a actuacións subvencionadas.

Artigo 5º.-Resolución.

a) As subvencións, que serán compatibles con calquera outra axuda que puidese outorgarse par tales fins e sempre que o importe total subvencionado non exceda do custo da actividade que vaia desenvolve-lo beneficiario e da porcentaxe máxima establecida nesta orde, concederanse por resolución expresa do presidente do Instituto Galego de Consumo.

b) A resolución seralles notificada ós beneficiarios no prazo de dez días a partir da data en que se dicte.

c) Entenderanse desestimadas aquelas solicitudes sobre as que non recaia resolución expresa no prazo de tres meses contado a partir da finalización do prazo de presentación de solicitudes, quedando expedita a vía contencioso-administrativa.

Artigo 6º.-Pagamento e xustificación.

As subvencións concedidas faranse efectivas despois da xustificación polo concello beneficiario, por medio da certificación da secretaría do concello, da realización dos proxectos, actuacións e custos que foron obxecto da subvención. (Anexo VI).

Para a xustificación da subvención concedida, a corporación local deberá presentar antes do 30 de outubro de 1996 a seguinte documentación:

a) Se a axuda concedida foi destinada a gastos de funcionamento, certificación do órgano competente do gasto total efectuado, así como facturas xustificativas e documentos de pagamento.

b) Para investimentos destinados á instalación destes centros, certificación do técnico ou director da obra e da secretaría do concello, do investimento realizado, achegando facturas do gasto realizado e documento de pagamento.

c) Se é o caso, certificación do inventario dos bens mobles adquiridos e da súa aplicación con carácter indefinido para a protección dos consumidores, achegando factura do gasto realizado e documentos de pagamento.

d) Se a axuda concedida foi destinada á realización dalgunha actividade, memoria final do desenvolvemento desta, xustificación documental dos gastos producidos e certificación do órgano competente do gasto total efectuado e documentos de pagamento.

Artigo 7º.-Obrigas.

As entidades locais que reciban axudas das establecidas nesta orde deberán remitirlle, trimestralmente, ó Instituto Galego de Consumo informe relativo ás actuacións que tiveran lugar nas correspondentes oficinas municipais de información ó consumidor.

O Instituto Galego de Consumo e os servicios provinciais de consumo prestarán a colaboración que sexa precisa para o mellor desenvolvemento das accións ou programas subvencionados.

Artigo 8º.-Control.

O Instituto Galego de Consumo poderá realiza-las comprobacións que coide oportunas respecto á axuda económica concedida e terá acceso a toda a documentación xustificativa dela.

A falta de xustificación dos gasto, unha aplicación diferente á sinalada na solicitude e/ou, en xeral, o incumprimento dalgún dos requisitos esixidos na presente orde, dará lugar á retirada da subvención, coa conseguinte obriga da devolución da axuda percibida e dos xuros de demora, nos supostos previstos no apartado 5º do artigo 78 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia. As cantidades a reintegrar terán a consideración de ingresos de dereito público e resultará de aplicación para o seu cobro o previsto nos artigos 19 a 23 da citada lei.

Artigo 9º

Con independencia do establecido na presente orde, aplicarase en todo caso o disposto na Lei

11/1992, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, na Lei 11/1995, do 28 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1996, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administra

cións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 16 de abril de 1996.

Francisco Gallegos Martínez

Presidente do Instituto Galego de Consumo

2795