Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Xoves, 25 de abril de 1996 Páx. 3.869

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 22 de abril de 1996 pola que se establecen as condicións da emisión de bonos da Comunidade Autónoma de Galicia polo importe de 14.000 millóns de pesetas.

Consonte o artigo 24.1º da Lei 11/1995, do 28 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996, o Consello da Xunta de Galicia, polo Decreto 115/1996, do 14 de marzo, autorizou a realización das operacións financeiras previstas na indicada lei mediante a emisión de débeda pública ou a concertación de créditos, facultando, así mesmo, o conselleiro de Economía e Facenda para que estableza as condicións nas ditas operacións e dicte as disposicións necesarias para tal efecto.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1.

Obtida a autorización, establecida no artigo 14 apartado 3 da Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de finaciamento das comunidades autónomas, mediante acordo do Consello de Ministros de data 12 de abril 1996, disponse a emisión de débeda pública interior por un importe de 14.000 millóns de pesetas.

Artigo 2.

Esta emisión realízase baixo a forma de bonos da Xunta de Galicia representada mediante anotacións en conta, ó amparo do artigo 55 da Lei 24/1988, do 28 de xullo, do mercado de valores.

A emisión de débeda pública que autoriza a presente orde, terá as características que se detallan a continuación:

-Importe: 14.000 millóns de pesetas.

-Data da emisión: 29 de abril de 1996.

-Data de desembolso: 29 de abril de 1996.

-Prezo da emisión: á par libre de gastos para o suscriptor.

-Nominal dos bonos: 100.000 pesetas.

-Subscrición: será realizada directamente polas entidades aseguradoras, actuando no nome propio ou por conta de terceiras persoas.

-Período de subscrición: do día 22 ó 29 de abril de 1996.

-Cupón: os cupóns anuais vencerán o 29 de abril de cada ano. A Xunta de Galicia pagará no seu vencemento os cupóns polo seu importe líquido. Se o posuidor é un investidor non residente que non opere en España mediante establecemento permanente, procederase á devolución de oficio das retencións practicadas, segundo procedemento establecido na resolución da Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro desta consellería, de data 22-10-1993 (DOG 8-11-1993).

-Cotizacións: solicitarase a inscrición desta débeda pública á Central de Anotacións de Débeda Pública do Banco de España na forma prevista nos artigos 55 e seguintes da Lei 24/1988, do 28 de xullo, de mercado de valores, e haberá que aterse ó establecido no Real decreto 505/1987, do 3 de abril e 1009/1991, do 21 de xuño, O.O.M.M. do 19 de maio de 1987 e 31 de decembro de 1991 e os demais preceptos legais que as desenvolven.

-Fiscalidade: de conformidade co previsto no artigo 14.5º da Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento das comunidades autónomas, esta emisión goza dos mesmos beneficios e condicións cá débeda pública do Estado.

-Reserva minorista: reservarase un 10% do importe total da emisión para investimentos non superiores a 5 millóns de pesetas.

-Amortización: dunha soa vez á par, ós cinco (5) anos desde a data da emisión.

-Tipo de xuro: 8,60%.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de abril de 1996.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

3042