Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 78 Luns, 22 de abril de 1996 Páx. 3.723

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 17 de abril de 1996 pola que se convocan probas selectivas para a cobertura de postos de traballo do grupo B, escala de xestión de sistemas de informática, mediante o nomeamento de persoal interino, vacantes nos servicios dependentes da Consellería de Familia, Muller e Xuventude.

Estando vacantes 6 postos de traballo do grupo B, escala de xestión de sistemas de informática nos servicios dependentes da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, e sendo urxente a súa cobertura

por razóns das necesidades do servicio, apreciada pola Comisión de Persoal da Xunta de Galicia, en sesión celebrada o día 16 de abril de 1996, unha vez emitido o preceptivo informe previsto no artigo 7 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, modificado pola Lei 3/1995, do 10 de abril, esta consellería, no uso das facultades conferidas polo artigo 13 da dita lei, dispón a cobertura dos postos de traballo, de acordo coas seguintes bases:

Primeira.-Obxecto.

A finalidade desta convocatoria de probas selectivas é a cobertura de 6 postos de traballo do grupo B, escala de xestión de sistemas de informática, vacantes nos servicios dependentes da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, mediante o nomeamento de persoal interino previsto no artigo 7 da Lei 4/1988 da función pública de Galicia, modificado pola Lei 3/1995, do 10 de abril.

As funcións dos postos de traballo realizaranse en réxime de quendas.

Segunda.-Condicións dos aspirantes.

Para seren admitidos á realización das probas selectivas, os aspirantes deberán reuni-los seguintes requisitos:

a) Ser español.

b) Ter cumpridos os dezaoito anos de idade.

c) Non estar separado mediante expediente disciplinario do servicio de ningunha Administración pública nin estar inhabilitado para o exercicio de funcións públicas.

d) Estar en posesión do título, ou acreditar de forma que faga fe ser enxeñeiro técnico, diplomado universitario, arquitecto técnico, formación profesional de 3º grao ou equivalente.

e) Non padecer enfermidade, nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

Os requisitos sinalados deberán posuírse na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

Terceira.

Encoméndaselle á Consellería de Familia, Muller e Xuventude a elaboración da relación de aspirantes admitidos e excluídos e a realización e cualificación das probas.

Cuarta.-Probas.

O programa que rexerá nas probas selectivas é o que figura no anexo I desta convocatoria.

-Primeiro exercicio: de carácter eliminatorio.

Consistirá en contestar a un cuestionario de 80 preguntas sobre o temario descrito no anexo I. Cada pregunta constará de 3 respostas posibles. O 20% das preguntas versarán sobre o temario xeral do programa.

Este exercicio cualificarase de 0 a 30 puntos e terá unha duración máxima de dúas horas.

-Segundo exercicio: de carácter eliminatorio.

a) Primeira proba: elaboración dun organigrama e a súa correspondente codificación para a realización dun programa cliente/servidor con linguaxe Visual Basic no cliente e en linguaxe C e SQL embebido no servidor.

Esta proba terá unha duración máxima de 3 horas.

b) Segunda proba:

-Primeira parte: proba práctica de administración dunha base de datos ORACLE v.7

-Segunda parte: proba práctica de administración dun sistema Unix SVR4.

-Terceira parte: configuración de monitor de transaccións.

Esta proba terá unha duración máxima de 3 horas.

Este exercicio cualificarase de 0 a 60 puntos.

-Terceiro exercicio: de carácter eliminatorio.

a) Primeira proba: consistirá na traducción dun texto en castelán para o galego elixido por sorteo de entre tres textos propostos polo tribunal.

b) Segunda proba: consistirá na traducción dun texto do galego para o castelán elixido por sorteo de entre tres textos propostos polo tribunal.

Este exercicio cualificarase de 0 a 10 puntos e terá unha duración máxima de 1 hora.

Unha vez realizados cada un dos distintos exercicios do proceso selectivo, corresponderalles ós tribunais establece-los criterios de corrección deles, e decidir baseándose nisto os que os superan e os que resultan eliminados.

Os aspirantes presentaranse para a realización de cada un dos exercicios provistos do DNI ou documento fidedigno que acredite a súa identidade á xuízo do tribunal.

Os exercicios celebraranse a porta pechada sen máis asistencia cá dos aspirantes, os membros do tribunal e os colaboradores designados por el. A orde de puntuación dos aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase de acordo coa suma da puntuación acadada en cada un dos distintos exercicios.

De producirse empate de puntuación entre varios aspirantes resolverase a favor do aspirante que acadase a maior puntuación no segundo exercicio. De persisti-lo empate, resolverase a favor da primeira letra do primeiro apelido, segundo a orde do alfabeto.

Para a realización do segundo e do terceiro exercicios, os aspirantes serán convocados polo tribunal cunha antelación mínima de 48 horas respecto da data de realización destes, mediante un anuncio que se expoñerá no mesmo lugar de realización do exercicio anterior e por aqueles outros medios que o tribunal considere oportuno.

Quinta.-Solicitudes.

1. As persoas que desexen participar nesta convocatoria deberán presenta-la instancia, segundo o modelo que figura como anexo II á presente orde, no rexistro xeral das consellerías da Presidencia e Administración Pública, Familia, Muller e Xuventude, no das súas delegacións provinciais, ou por calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de 10 días, contados a partir do seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Coa instancia deberá xuntarse fotocopia do DNI e xustificante de ter aboados os dereitos de exame, expedido pola entidade bancaria correspondente.

2. Como requisito necesario para participar nestas probas, deberase aboar previamente en concepto de dereitos de exame o importe de 8.025 ptas., e se é o caso, os gastos de transferencia correspondentes utilizando para iso o impreso de autoliquidación sinalado no anexo III. O dito impreso seralles facilitado ós interesados no rexistro xeral das consellerías da Presidencia e Administración Pública, Familia, Muller e Xuventude, e nos das súas delegacións provinciais, debendo encherse cos códigos que figuran no referido anexo III.

Sexta.-Admisión de solicitudes.

A Consellería de Familia, Muller e Xuventude elaborará unha relación de aspirantes admitidos e excluídos, que será publicada nos taboleiros de anuncios da mesma consellería e nos das súas delegacións provinciais, e poderase formular contra ela reclamación no prazo de cinco días a partir do seguinte ó da publicación. Transcorrido o dito prazo a Consellería de Familia, Muller e Xuventude publicará no Diario Oficial de Galicia as listas definitivas de admitidos e excluídos.

Por medio do dito anuncio convocarase os aspirantes admitidos á realización do primeiro exercicio, e indicarase o día, a hora e o lugar de realización.

Sétima.-Tribunal.

O tribunal encargado de efectua-la selección, que estará constituído por un número impar de membros, non inferior a cinco, debendo designarse o mesmo número de membros suplentes, será nomeado pola Consellería de Familia, Muller e Xuventude, e formará parte del un representante da Consellería da Presidencia e Administración Pública, proposto polo director xeral da Función Pública, e un representante dos funcionarios da Comunidade Autónoma proposto polas organizacións sindicais presentes na mesa sectorial dos funcionarios. A súa composición farase pública por medio do anuncio que se cita na base anterior.

Para os efectos do disposto no artigo 26.2º do Decreto 299/1990, do 24 de maio, o tribunal ten a categoría segunda.

O tribunal poderá nomear asesores especialistas que lle presten a súa colaboración na realización das probas.

Oitava.-Resolución.

No prazo máximo dun mes a partir do remate das probas o tribunal cualificador elevará ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública a proposta de aspirantes que superaron as probas, que será publicada no DOG e a partir da dita publicación os aspirantes seleccionados disporán do prazo de 10 días naturais para presentaren na á Dirección Xeral da Función Pública os documentos que a seguir se relacionan:

a) Fotocopia cotexada do DNI.

b) Declaración xurada ou promesa de que non foi separado por medio de expediente disciplinario do servicio de ningunha Administración pública e de que non foi inhabilitado para o exercicio das funcións públicas.

c) Fotocopia cotexada do título requirido na convocatoria.

d) Certificado médico oficial acreditativo de que non padece enfermidade e, no caso de estar afectado por algunha limitación física ou psíquica, certificado expedido polo órgano competente acreditativo de que tal limitación é compatible co desempeño das correspondentes funcións.

Novena.-Nomeamento.

Entregada e comprobada a documentación os aspirantes seleccionados poderán escolle-las prazas segundo a orde de puntuación nas probas, e serán nomeados interinos do grupo B, escala de xestión de sistemas de informática por orde do conselleiro da Presidencia e Administración Pública, que será publicada no DOG.

Os aspirantes que no prazo establecido na base anterior non presenten a documentación ou o fagan de xeito incompleto, perderán tódolos seus dereitos, agás en casos forza maior.

Décima.-Toma de posesión.

A toma de posesión realizarase no prazo de 5 días a partir do día seguinte ó da publicación no DOG da orde do nomeamento do conselleiro da Presidencia e Administración Pública.

Santiago de Compostela, 17 abril de 1996.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

ANEXO I

Programa para a escala de xestión de sistemas de informática

Temario xeral

1. A Constitución española de 1978: dereitos e deberes fundamentais. A Coroa. O Goberno.

2. A Comunidade Autónoma de Galicia. A Xunta de Galicia e o seu presidente. As consellerías. O Parlamento de Galicia, elección dos seus membros e competencias.

3. A Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común: o procedemento administrativo, fases do procedemento. Os recursos administrativos.

4. O persoal ó servicio da Xunta de Galicia. Clases. Persoal funcionario. Persoal laboral.

5. O tratamento automatizado de datos de carácter persoal. Lei orgánica 5/1992: obxecto e ámbito de aplicación. Principios de protección dos datos e dereitos das persoas. A axencia de protección de datos. O rexistro xeral de protección de datos.

Temario específico

1. Sistema operativo UNIX.

-Control de usuarios e procesos.

-Sistemas de ficheiros. Tipos, creación, xestión.

-Comunicacións. Configuración e administración.

-Controis de rendemento. Parámetros do sistema.

-O kernel e as diferentes shells.

-Programación de shell scripts.

-NFS e RFS.

-Xestión de impresoras.

-Arranque, parada e recuperación do sistema.

-Awk, lex, yacc.

-X-Windows.

2. SGBDR Oracle V.7.

-Instalación de Oracle: xestor e instrumentos.

-Xestión da base de datos: eliminación e creación da base, segmentos de rollback e tablespaces, copias de seguridade.

-Arranque e parada do xestor.

-Administración de usuarios da base: creación e definición de perfís, asignación de tablespaces, passwords, eliminación de usuarios.

-Administración de obxectos da base: permisos, sinónimos, vistas.

-Xestión de espacio en disco: mantemento de tablespaces, segmentos de rollback e ficheiros redo log.

-Copias de seguridade.

-Auditorías de obxectos e usuarios.

-Monitorización do xestor.

3. SGBDR Informix 5.0.

-Instalación e configuración: parámetros, memoria compartida.

-Xestión de espacio en disco. Arquitectura: Dbspace, chuncks, blob space, phisical e logical logs.

-Copias de seguridade: tipos e niveis de copias, configuración e control.

-Monitorización e operación do xestor: modos de operación, administración de logs. Control do rendemento.

-Administración de táboas: carga e descarga, creación, asignación de extents, indexación, constraints.

-Informix-Star.

4. Linguaxe C.

-Tipos de datos, operadores e expresións.

-Control de fluxo.

-Funcións e estructura do programa.

-Punteiros e matrices.

-Estructuras.

-Input e Output.

-Intercomunicacións entre procesos (semáforos, colas, memoria compartida, sockets).

-Streams.

-TLI.

-Creación e control de procesos.

5. Arquitectura cliente/servidor. Monitores transaccionais.

-Definición de cliente e servidor.

-Compoñentes das aplicacións cliente/servidor. Particionamento de aplicacións.

-Requirimentos do cliente.

-Requirimentos do servidor.

-Xestión de transaccións distribuídas.

-Monitor de transaccións, monitor de recursos.

-Protocolo de commit en dúas fases.

-Modelo DTP.

-Configuración de Tuxedo en MP.

-RPC e servicios conversacionais.

-Data-dependent routing (DDR).

-Tipos de bufferes: FML, view, carray, string, x-octect, x-ctype, x-common, user defined.

-Seguridade.

6. Arquitectura de bases de datos relacionais.

-Modelo relacional. Modelo de datos.

-Deseño de bases de datos relacionais.

-Dependencias funcionais. Disparadores. Integridade referencial.

-Normalización.

-Bases de datos distribuídas.

-Linguaxe de definición de datos.

-Linguaxe de manipulación de datos.

-Linguaxe de control de datos.

-Transaccións e accesos concorrentes.

-Procesamento de consultas. Cálculos de custo.

-Indexación e asociatividade. Arquivos indexados de árbores B+.

-Recuperación e atomicidade. Puntos de verificación, logging.

-Seguridade e integridade.

7. Protocolo TCP/IP.

-Protocolo IP: definición, routing.

-Internet Control Message Protocol (ICMP).

-User Datagram Protocol (UDP).

-Transmissión Control Protocol (TCP).

-Aplicacións TCP/IP: Telnet, FTP, DNS, SMTP, SNMP.

-Outros: SLIP, CSLIP.

8. Visual Basic.

-Administración de proxectos.

-Programación de obxectos en VB.

-OLE: control contenedor, automatización OLE, construcción servidores OLE.

-Diálogos, menús.

-Acceso a datos: control de datos, DAO, acceso a datos externos, consultas SQL.

-DDE.

-Procedementos de chamadas a DLL.

-Deseño e contrucción aplicacións cliente/servidor: o modelo servicios, deseño modelo lóxico / modelo físico, implementación servidores OLE, automatización remota.

9. Redes locais e interconexión de redes.

-Sistemas de cableado estructurado 10Base-2 e 10Base-T

-Ethernet 802.3 e ethernet-ll.

-Equipos de comunicacións: concentradores e bridges. Configuración, xestión, operación.

-Transceivers.

10. Redes de área estendida.

-Protocolos de enrutamento dinámicos e estáticos: IGRP. EIGRP.

-Equipos de comunicacións: nodos de conmutación e encamiñadores. Configuración, xestión, operación.

-X-25, X-28, X-75.

-Frame Relay, PPP.

-ATM. Nocións.

-FDDI. Nocións.

-RDSI. Nocións.

ANEXO II

(Continuación)

Instruccións para o/a interesado/a

Instruccións xerais:

-Escriba soamente a máquina ou con bolígrafo utilizando maiúsculas de tipo imprenta.

-Asegúrese de que os datos resultan claramente lexibles.

-Evite dobra-lo papel e realizar correccións, emendas ou riscas.

-Non esqueza asina-lo impreso.

Provincia de nacemento:

Consigne o texto e o código correspondente, tomando en consideración:

01 Álava14 Córdoba27 Lugo40 Segovia
02 Albacete15 A Coruña28 Madrid41 Sevilla
03 Alacante16 Cuenca29 Málaga42 Soria
04 Almería17 Xirona30 Murcia43 Tarragona
05 Ávila18 Granada31 Navarra44 Teruel
06 Badaxoz19 Guadalaxara32 Ourense45 Toledo
07 Baleares20 Guipúscoa33 Asturias46 Valencia
08 Barcelona21 Huelva34 Palencia47 Valladolid
09 Burgos22 Huesca35 As Palmas48 Biscaia
10 Cáceres23 Xaén36 Pontevedra49 Zamora
11 Cádiz24 León37 Salamanca50 Zaragoza
12 Castellón25 Lleida38 Tenerife51 Ceuta
13 Cidade Real26 A Rioxa39 Cantabria52 Melilla

2973