Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Mércores, 10 de abril de 1996 Páx. 3.204

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 18 de marzo de 1996 pola que se anuncia a convocatoria para 1996 de intercambio de funcionarios dentro do programa comunitario Karolus.

O 22 de setembro de 1992, o Consello das Comunidades Europeas adoptou unha decisión relativa á adopción dun plan de acción para o intercambio entre as administracións dos estados membros dos funcionarios nacionais encargados da posta en marcha da lexislación comunitaria necesaria para a realización do mercado interior (DOCE L 286, 1-10-1992). Este plan de acción, dunha duración de cinco anos, que comezou o 1 de xaneiro de 1993, afectará a 1.900 participantes.

Os obxectivos do programa, tal como se recollen na Guía do Candidato publicada pola Comisión das Comunidades Europeas (Dirección Xeral de Mercado Interior e Servicios Financeiros), son os seguintes:

-Desenvolver unha política converxente dos enfoques empregados na aplicación da lexislación comunitaria.

-Lograr que os funcionarios das administracións nacionais sexan conscientes da dimensión europea do seu traballo e crear unha confianza mutua entre as administracións nacionais encargadas da aplicación do dereito comunitario.

-Fomenta-lo intercambio de ideas entre as administracións públicas sobre o mellor modo de aplica-la lexislación comunitaria.

Os intercambios de funcionarios realízanse en tres fases: a fase previa consiste un seminario de formación dunha duración de catro días no Instituto Europeo de Administración Pública de Maastricht. O seminario xirará arredor do funcionamento, as políticas e os obxectivos da Unión Europea. A fase principal é o intercambio propiamente dito e circunscríbese a unha estandía mínima de dous meses, que excepcionalmente poderá ser reducida, nunha unidade administrativa pertencente a un dos estados membros da Unión Europea, que as súas competencias sexan semellantes ás da unidade administrativa de orixe. Como terceira e última fase, prevese un seminario de dous días na cidade de Maastricht, co fin de poñer en común as distintas experiencias e de extrae-las conclusións pertinentes sobre a aplicación da normativa comunitaria necesaria para a construcción do mercado interior. Segundo un cuestionario que se lle entregará ó candidato, redactarase un informe final sobre o intercambio.

En consecuencia, e para facilita-la participación no programa dos funcionarios da Administración autonómica de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Os funcionarios que desexen participar no programa comunitario Karolus deberán reuni-las condicións seguintes:

a) Pertenecer ós grupos A ou B.

b) Posuir un dominio suficiente dunha lingua estranxeira que lles permita desempeñar axeitadamente o seu traballo no Estado membro da Unión Europea ó que vaian desprazarse.

c) Ter encomendada a aplicación da lexislación comunitaria relativa ó mercado interior, nalgún dos sectores prioritarios que se definen no anexo I.

d) Ocupar un nivel intermedio na escala administrativa; a categoría ou o grao non será determinante sempre que a actividade do funcionario estea relacionada coa aplicación do dereito comunitario.

Artigo 2º

Os participantes no programa recibirán a totalidade das retribucións correspondentes ó seu actual posto de traballo. Terán dereito ó aboamento das axudas de custo e gastos da viaxe de acordo coa normativa vixente e segundo, o país no que realicen o intercambio, así como a asistencia sanitaria. A consellería respectiva sufragará o 50% dos gastos de estadía de cada participante que presente. O resto dos gastos de estadía e a totalidade dos gastos da viaxe serán sufragados pola Comisión Europea.

O impreso de solicitude deberá presentarse asinado pola autoridade de cada consellería que asuma eses gastos.

Artigo 3º

A documentación necesaria para participar no programa, que se presentará por triplicado, é a seguinte:

-Solicitude de admisión debidamente cuberta, segundo o modelo que se adxunta no anexo II.

-Tres fotografías tamaño carne.

-Fotocopia do DNI.

-Currículum vitae.

-Titulación académica.

-Títulos acreditativos de coñecemento de idioma, se se posúen.

-Memoria de actividades do posto de traballo actual.

-Relación de directivas e regulamentos que son aplicadas no posto de traballo e que se relacionen coa área onde se vai desenvolve-la formación.

-Un formulario de solicitude de admisión, un exemplar do currículum vitae, un exemplar da memoria de actividades e un exemplar da relación de directivas, deberá remitirse na lingua do país no que se pretenda realiza-la estandía.

-Os candidatos deberán superar unha proba de coñecemento de idiomas no Ministerio para as Administracións Públicas.

O programa funcionará ó longo de todo o ano 1996 e poderanse remitir as solicitudes ata o 30 de xuño de 1996.

Disposición derradeira

Para información complementaria e envío da documentación, os interesados deben dirixirse á Dirección Xeral de Planificación Económica e Relacións coa Unión Europea, Consellería de Economía e Facenda. Edificio administrativo de San Caetano. Santiago de Compostela.

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 1996.

José Antonia Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

ANEXO I

Sectores prioritarios

-Productos farmacéuticos e medicamentos veterinarios.

-Contratación pública.

-Control de exportacións e tecnoloxías de dobre uso.

-Control das exportacións de bens culturais.

-Control da fabricación, posta no mercado e exportación dos produtos precursores (fármacos) (administracións distintas das aduaneiras).

-Control da importación e exportación das especies animais e vexetais protexidas (convenio CITES).

-Avaliación da conformidade e supervisión do mercado (aplicación das directivas sobre xoguetes, equipos de protección individual, instrumentos de medida, baixa tensión, compatibilidade electromagnética, os apararellos e sistemas de protección para uso en atmosferas potencialmente explosivas, dispositivos médicos, apararellos de gas, aparellos de presión, productos químicos, productos explosivos de uso civil, máquinas, o sector de vehículos de motor, as embarcacións de recreo e o persoal responsable da aplicación dos distintos instrumentos de control da calidade).

-Productos alimenticios.

-Control fitosanitario.

-Banca, seguros, bolsa e organismos de invertimento colectivo en valores mobiliarios.

-Protección dos consumidores nos ámbitos seguintes: créditos ó consumo, seguridade xeral dos productos, viaxes concertadas.

-Xestión da transferencia de residuos.

-Transporte por estrada marítimo e aéreo.

-Funcionamiento dos programas estatísticos relacionados co mercado interior.

-Normas de competencia en materia de acordos, posicións dominantes e concentracións.

-Libre circulación de persoas, (recoñecemento dos títulos, expedición de permisos de residencia, Seguridade Social, acceso a determinados postos da Administración pública dos estados membros ou de

determinados sectores públicos, inspectores de traballo e axentes dos servicios públicos para o empleo).

-Notificación de regulamentos técnicos nacionais.(Directiva 83/189/CEE do consello).

-Productos químicos perigosos (notificación, posta no mercado, control das exportacións, as importacións e os riscos).

-Biotecnoloxía (procedementos de autorización medioambiental).

-Control das substancias que contaminan a atmosfera (producción, posta no mercado, exportación).

Nota: non obstante, tamén poderán presenta-la súa candidatura os funcionarios dos estados membros encargados da aplicación da lexislación comunitaria relativa ó mercado interior en ámbitos que non figuren na anterior lista de ámbitos prioritarios. Estas candidaturas que non respondan ás necesidades manifestadas nos sectores prioritarios serán examinadas en función do interese que poidan presentar para a aplicación da lexislación comunitaria, e a condición de que non exista ningún programa comunitario de intercambio de funcionarios no sector considerado.

ANEXO II

Modelo de solicitude

Programa karolus 1995

Apelidos Nome

Data de nacemento Sexo

Domicilio

Provincia Código Postal Teléfono

Enderezo administrativo

Cargo

Servicio

Subdirección xeral

Dirección xeral

Consellería

Enderezo do centro de traballo

Provincia Código Postal Teléfono

Coñecemento de idiomas. (Indíquese nivel de comprensión oral e escrita e de expresión oral e escrita).

Lugar de destino: 1ª opción

2ª opción

Duración da estandía:

Datas de estancia posibles: 1ª opción

2ª opción

Contactos previos coa Administración de acollida: si/non

Especificar e indicar servicio de destino se se coñece.

Áreas de dereito comunitario que constitúen o obxecto da formación:

A sinatura deste impreso garantirá a autorización de participación do candidato no programa. Considerarase que mediante ela, a consellería se compromete a financia-lo 50% dos gastos da estandía.

Apelidos Nome

Cargo ou autoridade

Teléfono Fax

Data Sinatura Selo

2228