Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Mércores, 03 de abril de 1996 Páx. 3.084

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 22 de marzo de 1996 pola que se regula a renovación da oferta de ensinanzas nos centros de formación profesional e escolas de artes aplicadas e oficios artísticos durante o curso 1996-1997.

A Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, pola que se aprobou o Estatuto de autonomía de Galicia, e o Real decreto 1763/1982, do 24 de xullo, sobre

traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de educación, recoñécenlle á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria as competencias en materia de planificación, regulación e administración do ensino regrado.

No marco destas competencias e da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, no propósito de actualiza-la cualificación dos cidadáns, persegue como un dos obxectivos básicos para a formación profesional e as artes aplicadas o de lles dar unha resposta puntual e axeitada ós requirimentos de formación provenientes do mundo productivo.

Este obxectivo implica, por unha parte, a necesidade de implantar uns plans de estudio acordes con eses requirimentos e, por outra, a de manter en todo momento actualizada a oferta formativa dos centros.

En canto ó primeiro aspecto, a Administración educativa pretende darlles resposta ás necesidades actuais e futuras, formuladas polos diferentes sectores productivos, co novo catálogo de títulos dos ciclos formativos. Nesta mesma liña, tanto a educación secundaria obrigatoria como as distintas modalidades de bacharelato inclúen nos seus respectivos plans de estudio contidos de formación profesional de base que pretenden, por unha parte, a preparación dos alumnos e alumnas para acceder á formación profesional específica e, por outra, conseguir neles unha polivalencia que lles vai demanda-la dinámica social na que nos atopamos inmersos, propiciada, entre outros aspectos, polas normas e directrices derivadas da Unión Europea.

O segundo aspecto incide na necesidade de revisar periodicamente a oferta educativa dos centros, para adaptala ás necesidades de cada momento. Neste sentido, durante os próximos cursos acometerase a substitución das actuais ensinanzas de formación profesional e de artes aplicadas e oficios artísticos polos novos ciclos formativos, dentro do calendario previsto, e procurarase a ampliación da oferta no contexto dos obxectivos sinalados polo Fondo Social Europeo dentro do Programa Operativo para Galicia 1994-1999.

Non obstante, en tanto non se implantan con carácter xeral as novas titulacións, resulta conveniente utilizar para o próximo curso as posibilidades que ofrece o catálogo experimental de módulos profesionais, que permite unha resposta axeitada ás necesidades do mercado de traballo e un maior coñecemento dos aspectos máis salientables do novo modelo de formación profesional específica.

Por outra parte, a progresiva implantación da educación secundaria obrigatoria fai que distintos centros poidan requirir durante o próximo curso 1996-1997 a implantación de ciclos formativos de grao superior e ciclos formativos de grao medio.

Na súa virtude, visto o Decreto 232/1994, do 14 de xullo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria,

DISPOÑO:

Primeiro.-A presente orde regula as condicións polas que os centros públicos e privados homologados de formación profesional e escolas de artes poderán solicita-la experimentación de ciclos formativos e módulos profesionais durante o curso 1996-1997.

Segundo.-Experimentación de módulos profesionais durante o curso 1996-1997.

1. Os centros públicos ou privados homologados que desexen seguir experimentando durante o curso 1996-1997 módulos para os que foran autorizados no curso 1995-1996, deberán presentar na correspondente delegación provincial, ata o 3 de maio de 1996, unha memoria na que consten os seguintes puntos, segundo proceda:

a) Memoria dos aspectos máis destacables da experimentación desenvolvida.

b) Xustificación de que se seguen cumprindo os requisitos básicos que deron lugar á autorización no seu momento.

c) Circunstancias concorrentes que impidan a substitución do módulo polo ciclo formativo equivalente.

Terceiro.-Implantación de ciclos formativos.

1. Seguindo a metodoloxía utilizada en cursos anteriores, considérase oportuno continua-la implantación experimental dos ciclos formativos aprobados nos respectivos reais decretos.

2. Os centros que, como consecuencia da existencia de alumnos que superaron a educación secundaria obrigatoria, desexen solicita-la implantación durante o curso 1996-1997 dalgún dos ciclos formativos indicados no apartado anterior deberán presentar na correspondente delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, ata o 3 de maio, unha memoria na que consten os seguintes puntos:

a) Conexión co contexto productivo: xustificación da conveniencia de implanta-lo ciclo formativo, tendo en conta o sector productivo na área de influencia do centro.

b) Relación das empresas do sector que, reunindo os requisitos de idoneidade, asumiron formalmente o compromiso de acolle-los alumnos para a realización do módulo de formación en centros de traballo, de acordo co programa enunciado no correspondente documento base do título. Este compromiso de colaboración xustificarase documentalmente.

c) Xustificación de que se cumpren os requisitos mínimos de espacios e instalacións especificados no correspondente documento base do título, así como as especificacións previstas para este tipo de

ensinanzas polo Real decreto 1004/1991, do 14 de xuño. No caso de centros privados, ademais, acreditación de que as novas ensinanzas non supoñen un incremento no número de postos escolares autorizados.

d) Confirmar que os recursos didácticos e tecnolóxicos dispoñibles son os axeitados para o desenvolvemento do ciclo formativo.

e) No caso de centros públicos, relación de profesorado da área tecnolóxico-práctica con destino definitivo nos centros comprometido na impartición das ensinanzas, indicando especialidade, titulación e currículum.

No caso de centros privados, profesorado que impartiría as novas ensinanzas, adaptando currículum e copia compulsada da titulación.

f) Proxecto didáctico, elaborado a partir do documento base do título, no que se concretarán:

-Liñas xerais da programación do ciclo formativo, concretando a adaptación dos obxectivos e contidos del ó contorno do centro.

-Contidos de cada módulo, debidamente secuenciados.

-Metodoloxía e equipamento didáctico que se utilizará en cada caso.

-Distribución horaria e calendario para os períodos formativos no centro e nas empresas.

-Sistemas de avaliación e recuperación previstos.

g) Actividades específicas de formación e actualización do profesorado que se consideran necesarias para poder implanta-lo ciclo.

h) No caso de centros públicos ou privados concertados, aprobación pola comunidade educativa: certificación de que o proxecto foi aprobado polo departamento correspondente e o consello escolar do centro.

Cuarto.-Aprobación das ensinanzas.

1. As delegacións provinciais remitirán as correspondentes memorias-solicitudes á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, acompañadas dun informe dos servicios provinciais de inspección relativo á oportunidade e interese da autorización e cantos outros extremos xulguen oportunos.

2. A aprobación ou denegación das ensinanzas recollidas nesta orde corresponderalle á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros, logo de informe da Dirección Xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos.

As memorias-solicitudes entenderanse desestimadas no caso de non recaer resolución expresa no prazo de tres meses desde que rematou o período da súa presentación.

Contra esta resolución poderase recorrer no prazo dun mes perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, mediante o recurso ordinario previsto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Terán prioridade para imparti-las ensinanzas reguladas nesta orde os centros que cumpran algún destes requisitos:

-Centros que por teren implantada a educación secundaria obrigatoria e os novos bacharelatos propoñan ofertarlles saídas ós alumnos que cursaron as referidas ensinanzas postobrigatorias de formación profesional específica.

-Centros nos que a implantación destas ensinanzas sirva para completar ou reestructura-la oferta actual de ensinanzas de formación profesional en función das necesidades dun sector productivo.

Quinto.-Unha vez aprobada a experimentación das ensinanzas previstas nesta orde, o número mínimo de alumnos que se requirirán nos centros públicos para poder impartilas será de 20 por aula, salvo autorización expresa da Dirección Xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos en sentido contrario. Esta condición dun número mínimo de alumnos debe ser posta en coñecemento dos interesados no momento da súa preinscrición.

Así mesmo, a Dirección Xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos determinará en cada caso o número máximo de alumnos por grupo, atendendo ás condicións pedagóxicas e medios didácticos concretos. Este número máximo en ningún caso poderá supera-los 30 alumnos.

Disposición derradeira

Autorízase as direccións xerais de Ordenación Educativa e Centros e de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos a dicta-las resolucións que coiden necesarias para o axeitado desenvolvemento do disposto na presente orde.

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 1996.

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

Director Xeral de Ordenación Educativa e Centros

Director Xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos

2367