Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Mércores, 03 de abril de 1996 Páx. 3.072

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 2 de febreiro de 1996, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se ratifican os estatutos da Federación Galega de Vela.

Visto o estatuto da Federación Galega de Vela e a acta de aprobación da súa asemblea xeral extraordinaria do 30-11-1995.

Visto o informe da sección de Rexistro de Clubs e Asuntos Xurídicos, a Orde do 28 de xullo de 1995 de desenvolvemento do decreto 228/1994, do 14 de xullo, regulador das federacións deportivas galegas, a Lei 10/1990, xeral do deporte, e demais normativa aplicable,

RESOLVO:

Ratificar con efectos desde a aprobación da súa asemblea os estatutos aprobados de conformidade co artigo 8 da Orde do 28 de xullo de 1995 e autorizar a publicación dos estatutos no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 1996.

Eduardo Lamas Sánchez

Secretario xeral para o Deporte

Estatutos da Federación Galega de Vela

Título I

Disposicións xerais

Capítulo I

Denominación, naturaleza xurídica, obxecto social e domicilio

Artigo 1º

A Federación Galega de Vela é unha entidade privada, con personalidade xurídica propia, sen ánimo de lucro, o seu ámbito territorial comprende a Comu

nidade Autónoma de Galicia no desenvolvemento das competencias que lle son propias, e está integrada polas entidades deportivas, deportistas, técnicos, xuíces e xurados e outros colectivos dedicados á práctica do deporte da vela.

A Federación Galega de Vela, ademais das competencias que lle son propias, exerce por delegación, funcións públicas de carácter administrativo, e actúa como axente colaborador da Administración pública.

Artigo 2º

A Federación Galega de Vela organízase orgánica e funcionalmente de forma democrática e representativa, con personalidade xurídica e patrimonio propio e independente do dos seus asociados, e plena capacidade de obrar, coas limitacións sinaladas pola lei e disposicións vixentes, e pode adquirir, para os seus propios fins, bens de tódalas clases, mobles e inmobles, contratar e obrigarse para o cumprimento das súas finalidades e está suxeita ás súas propias responsabilidades.

A Federación Galega de Vela encóntrase integrada na Real Federación Española de Vela e ostenta de maneira exclusiva a representación desta dentro da Comunidade Autónoma galega no referente ó deporte da vela, conservando en tal integración a súa personalidade xurídica, o seu patrimonio propio e diferenciado, o seu orzamento e o seu réxime xurídico particular.

Artigo 3º

A Federación Galega de Vela ten como obxecto social proporcionar, dirixir e ordenar exclusivamente dentro de Galicia, sen prexuízo das competencias concorrentes das distintas administracións públicas, as actividades propias da súa modalidade deportiva, en coordinación cos organismos correspondentes da Xunta de Galicia, e rexerase por estes estatutos e os seus regulamentos, polos da Real Federación Española de Vela no que lle sexan aplicables, e polas disposicións que dicte a Xunta de Galicia e, supletoriamente, a Administración do Estado.

A Federación Galega de Vela é a única entidade competente dentro da Comunidade Autónoma de Galicia para proporcionar, regulamentar, organizar, xestionar e controlar as competicións oficiais de vela.

Artigo 4º

A Federación Galega de Vela dentro da súa actividade na Comunidade Autonóma de Galicia, ademais das súas funcións propias de promoción, goberno, administración, xestión e organización da vela, exercerá, baixo a coordinación e tutela da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, as seguintes funcións públicas de carácter administrativo:

a) A promoción e divulgación da vela en tódalas súas facetas.

b) Canaliza-los deportistas á práctica da vela mediante os oportunos cursos de iniciación, formación e perfeccionamento.

c) Apoiar técnica e administrativamente a práctica da vela velando ante os organismos competentes polo apoio a esta modalidade deportiva dentro de Galicia.

d) Cualificar e organiza-las actividades e competicións deportivas oficiais de ámbito autonómico galego.

e) Exerce-la potestade disciplinaria sobre os integrantes da Federación Galega de Vela nos termos previstos pola lei.

f) Exerce-lo control das subvencións que asignen ás asociacións e entidades deportivas nas condicións que fixe a Secretaría Xeral para o Deporte.

g) Executar, se é o caso, as resolucións do Comité Galego de Disciplina Deportiva.

h) Calquera outra que lle sexa atribuída pola lexislación vixente ou que acorde no ámbito da súa competencia a asemblea xeral da federación.

Os actos realizados pola Federación Galega de Vela, no exercicio das súas funcións públicas de carácter administrativo, son susceptibles de recurso ante o conselleiro da Presidencia e Administración Pública, as resolucións do cal esgotan a vía administrativa.

Artigo 5º

O domicilio da Federación Galega de Vela establécese en Vigo, peirao de Bouzas s/n.

A comisión delegada, por maioría dos seus membros e cando as circunstancias o aconsellen, poderá acorda-lo cambio do domicilio social dentro da mesma localidade. Para o traslado de domicilio a outra localidade, que deberá ser sempre dentro do territorio da Comunidade Autónoma galega, será necesario o acordo maioritario da asemblea xeral, en ámbolos casos, o traslado do domicilio social deberá ser notificado ós afiliados e á Secretaría Xeral para o Deporte.

Capítulo II

Requisitos para ser membro da federación. Dereitos e deberes

Artigo 6º

As entidades deportivas poderán integrarse, por petición propia, na Federación Galega de Vela, sempre que teñan o seu domicilio social e desempeñen a súa actividade en Galicia e se encontren constituídas conforme os requisitos esixidos para cada modalidade, pola lexislación vixente e inscritos no Rexistro de Clubs, Federacións e Asociacións Deportivas da Xunta de Galicia, debendo comprometerse a cumpri-los estatutos e regulamentos da autoridade dos órganos federativos, en relación coas materias da súa competencia.

Os mesmos criterios e requisitos, no que sexa de aplicación, rexerán para a integración na federación

dos deportistas, técnicos, xuíces e xurados, e outros colectivos interesados se os houbese.

Artigo 7º

A integración na Federación Galega de Vela levará consigo a integración automática e para tódolos efectos na Real Federación Española de Vela.

Artigo 8º

A integración na Federación Galega de Vela producirase mediante a expedición por parte desta do documento de afiliación ou inscrición. A dita expedición será acordada pola xunta directiva da Federación Galega de Vela.

Contra a denegación, que deberá ser motivada, caberá recurso ante a asemblea xeral.

En todo caso, para a participación en actividades ou competicións deportivas oficiais de ámbito autonómico será preciso estar en posesión da licencia ou documento de afiliación expedido pola Federación Galega de Vela.

Artigo 9º

Tódolos membros da Federacion Galega de Vela teñen dereito a recibi-la tutela dela con respeto ós seus intereses deportivos comúns e individuais, así como o de participar nas súas actividades e no funcionamento dos seus órganos, de acordo cos presentes estatutos e cos regulamentos internos dela. Os membros da federación teñen, á súa vez, o deber de acata-los acordos dos seus órganos, sen que isto obste ó seu dereito de recorrer, ante as instancias federativas competentes e, se é o caso, ante os tribunais de xusticia ou Secretaría Xeral para o Deporte, segundo proceda, contra aqueles que consideren contrarios a dereito, e sen prexuízo de acudir á conciliación extraxudicial ou arbitraxe nos termos previstos nas leis.

Capítulo III

As entidades deportivas e as clases

Artigo 10º

Por club de vela enténdese aquela asociación privada de carácter deportivo que, constituída de conformidade coas disposicións vixentes, teña por obxecto principal a práctica e o fomento do deporte da vela.

10.1. Son asociacións deportivas de propietarios as agrupacións de todos aqueles que o sexan dunha embarcación dunha determinada clase.

Son seccións de vela as organizacións sen persoalidade de club, pertencentes a outros entes que non teñan por actividade principal o deporte da vela.

10.2. Poderán causar baixa na Federación Galega de Vela as entidades ou seccións que denoten falta de actividade durante un ano natural, e polo incumprimento das obrigacións estatutarias ou económicas coa federación.

10.3. A Federación Galega de Vela e demais entidades deportivas poderán crear escolas de vela para

a ensinanza de cantas persoas desexen practica-lo dito deporte.

Artigo 11º

Os clubs, asociacións e demais entidades afiliadas á Federación Galega de Vela deberán de ter como obxectivos:

a) A práctica e fomento da vela.

b) A organización de competicións e regatas nas condicións establecidas no correspondente regulamento ou nos acordos federativos.

Artigo 12º

Como entidades deportivas afiliadas á federación deberán:

a) Cumprir cos estatutos e regulamentos da Federación Galega de Vela.

b) Acepta-los acordos y resolucións dos órganos federativos.

c) Colaborar coa Federación Galega de Vela facilitando as súas instalacións deportivas para cumpri-los fins federativos.

d) Contribuír ó sostemento da Federación Galega de Vela e paga-las súas cuotas, exaccións e multas federativas.

e) Cooperar coas autoridades federativas na xestión administrativa, facilitando os datos de información que se soliciten.

f) Coidar do mantemento da disciplina entre os seus socios, nos termos establecidos polas normas desenvoltas pola Lei do deporte.

g) Cumprir calquera outra obrigación establecida nos regulamentos técnicos e demais disposicións que lle sexan de aplicación.

h) Estar inscritos no Rexistro de Clubs, Federacións e Asociacións Deportivas da Xunta de Galicia.

Artigo 13º

A Federación Galega de Vela poderá recoñece-las clases que coide conveniente para a promoción e desenvolvemento da vela.

13.1. O criterio para o recoñecemento dunha clase axustarase ó que, en cada caso e para cada período de tempo, se determine.

13.2. As clases recoñecidas pola Federación Galega de Vela deberán cumpri-los seguintes requisitos:

a) Xestiona-las actividades da clase, segundo os acordos que nos aspectos técnicos e económicos adopten os órganos da Federación Galega de Vela.

b) Poñer á disposición da federación o regulamento da clase no que se refire a constitución e funcionamento.

c) Propoñer á Federación Galega de Vela con tempo suficiente para a súa incorporación ó calendario de regatas, os clubs encargados de organiza-los campeonatos autonómicos, correspondéndolle á Federación Galega de Vela a súa designación.

13.3. Os secretarios das clases recoñecidas serán os seus representantes ante a Federación Galega de Vela, con independencia de quen fose o presidente da asociación de propietarios de embarcación das súas clases.

13.4. O nomeamento do secretario da clase corresponderá ó presidente da Federación Galega de Vela, por proposta da organización respectiva.

Título II

Dos órganos de goberno e representación

Capítulo I

Normas xerais

Artigo 14º

Son órganos de goberno e representación da Federación Galega de Vela a asemblea xeral e o presidente.

No seo da asemblea xeral deberá constituírse unha comisión delegada de asistencia a ela.

Artigo 15º

1. Serán órganos electivos da federación o presidente, a asemblea xeral e a comisión delegada no ámbito das súas respectivas competencias.

Os membros dos demais órganos e comités serán designados e separados libremente polo presidente coas excepcións previstas nos presentes estatutos.

2. O nomeamento ou renovación dos membros dos órganos de goberno e representación, dos órganos complementarios e dos comités que puidesen crearse dentro da federación deberán ser comunicados a tódolos membros da asemblea xeral e a Secretaría Xeral para o Deporte nun prazo máximo de 15 días a partir da data do nomeamento.

3. Os órganos de goberno e representación reuniranse na forma e termos establecidos nestes estatutos; os seus acordos, salvo disposición expresa que dispoña o contrario, adoptaranse por maioría simple; en caso de empate o presidente terá voto de calidade. Os acordos poderán ser impugnados de conformidade co disposto na lexislación aplicable e nos presentes estatutos.

4. A responsabilidade dos membros dos órganos da federación no exercicio das súas funcións será esixida no ámbito disciplinario de conformidade co disposto no Real decreto 1591/1992, do 23 de decembro, e nos ámbitos civil e penal de acordo coa lexislación xeral de aplicación.

5. Son requisitos xerais para ser candidato a presidente ou a membro da xunta directiva da Federación Galega de Vela, ser prexuízo do establecido regulamentariamente, as condicións seguintes:

a) Te-la condición política de galego, segundo o disposto no artigo 3 da Lei organica do 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto da autonomía de Galicia.

b) Ser maior de idade e estar en pleno uso dos dereitos civís.

c) Non estar suxeito á corrección disciplinaria de carácter deportivo que o inhabilite.

d) Non ter sido condenado mediante sentencia penal firme que leve anexa pena principal ou accesoria de inhabilitación absoluta ou especial para o cargo público.

e) Non estar incurso en ningunha causa de incompatibilidade establecida legalmente ou nos presentes estatutos.

f) Reuni-los requisitos específicos propios de cada estamento deportivo.

Capítulo II

Da asemblea xeral

Sección primeira

Natureza, composición, nomeamento e cese

Artigo 16º

A asemblea xeral é o órgano de goberno superior e de representación da Federacion Galega de Vela.

Artigo 17º

A asemblea xeral está constituída polo presidente da federación e polos representantes das entidades deportivas, os deportistas, técnicos, os xuíces e xurados.

As entidades deportivas non poderán ser membros da asemblea xeral se no momento da convocatoria de eleccións non figuran inscritas no Rexistro de Clubs, Federacións e Entidades Deportivas da Xunta de Galicia.

Os compoñentes da xunta directiva, por este só carácter, poderán asistir ás reunións da asemblea, con dereito a voz pero sen voto.

Artigo 18º

O número de membros da asemblea xeral fixarase no Regulamento electoral que regule a convocatoria de eleccións a ela. A composición e a representación dos estamentos sinalados anteriormente responderá ás seguintes proporcións:

-Entidades deportivas:(70%)

-Deportistas: (20%)

-Técnicos: (5%)

-Xuices e xurados: (5%)

Artigo 19º

A convocatoria de eleccións deberá indicar expresamente o número de membros da asemblea xeral e o de cada un dos seus estamentos.

Artigo 20º

Os membros da asemblea xeral e a comisión delegada cesarán polas seguintes causas:

a) Defunción.

b) Disolución da entidade á que representan.

c) Expiración do mandato para o que foron elixidos.

d) Renuncia voluntaria ou demisión.

e) Estar incurso en causa de inelixibilidade ou incompatibilidade legal ou estatutaria.

f) Sanción disciplinaria imposta en forma regulamentaria que implique o cesamento no cargo que ostenta.

g) Perda dos requisitos polos que foron elixidos no seu respectivo estamento.

Artigo 21º

As vacantes que se produzan na asemblea xeral antes das seguintes eleccións xerais a ela, serán cubertas, dentro de cada estamento e de maneira sucesiva, polos candidatos que no proceso electoral obtivesen maior número de votos despois dos que resultaron electos e, a falta destes, mediante a realización de eleccións parciais sempre que, neste último caso, se as vacantes superen o 20% dos membros da asemblea.

Os elixidos para ocupa-las vacantes ás que se refire o apartado anterior ostentarán o seu mandato polo tempo que falte para a celebración das seguintes eleccións xerais.

Sección segunda

Réxime de funcionamento

1. Competencias.

Artigo 22º

A asemblea xeral, en canto órgano máximo de goberno e representación da federación, pode adoptar calquera acordo ou decisión sobre ela, con sometemento ás regras de competencia e procedemento. Especialmente son competencias da asemblea xeral as seguintes:

1. A aprobación e modificación dos estatutos da Federación Galega de Vela.

2. A elección mediante sufraxio libre, igual, directo e secreto do presidente e da comisión delegada da Federación Galega de Vela, así como o cesamento e a moción de censura ó presidente.

3. Aprobación e liquidación do orzamento anual da Federación Galega de Vela.

4. Aprobación do programa ou calendario deportivo anual a desenvolver pola Federación Galega de Vela, e das bases ou regulamentos que rexerán a competición.

5. Aprobación do Regulamento de eleccións á asemblea xeral, presidente e da comisión delegada da Federación Galega de Vela.

6. Aprobación do regulamento sobre conciliación extraxudicial ou arbitraxe.

7. Aprobación do Regulamento de disciplina deportiva.

8. Calquera outra competencia da federación que non estea expresamente atribuída polos presentes estatutos a outro órgano.

2. Convocatoria

Artigo 23º

A convocatoria da asemblea xeral será realizada polo presidente da Federación Galega de Vela e deberá conte-la orde do día da reunión; esta farase pública no taboleiro de anuncios da Federación Galega de Vela, con 10 días de antelación á data de celebración. En todo caso notificaráse individualmente a cada un dos membros da asemblea xeral, por calqueira dos medios que permita ter constancia da data de recepción dela cunha antelación mínima de 48 horas.

1. Os defectos formais na convocatoria non darán lugar á nulidade da asemblea sempre e cando os membros dela recibisen a convocatoria coa orde do día no prazo establecido, e en todo caso a asamblea será válida, sen necesidade de ningún outro requisito, sempre que concorran a totalidade dos membros dela.

2. A orde do día poderá ser modificada, no sentido de incorporar novos puntos, por petición fundada dunha quinta parte dos membros da asemblea xeral e sempre que esta incorporación se solicite cunha marxe de tempo suficiente para que poida ser notificada a tódolos membros da asemblea xeral mediante a notificación e a publicación no taboleiro de anuncios da Federación Galega de Vela, cunha antelación mínima de 3 días á data de celebración.

Artigo 24º

O presidente da Federacion Galega de Vela, deberá convocar unha asemblea xeral ordinaria anualmente para trata-los asuntos propios da xestión ordinaria e, como mínimo, para a aprobación da memoria anual de actividades, a aprobación do novo orzamento e a liquidación do anterior, aprobación do calendario deportivo e das regras que rexerán a competición e o exame e consideración das propostas que formulen os membros da asemblea, da comisión delegada, da xunta directiva e do presidente.

1. Tódalas demais asembleas terán carácter extraordinario e serán convocadas polo presidente da Federación Galega de Vela, sempre que o estime oportuno, ou a petición dun número de membros que integren a asemblea xeral non inferior ó 25%. Neste caso, os solicitantes deberán formular unha petición por escrito dirixida ó presidente da federación, indicando os puntos que compoñerán a orde do día.

2. O presidente da Federación Galega de Vela, no prazo máximo de 10 días naturais desde a entrada da solicitude de convocatoria da asemblea extraordinaria por un número de membros suficientes, no rexistro da Federación Galega de Vela, deberá convoca-la asemblea xeral con carácter extraordinario, cos requisitos de forma sinalados nestes estatutos, e coa orde do día solicitada, sen incluír ningún outro punto, a celebrar nun prazo non superior a 20 días naturais dende a convocatoria. Caso de negativa expresa do presidente a efectua-la convocatoria, ou pasados 10 días desde que a solicitude fose efec

tuada ser sido respondida, os solicitantes poderán facer uso dos dereitos que a lexislación vixente establece, ante a Secretaría Xeral para o Deporte para a convocatoria dos órganos colexiados de goberno.

3. Cando o presidente da federación aprecie a existencia dunha situación urxente que non permita demora na convocatoria da asemblea extraordinaria, poderá convocala sen suxeción a prazo nin requisito de forma ningún salvo a citación persoal dos asembleístas que poidan ser localizados nos enderezos que consten na federación. En todo caso, a asemblea xeral requerirá como mínimo a presencia de 2/3 dos seus membros e antes de analiza-la orde do día pronunciarase previamente, por maioría de asistentes, sobre a urxencia da convocatoria e a necesidade ou non da súa celebración. En todo caso nunha asemblea xeral convocada desta forma non poderá modificarse os asuntos.

Artigo 25º

A asemblea xeral quedará validamente constituída en primeira convocatoria cando a ela concorran a maioría dos seus membros.

En segunda convocatoria será válida sexa cal sexa o número de asistentes. Deberá mediar un mínimo de media hora entre a primeira e a segunda convocatoria.

4. Adopcion de acordos

Artigo 26º

Non será admisible en modo ningún para a formación da vontade dos órganos colexiados da Federación Galega de Vela nin para o establecemento do seu quórum o voto por correo nin a delegación de voto sendo, por tanto, necesaria a presencia física dos seus membros.

Con carácter escepcional as entidades deportivas poderán ser representadas de conformidade cos seus propios estatutos, pero o representante non poderá ser membro da asemblea xeral.

Ninguen poderá ostentar na asemblea xeral máis dunha delegación de voto.

Artigo 27º

As votacións no seo da asemblea xeral realizaranse na forma e pola orde que a presidencia estableza, sendo esta a que decidirá se serán ordinarias, nominais ou secretas; se polo menos o 25% dos asistentes solicita unha modalidade daterminada, a forma de votación decidirase por maioría simple dos membros da asemblea xeral.

Artigo 28º

A asemblea xeral será presidida polo presidente da federación, e o seu voto será de calidade en caso de empate. Os acordos adoptaranse por maioría simple de asistentes.

Para os efectos do cómputo de quórums e maiorías, cando estes se conformen cun número inexacto de asembleístas, computaranse sempre por exceso e con referencia ó número daqueles efectivamente exis

tentes como membros da asemblea, descontadas as vacantes.

Artigo 29º

De tódolos acordos adoptados na asemblea xeral e comisión delegada, levantarase acta polo secretario delas, especificando o nome das persoas que interviron e as demais circunstancias que se consideren oportunas, contido dos acordos adoptados, o resultado da votación e, se é o caso, os votos particulares contrarios ó acordo adoptado.

Os votos contrarios ó acordo adoptado ou as abstencións motivadas eximirán a quen os emita de calquera responsabilidade derivada de tales acordos.

Artigo 30º

Os acordos da asemblea xeral e da comisión delegada serán vinculantes e de obrigatorio cumprimento para a totalidade dos órganos, persoas e entidades que integran a Federación Galega de Vela e terán forza executiva a partir da data da súa adopción.

Artigo 31º

A asemblea xeral non poderá adoptar ningún acto que poida comprometer de forma irreversible o seu patrimonio ou actividade que constitue o obxecto propio da federación.

En caso de dúvida ou a petición dun 5% dos membros de dereito da asemblea, será requisito imprescindible a emisión dun informe favorable por parte dos organismos competentes da Xunta de Galicia.

Capítulo III

A comision delegada

Natureza, constitución, composicion e funcionamento

Artigo 32º

1. No seo da asemblea xeral deberá constituírse unha comisión delegada que terá carácter electivo e será un órgano de goberno e representación da federación.

2. A comisión delegada será elixida pola asemblea xeral na primeira reunión que esa celebre despois da súa constitución mediante sufraxio entre os membros dela. O seu mandato coincidirá co da asemblea xeral.

3. O número de membros da comisión delegada será o 15% dos membros da asemblea xeral. En ningún caso este número será inferios a 5 nen superior a 15.

4. O presidente da federación convocará á comisión delegada, que se reunirá como mínimo cada 4 meses para os fins da súa competencia e polo menos para realiza-lo seguimento da xestión deportiva e económica da federación.

5. Corresonde á comisión delegada da asemblea xeral:

a) A elaboración dun informe previo á aprobación dos orzamentos.

b) A modificación do calendario deportivo.

c) A modificación dos orzamentos e dos regulamentos.

d) O seguimento da xestión deportiva e económica da federación.

As modificacións non poderán exceder dos límites e criterios que a propia asemblea xeral estableza.

A proposta sobre os temas que se tratarán na comisión delegada corresponde ó presidente ou a dous tercios dos membros da comisión delegada.

Capítulo IV

Do presidente

Artigo 33º

O presidente da federación é o órgano executivo, de goberno e representación que ostenta a súa representación legal, convoca e preside os órganos de goberno e representación e executa os seus acordos.

Artigo 34º

A duración do cargo de presidente será de 4 anos.

No caso de que, excepcionalmente. quede vacante a presidencia antes de que transcorra o prazo para o que foi elixido, considerarase demisionaria toda a xunta directiva, constituíndose a comisión delegada en comisión xestora, presidida polo membro de maior idade. Convocará á asemblea xeral, e esta, acordará unha nova elección do presidente para cubri-la vacante polo tempo que falte ata a terminación do prazo correspondente ó mandato ordinario. Se a vacante se produce por prosperar unha moción de censura, haberá que aterse ó disposto do artigo 37º destes estatutos.

Artigo 35º

O desempeño do cargo de presidente da Federación Galega de Vela será causa de incompatibilidade coas seguintes actividades:

a) Ocupación de cargos directivos noutras federacións deportivas; exceptuándose a federación española da mesma modalidade deportiva.

b) Desenvolvemento de actividades ou desempeño de cargos en asociacións deportivas, ou clubs dependentes integrados na Federación Galega de Vela.

c) A persoa que resulte elixida como presidente da federación deberá cesar en todo tipo de actividades directivas no deporte específico e no ámbito territorial da federación.

Non existirá incompatibilidade, en ningún caso, coa práctica activa do deporte.

Artigo 36º.

O presidente cesará por:

a) Transcurso do prazo polo que foi elixido.

b) Demisión.

c) Incapacidade física ou psíquica para continuar no exercicio do seu cargo.

d) Aprobación dunha moción de censura pola asemblea xeral.

e) Por incorrer en causa de inelixibilidade, ou incompatibilidade. Neste último caso disporá dun prazo dun mes para cesar no posto que resulte incompatible co de presidente.

Artigo 37º

A moción de censura ó presidente poderá ser presentada polos membros da asemblea xeral que constitúan polo menos un 20% dela mediante escrito presentado no rexistro da federación. Na dita petición deberán solicitar do presidente a convocatoria dunha asemblea xeral extraordinaria coa dita moción como único punto da orde do día así como propoñer un candidato alternativo á presidencia.

No caso de prospera-la moción de censura, que se votará nun sistema de dobre volta, debendo alcanza-la maioría absoluta de membros que compoñen a asemblea na primeira ou maioría simple de asistentes na segunda, celebradas cunha hora de diferencia, o candidato quedará investido, cun mandato polo prazo que falte para concluí-lo período ordinario.

Para a convocatoria da asemblea xeral extraordinaria a que se refire este artigo, haberá que aterse ó disposto no artigo 23º destes estatutos. A sesión da asemblea xeral en que se debata a moción de censura estará presidida polo membro de maior idade. Non será válido o voto por correo nin a asistencia por representación.

Se a moción de censura non prosperase, non poderá presentarse unha nova no prazo dun ano, como tampouco poderá presentarse, no caso de prosperar, contra o candidato investido na dita asemblea polo período dun ano.

Título III

Órganos complementarios dos de goberno e representación

Artigo 38º

Son órganos complementarios dos de goberno e representación da federación, para asistir ó presidente:

a) A xunta directiva.

b) O secretario.

c) O tesoreiro.

Artigo 39º

1. A xunta directiva é o órgano colexiado de xestión da federación; os seus membros son designados e separados libremente polo presidente, que a presidirá.

O número de membros non será inferior a 5 nin superior a 15.

O presidente elixirá entre os membros da súa xunta directiva un ou varios vicepresidentes, que o serán tamén da federación, o cal ou cales substituirán ó

presidente por delegación, imposibilidade física ou ausencia temporal; un secretario que, a súa vez, o será da federación, así como un tesoureiro. Tales cargos, en canto baseados na confianza, poderán ser removidos polo presidente cando o considere conveniente.

Os membros da xunta directiva que non o sexan da asemblea xeral terán acceso a ela, con dereito a voz pero sen voto.

Tódolos cargos son honoríficos e, no caso de establecerse unha compensación económica a favor dalgún dos seus membros da xunta directiva, deberá ser expresamente acordada pola asemblea xeral e constar dunha maneira diferenciada no orzamento. En ningún caso a compensación económica poderá ser satisfeita con cargo ás subvencións públicas que reciba a federación.

2. O presidente da federación nomeará a un secretario, o cal exercerá as funcións de fedatario e asesor, e máis especificamente:

a) Levantar actas das sesións dos órganos de goberno e representración da federación, con indicación dos asistentes, temas tratados, o resultado das votacións e, se é o caso, os votos particulares contrarios ó acordo adoptado.

b) Expedi-las certificacións oportunas das actas dos órganos de goberno e representación.

c) Remitir á Secretaría Xeral para o Deporte as actas das reunións da asemblea xeral e da comisión delegada no prazo de 15 días desde a data da súa celebración, así como as convocatorias delas.

3. O tesoureiro da federación é o órgano de administración dela. Exercerá como funcións propias:

a) Leva-la contabilidade da federación.

b) Exerce-la inspección económica de tódolos órganos da federación.

c) Elaborar e presentar informes á comisión delegada do estado contable da federación.

Artigo 40º

Para ser membro da xunta directiva non será necesario formar parte da asemblea xeral, pero sí da federación.

Artigo 41º

Os membros da xunta directiva cesarán polas seguintes causas:

a) Vacancia na presidencia, sen prexuízo da súa conversión en comisión xestora nos casos previstos nos estatutos.

b) Demisión.

c) Falecemento ou incapacidade física ou psíquica para continuar no exercicio do seu cargo.

d) Por incorrer en causa de inelixibilidade, ou incompatibilidade.

e) Cesados directamente polo presidente co cumprimento das comunicacións que se refiren os presentes estatutos.

Artigo 42º

A xunta directiva como órgano colaborador do presidente non terá competencias propias e exercerá por delegación as que lle encomende o presidente, que poderá avogar e revogar en calquera momento.

Artigo 43º

Os asuntos ordinarios de trámite serán despachados polo presidente e o secretario.

Título IV

Dos órganos técnicos e asesores

Capítulo I

Comisión en xeral

Artigo 44º

1.-A federación poderá crear, logo de aprobación pola asemblea xeral, cantas comisións técnicas precise, ademais das seguintes:

a) Os comités de disciplina deportiva: Comité de Competición ou Xuíz Único e Comité de Apelación.

b) Comité de Xuíces e Xurados.

c) Comité Técnico.

d) A Dirección Técnica.

2. Tódalas comisións rexeranse polos seus respectivos regulamentos internos e, se é o caso, pola normativa nacional unificada e emanada da Real Federación Española de Vela, pola lexislación aplicable, e polo disposto nos presentes entatutos.

Tódolos presidentes dos comités serán nomeados polo presidente da federación. O secretario da federación intervirá como secretario de tódolos comités sen voz e sen voto, salvo que fose membro deles.

3. O presidente da Federación Galega de Vela, á vista das necesidades federativas, poderá crear outros cargos e órganos administrativos que considere precisos para o mellor funcionamento dela, podendo ser estes cargos remunerados.

Capítulo II

Comité de xuíces e xurados

Artigo 45º

No seo da federación constituirase, de maneira obrigatoria, un Comité de Xuíces e Xurados, no cal o presidente será designado polo presidente da federación.

Este comité poderá adopta-la estructura territorial da federación.

Serán funcións deste comité:

a) Establece-los niveis de formación arbitral.

b) Clasificar tecnicamente ós xuíces e xurados, en función de criterios prefixados pola asemblea xeral, propoñendo á xunta directiva a adscrición ás

categorías correspondentes. Estas clasificacións comunicaranse á asemblea xeral.

c) Propoñe-los candidatos a xuíces e xurados.

d) Propoñer á xunta directiva as normas administrativas que regulan a arbitraxe, para a súa posterior aprobación pola asemblea xeral.

e) Designa-los colexiados nas competicións oficiais de ámbito galego.

f) Colaborar cos órganos competentes da federación.

Capítulo III

Comité técnico

Artigo 46º

O Comité Técnico, que estará contituído polos presidentes dos comités galegos de cada modalidade deportiva, terá como misión coordinar e compoñe-lo calendario deportivo galego, designa-las seleccións autonómicas, establece-la orde de prioridades para as participacións nacionais, asesora-la xunta directiva e propoñe-las modificacións técnicas aprobadas de cada comité para a súa ratificación pola asemblea xeral.

1. O presidente do Comité Técnico será nomeado polo presidente da Federación Galega de Vela e poderá formar parte da xunta directiva da federación.

Capítulo IV

A dirección técnica

Artigo 47º

Dado o carácter polideportivo e múltiple da Federación Galega de Vela, e con obxecto dunha maior coordinación, dilixencia e sistemática colaboración, créase a figura do director técnico, recaendo o posto nunha persoa elixida por decisión do presidente da federación.

Os seus cometidos son:

a) Axilizar e coordina-las reunións dos comités.

b) Asistir e actuar como secretario de actas en tódalas reunións técnicas.

c) Informar e dotar da documentación necesaria ó Comité de Competición.

d) Coordina-la execución dos cometidos do persoal que forma parte dos comités e comisións, buscando a unificación de métodos, sistemas e criterios de traballo.

e) Responsabilizarse da dirección e control dos distintos programas deportivos que se realicen desde a Federación Galega de Vela.

Artigo 48º

O cargo de director técnico poderá ser remunerado.

Título V

Regulamento electoral

Artigo 49º

Os procesos electorais desenvolveranse conforme o regulamento electoral, que deberá ser aprobado

pola asemblea xeral, por proposta do presidente, e regulará as seguintes cuestións:

1. Número de membros da asemblea xeral, e número de representantes que corresponde a cada un dos estamentos.

2. Calendario electoral.

3. Censo electoral.

4. Composición competencias e funcións da xunta electoral.

5. Requisitos para a presentación e proclamacióna de candidatos. O termo para a presentación da candidatos a presidente e membros da asemblea xeral non poderá ser inferior a 10 días.

6. Procedimento de resolución de conflictos, impugnacións e reclamacións, así como os recursos electorais.

7. Regulación do voto por correo nas eleccións á asemblea xeral. Non se admitirá esta clase de voto nas eleccións a comisión delegada e presidente.

8. Composición, competencia, funcionamento e localización das mesas electorais.

9. Elección de presidente.

10. Elección de comisión delegada.

O Regulamento electoral deberá ser ratificado pola Secretaría Xeral para o Deporte.

Capítulo I

A comisión xestora

Artigo 50º

Acordada a convocatoria de eleccións pola asemblea xeral e aprobabo o Regulamento electoral, o presidente procederá no prazo sinalado nel á convocatoria de eleccións á asemblea xeral. A partir dese momento, a xunta directiva, e o presidente constituiranse en comisión xestora.

A comisión xestora garantirá a máxima difusión e publicidade das convocatorias de eleccións á asemblea xeral e presidente, así como do Regulamento electoral coas medidas previstas nas disposicións federativas a través dun medio que permita asegura-la recepción de dita notificación. Deberá expoñerse o Regulamento electoral o mesmo día da convocatoria.

A comisión xestora administrará a federación e convocará e realizará novas eleccións no prazo máximo de tres meses no caso de que non se presentase ningunha candidatura ou non fose válida ningunha das presentadas.

Capítulo II

Circunscrición electoral

Artigo 51º

A circunscrición electoral será a Comunidade Autónoma de Galicia.

Capítulo III

Xunta electoral

Artigo 52º

1. A xunta electoral estará composta por tres membros da asemblea xeral e elexidos por ela, así mesmo designarase os membros suplentes, en igual número e condición dos titulares.

2. De entre os membros elixirase o presidente e actuará como secretario o que o sexa da federación, con voz pero sen voto.

3. Os membros da xunta electoral non poderán figurar como candidatos a presidencia da federación.

4. A xunta electoral controlará todo o proceso electoral e terá competencia para coñecer e resolve-las incidencias que se produzcan sobre o censo electoral, presentación e proclamación de candidatos, proclamación de membros da asemblea xeral e comisión delegada e do presidente da Federación Galega de Vela, así como a decisión de calquera outras cuestións que afecten directamente á celebración das eleccións e ós seus resultados. Unha vez finalizada a votación levantará acta da votación e o reconto e remitirá a acta á Secretaría Xeral para o Deporte no prazo máximo de tres días.

5. As decisións da xunta electoral son executivas e formaranse por maioria de votos. En caso de empate, o voto do presidente terá carácter decisorio.

6. Unha vez concluído o proceso electoral da asemblea xeral, do presidente da federación e da comisión delegada, a xunta electoral disolverase.

Capítulo IV

Mesas electorais

Artigo 53º

Para a elección dos distintos estamentos da asemblea xeral, do presidente e da comisión delegada, contituiranse unha o varias mesas electorais na forma establecida no Regulamento electoral. Os membros destas mesas non poderán ser candidatos, axustándose no seu funcionamento ás normas que se establezcan no Regulamento electoral.

Capítulo V

Recursos

Artigo 54º

As reclamación e impugnacións que se presenten contra calquera acto electoral dirixiranse á xunta electoral, e contra o que esta resolva caberá recurso ante o Comite Galego de Disciplina Deportiva. Así mesmo caberá recurso ante o Comité Galego de Disciplina Deportiva, contra tódolos actos, acordos ou resolucións da Xunta Electoral ou calquera outro órgano ou membro da federación en materia electoral.

Capítulo VI

Elección da asemblea xeral

Artigo 55º

1. Os membros da asemblea xeral serán elixidos cada catro anos coincidindo cos Xogos Olímpicos de inverno, mediante sufraxio libre, secreto, igual e directo entre e polos compoñentes dos distintos estamentos da federación.

2. As elección á asemblea xeral serán acordadas por esta, que aprobará a convocatoria con tódolos requisitos que se establecerán no Regulamento electoral que así mesmo se aprobe.

3. Acordada pola asemblea xeral a convocatoria de eleccións, o acordo será formalmente executado polo presidente da federación quen asinará a mesma.

4. Desde a convocatoria para a celebración desta asemblea xeral a xunta directiva e o presidente constituiranse en Comisión Xestora, de acordo co disposto no artigo 50 dos presentes estatutos.

Artigo 56º

Para ser candidato a membro da asemblea xeral requírese o cumprimento dos requisitos establecidos con carácter xeral no artigo 15.5 b), c), d), e) f), destes estatutos.

Os requisitos para ser electores ou elixibles deberán terse cumpridos no día en que se publique a convocatoria de eleccións.

Artigo 57º

As eleccións á asemblea xeral realizaranse para cada un dos postos correspondentes ós estamentos integrantes dela de acordo co previsto nestes estatutos.

Artigo 58º

Os representantes das entidades deportivas na asemblea xeral serán elixidos por e entre os representantes que se encontren no censo electoral de entidades deportivas inscritas no rexistro público da federación e no Rexistro de Clubs, Federacións e Asociacións Deportivas da Xunta de Galicia, no momento da convocatoria das elección e estivesen igualmente inscritos durante a tempada deportiva anterior, sempre que participasen en competición ou actividades de carácter oficial organizadas pola Federación Galega de Vela ou pola Real Federación Española de Vela coa aprobación ou intervención daquela.

Artigo 59º

Os representantes dos deportistas na asemblea xeral serán elexidos por e entre os maiores de 18 anos, que teñan licencia en vigor expedida pola Federación Galega de Vela no momento da convocatoria das eleccións e tamén a tivesen, polo menos durante a tempada deportiva anterior, sempre que participasen en competición ou actividades de carácter oficial organizadas pola Federación Galega de Vela ou pola Real Federación Española de Vela, coa aprobación ou intervención daquela.

Artigo 60º

Os representantes dos técnicos e dos xuíces e xurados na asemblea xeral serán elexidos por e entre os pertencentes a cada estamento, calquera que sexa a súa categoría, dos que teñan licencia en vigor no momento da convocatoria das eleccións e tamén a tivesen como mínimo, na tempada deportiva inmediatamente anterior, sempre que participasen en competición ou actividades de carácter oficial organizadas pola Federación Galega de Vela ou pola Real Federación Española de Vela coa aprobación ou intervención daquela.

Capítulo VII

Elección de presidente

Artigo 61º

Unha vez concluídas as eleccións á asemblea xeral, o presidente da comisión xestora, logo de acordo dela, procederá á convocatoria da dita asemblea xeral para elixi-lo presidente e a comisión delegada da federación.

O presidente será elixido para un período de catro anos, coincidindo cos anos en que se celebren os Xogos Olímpicos de inverno, pola asemblea xeral, mediante sufraxio libre, directo, igual e secreto por tódolos membros da dita asemblea xeral previa a presentación e aceptación das candidaturas correspondentes que deberán estar avaladas polo menos polo 10% dos membros da asemblea xeral. Os candidatos a presidente poderán non ser membros da asemblea xeral.

Artigo 62º

Será elixido presidente o candidato que obteña a maioría absoluta dos votos emitidos. No caso de que ningún candidato alcance esta maioria procederase a unha segunda votación entre os dous candidatos máis votados, resultando elixido o que obteña a maioría de votos.

No suposto de que se presentase un só candidato, non se efectuará votación, sendo proclamado presidente o único candidato pola Secretaría Xeral para o Deporte.

Artigo 63º

Para poder ser candidato a presidente da federación, haberán de reunirse as condicións xerais definidas no artigo 15.5º

Artigo 64º

A votación será libre, igual, secreta e directa, e non se admite o voto por correo nin por delegación das persoas físicas.

Capítulo VIII

Elección da comisión delegada

Artigo 65º

Na mesma asemblea xeral convocada para a elección de presidente, e unha vez realizada esta, procederase á elección dos membros da comisión delegada da asemblea xeral.

A comisión delegada estará composta polo 15% da asemblea xeral cun máximo de 15 membros e un mínimo de 5, e ademáis o presidente da federación.

Os membros da comisión delegada serán elixidos por e entre os integrantes da asemblea xeral coa mesma proporción ca esta.

Serán elixidos membros da comisión delegada os que obteñan maior número de votos ata cubri-lo número de membros correspondente á comisión delegada.

Título VI

Réxime económico

Artigo 66º

A federación está sometida ó réxime de administración, orzamento e patrimonio e caixa única.

O tesoureiro someterá á asemblea xeral ordinaria un balance de situación e as contas de ingresos e gastos, memoria económica, asi como o orzamento para a tempada seguinte, balance e orzamento que deberá ser notificado á Secretaría Xeral para o Deporte.

Non poderá aprobarse un orzamento deficitario salvo autorización da Secretaría Xeral para o Deporte. Tampouco poderán repartirse beneficios entre os seus membros.

Artigo 67º

A Federación Galega de Vela ten o seu propio réxime de administración e xestión de orzamento e patriminio, séndolles de aplicación, en todo caso, as seguintes regras:

a) Poden promover e organizar actividades e competicións deportivas dirixidas ó público, e deben aplica-los beneficios económicos, se os houbese, ó desenvolvemento do seu obxecto social.

b) Poden gravar e allea-los seus bens inmobles, tomar diñeiro en préstamo e emitir títulos representativos da debeda ou da parte alícuota patrimonial, sempre que os ditos negocios xurídicos non comprometan de modo irreversible o patrimonio da entidade ou do seu obxecto social. En todo caso cando a súa contía supere o 25% do orzamento anual da federación, ademais do acordo da asemblea xeral será imprescindible informe favorable da Secretaría Xeral para o Deporte.

Cando se trate de bens inmobles que fosen financiados en todo ou en parte, con fondos públicos da comunidade autónoma galega, será preceptiva a autorización da Secretaría Xeral para o Deporte para o seu gravame ou alleamento.

c) Poden exercer, complementariamente, actividades de carácter industrial, comercial, profesional ou de servicios e destina-los seus bens e recursos ós mesmos obxectivos deportivos, pero en ningún caso poderán repartir beneficios entre os seus membros.

d) Non poderán comprometer gastos de carácter plurianual, no seu período de mandato, sen autorización previa da Secretaría Xeral para o Deporte, cando o gasto anual comprometido supere o 10% do seu orzamento, ou supere o período de mandato do presidente.

Artigo 68º

A Federación Galega de Vela elaborará unha memoria na que se incluirá a liquidación do orzamento que analizará fielmente a actividade económica da federación, a súa adecuada actuación orzamentaria, o cumprimento dos obxectivos e os proxectos que se pretenden desenvolver, e informar separadamente como mínimo sobre os seguintes aspectos:

1. Diferenciación dos ingresos e aportacións según:

a) Subvencións públicas.

b) Subvención, donativos ou achegas privadas.

c) Vendas de activos.

d) Ingresos procedentes de competicións organizadas.

e) Ingresos para servicios prestados pola federación, permisos, licencias e outros.

f) Ingresos financeiros.

2. Tamén constará o destino da totalidade dos recursos, distinguindo como mínimo os grupos de custo ou investimentos seguintes:

a) Administración da federación.

b) Dirección e servicios da directiva, incluíndo viaxes.

c) Competicións.

d) Axudas a clubs e outras entidades.

e) Axudas para actos deportivos.

f) Construccións e outros inmobilizados.

g) Formación de deportistas e técnicos.

h) Deportes de élite e profesional.

i) Xuíces e xurados.

j) Órganos xurisdiccionais.

3. O importe das obrigacións de pagamento que é necesario satisfacer noutros exercicios que non estean previstos no balance.

4. O importe das garantías e os avais comprometidos.

5. A liquidación do orzamento, que explique as variacións en relación co orzamento aprobado na asemblea xeral anterior.

As contas anuais e os orzamentos estarán no domicilio social da federación cunha antelación mínima de 15 días á data de celebración da asemblea xeral, a disposición das persoas ou entidades con dereito a voto, na mesma, as cales poderán pedir copia que se lles entregará antes da celebración da asemblea.

Artigo 69º

Constitúen os ingresos da federación:

a) As subvención ordinarias e extraordinarias da Xunta de Galicia ou as que outras entidades públicas poidan concederlle, así como as provenientes, se é o caso, da Real Federación Española de Vela.

b) Os bens ou dereitos que reciba por herdanza, legado ou doazón de persoas físicas ou entidades particulares así como os premios que lle sexan outorgados.

c) As cotas dos seus afiliados.

d) As sancións pecuniarias que lles impoñan ós seus afiliados dentro do exercicio da potestade disciplinaria.

e) Os froitos, rendas e xuros dos seus bens patrimoniais.

f) Os préstamos ou creditos que lle concedan.

g) Os beneficios que produzan as actividades e competición deportivas que organice, así coma os derivados dos contratos que realice.

h) Calquera outro que poidan serlle atribuídos por disposición legal ou en virtude de convenio.

1. A Federación Galega de Vela destinará a totalidade dos seus ingresos e patrimonio á consecución dos fins do seu obxecto social.

Artigo 70º

A xestión económica ordinaria correrá a cargo do tesoureiro, baixo a dirección do presidente, coidando das operacións de cobros e pagamentos. Autorizará coa sua signatura, mancomunda coa do presidente, ou do vicepresidente autorizado, tódolos documentos de movementos de fondos. Será responsable de levanza e custodia dos libros de contabilidades. Formulará os balances que anualmente, deberán presentarse á asemblea xeral para a súa aprobación.

Título VII

Réxime documental

Artigo 71º

O réxime documental da federación comprenderá, como mínimo, os seguintes libros debidamente dilixenciados:

a) Libro de rexistro de entrada e saída de documentos oficiais.

b) Libro de rexistro de clubs nos que constarán a denominación destos, domicilio social e número de inscrición no Rexistro de Clubs, Federacións e Entidades Deportivas da Xunta de Galicia.

c) Libros de actas que consignarán as reunións que celebren tódolos órganos colexiados da federación, tanto de goberno e representación como complementarios e técnicos.

d) Libro de contabilidade.

e) Libro inventario de bens mobles e inmobles.

f) Rexistro dos membros da asemblea xeral e da comisión delegada no que deberán consta-los nomes dos titulares ou representantes legais e os domicilios para as citacións e comunicacións.

Artigo 72º

O réxime documental da Federación Galega de Vela estará a cargo do secretario a quen lle correspode a custodia dos libros da federación, levantar actas das reunións dos órganos colexiados e, unha vez aprobadoas, asinadas co visto e prace do presidente, expedir certificación, remiti-las certificación e acordos que procedan a Secretaría Xeral para o Deporte e, en xeral, prepara-la resolución e despacho de tódolos asuntos.

No caso de ausencia ou imposibilidade física do secretario, as súas funcións serán desempeñadas polo propio presidente da federación ou pola persoa en quen delegue.

Título VIII

Réxime disciplinario e xurisdiccional

Artigo 73º

A federación, en materia de disciplina deportiva, ten potestade sobre tódalas persoas que formen parte da súa estructura orgánica as entidades deportivas e os seus deportistas, técnicos e directivos, os xuíces e xurados e, en xeral, todas aquelas persoas e entidades que, estando federados, desenvolvan as actividades deportivas que constitúen o seu obxecto social no ámbito territorial da Comunidades Autónoma galega.

Artigo 74º

Os órganos competentes en materia disciplinaria serán:

a) En primeria instancia, un comité de competición ou xuíz único.

b) En segunda instancia, un comité de apelación.

1. Ambos órganos rexeranse por e aplicarán o disposto no Real decreto 1591/1992, do 23 de decembro, sobre disciplina deportiva.

O comité de competición ou xuíz único de competición estará integrado por un número de membros entre 1 e 3 nomeados pola asemblea xeral de entre os membros da federación. O comité de apelación estará integrado por 3 membros, así mesmo nomeados pola asemblea xeral entre os membros da federación.

2. A duración do cargo coincidirá coa da asemblea xeral que os nomease e durante o dito periodo só cesarán por renuncia ou demisión, falecemento, incapacidade física ou psíquica, perda da condición de membro da federación, e sanción que o inhabilite para o cargo.

3. Unha vez elixidos os membros dos comités, estes designarán os seus presidentes nas primeras reunións que se celebren.

4. A composición destes comités será comunicada á Secretaría Xeral para o Deporte na forma prevista nestes estatutos.

Artigo 75º

As resolucións dictadas polo comité de apelación dentro das súas competencias, terán carácter definitivo no ámbito da Federación Galega de Vela e poderán ser obxecto de recurso ante o Comite Galego de Disciplina Deportiva conforme a lexislación vixente.

Título IX

Da modificación dos estatutos e da disolución da Federacion Galega de Vela

Artigo 76º

Os estatutos da federación só poden ser modificados pola asemblea xeral e de acordo co establecido nos presentes estatutos.

Artigo 77º

A proposta de modificación dos estatutos deberá ser acordada polo presidente ou comisión delegada da federación, nomeándose seguidamente por ela unha comisión técnica que realice os traballos necesarios para presentar á asemblea xeral o novo texto que se someterá a aprobación.

Aprobada a reforma dos estatutos pola asemblea xeral, deberá ser ratificada pola Secretaría Xeral para o Deporte.

Artigo 78º

A Federación Galega de Vela extinguirase polas seguintes causas:

a) Por acordo da maioria de 2/3 da asemblea xeral referendado, por maioría absoluta, por tódolos membros da federación a través de votación libre, igual, directa e secreta.

b) Polas demais causas que determinen as leis.

Unha vez producida a liquidación, o patrimonio neto destinarase ós fins de carácter deportivo que determina a Secretaría Xeral para o Deporte.

Disposicións adicionais

Primeira.-Os presentes estatutos serán de inmediata aplicación, unha vez aprobados pola asemblea xeral da Federación Galega de Vela e ratificados pola Secretaría Xeral para o Deporte.

Segunda.-O presente texto unha vez aprobado pola Secretaría Xeral para o Deporte será publicado no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira

Unha vez aprobados os presentes estatutos, quedarán sen valor e efecto ningún, os estatutos anteriores, así como cantos regulamentos, normas e acuerdos se opongan.

Vigo, 30 de novembro de 1995.

2188