Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Luns, 25 de marzo de 1996 Páx. 2.744

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 115/1996, do 14 de marzo, polo que se dispón o endebedamento da Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ó exercicio de 1996.

A Lei 11/1992, do 7 de outubro (DOG nº 200, do 14 de outubro), de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, establece nos artigos 28 e seguintes as normas as que se deberán suxeita-las operacións de endebedamento. O artigo 29.2º, establece que o endebedamento, tanto da Comunidade Autónoma como dos seus organismos autónomos, terá que ser autorizado por lei, a cal, sen prexuízo de fixar calquera outra característica das operacións de endebedamento por realizar, deberá sinala-lo importe máximo autorizado.

A Lei 11/1995, do 28 de decembro (DOG nº 249, do 30 de decembro), dos presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996, no seu artigo 24.1º, de acordo co previsto no artigo 32 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, fixa a variación da posición neta debedora da Comunidade Autónoma ó final do exercicio de 1996.

En canto á autorización e formalización da emisión das operacións de endebedamento é de aplicación o artigo 33 da mencionada Lei 11/1992, no que se establece que as emisións de débeda pública ou operacións de crédito que realicen a Comunidade Autónoma ou os seus organismos autónomos terán que ser autorizados, en todo caso, polo conselleiro de Economía e Facenda, dentro dos límites sinalados pola lei. Tales actos de endebedamento, cando este teña un prazo de vencemento superior a un ano, poderán ser formalizados dentro do exercicio orzamentario no que a lei autorice a súa creación ou do exercicio seguinte.

Co presente decreto acórdase a autorización pertinente para que, a medida que xurdan as necesidades de financiamento, poida ser formalizada esta débeda pola Consellería de Economía e Facenda.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día catorce de marzo de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. Autorízase o conselleiro de Economía e Facenda para a formalización, durante 1996, de operacións

de endebedamento ata un importe que non supere o límite máximo da variación da posición neta debedora fixado no artigo 24.1º da Lei 11/1995, do 28 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia. Estas operacións poderán formalizarse de maneira fraccionada en función das necesidades de financiamento da Comunidade Autónoma e atendendo ás circunstancias dos mercados financeiros.

2. Enténdese como variación da posición neta debedora o resultado de deducir, do importe das operacións de endebedamento que se formalicen en 1996, as amortizacións de débeda que se efectúen no mesmo exercicio.

Artigo 2º

As operacións ás que se refire o artigo anterior poderán realizarse por un prazo superior a un ano e levaranse a cabo mediante a emisión de débeda pública, a concertación de créditos, ou calquera outro instrumento financeiro dispoñible no mercado de natureza semellante. Poderanse utilizar simultaneamente os procedementos indicados dentro dos límites anteriores sinalados.

Artigo 3º

O conselleiro de Economía e Facenda fixará as condicións, o tipo de xuro e as demais características ás que terán que axustarse as citadas operacións de endebedamento.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Economía e Facenda para que dicte as disposicións necesarias para o desenvolvemento do presente decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catorce de marzo de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Industria e Comercio

1530