Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Xoves, 21 de marzo de 1996 Páx. 2.628

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

RESOLUCIÓN do 13 de marzo de 1996, do Servicio Provincial de Estradas de Pontevedra, pola que se sinalan datas para o levantamento das actas previas a ocupación dos bens afectados polas obras de supresión de interseccións a nivel da estrada Atios-Salceda de Caselas-Salvaterra de Miño (clave: N/PO/89.4.1).

O artigo 28 do vixente Estatuto de autonomía de Galicia, establece no seu apartado 2º a competencia da Comunidade Autónoma galega no desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación do Estado en materia de expropiación forzosa.

As obras citadas no encabezamento da presente resolución, atópanse incluídas no programa de obras a realizar con cargo ó programa 413-B de construcción, conservación e explotación de estradas.

Por resolución da Dirección Xeral de Obras Públicas da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda de data 17 de xaneiro de 1996, aprobouse o correspondente proxecto de construcción.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 25 de xaneiro de 1996, acordou declara-la utilidade pública das mencionadas obras, e así mesmo, urxente a ocupación dos bens afectados por éstas, para ós efectos do establecido no artigo 52 da vixente Lei de expropiación forzosa.

Na súa virtude, e en cumprimento do disposto nos artigos 52 da vixente Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e 55 e seguintes do

regulamento para a súa aplicación, esta xefatura, en uso das facultades que lle confire o artigo 98 da mencionada lei, resolveu convoca-los titulares de bens e dereitos afectados que figuran na relación exposta no taboleiro de anuncios do concello que a continuación se cita, para que comparezan nos lugares, datas e horas que se detallan, para proceder ó levantamento das actas previas á ocupación, nas que se recollerán os datos necesarios para determina-los dereitos afectados, o valor destes, e os prexuízos dimanantes da rápida ocupación, sen prexuízo de se trasladaren ó lugar dos predios se o consideran necesario.

-Lugar: casa do concello de Salceda de Caselas:

Día 11 de abril de 1996: de 9 a 13 horas, do predio nº 261 o último predio.

-Lugar: casa do concello de Salvaterra de Miño:

Día: 12 de abril de 1996: de 9 a 13 horas, do predio nº 1 o último predio.

Ó dito acto, deberán acudi-los titulares afectados, persoalmente ou ben representados por persoa debidamente autorizada para actuar no seu nome, aportando os documentos acreditativos da súa titularidade, documento nacional de identidade e o último recibo da contrubución; poderá facerse acompañar, pola súa conta, e se o estiman oportuno, dos seus perito e notario.

Así mesmo, e en cumprimento do establecido no artigo 56 do regulamento da Lei de expropiación forzosa, ábrese información pública durante o plazo de quince día naturais, contados a partir do seguinte ó da publicación desta resolución ou ata o momento do levantamento da acta previa á ocupación correspondente, co fin de que os interesados poidan formular por escrito, ante este Servicio Provincial de Estradas da Xunta de Galicia en Pontevedra, rúa Said Armesto nº 1, as alegacións que estimen pertinentes, ó obxecto de emendar posibles erros padecidos ó relaciona-los bens afectados pola urxente ocupación.

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 1996.

Enrique Pardo Landrove

Enxeñeiro xefe

2080