Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 56 Martes, 19 de marzo de 1996 Páx. 2.472

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

DECRETO 112/1996, do 7 de marzo, polo que se declara a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polas obras de acondicionamento da estrada PO-233, treito: Pontevedra-Cotobade, clave: N/PO/94.2.

Con data do 1 de marzo do 1996 o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda aprobou o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de trazado da obra: acondicionamento da estrada PO-233, treito: Pontevedra-Cotobade, clave: N/PO/94.2.

Os bens e dereitos nos que se concreta a declaración de urxente ocupación aparecen recollidos e valorados no citado proxecto.

A competencia para efectua-la declaración de urxente ocupación tena atribuída a Xunta de Galicia en virtude do artigo 2º do Decreto 156/1982, do 15 de decembro, sobre asunción de transferencias en materia de estradas e a súa asignación á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, considerándose xustificada na referida declaración a súa especial incidencia na seguridade vial.

En virtude de todo o exposto e en aplicación do artigo 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia e dos artigos 10 e 52 da Lei de expropiación forzosa, en relación co previsto no artigo 8 da Lei 25/1988, do 29 de xullo, por proposta do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día sete de marzo de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo único.

Declara-la utilidade pública e a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios e que se concretan no expediente administrativo instruído, para efectos de expropiación no proxecto de trazado da obra: acondicionamento da estrada PO-233, treito: Pontevedra-Cotobade, clave: N/PO/94.2.

Santiago de Compostela, sete de marzo de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda

9601901