Con data do 28 de febreiro do 1996 o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda aprobou o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de trazado da obra: alargamento e mellora da estrada PO-400, treito: Arbo-Crecente, clave: N/PO/89.16.5.
Os bens e dereitos nos que se concreta a declaración de urxente ocupación aparecen recollidos e valorados no citado proxecto.
A competencia para efectua-la declaración de urxente ocupación tena atribuída a Xunta de Galicia en virtude do artigo 2º do Decreto 156/1982, do 15 de decembro, sobre asunción de transferencias en materia de estradas e a súa asignación á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, considerándose xustificada na referida declaración pola continuidade das actuacións que se veñen realizando no itinerario, que contan con financiamento comunitario (INTERREG II).
En virtude de todo o exposto e en aplicación do artigo 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia e dos artigos 10 e 52 da Lei de expropiación forzosa, en relación co previsto no artigo 8 da Lei 25/1988, do 29 de xullo, por proposta do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día sete de marzo de mil novecentos noventa e seis,
DISPOÑO:
Artigo único.
Declara-la utilidade pública e a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios e que se concretan no expediente administrativo instruído, para efectos de expropiación no proxecto de trazado da obra: alargamento e mellora da estrada PO-400, treito: Arbo-Crecente, clave: N/PO/89.16.5.
Santiago de Compostela, sete de marzo de mil novecentos noventa e seis.
Manuel Fraga Iribarne
Presidente
José Cuíña Crespo
Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda
9601898