Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 55 Luns, 18 de marzo de 1996 Páx. 2.421

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 4 de marzo de 1996 pola que se convocan probas selectivas para cubrir, mediante o nomeamento de persoal interino, catro postos de traballo do corpo superior da Administración da Xunta de Galicia, escala superior de estatísticos (grupo A), vacantes no Instituto Galego de Estatística.

Estando vacantes catro postos de traballo do corpo superior da Administración da Xunta de Galicia, escala superior de estatísticos (grupo A) no Instituto Galego de Estatística, e sendo urxente a súa cobertura por razón das necesidades do servicio, apreciada pola Comisión de Persoal da Xunta de Galicia, en sesión celebrada o día 28 de febreiro, unha vez emitido o preceptivo informe previsto no artigo 7.1º da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, esta consellería, no uso das facultades conferidas polo artigo 13 da dita lei, dispón a cobertura dos postos de traballo de acordo coas seguintes bases:

Primeira. Obxecto.

A finalidade desta convocatoria de probas selectivas é a cobertura de 4 postos de traballo do corpo superior da Administración da Xunta de Galicia, escala superior de estatísticos (grupo A), vacantes no Instituto Galego de Estatística, mediante o nomeamento de persoal interino previsto no artigo 7 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, modificada pola Lei 3/1995, do 10 de abril.

Segunda. Condicións dos aspirantes.

Para seren admitidos nas probas selectivas, os aspirantes deberán reuni-los seguintes requisitos:

a) Ser español.

b) Ter cumpridos os dezaoito anos de idade.

c) Non estar separado mediante expediente disciplinario do servicio de calquera Administración pública nin estar inhabilitado para o exercicio de funcións públicas.

d) Estar en posesión do título superior ou equivalente en:

-Socioloxía, informática, matemáticas, económicas, ciencias empresariais ou enxeñería, ou acreditar fidedignamente ser titulado superior nas ditas materias.

e) Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

Os requisitos sinalados deberán posuírse na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

Terceira. Encoméndaselle ó Instituto Galego de Estatística a elaboración da relación de aspirantes admitidos e excluídos e a realización e cualificación das probas selectivas.

Cuarta. Probas.

A selección constará das seguintes probas:

Primeiro exercicio: escrito. Consistirá nunha proba teórico-práctica referida á primeira parte do programa: estatística teórica.

Este exercicio cualificarase de 0 a 100 puntos; quedarán eliminados os aspirantes que non acaden 50 puntos. Terá unha duración máxima de 4 horas.

Segundo exercicio: escrito. Consistirá nunha proba teórico-práctica referida á segunda parte do programa: mostraxe e estatística económica.

Este exercicio cualificarase de 0 a 100 puntos; quedarán eliminados os aspirantes que non acaden 50 puntos. Terá unha duración máxima de 4 horas.

Terceiro exercicio: escrito. Consistirá nunha proba teórico práctica referida á terceira parte do programa: estatística aplicada e lexislación.

Este exercicio cualificarase de 0 a 100 puntos; quedarán eliminados os aspirantes que non acaden 50 puntos. Terá unha duración máxima de 4 horas.

Cuarto exercicio: escrito. Consistirá nunha proba que permita acredita-lo coñecemento do idioma galego.

Este exercicio cualificarase de 0 a 30 puntos; quedarán eliminados os aspirantes que non acaden os 15 puntos. Terá unha duración máxima de 30 minutos.

A puntuación final das probas virá dada pola suma das puntuacións obtidas polos aspirantes nos catro exercicios, sendo necesario para aprobar obter un mínimo de 165 puntos. De producirse empate de puntuación entre varios aspirantes resolverase a favor do aspirante que acadase a maior puntuación no segundo e sucesivos exercicios. De persisti-lo empate, resolverase a favor da primera letra do primeiro apelido, segundo a orde do alfabeto.

Os aspirantes presentaranse para a realización de cada un dos exercicios provistos do DNI ou documento fidedigno que acredite a súa identidade a xuízo do tribunal.

Os exercicios celebraranse a porta pechada sen máis asistencia ca dos aspirantes, os membros do tribunal e os colaboradores designados por el.

O tribunal non poderá aprobar nin declarar que superaron as probas selectivas un número superior de aspirantes ó das prazas convocadas.

Para a realización do segundo e terceiro exercicios, os aspirantes serán convocados polo tribunal, cunha antelación mínima de 48 horas á data de celebración destes, mediante un anuncio que se expoñerá no mesmo lugar de celebración do exercicio anterior e por aqueloutros medios que o tribunal considere oportunos.

Quinta. Solicitudes.

1. As persoas que desexen participar nesta convocatoria deberán presentar instancia, segundo o modelo que figura como anexo II á presente orde, no rexistro do Instituto Galego de Estatística, no rexistro xeral da Consellería da Presidencia e Administración Pública, nas delegacións provinciais e oficinas comarcais da dita consellería, ou por calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de 10 días, contados a partir do seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Coa instancia deberá xuntarse fotocopia do DNI e xustificante de ter aboados os dereitos de exame, expedido pola entidade bancaria correspondente.

2. Como requisito necesario para participar nestas probas, deberase aboar previamente en concepto de dereitos de exame o importe de 9.180 ptas., e, se é o caso, os gastos de transferencia correspondentes, utilizando para iso o impreso de autoliquidación sinalado no anexo III. O dito impreso seralles facilitado ós interesados nos mesmos lugares indicados no parágrafo anterior, debendo encherse cos códigos que figuran no referido anexo III.

Sexta. Admisión de solicitudes.

O Instituto Galego de Estatística elaborará unha relacíón de aspirantes admitidos e excluídos, que será publicada nos taboleiros de anuncios do citado organismo e nos da Consellería de Economía e Facenda, e poderase formular contra ela reclamación no prazo de cinco días a partir do seguinte ó da publicación. Transcorrido o dito prazo o Instituto Galego de Estatística publicará no Diario Oficial de Galicia as listas definitivas de admitidos e excluídos.

Por medio do dito anuncio convocarase os aspirantes admitidos á realización do primeiro exercicio, e indicarase día, hora e lugar de celebración.

Sétima. Tribunal.

O tribunal encargado de efectua-la selección, que estará constituído por cinco membros, debendo designarse o mesmo número de membros suplentes,

será nomeado por resolución do director do Instituto Galego de Estatística, e formará parte del un representante da Consellería da Presidencia e Administración Pública, proposto polo director xeral da Función Pública, e un representante dos funcionarios da Comunidade Autónoma proposto polas organizacións sindicais presentes na mesa sectorial dos funcionarios. A súa composición farase pública por medio do anuncio que se cita na base anterior.

Para os efectos do disposto no artigo 26.2º do Decreto 299/1990, do 24 de maio, o tribunal ten a categoría primeira.

O tribunal poderá nomear asesores especialistas que lle presten a súa colaboración na realización das probas.

Oitava. Resolución.

No prazo máximo dun mes a partir do remate das probas o tribunal elevaralle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública a proposta de nomeamento dos aspirantes que resulten seleccionados e publicará nos taboleiros de anuncios que se citan na base sexta a súa relación.

Novena. Toma de posesión.

Os aspirantes que resulten seleccionados serán nomeados persoal interino do grupo A, corpo superior da Administración da Xunta de Galicia, escala superior de estatística, e deberán achegar na Dirección Xeral da Función Pública da Consellería da Presidencia e Administración Pública, no prazo máximo de 10 días naturais a partir do seguinte ó da publicación do nomeamento no Diario Oficial de Galicia, os documentos que a seguir se relacionan:

a) Fotocopia cotexada do DNI.

b) Declaración xurada ou promesa de que non foi separado por medio de expediente disciplinario do servicio de ningunha Administración pública e de que non foi inhabilitado para o exercicio das funcións públicas.

c) Fotocopia cotexada do título requirido na convocatoria.

d) Certificado médico oficial acreditativo de que non padece enfermidade e, no caso de estar afectado por algunha limitación física ou psíquica, certificado expedido polo órgano competente acreditativo de que tal limitación é compatible co desempeño das correspondentes funcións.

Se no citado prazo non presentan a documentación ou o fan de xeito incompleto, perderá tódolos seus dereitos, agás en casos de forza maior.

A toma de posesión realizarase no prazo de 5 días a partir do día seguinte ó do remate do prazo de presentación da documentación polos aspirantes nomeados.

Santiago de Compostela, 4 de marzo de 1996.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

ANEXO I

Programa de probas selectivas para interinos da escala superior de estatística de Galicia

1. Primeira proba: estatística teórica.

1.1. Probabilidade. Fundamentación axiomática. Primeiras propiedades. Probabilidade condicionada. Independencia de sucesos. Teorema de Bayes.

1.2. Variables aleatorias. Distribución de probabilidade dunha variable discreta. Función xeratriz. Distribución e densidade dunha variable continua. Cambios de variable. Esperanza matemática. Momentos e medidas de tendencia central e de dispersión. Función característica.

1.3. Variables aleatorias unidimensionais, discretas e continuas, máis relevantes. Bernoulli, binomial. Xeométrica. Poisson. A normal e distribucións asociadas. Distribucións de Pareto, exponencial, beta e gamma.

1.4. Variables aleatorias n-dimensionais. Distribucións marxinais e condicionadas. A distribución polinomial e a hiperxeométrica no caso discreto. A distribución normal no caso continuo.

1.5. Regresión lineal entre dúas variables. O modelo normal bivariante.

1.6. O modelo de regresión lineal n-variante baixo hipóteses de normalidade.

1.7. Mostraxe aleatoria simple dunha poboación con distribución continua. Función de verosimilitude. Estimadores e as súas propiedades. Principais métodos para a formación de estimadores e as súas propiedades asintóticas.

1.8. Estimación polo método de Bayes.

1.9. Mostras ordenadas, estatísticos de orde e cuantís. Distribucións exactas dos estatísticos de orde e distribucións asintóticas. Distribución conxunta de dous estatísticos de orde. Caso de distribución do percorrido.

1.10. Contrastes de hipóteses paramétricas. Hipóteses simples e compostas. Tipos de erro e nivel de significación. Método de Neyman-Pearson. Contrastes paramétricos e non paramétricos da bondade do axuste dunha distribución empírica.

2. Segunda proba: mostraxe e estatística económica.

2.1. Procedementos de mostraxe aleatoria de poboacións finitas.

2.2. Mostraxe aleatoria con probabilidades iguais (con reposición e sen reposición). Estimación de medias, totais e proporcións.

2.3. Estimadores de razón en mostraxe con probabilidades iguais.

2.4. Mostraxe unietápica de conglomerados sen reposición con probabilidades iguais e con reposición e probabilidades desiguais. Estimadores da media, o total e a proporción. Influencia da homoxe

neidade dos conglomerados. Estimadores da varianza.

2.5. Mostraxe estratificada. Estimación de medias, totais e proporcións. Tamaño da mostra: distintos tipos de afixación da mostra. Estimación das varianzas.

2.6. Mostraxe bietápica. Estimadores lineais innesgados. Cálculo da esperanza e a varianza dos estimadores. Teorema I de Durbin.

2.7. Mostraxe sistemática e mostraxe en dúas ocasións.

2.8. O Sistema Europeo de Contas Integradas (SEC). Estructura xeral do sistema.

2.9. As unidades e os conxuntos de unidades.

2.10. As operacións de bens e servicios.

2.11. As operacións de distribución.

2.12. As operacións financeiras.

2.13. A poboación e o emprego no contexto da contabilidade nacional.

2.14. A táboa Input-Ouput. Os fluxos de bens e servicios na táboa.

2.15. Series temporais. Propiedades xerais dos modelos ARMA e ARIMA.

2.16. Construcción de modelos ARIMA: identificación, estimación e diagnose.

2.17. Predicción con modelos ARIMA univariantes. Análise de intervención.

3. Terceira proba: estatística aplicada e lexislación.

3.1. O censo xeral de poboación e o padrón municipal de habitantes. Obxectivos, periodicidade, variables estatísticas que recollen. Diferencias entre censo e padrón.

3.2. Estatísticas do movemento natural da poboación e de variacións residenciais (Migracións).

3.3. A enquisa de poboación activa. Obxectivos. Periodicidade. Idea do deseño mostral. Principais variables que recolle.

3.4. Os censos agrarios e as enquisas de estructura agraria. Obxectivos, periodicidade, unidades obxecto de estudio, principais variables e clasificacións empregadas na presentación de resultados.

3.5. A enquisa industrial. Obxectivos. Periodicidade. Principais variables e clasificacións empregadas na presentación de resultados.

3.6. A enquisa de salarios na industria e os servicios.

3.7. A enquisa básica de orzamentos familiares. Obxectivos, periodicidade. Idea do deseño mostral. Principais variables que recolle. A enquisa contínua de orzamentos familiares.

3.8. O índice de prezos de consumo (IPC). Obxectivos. Formación da base estructural. Fórmula do

índice. Índices parciais por grupos e xeográficos. Periodicidade. Cálculo das variacións do índice entre dous instantes.

3.9. Os índices de producción industrial (IPI) e de prezos industriais (IPRI).

3.11. O esquema de Lexis en demografía. A táboa de mortalidade, probabilidades de supervivencia, calendario da mortalidade. Esperanza de vida.

3.12. Lei da función pública estatística.

3.13. Lei de estatística de Galicia.

ANEXO II

Instrucción xerais

-Escriba soamente a máquina ou con bolígrafo utilizando maiúsculas de tipo imprenta.

-Asegúrese de que os datos resultan claramente lexibles.

-Evite dobra-lo papel e realizar correccións, emendas ou riscaduras.

-Non esqueza asina-lo impreso.

Provincia de nacemento.

Consigne o texto e o código correspondente, tomando en consideración:

01 Álava14 Córdoba27 Lugo40 Segovia
02 Albacete15 A Coruña28 Madrid41 Sevilla
03 Alacante16 Cuenca29 Málaga42 Soria
04 Almería17 Xirona30 Murcia43 Tarragona
05 Ávila18 Granada31 Navarra44 Teruel
06 Badaxoz19 Guadalaxara32 Ourense45 Toledo
07 Baleares20 Guipúscoa33 Asturias46 Valencia
08 Barcelona21 Huelva34 Palencia47 Valladolid
09 Burgos22 Huesca35 As Palmas48 Biscaia
10 Cáceres23 Xaén36 Pontevedra49 Zamora
11 Cádiz24 León37 Salamanca50 Zaragoza
12 Castellón25 Lleida38 Tenerife51 Ceuta
13 Cidade Real26 A Rioxa39 Cantabria52 Melilla

96-1861