Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Xoves, 14 de marzo de 1996 Páx. 2.307

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 19 de febreiro de 1996 pola que se convoca o XII certame galego de fotografía Xuventude-96.

O Real decreto 2434/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de cultura, especifica no seu anexo I.B.3.h que aquela asume as competencias de promoción e organización de actividades de animación sociocultural no ámbito artístico, artesanal, turístico e de aire libre, dirixidas ós sectores da xuventude, infancia, terceira idade e sectores marxinados.

Neste marco competencial, o ámbito cultural e artístico no que respecta á xuventude é compartido conxuntamente pola Consellería de Familia, Muller e Xuventude, que a través da Dirección Xeral de Xuventude desenvolve o programa de fomento da actividade xuvenil, figurando entre os seus obxectivos básicos promociona-la actividade cultural e artística entre a nosa xuventude, e a Consellería de Cultura, a través da súa Dirección Xeral de Cultura, que ten entre outras funcións a de colaborar no desenvolvemento do teatro, a danza, artes líricas e da imaxe, así como a promoción das artes plásticas e populares, de acordo co Decreto 2/1994, do 13 de xaneiro e o Decreto 49/1994, do 4 de febreiro, polos que, respectivamente, se establece a estructura orgánica que cada unha das ditas consellerías.

Polo exposto, a Consellería de Familia, Muller e Xuventude, consciente da importancia que ten facilitar vías polas que poida manifestarse a actividade e inquedanza artística individual e colectiva da xuventude galega, e contando coa colaboración da Consellería de Cultura dada a natureza das actividades a realizar, convoca unha serie de certames, concursos e mostras que abranguen un amplo abano de manifestacións de carácter artístico e artesanal e que constitúen o programa: certames e mostras Xuventude-96.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A Consellería de Familia, Muller e Xuventude convoca o XII certame galego de fotografía Xuventude-96, segundo as bases que se establecen no anexo I desta orde, onde se regulan os aspectos relativos á participación, condicións xerais que van rexer na respectiva convocatoria, inscricións, desenvolvemento, premios e xurado.

Artigo 2º

O certame obxecto da presente convocatoria desenvolverase a través das delegacións provinciais da Consellería de Familia, Muller e Xuventude coa

colaboración das delegacións provinciais da Consellería de Cultura.

Artigo 3º

As actividades que comporten o desenvolvemento deste certame serán custeadas con cargo á aplicación orzamentaria 14.03.355B.640.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1996.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Xuventude para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.- A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 1996.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia, Muller e Xuventude

ANEXO I

XII CERTAME GALEGO DE FOTOGRAFÍA XUVENTUDE-96

I. Participantes.

Mozos galegos ou residentes en Galicia con idades entre 16 e 30 anos, cumpridos durante o ano 1996.

II. Condicións xerais.

1. A modalidade é única, admitíndose branco e negro e cor en tódalas súas técnicas.

2. A temática fará referencia á xuventude en tódalas facetas da súa actividade.

3. Cada autor poderá presentar tódalas fotografías que desexe co mesmo lema e distinto título.

4. As fotografías deberán ser orixinais, non podendo estar publicadas nin ter recibido ningún premio.

5. Xunto coa obra, o autor presentará un sobre pechado co lema escrito no seu exterior, e no seu interior o boletín de inscrición que se indica no anexo III xunto cunha fotocopia do DNI por ámbalas dúas caras.

6. Cada fotografía deberá ir montada en soporte consistente, recomendándose as medidas 40 x 50 cm. Na súa parte posterior deben leva-lo lema e o título correspondente.

7. As fotografías, tanto en cor como en branco e negro, terán as medidas seguintes:

Máximas: 30 x 40 cm

Mínimas: 18 x 24 cm

8. A organización non se responsabiliza de posibles roturas ou extravíos das obras. A Dirección Xeral de Xuventude subscribirá unha póliza que asegure as obras, de ata un máximo de 100.000 pesetas por obra.

9. A organización realizará un catálogo das obras seleccionadas, que llela enviará ós participantes.

10. As obras que reciban os premios establecidos nestas bases quedarán en poder da Xunta de Galicia.

III. Inscricións.

As solicitudes deberán formularse no impreso normalizado que se indica no anexo II.

As fotografías xunto coa solicitude e o sobre pechado entregaranse no Servicio de Xuventude da Delegación da Consellería de Familia, Muller e Xuventude correspondente á provincia na que os interesados teñan fixada a súa residencia habitual, que pode ser en:

R/ Ronda de Fingoi, s/n, 27002 Lugo.

Avda. da Habana, 81-baixo, 32004 Ourense.

R/ Durán Loriga, 9-1º, 15003 A Coruña.

R/ Benito Corbal, 47-2º, 36001 Pontevedra.

ou ben mandaranse por correo certificado, ata o día 2 de setembro de 1996.

IV. Desenvolvemento.

Fase provincial.

O xurado seleccionará de entre as fotografías presentadas en cada provincia aquelas que ó seu xuízo e pola súa calidade e orixinalidade estimen merecentes de acadar a seguinte fase.

Fase autonómica.

No mes de novembro de 1996 e na Casa da Xuventude de Ourense, realizarase unha exposición coas obras previamente seleccionadas na fase anterior, entre as que o xurado elixirá e premiará, se así o coidase conveniente, as tres mellores fotografías e a mellor colección.

V. Premios.

Establécense os premios seguintes:

Á mellor fotografía:

1º 75.000 pesetas.

2º 50.000 pesetas.

3º 30.000 pesetas.

Á mellor colección:

Un premio de 100.000 pesetas.

Establécense así mesmo seis accésits de 10.000 pesetas.

A xuízo do xurado, e segundo a calidade da obra, poderanse deixar desertos algúns premios.

Os premios serán únicos e indivisibles.

Cada autor non poderá recibir máis ca un premio.

Así mesmo farase entrega a cada un dos seleccionados para a fase autonómica dun diploma que acredite a súa participación neste certame galego de fotografía.

A organización poderá montar unha exposición itinerante coas fotografías.

VI. Xurado.

Os xurados das fases provinciais serán nomeados polos delegados provinciais da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, e da Consellería de Cultura.

O xurado da fase autonómica será nomeado polo director xeral de Xuventude e polo director xeral de Cultura, e estará formado por persoas cualificadas no campo da fotografía e da imaxe, recaendo a secretaría nun funcionario da Delegación Provincial de Familia, Muller e Xuventude de Ourense.

A decisión do xurado será irrecorrible.

9601646