Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52 Mércores, 13 de marzo de 1996 Páx. 2.201

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

DECRETO 106/1996, do 29 de febreiro, polo que se acepta a cesión a título gratuíto dunha parcela de 2.000 m, denominada Regaverdella e A Golpilleira, sita no barrio de Pego (O Porriño), feita a favor do Servicio Galego de Saúde para centro de saúde.

O Concello do Porriño en sesión celebrada o día 28 de novembro de 1995 acordou cederlle ó Servicio Galego de Saúde unha parcela de 2.000 m, denominada Regaverdella e A Golpilleira, sita no barrio de Pego (O Porriño) para centro de saúde.

Conforme o artigo 17.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma, requírese decreto do Consello da Xunta de Galicia, para a adquisición de bens a título gratuíto. Por outra banda, o artigo 23.1º da mesma lei establece que non se poderán adquirir bens ou dereitos a título lucrativo cando o valor dos gravames cargas ou afeccións impostos sobre eles, supere o seu valor instrínseco, se ben non se consideran cargas, gravames, ou afección os investimentos que teña realiza-la Comunidade Autónoma para da-lo destino de uso xeral ou servicio público da súa competencia que fixe o cedente.

En cumprimento do disposto na Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma, de conformidade coa proposta do conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais e presidente do Servicio Galego de Saúde, e coas condicións estipuladas no acordo do Pleno do Concello con data 28 de novembro de 1995, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do vintenove de febreiro de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo primeiro.

1. Acéptase a cesión a título gratuíto dun inmoble, propiedade do Concello do Porriño, feita a favor do Servicio Galego de Saúde para o centro de saúde.

2. A parcela cedida que se denomina Regaverdella e Golpilleira ten unha superficie de 2.000 m e está sita no barrio de Pego, parroquia e concello do Porriño, sendo os seus lindes os seguintes:

-Ó norte: resto do predio matriz.

-Ó sur: camiño ó barrio de Pego.

-Ó leste: resto do predio matriz.

-Ó oeste: herdeiros de Serafín Cabaleiro.

3. A parcela obxecto de cesión está inscrita no Rexistro da Propiedade a favor do Concello do Porriño, no folio 187, libro 153, tomo 816, predio nº 22.229, inscripción primeira.

Artigo segundo.

O inmoble cédese libre de cargas e gravames e destinarase a centro de saúde.

Artigo terceiro.

O Servicio Galego de Saúde a través do seu órgano competente precederá á formalización da aceptación no correspondente documento público, inscribíndose no Rexistro da Propiedade ó seu nome e integrándose no seu patrimonio propio.

Disposición derradeira

O Servicio Galego de Saúde, a través do seu órgano competente levará a cabo os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón neste decreto.

Santiago de Compostela, vintenove de febreiro de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Manuel Romay Beccaría

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais e Presidente do Servicio Galego de Saúde

1335