Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52 Mércores, 13 de marzo de 1996 Páx. 2.189

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 12 de febreiro de 1996 pola que se convoca un curso de especialización en educación física para mestres en servicio activo na Comunidade Autónoma de Galicia.

As novas esixencias de especialistas derivadas da implantación da etapa de educación primaria, unido ó descenso das necesidades en áreas ata o de agora presentes na educación xeral básica, fan necesaria a organización de cursos de especialización en áreas incluídas na educación primaria e, neste momento, deficitarias en número de profesorado especialista, facendo posible que, de xeito gradual, mestres ós que se lles suprimiu o seu posto de traballo ou que, debido á especialidade que posúen, ven alongado substancialmente o seu período de provisionalidade, poidan obter unha das especialidades que o sistema educativo galego require na actualidade, así como a adecuación dalgúns profesores e profesoras ó posto de traballo ó que están adscritos.

En consecuencia co anterior e complementando o convenio que se vai subscribir coa Universidade da Coruña, organízase un curso de especialización en educación física na Coruña, correspondendo a súa organización, dirección e desenvolvemento á devandita universidade.

Faise preciso, polo tanto, artella-la oportuna convocatoria que permita selecciona-los mestres interesados en participar nel. Na súa virtude,

DISPOÑO:

Primeiro.-Convocar, en colaboración coa Universidade da Coruña, un curso de especialización en educación física, a celebrar no campus de Riazor, cun total de 40 prazas.

Segundo.-Poderán solicita-la realización do devandito curso os funcionarios pertencentes ó corpo de mestres que estean en servicio activo na Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceiro.-O curso desenvolverase de acordo coa estructura e características que se establecen no anexo I da presente orde.

Cuarto.-A matrícula será gratuíta para os funcionarios do corpo de mestres seleccionados ó abeiro desta orde ós que, ademais, se lles concederá automaticamente unha licencia por estudios, dentro da modalidade C3, polo período de duración da fase presencial teórico-práctica, tal como establece a Orde do 14 de marzo de 1995 (DOG do 17 de abril), sen que o desfrute da devandita licencia lles impida poder optar a novas licencias por estudios.

Quinto.-A solicitude para tomar parte no curso dirixiráselle ó delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Coruña, segundo o modelo do anexo II, e presentarase per

soalmente ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de 20 días naturais contados desde o día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Xuntaráselle á solicitude:

-Documentos acreditativos, orixinais ou copias compulsadas ou cotexadas, dos méritos alegados dos recollidos no baremo que figura no anexo III.

-Folla de servicios pechada na data de publicación desta convocatoria.

Sexto.-A selección dos solicitantes será realizada por unha comisión que presidirá o delegado provincial da Coruña ou persoa en quen delegue e da que formarán parte:

-Un inspector.

-O director do curso ou persoa en quen delegue.

-Dous asesores técnico-pedagóxicos de educación física dos centros de formación continuada do profesorado da provincia da Coruña.

-Actuará como secretario un funcionario da delegación, con voz e sen voto.

Poderá asistir ás sesións da comisión, con voz e sen voto, un representante de cada unha das centrais sindicais con representación na mesa sectorial de persoal docente.

Sétimo.-A selección dos aspirantes farase de acordo cos seguintes criterios prioritarios e excluíntes:

1. En primeiro lugar, as profesoras e profesores que, de acordo coa adscrición funcional realizada no centro, veñen impartindo educación física a un mínimo de 3 grupos de alumnos de educación primaria ou EXB, polo menos en dous cursos escolares a partir do curso 1990-91 e a seguen a impartir no presente curso, sen contar coa oportuna habilitación, sempre que no devandito centro non exista profesorado especialista adscrito a educación física.

2. En segundo lugar o profesorado ó que se lle suprimiu o seu posto de traballo, non conte con novo destino definitivo e estea habilitado soamente para impartir ciclo inicial e medio ou ciclo inicial e medio e, como máximo, dúas das seguintes especialidades: matemáticas e ciencias da natureza, lingua castelá, lingua galega, ciencias sociais.

3. En terceiro lugar o profesorado con destino provisional que estea habilitado soamente para impartir ciclo inicial e medio e, como máximo, dúas das seguintes especialidades: matemáticas e ciencias da natureza, lingua castelá, lingua galega, ciencias sociais.

4. En cuarto lugar o profesorado non incluído en ningún dos supostos anteriores.

Oitavo.-A valoración dos méritos dos solicitantes seleccionados en aplicación dos criterios prioritarios e excluíntes sinalados no apartado anterior, reali

zarase de acordo co baremo que figura no anexo III. Non se valorarán os méritos dos solicitantes incluídos nos supostos 2, 3 e 4 do apartado anterior, cando os do suposto 1 cubran a totalidade das prazas convocadas, e así sucesivamente, e sempre que se acade unha puntuación mínima de 6 puntos na valoración de méritos recollida no apartado A do baremo. Se non se cobre a totalidade das prazas convocadas, por non ter acadada a devandita puntuación mínima, procederase á preselección daqueles que obteñan maior puntuación no suposto 1º do punto sétimo e que sigan en puntuación ós preseleccionados. De non completarse o número de prazas cos anteriores, procederase do mesmo xeito cos solicitantes incluídos no apartado 2, 3 e 4 por esta orde.

Os preseleccionados serán chamados á proba de aptitude física que se especifica no anexo IV desta orde, e obrigatoriamente terán que obter dous puntos para poderen resultar preseleccionados finalmente para a realización do curso.

Noveno.-Finalizada a selección, a comisión elevaralla ó director xeral de Ordenación Educativa e Centros, para a súa resolución provisional, que se exporá nos taboleiros da consellería e das delegacións provinciais, con expresión da puntuación obtida polos solicitantes preseleccionados.

Para efectos de cubrir posibles baixas, incluirase como reserva un número máximo de 10.

Décimo.-Dentro dos dez días naturais seguintes á exposición da resolución provisional da selección á que se refire o punto anterior, os solicitantes que se consideren prexudicados poderán presentar diante da delegación provincial da Coruña as reclamacións oportunas.

No mesmo prazo sinalado, os solicitantes que resulten preseleccionados, así como os reservas, deberán presentar na delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Coruña ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a documentación seguinte:

-Certificación da delegación provincial para acredita-la inclusión no segundo, terceiro, ou cuarto dos supostos considerados como prioritarios e excluíntes para efectos de selección e recollidos no punto sétimo da presente orde.

-A certificación de habilitación actualizada expedida pola delegación provincial correspondente será enviada polas delegacións provinciais correspondentes no momento que as solicite a citada comisión.

-Para acredita-la inclusión no primeiro suposto considerado prioritario e excluínte, certificación da acta da sesión do claustro na que conste a adscrición funcional, e certificación da dirección do centro, visada polo servicio de inspección, na que se faga consta-la inexistencia de profesorado especialista adscrito a educación física ou que aínda existindo profesor adscrito, non conta coa oportuna habilitación. Igualmente se certificará, de non figurar na

acta do claustro citada, o número de grupos de alumnos ós que se lle impartiu educación física cada un dos cursos escolares sinalados no apartado sétimo.1.

Transcorrido o prazo de reclamacións, e dentro dos cinco días naturais seguintes, a comisión resolverá as reclamacións, comprobará a documentación achegada polos solicitantes preseleccionados e os reservas e proporalle ó director xeral de Ordenación Educativa e Centros a selección definitiva que será publicada no taboleiro de anuncios da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e nos das delegacións provinciais.

Décimo primeiro.-As baixas que por calquera causa se produzan entre os seleccionados antes de empeza-lo curso cubriranse cos aspirantes que figuran como reservas, por orde de puntuación.

Décimo segundo.-O profesorado participante no curso está obrigado a asistir e realizar tódalas actividades programadas do curso, e debe cubrir polo menos o 90% do tempo de duración de cada fase. O seu incumprimento poderá dar lugar á exclusión do curso, logo de informe proposta do director deste, oído o interesado e mediante resolución do director xeral de Ordenación Educativa e Centros.

Décimo terceiro.-A cualificación global será «apto» ou «non apto». Ós declarados «non aptos» faráselles sabe-la data e condicións para a realización dunha nova proba con carácter extraordinario.

Décimo cuarto.-Ó remate do curso a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria expedirá un certificado académico a aquelas persoas que o superen con avaliación positiva. Neste constará a administración educativa convocante e a que o organiza ó abeiro da presente orde así como a mención de que o citado curso terá os efectos profesionais previstos nela.

Décimo quinto.-As persoas participantes no curso comprométense a impartir ensinanzas de educación física, ó longo dos 10 anos seguintes á obtención da especialidade, no seu propio centro, de estar adscritas ó posto de traballo de educación física, ou noutro centro no que puideran acada-lo devandito posto en concurso de traslados ou, de non darse ningún dos supostos anteriores, nos centros ós que a Administración educativa os destine en comisión de servicios dentro da zona do seu centro de destino.

Décimo sexto.-Autorízaselle á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros a dicta-las normas que considere oportunas para o desenvolvemento e interpretación da presente orde.

Décimo sétimo.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 1996.

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I

I. Estructura do curso.

O curso terá dúas partes ou fases: teórico-práctica e práctica.

Fase teórico-práctica

1. Aprendizaxe e desenvolvemento motor (80 horas).

2. Bases biolóxica e fisiolóxica do movemento (80 horas).

3. Teoría e práctica do acondicionamento físico (60 horas).

4. Bases teóricas da educación física (60 horas).

5. Didáctica da educación física (120 horas).

6. O currículum dá área na educación primaria (50 horas).

7. Educación física de base (50 horas).

En total, esta fase teórico-práctica terá unha duración de 500 horas.

II. Temporalización.

A fase teórico práctica desenvolverase intensivamente nos meses de maio, xuño e setembro de 1996 e, tal como se establece no punto cuarto da presente orde, ó longo do devandito período os seleccionados desfrutarán de licencia por estudios.

A fase práctica, que durará 100 horas, realizarase a partir de outubro de 1996 e estenderase, como máximo, ata marzo de 1997.

III. Lugar de celebración.

O curso desenvolverase, na súa fase teórico-práctica, nos locais da escola de formación do profesorado. Campus de Riazor. A Coruña.

IV. Avaliación.

Cada un dos módulos que integran os contidos da fase teórico-práctica será avaliado independentemente. A superación desta fase implicará o ter aprobadas as avaliacións correspondentes a cada un destes módulos.

A fase práctica superarase globalmente. A avaliación farase tendo en conta o informe do titor e unha memoria final que terá que ser entregada por cada alumno e avaliada polos responsables do curso.

ANEXO II

MODELO DE INSTANCIA

O funcionario do corpo de mestres do que se especifican a continuación os datos:

-Datos persoais.

Apelidos

Nome

Enderezo particular, nº

Teléfono Localidade C.P.

Provincia

-Datos profesionais.

Número de rexistro persoal

Situación administrativa: profesor definitivo ou propietario provisional

Nome do centro no que exerce

Enderezo

Localidade C.P. Provincia

Posto de traballo ó que está adscrito

Ciclo/s ou curso/s no/s que imparte docencia

Área/s que imparte

-Suposto recollido nos criterios prioritarios e excluíntes do apartado sétimo no que está incluído: ...

Solicita tomar parte no curso de especialización en educación física convocado por Orde do 12 de febreiro de 1996 e declara baixo a súa responsabilidade seren certos tódolos datos que se indican.

Data e sinatura,

Sr. Delegado Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. A Coruña.

ANEXO III

BAREMO

Conceptos

A:

Máximo de

puntos por

curso

Total

puntos

máximo

Documentos xustificativos

Por cada ano de servicio, ou fracción superior a 6 meses, adscrito á área de educación física en educación primaria ou EXB.1 punto5Certificación da acta da sesión do claustro na que conste a adscrición funcional.

Por cada ano de servicio como docente no nivel de educación primaria/EXB.

(Non se valorarán os anos computados no primeiro apartado).

0,25 puntos3Folla de servicios.

Por realización de cursos de perfeccionamiento de educación física homologada pola Administración educativa e por títulos de monitor deportivo.0,5 puntos por cada título de monitor deportivo.

0,1 puntos por cada 10 horas de cursos de perfeccionamento de educación física.

5Certificado de estudios e/ou certificados dos cursos de perfeccionamento nos que conste o número de horas.

Por realización de actividades relacionadas coa educación física.ata 1,5Xustificantes das actividades.

Por publicacións, experiencias e investigacións en relación coa educación física.ata 1,5Exemplares con depósito legal das publicacións e xustificantes das experiencias ou investigacións.

B:

Proba de aptitude física.

(Puntuación mínima esixida por este apartado, 2 puntos, sendo excluídos os que non acaden a devandita puntuación).

4

ANEXO IV

PROBA DE APTITUDE FÍSICA

Primeira proba: recorrer en zig-zag un circuíto de cinco conos, en liña, cunha separación de dous metros entre cada un, botando un balón de voleibol en percorrido de ida e volta. Tras supera-lo último cono do percorrido de ida realizaranse lanzamentos do balón coa man ata obter tres dianas sobre un branco dun metro de diámetro, sitado na parede a dous metros e medio de distancia e o dito bordo inferior estará situado a un metro e medio do nivel do chan; a continuación realizaranse lanzamentos do balón co pé ata obter tres dianas sobre unha superficie delimitada de un metro e medio de ancho por un metro de alto, colocada a ras do chan e debaixo da anterior.

Mínimos establecidos: homes, vinte segundos; mulleres, vintecatro segundos.

Segunda proba: tumbado boca arriba, coas pernas flexionadas e suxeitando unha pelota na caluga, elevar e descende-lo tronco repetidamente durante trinta segundos.

Mínimos establecidos: homes, 15 veces; mulleres, 12 veces.

Terceira proba: 9 por 4. Partir dunha liña de saída ata outra situada a nove metros; recoller un taco de madeira, levalo e deixalo na liña de saída; repeti-lo percorrido facendo o mesmo cun segundo taco de madeira.

Minimos establecidos: homes, once segundos; mulleres, doce segundos.

Cuarta proba: carreira continuada de nove minutos.

Mínimos establecidos: homes, 2.000 metros; mulleres, 1.500 metros.

1625