Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52 Mércores, 13 de marzo de 1996 Páx. 2.183

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 92/1996, do 29 de febreiro, sobre características básicas e comúns de uniformidade das policías locais de Galicia.

O artigo 17.1º da Lei 3/1992, do 23 de marzo, de coordinación de policías locais, dispón que a Xunta de Galicia establecerá regulamentariamente as características básicas e comúns de uniformidade das policías locais, que regularán, en todo caso, definición de pezas de uniforme, de insignias e de distintivos de posto e mando, co obxecto da súa coordinación, de acordo co sinalado nos Arts. 1, 4 e 5.1ºb) do citado texto legal.

A regulación da devandita coordinación, efectuarase por decreto, logo de dictame da Comisión de Coordinación das policías locais de Galicia.

En consecuencia, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, logo do informe favorable da Comisión de Coordinación das Policías Locais logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintenove de febreiro de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Uniformidade.

A uniformidade de traballo dos policías locais de Galicia presentará as modalidades necesarias para acomoda-la función realizada ó medio no que teña lugar.

Así mesmo, e segundo as estacións meteorolóxicas anuais, terá en conta as formas de inverno e verán.

Artigo 2º.-Uso

1. Os funcionarios dos corpos de policía local absteranse de vesti-lo uniforme regulamentario cando se atopen fora de servicio.

2. Na roupa que integra o uniforme regulamentario, só poderá exibirse as divisas, emblemas, condecoracións e efectos que se determinen.

Artigo 3º.-Enumeración das pezas de roupa e efectos de uniformidade

1. O uniforme de traballo dos funcionarios pertencentes ós corpos de policía local de Galicia na modalidade de inverno estará integrado polas seguintes pezas:

a) Para persoal masculino.

-Gorra de prato.

-Cazadora.

-Pantalón.

-Camisa de manga longa.

-Gravata con alfinete.

-Cinto.

-Xersei.

-Cazadora de pel.

-Chaleco guateado.

-Chuvasqueiro e pantalón de augas.

-Zapatos.

-Calcetíns.

-Luvas.

-Botas de auga.

b) Para persoal feminino.

-Gorra de prato:

-Cazadora.

-Pantalón ou saia pantalón.

-Camisa de manga longa.

-Gravata con alfinete.

-Cinto.

-Xersei.

-Cazadora de pel.

-Chaleco guateado.

-Chuvasqueiro e pantalón de augas.

-Calcetíns ou medias-panti.

-Luvas.

-Botas de auga.

2. Se as funcións dos policías locais se produce principalmente no medio rural, ou cando as circunstancias climatolóxicas o aconsellen, os zapatos poderanse substituír por botas; neste caso vestirase pantalón de tubo.

Cando se utilice vehículo de dúas rodas a motor, ademais do casco regulamentario, utilizarase a protección de cazadora longa e pantalón de coiro negro, calzando botas adecuadas.

3. A modalidade de verán presenta as mesmas pezas de roupa anteriores, excepto cazadora, gravata e camisa de manga longa, substituída por camisa de manga curta e colo aberto.

4. A descrición e características das pezas enumeradas neste artigo, especifícanse no anexo I deste decreto.

Artigo 4º.-Descrición de enseñas.

As insignias serven para diferencia-las escalas e as categorías profesionais.

1. As escalas distínguense pola cor do reberete das ombreiras e portainsignias, e polo barbuquexo da gorra de prato.

A cor será dourada para a escala técnica ou de mando e prateada para a executiva.

2. As categorías diferéncianse por unhas barras presas nas ombreiras ou nas portainsignias, segundo a posición, o número e a cor delas.

Artigo 5º.-Colocación das insignias.

As insignias, para que sexan visibles, levaranse nas ombreiras. Se a peza non tivera ombreiras, as insignias irán suxeitas a un soporte portainsignias que se prenderá no peito.

Tódalas ombreiras levarán, preto do botón, o escudo do concello.

Artigo 6º.-Distintivos de posto de mando.

Tanto na escala técnica ou de mando, como na executiva, os distintivos que levan os seus titulares, segundo os postos que desempeñan son:

1. Escala técnica ou de mando.

a) O posto de inspector leva tres barras douradas en posición perpendicular ó eixe lonxitudinal da ombreira ou do soporte.

b) O posto de subinspector leva dúas barras douradas.

c) O posto de oficial leva unha barra dourada.

2. Escala executiva.

a) O posto de suboficial leva tres barras prateadas.

b) O posto de sarxento leva dúas barras prateadas.

c) O posto de cabo leva unha barra prateada.

d) O posto de garda leva unha barra prateada inclinada. Irá colocada no ángulo exterior traseiro.

3. O xefe da unidade, ademais da insignia que lle corresponde pola súa categoría, levará dúas ramas de palmeira cruzadas, da mesma cor, situadas entre a insignia e o escudo do concello.

4. A descrición e características das insignias enumeradas neste capítulo especifícanse no anexo II deste decreto.

Disposición transitoria

Establécese un prazo de tres anos a partir da entrada en vigor do presente decreto, durante a cal os concellos de Galicia onde exista corpo de policía local, irán adaptando a súa uniformidade e distintivos ó que aquí se regula.

Os corpos de policía local que puideran crearse, unha vez sexa vixente esta norma, uniformaranse de acordo o que nela se preceptúa.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase ó Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor ó día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintenove de febreiro de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Manuel Diz Guedes

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

ANEXO I

PEZAS DE ROUPA E EFECTOS DE UNIFORMIDADE

As pezas de roupa e os efectos de uniformidade terán as características que se sinalan a continuación:

Para persoal masculino:

-Gorra de prato:

Ten forma octogonal, con picos ou dobras suaves. É de tea azul escura e tecido foaminado e indeformable.

A viseira será negra, de material plástico duro.

A base da gorra levará por fóra en todo o largo unha cinta-dameiro de tres filas. Por baixo na metade dianteira, irá o barbuquexo de cor dourada ou prateada, segundo a escala, suxeito a uns botóns laterais de cor dourada.

Na parte alta do prato irá a «galleta» con forma axeitada á do escudo do concello, cunha medida de 60 x 50 mm. de eixe.

-Cazadora:

Tea azul escura, forrada, con ombreiras, e colo de lapela.

Dianteiros rectos con cremalleira interior. Leva dous petos de parche planos, con picos redondeados e táboa central. Botóns pequenos dourados. Por dentro ten un peto.

Traseiros lisos, dunha peza, con bolsa.

A cintura axústase con elásticos laterais.

As mangas naturais con bocamanga aberta na costura e rematada por un botón pequeno dourado. Esta bocamanga levará o dameiro descrito para a gorra de prato.

As ombreiras son entreteadas, unidas á costura da manga e rematadas en pico, con ollal para suxeitar a un botón dourado.

-Pantalón:

De tea cor azul escura, con dobras nos dianteiros e sen volta. Largo entre 22-28 cm.

Petos verticais nos lados e un pequeno no dianteiro dereito.

Tamén pode levar dous detrás.

-Camisa:

De manga longa cor azul clara, con petos nos dianteiros e prego central no traseiro. Colo cerrado para uso de gravata.

-Gravata:

Cor azul escura de 130-132 cm de longo.

Largo na pa maior de 8-9 cm forrada.

Leva un alfinete ou pasador dourado co escudo do concello.

-Cinto:

Cor azul escura, de lona, longo regulable e peche a presión en plástico duro.

Debe leva-lo escudo do concello en relevo e pode soste-lo portaesposas e portacargador.

-Chuvasqueiro:

En cor azul escura por unha cara e amarela pola outra, e será reversible para a función día-noite.

Tipo tres cuartos, serve para a choiva e o vento. Pecha con cremalleira interior e leva aberturas para o acceso á pistola e a defensa.

Por ámbalas caras levará a inscrición policía local na dianteira e tamén na traseira.

O pantalón de augas, da mesma cor.

-Cazadora de pel:

Será de cor negra, forrada, con ombreiras e petos. O peche, de cremalleira. A cintura axustarase con elásticos e a bocamanga levará o dameiro xa descrito.

-Chaleco:

Será tamén de cor azul escura. É unha prenda de abrigo, interior guateado e poderánselle adosar mangas desmontables. Elásticos na cintura e nos puños.

-Xersei:

De cor azul escura de colo subido, con ombreiras e mangas «pulligan».

-Zapatos:

Negros, de pa lisa con cordóns. Piso de goma para o inverno e de coiro para o verán.

-Calcetíns:

Negros, lisos, con elástico.

-Luvas:

Axeitados ó traballo que se vai realizar.

-Botas de auga:

De goma ou material plástico impermeable, cor negra.

* Para persoal feminino:

É a mesma roupa descrita para o persoal masculino, coas seguintes variantes:

-Zapatos:

Negros, tipo mocasín montado, e banda de peche.

-Saia pantalón:

De tea cor azul escura, corte recto, con petos e cordón negro de contraste nos laterais.

-Medias-panti:

Cor gris fume.

Roupa do medio rural e para uso vehículos de dúas rodas a motor:

-Botas:

Punta redondeada, piso de goma, caña acolchada, cor negra, con cordóns.

-Pantalón de tubo:

Cor azul, tea resistente e os seus baixos con elástico dobre.

-Casco:

Branco, semi-integral, con viseira negra. Leva dameiro de tres filas adhesivo e o escudo do concello.

-Cazadora longa e pantalón:

Ámbolos dous de coiro, para a debida protección do policía motorista.

Modalidade de verán:

-Camisa:

Será de manga curta e colo aberto, de cor azul clara.

ANEXO II

DESCRICIÓN E CARACTERÍSTICAS DAS INSIGNIAS

Os elementos esenciais das insignias son os numerados no artigo 4º deste decreto.

a) Barras.

b) Portainsignias.

c) Reberete.

d) Barbuquexo.

-Barras:

As barras poden ser pezas metálicas ou doutro material duro, unhas de cor dourada e outras de cor prateada. Poden ir suxeitas con rosca ou calquera outro sistema, que non se vexa por fora.

As medidas serán proporcionais ó tamaño da ombreira.

-Portainsignias:

Poden ser de dúas formas:

Un manguito para encaixar nas ombreiras, especialmente nas camisas, e un soporte rectangular ríxido.

a) Manguito de cor azul escura coas barras e o reberete impresos, en cor dourada ou prateada, segundo corresponda pola escala.

b) Soporte ríxido, de cor azul, para fixa-las barras.

As medidas serán de 4 x 6 cm e suxeitarase á roupa no peito cun imperdible ou outro sistema.

-Ribete:

É unha fita dourada ou prateada, segundo a escala cosida nas beiras das ombreiras, marcada dabondo para que sexa ben visible.

Tamén vai cosido ó soporte portainsignias que se prende no peito.

-Barbuquexo:

É unha fita dourada ou prateada, segundo a escala, de 12 mm de largo con dous pasadores laterais da mesma peza, que vai na base da gorra de prato por riba da viseira, suxeita a uns botóns laterais.

9601851