Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52 Mércores, 13 de marzo de 1996 Páx. 2.182

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 91/1996, do 29 de febreiro, sobre signos externos de identificación das policías locais de Galicia.

Os artigos 17.2º e 19 da Lei 3/1992, do 23 de marzo, de coordinación de policías locais, dispoñen que a Xunta de Galicia establecerá os signos externos de identificación das policías locais, co obxecto da súa coordinación, de acordo co sinalado nos artigos 1, 4 e 5.1ºb) do citado texto legal.

A regulación da devandita coordinación efectuarase por decreto e logo do dictame da comisión de coordinación das policías locais de Galicia.

En consecuencia, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, logo do informe favorable da comisión de corrdinación de policías locais e da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintenove de febreiro de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artiigo 1º.-Da placa emblema.

A placa emblema, que será exhibida nas prendas do uniforme que regulamentariamente se determine, estará composta polo escudo do concello correspondente, a lenda Policía Local rodeando a metade inferior daquel, e o número de identificación profesional, troquelado nunha cartela que se situará na base do conxunto.

O material con que se fabrique, tamaño, forma e demais circunstancias, serán as que se detallan no anexo I.

Artigo 2º.-Do escudo de Galicia.

Na manga dereita da peza exterior do uniforme irá unido o escudo de Galicia.

O material co que se confeccione, tamaño, forma e demais circunstancias, detállanse no anexo II.

Artigo 3º.-Do escudo do concello.

Na manga esquerda da peza exterior do uniforme unirase o escudo do concello ó que pertenza o policía local que o exhiba.

O material e tamaño serán os mesmos do escudo a que se refire o Art.2º.

Artigo 4º.-Da tarxeta de acreditación.

1. A tarxeta de acreditación de tódolos policías locais de Galicia presentará no seu anverso a fotografía do seu titular, a súa categoría profesional, o seu número de identificación, os escudos de Galicia e do concello e a lenda Policía Local ou Auxiliar de Policía Local, segundo a condición do seu portador.

2. No reverso constará o nome e apelidos do seu titular, a sinatura e o número de orde que o rexistro de Policías Locais lle adxudiquen a aquel e irá autorizada coa sinatura do alcalde respectivo e o selo do concello.

3. A tarxeta de acreditación irá contida na carteira axeitada para a súa boa conservación.

4. O material co que se confeccionen a tarxeta e carteira, os seus tamaños, cores e demais características, serán os que constan no anexo III.

Disposición transitoria

Establécese un prazo dun ano contado a partir da entrada en vigor do presente decreto para que tódolos concellos da Comunidade Autónoma galega doten ós policías locais e auxiliares deles dependentes, dos distintivos e documento acreditativo a que se refire o anterior articulado.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintenove de febreiro de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Manuel Diz Guedes

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

ANEXO I

PLACA EMBLEMA PARA POLICÍA LOCAL

Feitura e descrición.

1. Confeccionarase en aleación metálica de suficiente resistencia e durabilidade.

2. O centro estará formado polo escudo do concello e, na súa parte inferior, rodeándoo, a lenda Policía Local ou Auxiliar de Policía Local, segundo a cualidade de quen a porte.

Da periferia do escudo partirá un número de raios comprendido entre 32 e 38, dos que 8 serán principais e o resto, de menor tamaño.

Na parte inferior da placa existirá un rectángulo de superficie lisa onde se troquelará o número de rexistro profesional, formado da forma seguinte:

-Constará de 6 díxitos. O primeiro do lado esquerdo corresponderá:

1 para A Coruña.

2 para Lugo.

3 para Ourense.

4 para Pontevedra.

Os outros dous díxitos que lle seguen reflectirán a orde númerica da relación alfabética que comprende os concellos da cada provincia. Os tres díxitos restantes indican o número escalafonal, por categoría e antigüidade, de tódolos compoñentes do cadro de persoal da policía local. Para as placas correspondentes ós auxiliares, a dita numeración irá seguida da letra A, separada por un guión.

3. As medidas serán:

Eixe vertical: entre 8 e 9 cm.

Eixe horizontal: entre 6 e 6,5 cm.

Eixe vertical do escudo do concello: 5 cm.

Eixe horizontal do escudo de concello: proporcional ó anterior.

Grosor máximo: 0,2 cm.

Espacio para a numeración: 4 cm. x 0,7 cm.

Raios: partirán desde a beira do escudo do concello, co tamaño necesario para que o conxunto estea dentro dos límites marcados.

4. Cor

O escudo do concello incorporará as súas cores e o resto será de cor prateada. Os caracteres irán impresos en cor negra.

ANEXO II

ESCUDO DE GALICIA

Feitura e descrición.

1. Confeccionarase mediante bordado dourado sobre tea.

2.-Medidas:

Eixe vertical = 8 cm.

Eixe horizontal = proporcional

Os elementos que integran o escudo estarán proporcionados ás devanditas medidas.

ESCUDO DE CADA CONCELLO

Feitura e descrición.

1. Confecionarase en tea co bordado propio ás cores de cada escudo.

2. Medidas:

Eixe vertical = 8 cm.

Eixe horizontal = proporcional.

ANEXO III

TARXETA DE ACREDITACIÓN E CARTEIRA PORTA-TARXETA

Feitura e descrición

I. Tarxeta.

1. A tarxeta confecionarase en material plástico de fondo branco.

2. Descrición:

Anverso:

Na súa parte superior, esquina esquerda, figurará o Escudo de Galicia e na dereita o escudo do concello. Entre ámbolos dous, Policía Local ou Auxiliar.

Inmediatamente debaixo, a fotografía que será en cor, medio busto, de fronte e destoucado, sen lentes escuras e uniformado.

Debaixo da fotografía, constará a categoría profesional e, por último, o número de identificación profesional idéntico ó da placa -emblema e formado segundo se explica no anexo I.

Desde o ángulo superior esquerdo e ata o inferior dereito, salvando a fotografía, partirá unha banda de igual cor ó da bandeira galega e un cm de longo.

Reverso:

Nome e apelidos do titular, a súa sinatura e no ángulo inferior esquerdo, o número de orde que o rexistro xeral de policía lle adxudique. Debaixo da data de expedición irá estampada a sinatura do alcalde e selo do concello.

3. Medidas:

Tarxeta = 8,6 x 5,5 cm.

Escudos superiores = 1 cm.

Fotografía = 3,1 x 2,6 cm.

Caracteres: os de maior tamaño = 0,4 cm de altura.

II. Carteira porta-tarxeta.

1. Confeccionada de coiro ou pel marrón, en forma de carpeta pivotante sobre un dos lados verticais.

Na portada exterior figurará a lenda:

POLICÍA LOCAL (OU AUXILIAR DE POLICÍA LOCAL)

DE

(Nome do concello) con caracteres prateados.

O compartimento dereito será o utilizado para aloxa-la tarxeta.

2. Medidas:

Alto = 9,3 cm.

Longo = 12,4 cm para dobrar na súa metade.

Caracteres = 0,5 cm.

1638