Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Martes, 12 de marzo de 1996 Páx. 2.160

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 1 de marzo de 1996 pola que se regulan as axudas para mantemento de centros e servicios dedicados á atención á primeira infancia e garderías infantís laborais dependentes de entidades privadas de iniciativa social.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º, asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, inclúe, no seu artigo 5.3º, como unha das áreas de actuación, os servicios sociais da familia, infancia e mocidade, o Decreto 2/1994, do 13 de xaneiro, atribúelle á Consellería de Familia, Muller e Xuventude as competencias neste sector.

Con este fin, nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1996, na aplicación 14.02.212A.482.0 existe partida orzamentaria consignada para as axudas que se establecen no articulado da presente orde por un importe total de 176.414.000 ptas.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios ó fin para o que foron establecidos.

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente orde ten por obxecto a convocatoria de axudas económicas para mantemento de centros e servicios dedicados á atención á primeira infancia e garderías infantís laborais dependentes de entidades privadas de iniciativa social, que presten atención educativa e asistencial preferentemente a nenos de 0 a 3 anos.

Enténdese por garderías infantís laborais aqueles centros que tanto pola súa localización como polo seu horario extenso facilitan a actividade laboral dos pais.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán solicitar estas axudas as entidades privadas de iniciativa social que, cumprindo os obxectivos anteriores desenvolvan as súas actividades na Comunidade Autónoma e estean debidamente inscritas no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servicios Sociais da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, de acordo co disposto no Decreto 291/1995, do 3 de novembro.

Artigo 3º.-Tipo de axuda.

A axuda destinada a estes servicios concederase en forma de subvención de mantemento, e enténdense por tal os seguintes conceptos:

-Gastos de persoal.

-Gastos de alimentación.

- Outros gastos xerais de mantemento do centro.

Artigo 4º.-Módulos de referencia para o cálculo da axuda.

1. Para cuantificar economicamente as axudas teranse en conta os seguintes módulos:

Módulo A: centros que posúan unidades de atención a nenos e nenas de 0 a 1 anos e que ofrezan servicio de comedor a estes. Estímase o custo máximo para subvencionar por praza neno/mes en 18.000 ptas.

Módulo B: centros que dispoñan de unidades de atención a nenos e nenas de 1 a 3 anos e que ofrezan servicio de comedor a estes. Estímase o custo máximo para subvencionar por praza neno/mes en 15.000 ptas.

Módulo C: no caso de nenos e nenas de 1 a 3 anos que presenten minusvalideces físicas, psíquicas ou sensoriais, debidamente diagnosticadas polos equipos de valoración e orientación das delegacións provinciais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, e que utilicen os servicios de comedor. Estímase o custo máximo para subvencionar por praza neno/mes en 18.000 ptas.

Módulo D: centros que dispoñan de unidades de atención a nenos e nenas de 1 a 3 anos e que non ofrezan servicio de comedor. Estímase o custo máximo a subvencionar por praza neno/mes en 10.000 ptas.

Complemento adicional: aqueles centros que posúan servicio de transporte e/ou horario ampliado, entendendo por tal aquel que exceda en 40 horas mensuais o mínimo establecido, percibirán un complemento adicional máximo para subvencionar por praza neno/mes estimado en 1.000 ptas.

2. Estas axudas calcularanse en función dos nenos atendidos integrantes dunha unidade familiar cunha renda per cápita mensual inferior a 35.000 ptas., estando, en todo caso, supeditada a súa concesión á existencia de crédito suficiente.

3. En caso de non existir crédito suficiente, deberán reducirse proporcionalmente a contía das axudas de xeito tal que estas sexan iguais por cada neno-módulo para tódalas entidades que resulten beneficiarias.

4. A Consellería de Familia, Muller e Xuventude poderá formalizar convenio con aquelas entidades ou asociacións que concorran a esta convocatoria e reunindo as condicións nela esixidas, posúan centros ou garderías infantís que cumpran os seguintes requisitos:

a) Horario de, polo menos, 10 horas diarias ininterrompidas.

b) Que preste, polo menos 11 meses de servicio ó ano.

c) Servicio de comedor, que incluirá, en todo caso, a comida de mediodía e, opcionalmente, almorzo e merenda.

Artigo 5º

Cando as contías das axudas non sexan suficientes para cubri-lo custo total das prazas, os centros e servicios subvencionados, poderán completalo con

cotas dos pais. Neste caso as cotas complementarias que aboen os pais en ningún caso poderán supera-los prezos máximos establecidos pola normativa vixente, para as garderías infantís dependentes desta consellería.

Artigo 6º.-Solicitudes e documentación.

As solicitudes presentaranse segundo modelo oficial (anexo I) acompañadas da seguinte documentación:

1. Proxecto educativo do ano 95-96 e previsións ou modificacións para o ano 96-97.

2. Ficha bancaria (anexo II).

3. Certificación bancaria da conta corrente na que se ingresará, se é o caso, o importe efectivo da subvención concedida agás no caso de que se manteña unha conta anterior, xa certificada; neste caso será suficiente unha declaración xurada nese sentido.

4. Acreditación da personalidade e representación do solicitante.

5. Fotocopia da tarxeta de identificación fiscal.

6. Declaración das subvencións obtidas doutros entes públicos ou privados para a mesma finalidade ou negativa, se é o caso.

Aquelas institucións que soliciten subvencións por primeira vez, ou as que, aínda solicitándoas en anos anteriores, sufrisen variacións estatutarias, deberán presentar ademais fotocopia compulsada dos seus estatutos ou das variacións que haxa neles.

Artigo 7º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

A solicitude e maila documentación requirida presentaranse nas delegacións provinciais da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, e será de aplicación, en todo caso, o disposto no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación das solicitudes será de 30 días naturais contados a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde.

Artigo 8º.-Tramitación dos expedientes.

1. As delegacións provinciais da consellería comprobarán que os expedientes reúnen tódolos requisitos recollidos na presente orde e procederán a reclamar por escrito ós interesados a falta e/ou os documentos preceptivos para completalos, co apercibimento de que, se non se fixese así, no prazo de dez días arquivarase o expediente sen máis trámite.

2. Revisados os expedientes e completados, se é o caso, remitiranse á Comisión Provincial de Valoración que terá a función de propoñe-la aprobación ou denegación das axudas solicitadas.

3. A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:

Presidente: xefe/a do Servicio de Familia, Infancia e Menores.

Vocais: tres funcionarios da respectiva delegación designados polo delegado provincial, un dos cales

actuará como secretario. Poderá asistir tamén, con voz pero sen voto, un representante da Intervención Territorial.

Artigo 9º.-Resolución.

1. A resolución das axudas, por proposta da Comisión de Valoración, e despois da súa fiscalización pola intervención, correspóndelle ós delegados provinciais da consellería, que deberán resolver no prazo de dous meses. As solicitudes non resoltas neste prazo teranse por desestimadas.

2. As resolucións seránlles notificadas ós interesados, e deberán ser motivadas as de carácter denegatorio.

Artigo 10º.-Pagamento e xustificación das subvencións.

1. Unha vez dictada a resolución pola que se conceda a subvención procederase ó pagamento e xustificación, da forma que se indica a continuación, agás nos casos nos que se establezan convenios, nos que se aplicará o que neles se sinale.

2. As subvencións poderanse facer efectivas de conformidade co establecido na Lei de presupostos xerais de Galicia para 1996 da seguinte forma:

Para aquelas que non superen o importe dun millón de pesetas poderá anticiparse ata un 80% da contía outorgada, librándose o 20% restante unha vez presentada pola entidade certificación de que foi realizado o gasto por un importe igual ou superior á axuda concedida e que este foi destinado ó fin outorgado.

Nos demais casos poderá facerse efectivo o pagamento da axuda do seguinte xeito:

a) Un primeiro prazo do 50% da totalidade da subvención, no momento da súa concesión, logo da presentación pola entidade do certificado que acredite o inicio das actividades.

b) O 50% restante unha vez presentada pola entidade beneficiaria o documento acreditativo de que foi realizado un gasto igual ou superior ó da axuda concedida e que esta foi destinada ó fin outorgado.

3. A entidade receptora deberá presentar antes do 31 de xaneiro do exercicio seguinte, perante a delegación provincial respectiva, un balance de ingresos e gastos compresivo de todo o ano natural conforme o anexo III. O cumprimento deste trámite considérase requisito previo para a concesión das subvencións nos exercicios seguintes.

Artigo 11º.-Outras obrigas das entidades subvencionadas.

As entidades subvencionadas deberán cumprir, ademais, as seguintes obrigas:

a) Remiti-los informes e demais documentación que reclamen os órganos competentes da consellería.

b) Autoriza-la inspección e control dos órganos competentes da Consellería de Familia, Muller e Xuventude sobre os seus centros e actividades.

c) Cumprir coa normativa vixente reguladora dos requisitos esixibles a este tipo de centros.

Artigo 12º.-Revogación.

O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións, así como a duplicidade da axuda con cargo a outros créditos dos orzamentos xerais do Estado, da Seguridade Social, Administración institucional, autonómica ou local, constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro polo beneficiario ou solicitante, xunto cos xuros de demora, segundo o previsto no artigo 78.6º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

Disposición adicional

A concesión de axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asignado nos orzamentos

para estes fins. En todo caso, as actuacións que se van subvencionar deberán realizarse dentro do presente exercicio.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a directora xeral da Familia para dicta-las normas necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 1996.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia, Muller e Xuventude

9601132