Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50 Luns, 11 de marzo de 1996 Páx. 2.063

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 29 de febreiro de 1996 pola que se anuncian axudas económicas destinadas a subvencionar obras de construcción, reforma, rehabilitación e equipamento das casas dos concellos.

A Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, no marco da súa liña habitual de colaboración cóa Administración local, pretende cooperar cós concellos mediante a convocatoria de axudas económicas dedicadas á mellora das casas dos concellos, regulándose, por medio da presente orde, o procedemento e requisitos a seguir para a concesión das subvencións dedicadas á realización de obras de construcción, reforma ou rehabilitación das casas dos concellos, así como o seu equipamento. Nesta orde introdúcese unha importante innovación con respecto ás convocatorias dos últimos anos, consistente na posibilidade de subvencionar tamén obras de construcción, rehabilitación ou reparación das edificacións anexas ás casas dos concellos. Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. Establécense subvencións ós concellos de Galicia destinadas á realización de obras de construcción, reforma, rehabilitación e equipamento das casas dos concellos. As ditas subvencións faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 13.02.761.0, programa 123.A, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996, ata un límite de cento cincuenta millóns cincocentas mil pesetas (150.500.000 ptas.).

2. Poderán subvencionarse:

a) Obras de construcción de nova planta naqueles concellos en que, polas condicións de ruína ou avanzada deterioración do edificio, se aconselle a súa reposición, ou, en todo caso, obra nova.

b) Obras que supoñan a rehabilitación integral de edificios que vaian ser destinados a casa do concello.

c) Obras de reparación de tellados, calefacción e/ou servicios sanitarios, así como as obras complementarias e incluso obras menores e construccións parciais.

d) Equipamento das casas dos concellos (bens non consumibles).

e) Obras de construcción, rehabilitación ou reparación das edificacións anexas ás casas dos concellos.

Artigo 2º

A porcentaxe que poderá acada-la axuda económica é do 100% do total do orzamento presentado.

Artigo 3º

No caso de obras de nova construcción que por disposición municipal teñan carácter plurianual, a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais poderá comprometerse a subvencionar outras fases da execución da obra, con suxeición ás limitacións contidas no artigo 58 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 4º

Os concellos que desexen acollerse ós beneficios desta orde elevarán a súa petición por medio de instancia dirixida ó conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, segundo o modelo que figura como anexo desta orde, e presentarana no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, ou por calquera outro dos medios a que se refire o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e de procedemento administrativo común, no prazo de 30 días naturais, contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

A solicitude irá acompañada da seguinte documentación:

a) Certificación do acordo adoptado polo órgano competente do concello polo que se aproban as obras que se van realizar e se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos na presente orde.

b) Memoria xustificativa da necesidade das obras para as que se solicita subvención, con expresión da fase, de se-lo caso, á que corresponda.

c) No suposto de construcción dun novo edificio, o proxecto da obra que se vai realizar e unha certificación da secretaría xeral da corporación, referente á titularidade e disposición do concello sobre o terreo onde se pretende construí-la nova Casa do Concello.

No suposto de obras menores ou de equipamento, será suficiente a presentación da correspondente memoria valorada.

d) Fotografías da Casa do Concello que incidan especialmente nas zonas onde se proxecta a realización das obras para as que se solicita subvención.

O defecto nas solicitudes seralles notificado ós interesados pola Dirección Xeral de Xustiza e Interior da Consellería de Xustixa, Interior e Relacións Laborais, concedéndoselles un prazo de dez días para emendaren erros ou omisións. Transcorrido o dito prazo, se non se producise a dita emenda, as peticións serán arquivadas sen máis trámite

Artigo 5º

Recibidas as solicitudes de subvención e a súa documentación, serán analizadas polos servicios competentes da Dirección Xeral de Xustiza e Interior, e o director xeral de Xustiza e Interior elevará proposta ó conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, quen resolverá.

Artigo 6º

Na valoración das solicitudes teranse en conta os seguintes aspectos:

A. A necesidade das obras que se van realizar, apreciadas en razón da súa urxencia, en canto ó estado material e ás condicións de uso do actual edificio do concello.

B. A situación económica do concello considerada pola contía do seu orzamento e pola súa situación financeira.

C. A poboación e extensión do termo municipal.

Artigo 7º

A resolución da consellería respecto da presente liña de subvencións seralles notificada ós solicitantes ós que se lles conceda a subvención, na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. De non notificarse resolución favorable no prazo de tres meses contados desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, entenderase desestimada a petición correspondente.

Artigo 8º

A tramitación e adxudicación das obras será realizada polos concellos conforme a súa propia normativa, dándolle conta deste acto á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais mediante certificación expedida polo secretario xeral da corporación.

Artigo 9º

1. Os beneficiarios das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigados a destina-los fondos percibidos ó obxecto concreto para o que foron concedidos. A Dirección Xeral de Xustiza e

Interior da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais poderá comprobar, cando o considere conveniente, a execución dos proxectos subvencionados.

2. Os beneficiarios da subvención presentarán, ante o rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais (Dirección Xeral de Xustiza e Interior) as seguintes xustificacións, antes do día 15 de setembro de 1996, inescusablemente:

a) No caso de obras, certificación en modelo oficial, con relación valorada, tramitada conforme o procedemento que rexe para a Administración local, acompañada da correspondente certificación, expedida polo secretario da corporación relativa ó acordo de aprobación pola corporación municipal. Orixinais ou fotocopias compulsadas, por triplicado.

b) No caso de equipamentos, facturas orixinais ou fotocopias compulsadas nas que conste a aprobación da corporación.

A Dirección Xeral de Xustiza e Interior, de atopar conformes os xustificantes, proporá o libramento de fondos.

Artigo 10º

No caso de que o beneficiario da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas, a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais instruirá expediente sancionador, conforme o previsto na vixente Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e, se procede, anulará os beneficios concedidos e solicitará a devolución das cantidades percibidas, se as houbera, e a reclamación dos xuros de mora polas mesmas, a teor do disposto no artigo 78.6º da Lei 11/1992, do 7 de outubro.

Artigo 11º

Os solicitantes ós que non lles sexa concedida a subvención disporán dun prazo de 30 días naturais, contados a partir da resolución, para retira-la documentación presentada. Transcorrido este prazo, arquivarase sen máis trámite.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Xustiza e Interior para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor ó día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de febreiro de 1996.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

1689