Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 48 Xoves, 07 de marzo de 1996 Páx. 1.955

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 4 de marzo de 1996 pola que se regulan axudas e subvencións para a creación de empresas e a integración laboral da muller como estímulo a mulleres emprendedoras de Galicia (programa EMEGA).

O Decreto 2/1994, do 13 de xaneiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, determina no artigo 1 que a dita consellería é o órgano da Administración autonómica ó que lle corresponde o exer

cicio das competencias e funcións en materia de familia, menores, muller, xuventude, formación ocupacional e promoción do emprego, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía e nos termos sinalados na Constitución española.

O Servicio Galego de Igualdade, organismo autónomo de carácter administrativo, adscrito a la Consellería de Familia, Muller e Xuventude, creado por Lei 3/1991, do 14 de xaneiro, correspóndelle, entre outras funcións, a de elaborar plans de actuación, programas piloto e plans ponte para formenta-lo emprego e facilita-la formación profesional das mulleres (artigo 3.8º).

Por outra banda, no II Plan de Igualdade de Oportunidades para as Mulleres Galegas, con vixencia para 1995-1997, dedícase unha área específica á formación e o emprego e dentro dela, un dos obxectivos prioritarios é o fomento do acceso das mulleres ó emprego e á creación de empresas.

Se ben é certo que a Consellería de Familia, Muller e Xuventude vén promulgando anualmente unha serie de ordes dirixidas á promoción do emprego, resulta conveniente elaborar unha orde específica que permita incorporar á muller ó mercado laboral en igualdade de condicións que o home e que, ó mesmo tempo, contribúa a supera-la situación de illamento e marxinación en que moitas veces se atopan as ditas mulleres.

Esta orde pretende acuña-lo concepto de muller emprendedora, estimulándoa mediante a concesión dunha serie de axudas económicas para que se estableza como empresaria e deste xeito acade a súa propia integración laboral e contribúa á creación de postos de traballo.

As iniciativas empresariais que ó abeiro desta orde poidan promove-las mulleres baixo fórmulas de asociación en cooperativas, sociedades anónimas laborais e autoemprego como traballadoras autónomas ou mediante a constitución de calquera tipo de sociedade normativamente prevista, son medidas eficaces para a xeración de emprego, mobilización de recursos e corrección de desequilibrios rexionais que han de servir para reduci-la taxa de paro feminino que certamente segue sendo máis elevada cá do home.

As accións incluídas nesta orde financiaranse con cargo á consignación orzamentaria 14.50.212A.470.0, cun importe de cento vintetrés millóns de pesetas (123.000.000 de ptas.), establecida nos orzamentos do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller para 1996 e cos fondos do Marco Comunitario de Apoio a través do Fondo Social Europeo.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas, e para a súa debida aplicación nos créditos orzamentarios para o fin o que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto da presente orde de convocatoria, que se rexirá polo disposto na Ley 11/1992, de réxime financeiro e orzamentario e no Decreto 258/1990, do 27 de abril, é conceder axudas e subvencións para o establecemento da muller como empresaria, como medio axeitado para a súa integración laboral, baixo calquera forma de sociedade mercantil, cooperativa, o establecemento como traballadora autónoma, con domicilio social e fiscal na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Requisitos.

Poderán acceder a estas axudas as mulleres individualmente consideradas que se atopen en situación

de desemprego; as que atopándose na dita situación se unan ou asocien e as persoas xurídicas legalmente constituídas integradas maioritariamente por mulleres que creen unha empresa e os postos de traballo que se orixinen sexan necesariamente desempeñados por mulleres que se atopen en paro, con veciñanza administrativa e domicilio social en Galicia, sempre que as súas actividades ou os seus fins estatutariamente establecidas estean relacionadas co mundo empresarial e/ou rural, o seu desenvolvemento económico e social e a promoción laboral e social da muller.

Artigo 3º.-Axudas.

1. As axudas consistirán nunha subvención a fondo perdido que como máximo será de 3.000.000 de pesetas. Esta subvención non poderá supera-lo 50% do investimento, e a súa concesión será compatible con calquera outra axuda establecida con cargo a outros programas elaborados por outras consellerías, institucións e organismos, sen que a suma total das axudas percibidas para o desenvolvemento do presente programa poidan exceder do 100% do custo total do proxecto, tendo en conta o establecido no artigo 4º d) da presente orde.

2. Os gastos terán que ser necesariamente para o funcionamento ou posta en marcha da actividade, quedando excluídos das axudas, los gastos que se deriven das obrigas tributarias, taxas por autorizacións administrativas e todos aqueles que poidan ser considerados como investimentos en capital fixo.

Artigo 4º.-Criterios de concesión.

Unha vez determinada a viabilidade do proxecto, a concesión e contía da axuda fixarase seguindo os criterios seguintes:

a) O interese da acción que se vai executar desde o punto de vista do desenvolvemento económico da área beneficiada, para os efectos da cal se terán en conta aquelas empresas que se implanten en zonas menos favorecidas e con maior índice de desemprego na actividade que se pretenda desenvolver, tanto no ámbito urbano coma no rural.

b) O carácter innovador do proxecto e a incorporación de tecnoloxía avanzada.

c) O número de postos de traballo que se vaian crear, na súa totalidade e con consideración especial para aqueles que vaian ser desempeñados por mulleres.

d) A determinación da contía do investimento de carácter privado a efectuar por quen promova o proxecto, que como mínimo, ha de ser de igual importe á axuda percibida do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

e) A utilización de materias primas autóctonas.

f) Adaptación e mellora medioambiental.

g) Localización dos proxectos de nova instalación en parques empresariais.

Artigo 5º.-Solicitudes.

A solicitude deberá ser presentada antes do inicio do gasto, e irá acompañada da documentación seguinte, por triplicado exemplar:

a) Acreditación da personalidade e representación, se é o caso, do solicitante.

b) Se se tratase de persoas físicas: acreditación por calquera dos medios establecidos, de que se atopan en situación de desemprego.

No suposto de que as solicitantes fosen persoas xurídicas, consignación do número de postos de traballo que se vaian crear, los que necesariamente han de ser desempeñados por mulleres que como mínimo teñan un ano de antigüidade no paro.

c) Memoria descritiva do proxecto da actividade, na que se farán constar: localización, características técnicas, económicas e xurídicas, número de postos de traballo que se crean inicialmente, así como os previstos a medio e longo prazo, relación e contía dos gastos, orzamentos xerais do proxecto e previsión de prazos para a execución do proxecto e programa de financiamento previsto: deberase especificar a que tipo de gasto vai ser consignada á presente subvención, tendo en conta o establecido no artigo 3º.2.

d) Relación de subvencións que se soliciten ou se obtivesen da Administración da Unión Europea, central, local ou outras consellerías desta Comunidade Autónoma.

Artigo 6º.-Obrigas.

As solicitantes, no caso de obte-la subvención prevista, quedarán obrigadas a inicia-la actividade durante o ano 1996 e a comunicar calquera variación orzamentaria que se produza na posta en marcha da empresa.

Así mesmo, quedará obrigada a face-lo investimento previsto para a creación da empresa, tendo que devolve-lo importe da subvención ou axuda no suposto de que o dito investimento non fose realmente efectuado.

Artigo 7º.-Presentación de solicitudes.

As solicitudes, cubertas no modelo normalizado que figura como anexo I da presente orde, poderanse presentar no rexistro xeral do Servicio Galego de Igualdade ou nas delegacións provinciais da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, as cales remitiranas ó Servicio Galego de Igualdade o día seguinte ó da súa presentación, ou na forma prevista no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, acompañadas da documentación sinalada no artigo 5º, á que se lle engadirá:

Ficha de transferencia bancaria, en modelo oficial, recollida no anexo II.

-Certificado bancario de existencia de conta.

-Declaración expresa de aceptación das actuacións de comprobación do Servicio Galego de Igualdade

Artigo 8º.-Prazo.

1. O prazo de presentación de solicitudes finalizará o 31 de xullo.

2. No suposto de que a solicitudes non cumpran os requisitos sinalados na presente orde ou a documentación sexa insuficiente ou conteña erros, procederase na forma prevista no artigo 10.2º do Decreto 52/1994, do 4 de marzo.

Artigo 9º.-Procedemento.

1. O procedmeento que se seguirá na tramitación e instrucción dos expedientes será o establecido nos artigos 9 e seguintes do Decreto 52/1994, do 4 de marzo, coas concrecións que se establecen nos parágrafos seguintes.

2. Unha vez realizados os trámites sinalados nos parágragos 1º e 2º do artigo 10 do mencionado decreto, os expedientes remitiranse á Comisión de Valoración para o seu informe, proposta de resolución e posterior elevación ó órgano competente para resolver.

3. Para o disposto no parágrafo anterior a Comisión de Valoración estará composta pola secretaria xeral do Servicio Galego de Igualdade, que a presidirá, e serán vocais o xefe de Servicio de Cooperación, Estudios e Programas e a xefa de Servicio de Administración Xeral, que actuará como secretaria.

4. A Comisión de Valoración, á hora de barema-las solicitudes, terá en conta os criterios fixados no artigo 4 desta orde.

Artigo 10º.-Resolución.

1. A resolución de subvencións, unha vez emitido informe pola Comisión de Valoración e fiscalizada a proposta pola Intervención Delegada, corresponderá á directora do Servicio Galego de Igualdade.

2. A resolución dos expedientes deberá producirse no prazo de catro meses contados a partir do día seguinte ó termo do prazo para a presentación de solicitudes. Transcorrido dito prazo sen que recaia resolución expresa, esta entenderase desestimada.

3. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, e con carácter excepcional, poderanse efectuar resolucións complementarias fóra do prazo establecido cando non fose posible efectualas dentro del por existir fondos provenientes de recursos de subvencións inicialmente concedidas.

Artigo 11º.-Requisitos para o pagamento.

Certificación de que os solicitantes se atopan ó día nas súas obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da

Comunidade Autónoma, así como documentación xustificativa de que os gastos para os que se concedeu a subvención foron efectuados. Para estes efectos, necesariamente han de remitir ó Servicio Galego de Igualdade acreditación da alta fiscal da empresa no imposto de actividades económicas, inscrición da empresa no sistema da Seguridade Social. No suposto de que a empresaria fose persoa física, acreditación da alta no réxime especial de traballadores autónomos, alta dos traballadores da empresa na Seguridade Social, o que se xustificará coa relación nominal de traballadores cotizantes (T.C.2).

Artigo 12º.-Pagamento.

O pagamento da subvención farase efectivo da forma seguinte:

a) Ata un 50% do total do orzamento de gastos, en concepto de anticipo, no momento en que se reciba no Servicio Galego de Igualdade, certificación do solicitante da subvención notificando o inicio das obras ou actividades para a posta en marcha da acción, así como da necesidade de efectuar pagamentos inmediatos para o seu comezo. O inicio da actividade será comprobado polo Servicio Galego de Igualdade

b) O resto, unha vez recibida a documentación indicada no artigo anterior e tendo en conta que a xustificación deberá referirse a gastos efectuados ata o 31 de decembro de 1996, xustificación que ha de presentarse necesariamente antes do 28 de febreiro de 1997.

Artigo 13º.-Publicidade.

Nas accións que se leven a cabo deberá figurar, no lugar onde se realicen e de forma visible, un cartel publicitario no que se indique que a acción está cofinanciada pola Xunta de Galicia, Servicio Galego de Igualdade e Fondo Social Europeo, cos seus respectivos anagramas.

Disposicións adicionais

Primeira.-Sen prexuízo das facultades inspectoras que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado e da Comunidade Autónoma, o Fondo Social Europeo, a Unidade Administradora do Fondo Social Europeo do Ministerio de Traballo e Seguridade Social, o Servicio Galego de Igualdade poderá realiza-las comprobacións e verificacións que considere precisas para a constatación do cumprimento do disposto nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Segunda.-O incuprimento total ou parcial de calquera das condicións, así como a duplicación de axuda ou o seu uso fraudulento constituirán causa determinante de revogación da axuda e do reintegro desta por parte do beneficiario ou solicitante, xunto cos intereses de demora, de acordo co establecido no artigo 78.6º da Lei 11/1992.

Terceira.-O Servicio Galego de Igualdade poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións esixidas nesta orde.

Cuarta.-A concesión da subvención regulada nesta orde terá como límite global o crédito consignado nos orzamentos xerais para 1996 da Comunidade Autónoma para o fin que se persegue e os compromisos que se reflicten no Marco Comunitario de Apoio provenientes do Fondo Social Europeo.

Quinta.-Se por calquera causa, no momento no que a Comisión de Valoración teña que examina-las solicitudes, algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído polo funcionario que para o efecto designe a directora xeral do Servicio Galego de Igualdade, e sempre que sexa posible, o nomeamento deberá recaer noutro funcionario do mesmo servicio có substituído.

Disposición derradeira

Facúltase a directora xeral do Servicio Galego de Igualdade para que dicte, no ámbito das súas competencias,a s resolucións e aclaracións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Santiago de Compostela, 4 de marzo de 1996.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia, Muller e Xuventude

1537