Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 48 Xoves, 07 de marzo de 1996 Páx. 1.952

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 29 de febreiro de 1996 pola que se regulan as condicións de autorización ás industrias transformadoras da especie Acanthocardia tuberculatum.

A Directiva 91/492/CEE do 15 de xullo de 1991, establece as normas sanitarias aplicables á producción e posta no mercado dos moluscos bivalvos vivos. O Real decreto 308/1993, do 26 de febreiro, e o Real decreto 345/1993, do 5 de marzo, transpoñen esta directiva ó noso ordenamento xurídico, establecendo por un lado as normas de calidade das augas e da producción de moluscos e aprobando por outro a regulamentación técnico-sanitaria aplicable á comercialización de moluscos bivalvos vivos.

Coa publicación da decisión comunitaria 96/77/CEE, do 18 de xaneiro de 1996, establecense as condicións de recollida e transformación dalgúns moluscos bivalvos procedentes de zonas onde os niveis de toxinas paralizantes superan o límite fixado pola Directiva 91/492/CEE.

Considerando que moitas das empresas radicadas na Comunidade Autónoma galega poden estar interesadas na transformación e comercialización da especie Acanthocardia tuberculatum dentro das condicións establecidas na dita decisión, faise necesario regula-las autorizacións ás industrias.

Na súa virtude, en uso das facultades que me confiren os artigos 30 e 34.6º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A presente orde ten por obxecto regulamenta-la concesión de autorizacións ós establecementos interesados en somete-la especie Acanthocardia tuberculatum o tratamento térmico definido no anexo I da presente orde.

Artigo 2º

1. As solicitudes presentaranse, segundo o modelo que figura no anexo II desta orde, na delegación provincial da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais correspondente ó lugar en que estea situada a empresa ou industria que solicite a autorización, sen prexuízo do establecido no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Se a solicitude non reúne os requisitos esixidos, a delegación provincial requirirá ó interesado para que no prazo de dez días repare as deficiencias, procederá ó arquivo do expediente. Se no dito prazo o requirimento non fose atendido.

Artigo 3º

1. Dentro dos dez días seguintes ó da recepción da solicitude ou, se é o caso, á data en que se repararon os defectos, a delegación provincial correspondente emitirá informe e elevaralle á Dirección Xeral de Saúde Pública unha proposta motivada para a autorización, ou non, da empresa ou industria.

2. A Dirección Xeral de Saúde Pública resolverá expresamente sobre a autorización, no prazo que

establece o Decreto 271/1994, do 29 de xullo, contados desde o día da presentación da solicitude, e comunicaralle a dita resolución ó interesado con indicación dos recursos que procedan.

Entenderanse desestimadas aquelas solicitudes nas que non se dicte resolución en prazo.

Artigo 4º

1. As autorizacións seranlles concedidas individualmente ás industrias que o soliciten e cumpran os requisitos do Real decreto 1437/1992, do 27 de novembro, polo que se establecen normas sanitarias aplicables á producción e comercialización de productos pesqueiros e da acuicultura, e dispoñan dun sistema de autocontrol aplicado especificamente ó tratamento térmico definido no anexo I da presente orde.

2. Na Dirección Xeral de Saúde Pública levarase un rexistro de tódalas autorizacións concedidas ás industrias.

Artigo 5º

A especie Acanthocardia tuberculatum deberá ser transportada ós establecementos autorizados en contedores ou vehículos selados pola autoridade competente e acompañados por un documento emitido pola autoridade de orixe.

Artigo 6º

1. A empresa ou industria autorizadas deberán comprobar en cada lote de producto terminado que o contido de toxina PSP non se atopa nun nivel detectable polo bioensaio do rato despois do tratamento térmico.

2. O titular da empresa ou industria deberá mante-los resultados das ditas análises á disposición dos servicios oficiais de inspección correspondentes durante un período de dous anos.

3. Non poderá ser comercializado ningún lote ou fracción deste sen haber obter previamente os resultados de toxina PSP.

Artigo 7º

O incumprimento do disposto nesta orde sancionarase de acordo co previsto na Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, e demais disposicións que sexan de aplicación.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase ó director xeral de Saúde Pública para dictar cantas disposicións sexan necesarias para desenvolvemento e execución do previsto na presente orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de febreiro de 1996.

José Manuel Romay Beccaría

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

ANEXO

Tratamiento térmico aplicable ós moluscos bivalvos Acanthocardia tuberculattum co fin de reduci-la toxina PSP a un nivel inferior a 80 microgramos para 100 g.

Os moluscos deberán someterse secuencialmente ás seguintes operacións:

1. Un lavado preliminar en auga doce durante un tempo mínimo de 2 minutos a unha temperatura de 20ºC, máis ou menos 2ºC.

2. Unha precocción en auga doce durante un tempo mínimo de 3 minutos a unha temperatura de 95ºC, máis ou menos 5ºC.

3. A separación da carne da cuncha.

4. Un segundo lavado en corrente de auga doce durante un tempo mínimo de 30 segundos a unha temperatura de 20ºC, máis ou menos 2ºC.

5. Unha cocción en auga doce durante un tempo mínimo de 9 minutos a unha temperatura de 98ºC, máis ou menos 3ºC.

6. Un arrefriamento en corrente de auga fría durante uns 90 segundos.

7. A separación das partes comestibles (pé) das partes non comestibles (branquias, vísceras e manto) con método mecánico e auga a presión.

8. Un envasado en recipientes pechados hermeticamente cun líquido de cobertura non acidificado.

9. Unha esterilización en autoclave a unha temperatura mínima de 116ºC durante un tempo calculado en función das dimensións dos recipientes utilizados pero que non poderá ser inferior a 51 minutos.

1172