Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 48 Xoves, 07 de marzo de 1996 Páx. 1.927

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 2 de febreiro de 1996, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se ratifican os estatutos da Federación Galega de Voleibol

Vistos os estatutos da Federación Galega de Voleibol e a acta de aprobación da súa asemblea xeral extraordinaria de 26-11-1995.

Visto o informe da Sección de Rexistro de Clubs e Asuntos Xurídicos, a Orde do 28 de xullo de 1995, de desenvolvemento do Decreto 228/1994, do 14 de xullo, regulador das federacións deportivas galegas, a Lei 10/1990, xeral do deporte, e demais normativa aplicable,

RESOLVO:

Ratificar con efectos desde a aprobación da súa asemblea os estatutos aprobados de conformidade co artigo 8 da Orde do 28 de xullo de 1995 e autoriza-la publicación dos estatutos no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 1996.

Eduardo Lamas Sánchez

Secretario xeral para o Deporte

Estatutos da Federación Galega de Voleibol

TÍTULO I

Ámbito de aplicación

Capítulo I

Ámbito funcional e territorial

Artigo 1º

A Federación Galega de Voleibol é unha entidade de dereito privado, sen ánimo de lucro, que reúne os xogadores, técnicos, árbitros, directivos, auxiliares, clubs, asociacións e entidades debidamente inscritas no Rexistro de Clubs, Federacións e Entidades Deportivas da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, dedicados á práctica, promoción e divulgación do voleibol no ámbito de Galicia. Ademais das competencias propias, exerce por delegación funcións públicas de carácter administrativo,

actuando como axente colaborador da Administración pública.

Artigo 2º

A Federación Galega de Voleibol ten personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins, rexéndose pola normativa xurídico-deportiva vixente, polo presente estatuto, normas regulamentarias que o desenvolvan recompiladas no correspondente regulamento de réxime interno, e acordos que adopten validamente os seus órganos de goberno.

Artigo 3º

A Federación Galega de Voleibol ten o seu domicilio na localidade da Coruña, no complexo deportivo de Elviña, O Birloque, s/n. Para calquera cambio de domicilio, sexa dentro do mesmo concello ou fóra del, será precisa a aprobación regulamentaria da asemblea xeral, con caracter previo ó referido cambio de residencia oficial.

Artigo 4º

É competencia da Federación Galega de Voleibol o goberno, administración, xestión, organización e dirección das actividades oficiais de voleibol en Galicia, de acordo coas disposicións legais vixentes e sen prexuízo das que lle correspondan á Federación Española de Voleibol e á Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.

Artigo 5º

Son funcións propias da Federación Galega de Voleibol, entre outras:

a) Regulamentar, fomentar, promocionar e impulsa-lo desenvolvemento do voleibol en toda Galicia, organizando e dirixindo as competicións e os programas de expansión.

b) Regula-lo réxime xurídico e disciplinario, e velar polo seu cumprimento entre os membros persoais e corporativos, con pleno respecto ás disposicións legais vixentes.

c) Aproba-lo regulamento de réxime interno e as bases de competición.

d) Velar e fomenta-la formación do persoal técnico e deportivo especializado, fixando as normas de ingreso dos mesmos nos seus respectivos órganos e comisións.

e) Concerta-los servicios médicos e asistenciais que sexan necesarios, por medio dos convenios que a Federación Galega de Voleibol poida establecer.

f) Dicta-las normas de expedición de licencias de tódolos afiliados e as condicións de inscrición dos membros corporativos, no seu ámbito de actuación, velando polo cumprimento das disposicións legais vixentes.

g) Asignar e controla-las subvencións que, no seu ámbito de competencia, se outorguen, solicitando as pertinentes xustificacións cando o considere prudente.

h) Aprobar e desenvolve-los convenios de colaboración que considere adecuados, para o mellor logro dos obxectivos fundacionais.

i) Todas aquelas actuacións que se deriven deste estatuto ou que lle poidan ser encomendadas polos organismos superiores, de acordo coas disposicións legais vixentes.

Artigo 6º

A Federación Galega de Voleibol manterá relacións coas federacións territoriais e delegacións provinciais afiliadas a elas, así como coa FIVb, a C.E.Vb., o COE e o COI, a través da Federación Española de Voleibol, cando así corresponda, tramitando no aspecto internacional perante a Federación Española de Voleibol:

a) As solicitudes dos seus afiliados sobre a súa participación en competicións internacionais (en razón ó interese técnico delas).

b) Os intercambios internacionais dos seus clubs afiliados, así como os oportunos permisos, se fosen preceptivos.

c) Os encontros internacionais entre clubs afiliados e seleccións representativas do seu ámbito territorial.

Capítulo II

Ámbito persoal

Artigo 7º

Quedan sometidos á disciplina da Federación Galega de Voleibol os seus directivos e os das súas delegacións, os xogadores, técnicos-adestradores, árbitros, auxiliares, clubs, asociacións e entidades afiliadas, cando actúen dentro do ámbito das súas competencias.

Artigo 8º

Son membros de pleno dereito da Federación Galega de Voleibol:

a) Aquelas persoas individuais que se inscriban nela causando alta como xogadores, técnicos, árbitros, anotadores e directivos.

b) Aqueles clubs, asociacións, entidades ou calquera outra forma xurídica permitida polo ordenamento vixente, que se afilie a ela, constando a súa inscrición no Rexistro de Clubs, Federacións e Entidades Deportivas da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.

Tódolos membros persoais e corporativos da Federación Galega de Voleibol axustarán as súas conductas ó fixado no estatuto orgánico, regulamento de réxime interno dela e demais normas de rango inferior, aceptando e cumprindo as resolucións dos seus órganos executivos e disciplinarios, sen renuncia ós dereitos de recurso que en cada suposto puideran corresponder perante os órganos competentes e logo do trámite regulamentario que se estableza con tal fin.

Capítulo III

Ámbito xurisdiccional

Artigo 9º

Para o cumprimento dos seus fins, a Federación Galega de Voleibol manterá os órganos de goberno, que serán, por orde xerárquica:

A asemblea xeral, o presidente e a súa xunta de goberno, e a comisión executiva permanentee comisión delegada da asemblea

Artigo 10º

Son órganos administrativos da Federación Galega de Voleibol a Secretaría Xeral, a tesourería e aqueloutros que puideran crearse para o mellor cumprimento dos seus fins.

Artigo 11º

Son órganos técnicos da Federación Galega de Voleibol aquelas direccións e comisións que foran precisas para o cumprimento dos obxectivos federativos, recolléndose a súa constitución, desenvolvemento e potestades no regulamento de réxime interno.

Artigo 12º

Son órganos xurisdiccionais da Federación Galega de Voleibol, o comité de competicióne o comité de apelación da FGVb

Artigo 13º

A Federación Galega de Voleibol regulará as súas actividades de conformidade coas seguintes normas:

Estatuto orgánico.

Regulamento de réxime interno.

Normas e bases de competición.

Circulares informativas.

Artigo 14º

Dentro do conxunto normativo da Federación Galega de Voleibol, o estatuto ocupa o máximo rango

e, en consecuencia, derroga calquera outra norma federativa que contradiga ou se opoña a el. A súa aprobación e modificación correspóndelle á asemblea.

Artigo 15º

O regulamento de réxime interno desenvolverá as normas e principios xerais establecidos no estatuto, correspondéndolle á xunta de goberno a súa proposta, estudio e elaboración, e debendo ser ratificado e aprobado pola asemblea xeral.

Artigo 16º

As bases de competición, son as normas particulares de cada competición e desenvolverán as contidas no regulamento na súa relación coas competencias en xeral.

A súa redacción correspóndelle á xunta de goberno, aprobaranse pola asemblea xeral e a súa vixencia será para unha temporada única.

Artigo 17º

As circulares informativas conterán normas de carácter circunstancial e aclaratorio, polo que a súa vixencia quedará circunscrita á temporada en que se editan, agás a súa derrogación expresa con data anterior á finalización dela. Serán dictadas polo organismo correspondente da Federación Galega de Voleibol e levarán o visto e prace do presidente.

Artigo 18º

A potestade disciplinaria no ámbito do voleibol en Galicia correspóndelle por completo á Federación Galega de Voleibol en todas aquelas competicións por ela organizadas, sendo en primeira instancia o Comité de Competición e/ou Apelación os que dicten as oportunas resolucións.

Contra os seus acordos poderase interpoñer recurso perante o Comité Galego de Disciplina Deportiva da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, nos termos, prazos e requisitos que estableza a lexislación vixente.

Artigo 19º

Toda persoa ou entidade sometida á xurisdicción deportiva da Federación Galega de Voleibol que quebrante as disposicións en vigor poderá ser sancionada de acordo coas normas disciplinarias recollidas no correspondente regulamento de réxime interno e/ou disciplinario.

As decisións adoptadas pola Federación Galega de Voleibol ou polos seus órganos dependentes, terán eficacia desde o día da súa notificación ó interesado, sen prexuízo dos recursos que este poida interpoñer.

Artigo 20º

Correspóndelle a máxima representación da Federación Galega de Voleibol ó presidente, quen ademais de presidi-los órganos de goberno, coidará tódolos aspectos da actividade deportiva e dos órganos federativos, cumprindo e facendo cumprir tódalas normas

e acordos federativos que emanen dos órganos regulamentarios correspondentes.

TÍTULO II

Órganos de goberno da Federación Galega de Voleibol

Capítulo I

Asemblea xeral

Artigo 21º

A asemblea xeral é o órgano superior da Federación Galega de Voleibol.

a) Estará integrada por un máximo de 36 membros (non computando para o efecto os que ostenten representatividade na asemblea xeral da FEVb, os cales terán só dereito a voz), representantes dos xogadores, técnicos, árbitros e dos clubs, asociacións e entidades afiliadas.

b) Os membros da asemblea xeral causarán baixa nos seguintes casos:

1) Por falecemento.

2) Por demisión.

3) Por incapacidade declarada en sentencia xudicial firme.

4) Por inhabilitación absoluta ou especial declarada en sentencia xudicial firme.

5) Por finalización do período para o que foron elixidos.

6) Por desaparición das circunstancias conforme as cales é representante elixido.

c) As baixas que se produzan na asemblea xeral serán cubertas co seguinte candidato máis votado.

d) Os membros da asemblea xeral polo estamento de clubs, sono a título nominal, e unha vez designados e elixidos, non poderán delegar noutra persoa, salvo que o club, en forma fidedigna, notifique o cambio de representante, non podendo recaer en ningún membro que xa forme parte da asemblea.

Artigo 22º

As reunións da asemblea xeral axustaranse ó seguinte réxime:

a) A asemblea xeral reunirase unha vez ó ano, necesariamente antes de empeza-la nova temporada deportiva, en sesión ordinaria para os fins da súa competencia e, como mínimo, para a aprobación do novo orzamento e liquidación do anterior, aprobación do calendario deportivo e das bases ou regulamentos que rexerán a competición, e para a aprobación da memoria de actividades anuais.

b) As demais reunións terán carácter extraordinario e serán convocadas polo presidente, ou por proposta dun número de membros da asemblea non inferior ó 25 %.

Presentada a solicitude de convocatoria por un número de membros suficientes, o presidente deberá convocala necesariamente no prazo de 10 días naturais. Desde a convocatoria ata a data de celebración

da asemblea non poderá transcorrer máis de 20 días naturais.

c) A convocatoria, que deberá conte-la orde do día da reunión, farase pública no taboleiro da federación e nas delegacións territoriais con 10 días de antelación á data da celebración. En todo caso notificaráselle individualmente a cada un dos membros da asemblea, por calquera medio que permita ter constancia da data de recepción dela, cunha antelación mínima de 48 horas.

d) No defecto de previsión estatutaria, a asemblea xeral quedará validamente constituída cando concorran na primeira convocatoria a metade máis un dos seus membros, e na segunda convocatoria, que terá lugar media hora máis tarde, calquera que sexa o número de asistentes.

Co fin de garanti-lo cumprimento efectivo destas funcións, a Secretaría Xeral para o Deporte convocará a asemblea xeral ou a comisión delegada para o debate ou resolución, se procede, de asuntos ou cuestións determinadas, cando aquelas non foran convocadas por quen ten a obriga estatutaria ou legal de facelo no tempo regulamentario.

O voto será persoal. Non se admitirá a delegación de voto, agás o correspondente a clubs deportivos, que poderá exercelo o seu presidente ou a persoa na que delegue, sempre que non sexa un membro da asemblea da federación, de acordo cos seus propios estatutos, con carácter expreso e escrito para cada reunión. Ninguén poderá exercer máis dunha delegación de voto.

De tódalas reunións da asemblea xeral levantarase acta que se lles remitirá, no prazo máximo de 60 días naturais, ós membros dela.

Artigo 23º

Cando a terceira parte dos integrantes da asemblea xeral desexe a convocatoria dela o obxecto de presenta-la potestativa moción de censura, os peticionarios deberán solicitalo por escrito á Xunta de Goberno da Federación Galega de Voleibol, e coa indicación única da orde do día: moción de censura. A moción deberá ser constructiva, incluír un candidato a presidente da FGVb e estar motivada.

O presidente virá, neste suposto, obrigado a convoca-la asemblea xeral extraordinaria da FGVb nun prazo non superior ós 30 días naturais seguintes contados desde a data de entrada, no rexistro xeral da FGVb, da moción de censura.

Se a moción de censura presentada non fose aprobada pola asemblea xeral, os seus asinantes non poderán presentar outra ata transcorrido un ano.

Se a moción de censura se aprobase, o novo candidato farase cargo da FGVb e nomeará a súa xunta directiva, sempre e cando non altere o número máximo de asembleístas, e determinando nominalmente aqueles membros que poderían te-lo dereito a voto se houber lugar.

Artigo 24º

Os membros da asemblea federativa elixiranse por estamentos de acordo coa seguinte asignación:

a) Estamento de clubs, asociacións e entidades afiliadas con estatutos no rexistro de clubs, federacións e entidades deportivas da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia22

b) Estamento de xogadores6

c) Estamento de técnicos4

d) Estamento de árbitros4

Para o efecto constituiranse as circunscricións electorais da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra. Cada circunscrición electoral contará, como mínimo, cun representante por cada un dos estamentos fixados.

Os representantes do apartado a) serán elixidos por e entre os mesmos correspondentes a cada circunscrición electoral, dos que integren o censo de clubs, inscritos no rexistro de clubs, federacións e entidades deportivas da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, antes da data de convocatoria elixida para as eleccións representativas, sempre que desenvolveran actividade competitiva afiliados á FGVb dentro das dúas últimas temporadas.

Para tal efecto, cada unha das entidades poderá designar libremente un representante.

A cada circunscrición electoral corresponderalle un número de clubs elixibles, que será proporcional á relación existente entre o total de afiliados a cada delegación e o total para Galicia da FGVb, e ó número de representantes que corresponda na asemblea para este estamento.

Se o número de entidades deportivas afiliadas á FGVb e que reúnan os requisitos indicados fose menor dos precisos para cubri-la porcentaxe correspondente a este estamento, poderá ter cada un deles un representante na asemblea, con total respecto ás porcentaxes de representación nel dos demais estamentos.

Artigo 25º

Os representantes dos apartados b), c) e d) serán elixidos por e entre os mesmos, con licencia en vigor na temporada da súa elección e estivesen en posesión dela, como mínimo, a temporada inmediata anterior á data da convocatoria.

Os elixibles serán distribuídos para cada circunscrición electoral en forma proporcional ó número total de licencias de cada unha delas, en relación co listado total da FGVb e ó número de representantes que lle corresponda na asemblea ó estamento, respectando en tódolos supostos unha representación mínima dunha praza para cada unha das circunscricións electorais.

Artigo 26º

Poderán ser electores, na designación de representantes para a asemblea xeral, tódalas persoas de nacionalidade española, con 18 anos cumpridos e en posesión da pertinente licencia federativa, para a temporada en que se produza a elección e que estivesen en posesión dela como mínimo durante a temporada inmediata anterior á data da convocatoria.

Serán elixibles as persoas de nacionalidade española que teñan a maioría de idade e cumpran os requisitos esixidos para tal fin.

Ámbolos requisitos serán esixibles na data da convocatoria a eleccións da asemblea xeral.

Os membros elixidos serano por catro anos, por sufraxio libre, igual, directo e secreto entre os compoñentes de cada estamento. As eleccións coincidirán cos Xogos Olímpicos de inverno.

Artigo 27º

A asemblea xeral será convocada obrigatoriamente en sesión extraordinaria cada catro anos, conforme o procedemento, prazos e datas previstas polo presente estatuto, para elixi-los membros que compoñerán a asemblea xeral, o presidente da federación e os membros elixibles da súa xunta, así como decidir sobre todos aqueles temas da súa competencia e que se inclúan na correspondente orde do día.

As eleccións para designa-los membros que compoñerán a asemblea xeral efectuaranse por reunións sectoriais dos correspondentes estamentos.

Artigo 28º

A asemblea xeral reunirase en sesión extraordinaria para aproba-la modificación do estatuto, para debate-la e, se é o caso, aproba-la moción de censura ó presidente, así como en todos aqueles casos en que o presidente coide oportuno convocala por razón excepcional.

Artigo 29º

O presidente da Federación Galega de Voleibol presidirá a asemblea xeral, dirixirá os debates e concederá ou retirará a palabra, poñerá a votación os asuntos e resolverá as cuestións de orde e procedemento que se susciten, podendo, se así o desexa, designar un moderador que o substitúa nas referidas funcións.

Para ser validamente aceptados os acordos, deberán ser adoptados en forma expresa, logo de redacción da asemblea xeral.

Será pública nos restantes supostos, agás que algún dos seus membros presentes solicite a votación secreta.

Artigo 30º

O voto dos membros da asemblea xeral é persoal e indelegable e non poderá ser efectuado por correo en ningún caso.

En tódalas sesións levantarase acta de acordo co establecido no Art. 22º.

A impugnación da acta non suspenderá a eficacia dos acordos adoptados.

Artigo 31º

Calquera membro da asemblea xeral poderá solicitar que se recolla na acta o seu voto particular en contra dun acordo.

Os votos particulares así reflectidos en acta ou as abstencións razoadas para a súa inclusión nela, eximirán das responsabilidades que se puideran derivar, polos acordos da asemblea xeral a que dera lugar nestes supostos.

Artigo 32º

Corresponderalle á asemblea xeral, entre outros, o control e a aprobación, se é caso, da actividade económica e deportiva da Federación Galega de Voleibol, tanto no que corresponde á súa planificación coma á súa execución.

Para o control da xestión económica da FGVb elixirá a asemblea xeral de entre os seus membros, un representante por cada un dos estamentos representados, que se constituirán en comisión delegada (4 membros) polo prazo de tempo comprendido entre o desenvolvemento dunha e outra asemblea e deberán ser postos á súa disposición os datos económicos e xustificantes correspondentes ó exercicio que se trate, a efectos exclusivos da súa revisión. A comisión deberá realiza-los seus traballos na sede central da FGVb, logo de fixación de data por parte do presidente e en presencia do tesoureiro, que dará as explicacións que lle sexan solicitadas.

A comisión delegada en ningún caso suporá limitación para o dereito que asiste a calquera membro da asemblea, logo de petición, de exerce-los seu dereito a revisar datos e xustificantes económicos da FGVb.

Artigo 33º

En particular, corresponderalle á asemblea xeral as funcións seguintes:

a) Aprobar e modifica-lo estatuto orgánico e o regulamento de réxime interno da FGVb, os plans xerais de actuación desta e as disposicións necesarias para o cumprimento dos seus fins.

b) Aproba-los resultados económicos ó peche do exercicio anterior e as memorias que sexan esixibles, así como o orzamento da FGVb para o seguinte exercicio.

c) Resolve-las propostas que lle sexan sometidas polo presidente ou as avaladas polo 10 % dos membros dela, sempre que estas tiveran entrada na sede central da FGVb por escrito e debidamente documentadas, cunha antelación mínima de 20 días naturais.

d) Coñecer e, se é o caso, decidir sobre calquera cuestión que figure incluída na orde do día.

e) Aproba-los gravames e alleamentos dos bens inmobles da FGVb e as tomas de diñeiro a préstamo,

sempre que neste caso se cumpran os requisitos seguintes:

1) Que tales operacións foran aprobadas por unha maioría de dous tercios da asemblea xeral extraordinaria que para o efecto terá que convocarse.

2) Que a dita aprobación non comprometa de xeito irreversible o patrimonio da FGVb ou a actividade deportiva que constitúe o seu obxectivo social.

3) Nos supostos de toma de diñeiro a préstamo, se o importe superase o 25% do orzamento anual da FGVb ou non representase un valor igual ó do patrimonio da entidade, será imprescindible a autorización do organismo superior correspondente.

Para a adecuada xustificación dos apartados 2) e 3) poderá esixirse, sempre que así o solicite o 10 % dos membros da asemblea, o oportuno dictame económico actuarial.

Artigo 34º

Os acordos da asemblea xeral serán adoptados por maioría simple, agás cando se trate dos supostos que recolle o presente estatuto.

As votacións terán carácter publico, agás cando decida o contrario o presidente ou algún dos seus membros.

Artigo 35º

Tódolos membros da asemblea xeral disporán de voz e voto, coas excepcións que se indican.

No suposto de que se estableza unha compensación económica xustificada a favor dalgún dos membros integrantes da xunta de goberno, terá que ser expresamente acordada pola maioría absoluta da asemblea xeral e constar de xeito diferenciado no orzamento. En ningún caso a compensación económica poderá ser satisfeita con cargo ás subvencións públicas que reciba a FGVb Neste suposto, os membros da xunta disporán unicamente de voz.

O secretario xeral da FGVb actuará como secretario da asemblea xeral, con voz pero sen voto.

Artigo 36º

A solicitude de convocatoria da asemblea xeral con carácter extraordinaria poderá ser solicitada por escrito dirixido á xunta de Goberno da FGVb En base á regulamentación vixente, detallando na solicitude os temas que deberán compoñer a orde do día. A convocatoria de asemblea poderá ser solicitada por un número de membros non inferior ó 25 %, debendo o presidente convoca-la asemblea nun prazo de 10 días naturais; desde a convocatoria ata a celebración da asemblea non poderán transcorrer máis de 20 días naturais. No decurso dunha temporada, tan só poderá solicitarse unha convocatoria extraordinaria para debate-los mesmos temas, e iso, cando estes non fosen obxecto de debate na asemblea xeral ordinaria do ano en curso.

Artigo 37º

Os membros da asemblea xeral poderán deixar constancia particular dos seus votos en contra dos acordos adoptados, se ben iso non os exime do seu cumprimento.

Capítulo II

Presidente

Artigo 38º

O presidente da Federación Galega de Voleibol é elixido pola asemblea xeral, polos seus membros, mediante sufraxio libre, igual, directo e secreto, coincidindo cos Xogos Olímpicos de Inverno.

Para a súa elección requirirase na primeira volta a maioría absoluta dos votos emitidos, chegando na segunda volta a maioría simple. No suposto de que houbese un só candidato, quedará proclamado sen necesidade de que se realice votación ningunha.

Os candidatos non teñen por que ser membros da asemblea xeral, debendo avala-la súa presentación mediante sinaturas de polo menos un 25% dos membros da asemblea.

Artigo 39º

O presidente da FGVb coidará do funcionamento e orde de tódolos órganos federativos. Autorizará, coa súa sinatura e a do responsable da área económica ou a do tesoureiro, os pagamentos. Nomeará e separará a todos aqueles cargos que precise para o mellor funcionamento da federación, incluídos os integrantes da súa propia xunta. Contratará así mesmo o persoal colaborador administrativo ou técnico que coide necesario e poderá asignar funcións e cometidos.

O presidente exercerá, con tódalas prerrogativas propias do cargo, a representación da Federación Galega de Voleibol, fóra dela e fronte ás autoridades institucionais, autonómicas, xudiciais, administrativas ou de calquera outro tipo, podendo comparecer ante elas en nome da federación e outorgar, se é o caso, poderes para preitear ós procuradores ante os tribunais cando fosen necesarios, todo isto coas únicas limitacións previstas pola Lei e no articulado deste estatuto.

Artigo 40º

O presidente da Federación Galega de Voleibol poderá delega-las súas funcións no vicepresidente e, no seu defecto, en calquera outro integrante da súa xunta de goberno.

O presidente ostentará para todo o ámbito de Galicia a máxima representación da Federación Española de Voleibol, da que actuará por delegación, para o cumprimento das normas e directrices que, emanadas dela, revertan no mellor interese do voleibol galego.

Artigo 41º

O presidente da Federación Galega de Voleibol terá plena potestade de ordena-la incoación do oportuno expediente e demais trámites que, pola lexislación vixente, lles puidesen corresponder a todas

aqueles membros que, dependentes da disciplina federativa, infrinxan as obrigas que lles foran sinaladas polo presente estatuto e demais normas complementarias.

Artigo 42º

Para poder ser candidato a presidente, é necesario reuni-las seguintes condicións:

a) Te-la condición política de galego.

b) Ser maior de idade.

c) Estar en pleno uso dos dereitos civís.

d) Non ter ningunha sanción deportiva que o inhabilite.

Capítulo III

xunta directiva

Artigo 43º

a) A xunta directiva será o órgano colexiado de xestión e os seus membros serán designados ou separados do cargo libremente polo presidente.

b) Formarana un número de membros non inferior a 5 nin superior a 15.

c) Os membros da xunta directiva que non o sexan da asemblea xeral terán acceso as sesións desta, con dereito a voz pero sen voto.

Artigo 44º

No suposto de que algún dos membros da xunta directiva reciba unha compensación económica, terá que ser acordada pola maioría absoluta da asemblea xeral e constar de maneira diferenciada no orzamento. En ningún caso a compensación económica poderá ser satifeita con cargo ás subvencións públicas que reciba a FGVb.

Capítulo IV

Comisión delegada

Artigo 45º

Os membros da comisión delegada serán elixidos pola asemblea xeral mediante sufraxio entre os seus membros. O seu mandato coincidirá co da asemblea xeral.

Artigo 46º

O número de membros desta comisión será do 15% dos membros da asemblea. En ningún caso este número será superior a 5.

Artigo 47º

Se se produce algunha vacante, cubrirase co seguinte candidato máis votado.

Artigo 48º

O presidente convocará a comisión delegada, que se reunirá como mínimo cada catro meses para tratar temas da súa competencia ou polo menos, realiza-lo seguimento da xestión deportiva e económica da federación.

Artigo 49º

Correspondelle á comisión delegada, con independencia do que se lle poida asignar nos estatutos:

a) A elaboración dun informe previo de aprobación dos orzamentos.

b) Propoñe-la modificación do calendario deportivo.

c) Propoñe-la modificación dos orzamentos e regulamentos.

d) Seguimento da xestión deportiva e económica da federación.

As modificacións non poderán exceder dos límites ou criterios que a propia asemblea estableza.

As propostas sobre os temas que se van tratar na comisión correspóndelle exclusivamente ó presidente ou a dous tercios dos membros da comisión delegada.

TÍTULO III

Órganos administrativos, xurisdiccionais, técnicos e auxiliares

Capítulo I

Secretaría xeral

Artigo 50º

A Secretaría xeral é o órgano de administración da Federación Galega de Voleibol. Á súa fronte atoparase un secretario xeral nomeado polo presidente da federación e do cal dependerá a título exclusivo, podendo se-la súa actividade retribuída.

O secretario xeral actuará como secretario da asemblea xeral, xunta de goberno, comisión executiva e órganos delegados, coa misión de achega-las documentacións precisas, informar sobre o desenvolvemento das tarefas e levantar actas das sesións dos órganos de goberno e representación das federacións, indicando asistentes e temas tratados ou resultados das votacións e, se acaso, os votos particulares ó acordo adoptado. Os votos contrarios particulares ó acordo adoptado ou as abstencións motivadas, eximirán das responsabilidades que puideran derivarse se fose o caso. En caso de ausencia será suplido pola persoa que o presidente designe de entre os membros da súa xunta de goberno.

Artigo 51º

Sen prexuízo das misións que expresamente lle sexan encomendadas polo presidente, correspóndelle ó secretario xeral:

a) Exerce-la xefatura do persoal administrativo.

b) Coordinar administrativamente a actuación dos demais órganos federativos.

c) Recibir e expedi-la documentación e correspondencia oficial da Federación Galega de Voleibol, asinando todos aqueles documentos dos cales a sinatura non estea atribuída expresamente ó presidente ou a outros membros da xunta expresamente delegados.

d) Organizar e mante-lo arquivo xeral da Federación Galega de Voleibol.

e) Ser enlace entre a Federación Galega de Voleibol e a Federación Española e coordina-la xestión das delegacións no ámbito de competencia.

f) Presentar verbalmente ou por escrito os informes que lle sexan solicitados polo presidente ou que coide oportunos para o mellor desenvolvemento da súa función.

g) Prepara-la resolución e despacho dos asuntos xerais.

h) Coidar da boa orde de tódalas dependencias federativas.

i) Velar polo cumprimento das normas xurídico-deportivas e recolle-las suxestións e experiencias para estudia-la súa posible aplicación á Federación Galega de Voleibol.

j) Prepara-la asemblea xeral e as reunións de tódolos órganos federativos, actuando neles con voz, pero sen voto, levantando acta e coidando da execución de tódolos acordos que haxa.

k) Remitir á Secretaría Xeral para o Deporte as actas das reunións da asemblea xeral e da Comisión Delegada no prazo de 60 días desde a data de celebración.

Artigo 52º

Correspóndelle á secretaría xeral realiza-la recompilación da actividade xeral da Federación Galega de Voleibol, baseándose nas memorias das actividades e no resumo estatístico achegados polos distintos órganos federativos, extraendo do seu resumo a memoria anual de actividades, que, trala súa aprobación pola asemblea xeral, será editada e remitida ás persoas e entidades que corresponda.

Capítulo II

Tesourería

Artigo 53º

A tesourería é o órgano de xestión económica da Federación Galega de Voleibol. Á fronte dela atoparase un tesoureiro designado polo presidente e a súa xestión poderá ser retribuída. Coa súa sinatura e maila do presidente, que será obrigatoria, autorizaranse os pagamentos que se deban efectuar.

Artigo 54º

O tesoureiro terá ó seu cargo os libros de contabilidade, a formalización do balance de situación e as contas de ingresos e gastos esixidas pola normativa vixente.

O tesoureiro levará a cabo o cumprimento da regulamentación dos gastos, a previsión dos pagos, a inspección económica dos órganos federativos, o control orzamentario, a preparación do anteproxecto do orzamento e a elaboración de cantos estudios e informes lle sexan precisos para a boa marcha da tesourería.

Tamén elaborará os balances e estudios necesarios para a súa presentación á xunta de goberno, asemblea xeral, comisión económica e auditorías.

Artigo 55º

O tesoureiro colaborará para a mellor xestión da Federación Galega de Voleibol, coa comisión económica elixida pola asemblea xeral, achegando as documentacións e xustificantes que lle fosen solicitados con tal fin, asistindo á convocatoria que previamente deberá efectua-lo presidente a este único obxecto, e que se celebrará na sede central da federación.

Capítulo III

Outros órganos administrativos

Artigo 56º

O presidente da Federación Galega de Voleibol poderá crear outros órganos administrativos cando sexan precisos para o funcionamento da federación e así o aprobe a súa xunta de goberno.

Capítulo IV

Órganos xurisdiccionais

Artigo 57º

Os órganos xurisdiccionais da Federación Galega de Voleibol serán o comité de competición e o comité de apelación.

Gozarán estes órganos xurisdiccionais de independencia absoluta no seu ámbito de actuación e os seus integrantes, unha vez designados, non poderán ser substituídos dos seus cargos ata que finalice a temporada correspondente, agás que incorran nalgúns dos supostos de inelixibilidade ou incompatibilidade previstos polo presente estatuto e disposicións vixentes.

Artigo 58º

Os membros de ámbolos comités deberán ter coñecementos sobre a regulamentación deportiva e, no caso dos integrantes do comité de apelación, ser persoas con coñecementos xurídicos demostrados.

A liberdade na apreciación e valoración das probas, antecedentes ou informes será plena para ámbolos comités.

As decisións dictadas por ámbolos comités serán executivas.

O regulamento de réxime interno da Federación Galega de Voleibol regulamentará o sistema de sancións e de adopción de acordos, así como o procedemento de actuación de ámbolos comités. En todo caso será de obrigado cumprimento o trámite de audiencia ó interesado.

En ningún caso os integrantes de ámbolos comités poderán se-las mesmas persoas.

Capítulo V

Comité de competición

Artigo 59º

O comité de competición estará composto por un xuíz único e un secretario.

É competencia do comité de competición resolver en primeira instancia:

a) As incidencias e reclamacións que teñan lugar en tódalas competicións afectas á Federación Galega de Voleibol, no decurso dos encontros organizados por ela, ou por delegación da FEVb

b) As cuestións de tipo disciplinario que se susciten en relación coas persoas sometidas á disciplina da federación, cando se trate de faltas derivadas da competición. Cando se trate de cuestións que afecten a un ou varios membros da xunta de goberno, o comité necesitará autorización previa desta para incoa-lo expediente.

c) Os litixios que puideran suscitarse con motivo da subscrición e tramitación das licencias.

d) Homologa-las actas e resultados dos encontros oficiais.

e) Así mesmo no ámbito de actuación da FGVb.

Artigo 60º

Dos acordos adoptados polo comité de competición, daráselles traslado a tódolos clubs participantes na mesma competición que fora obxecto da actuación do comité, así como ás delegacións para o efecto de coñecemento, indicándolle ó club ou persoa afectada pola sanción qué recursos pode elevar, ante que organismo, así como os prazos para a súa presentación.

Capítulo VI

Comité de apelación

Artigo 61º

O comité de apelación estará formado por tres membros dos cales o presidente terá coñecementos xurídicos demostrados.

É competencia do comité de apelación o coñecemento de tódolos recursos interpostos contra as decisións do comité de competición da FGVb.

As decisións dictadas polo comité de apelación nos asuntos da súa competencia esgotarán o trámite federativo e contra eles poderase interpoñer recurso ante o Comité de Disciplina Deportiva da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, nas formas que a lei estableza.

Capítulo VII

Órganos técnicos

Artigo 62º

Para a mellor execución, xestión e asesoramento das súas respectivas funcións de goberno, a Federación Galega de Voleibol poderá contar cos órganos técnicos que sexan necesarios.

Artigo 63º

O regulamento de réxime interno da Federación Galega de Voleibol desenvolverá a constitución, desenvolvemento, réxime de sesións, adopción de acordos, así como o procedemento de actuación de cada órgano técnico.

Os responsables directos de cada órgano técnico terán plena responsabilidade da actividade federativa que lle fose encomendada na área exclusiva da súa actuación, coas limitacións que o estatuto e o regulamento recollan, ou lle foran fixadas pola xunta de goberno.

O presidente da Federación Galega designará e separará ó responsable de cada órgano técnico, coa excepcionalidade do presidente da comisión técnica de regras de xogo e arbitraxe, e do director da escola galega de adestradores, os cales serán elixidos polas asembleas respectivas.

Capítulo VIII

Órganos auxiliares

Artigo 64º

Para o mellor funcionamento da Federación Galega de Voleibol, poderanse constituír os órganos auxiliares que a xunta directiva coide necesarios, asumindo a dirección de cada un deles a persoa que o presidente libremente designe, quen terá plena responsabilidade do desenvolvemento da actividade federativa que lle fose encomendada na área exclusiva da súa actuación, coas limitacións que o estatuto e o regulamento de réxime interno recollan, ou a xunta de goberno fixe.

Os órganos auxiliares verán regulada á súa actuación polas normas que fixe o regulamento de réxime interno da Federación Galega de Voleibol, sendo designado e separado o seu titular polo presidente da federación.

Artigo 65º

Terán a consideración de órganos auxiliares, aqueles de tipo especializado que teñan como misión dar soporte ás actuacións da Xunta Directiva da Federación Galega de Voleibol nos campos da medicina deportiva, relacións externas, medios de comunicación social, organizacións deportivas, etc., e nos cales poderá estar á súa fronte un profesional da especialidade correspondente.

TÍTULO IV

Organización territorial

Capítulo único

Artigo 66º

A Federación Galega de Voleibol articúlase territorialmente, dentro do ámbito de Galicia, en delegacións de acordo coa asignación que configura a Lei de ordenación territorial da Xunta de Galicia.

Artigo 67º

As delegacións exercerán a representación da Federación Galega de Voleibol en todo o ámbito da súa actuación, estando á súa fronte un delegado.

As delegacións contarán coa estructura que para o efecto determine a asemblea xeral.

Artigo 68º

En cada demarcación (ámbito provincial) existirá unha asemblea consultiva, constituída polos integrantes da asemblea xeral adscritos a cada circunscripción electoral e os integrantes da delegación, presidida polo delegado e na que actuará como secretario o da propia delegación.

Artigo 69º

O regulamento de réxime interno da Federación Galega de Voleibol regulará o réxime de funcionamento e adopción de acordos das delegacións e da asemblea consultiva, así como o procedemento de actuación, réxime económico e competencias que en cada caso correspondan, con base no presente estatuto, no regulamento de réxime interno e na lexislación vixente.

TÍTULO V

Réximen económico e documental

Capítulo I

Réxime económico

Artigo 70º

A Federación Galega de Voleibol someterase ó réxime de patrimonio único.

Para a formulación do orzamento anual de ingresos e gastos observarananse os principios que estableza o plan xeral contable na súa aplicación ás federacións deportivas e demais lexislación vixente.

Artigo 71º

A Federación Galega de Voleibol é unha entidade sen ánimo de lucro e a totalidade dos ingresos obtidos deberanse destinar ó cumprimento dos seus fins, podendo solicita-lo recoñecemento de entidade de utilidade pública co obxecto de obte-los beneficios que por lei lle puidera corresponder.

Artigo 72º

Os ingresos da Federación Galega de Voleibol poderán proceder, entre outros, de:

a) As subvencións outorgadas polo Estado, a Comunidade Autónoma e as administracións institucionais.

b) Os dereitos de todo tipo, afiliación, inscrición, cotas e demais tipos de ingresos que se establezan no ámbito da súa competencia.

c) Os importes que se apliquen por sancións e multas como consecuencia das competicións correspondentes á Federación Galega de Voleibol e ás súas entidades e organismos no exercicio da aplicacion da disciplina federativa.

d) Os donativos, subvencións e demais ingresos que se deriven do exercicio da actividade da propia federación ou da explotación de bens ou dereitos dela, incluído o patrocinio.

Artigo 73º

A Federación Galega de Voleibol manterá as cantidades disponibles para o cometido dos seus fins, depositadas en entidades de crédito ou aforro a nome de Federación Galega de Voleibol, sendo necesario para a disposición das mesmas dúas sinaturas.

Artigo 74º

O ano económico comezará o día 1 de xaneiro e rematará o día 31 de decembro seguinte.

Artigo 75º

A Federación Galega de Voleibol poderá, no ámbito da súa competencia, realiza-la fiscalización e control das subvencións outorgadas directamente por ela a aquelas entidades con personalidade xurídica propia e ás persoas físicas.

Artigo 76º

Elaborado o anteproxecto do orzamento polo tesoureiro, será a xunta de goberno quen o ratifique para o seu traslado á asemblea xeral, á que o someterán para a súa aprobación definitiva, debendo figurar:

1) Diferenciación dos ingresos e das achegas segundo:

a) Subvencións públicas.

b) Subvencións, donativos ou achegas privadas.

c) Vendas de activos.

d) Ingresos procedentes de competicións organizadas.

e) Ingresos financeiros.

2) Destino da totalidade dos recursos, distinguindo como mínimo os grupos de custo ou de investimento seguintes:

a) Administración da federación.

b) Dirección e servicios da directiva, incluídas viaxes.

c) Competicións.

d) Axudas a clubs e outras entidades.

e) Axudas para actos deportivos.

f) Construcción e outros inmobilizados.

g) Formación de deportistas e técnicos.

h) Deportes de élite e profesionais.

i) Árbitros.

j) Órganos xurisdiccionais.

Artigo 77º

Poderase exercer actividades de carácter industrial, comercial, profesional ou de servicios, destinando os seus recursos a obxectivos deportivos, non podendo en ningún caso repartir beneficios entre os seus membros.

Artigo 78º

Non se poderán comprometer gastos de carácter plurianual sen a autorización previa da Secretaría Xeral para o Deporte, cando o gasto anual comprometido supere o 10% do seu orzamento ou supere o período de mandato do presidente.

Capítulo II

Réxime documental

Artigo 79º

Para o mellor funcionamento e desenvolvemento, a Federación Galega de Voleibol levará os libros de rexistro seguintes:

a) De actas das xuntas de goberno, asemblea xeral, xunta directiva e comisión delegada.

b) De entradas de correspondencia.

c) De saídas de correspondencia.

d) De clubs e asociacións.

Artigo 80º

Manterá, así mesmo, a Federación Galega de Voleibol os libros de contabilidade esixidos pola lexislación vixente.

Artigo 81º

Os libros de contabilidade estarán á plena disposición da comisión económica designada pola asemblea xeral, de calquera membro da asemblea, para as consultas que estes requiran, logo de solicitude.

Os libros de actas estarán á disposición de calquera membro da asemblea xeral que requira a súa consulta, previa solicitude razoada e fixación de data polo presidente, nun prazo máximo de sesenta días naturais desde a data da solicitude.

TÍTULO VI

Regulamentación estatutaria

Capítulo I

Dos clubes e asociacións

Artigo 82º

Son clubs de voleibol as asociacións privadas con personalidade xurídica propia e capacidade de obrar, que teñan por obxecto o fomento da práctica de voleibol e con estatutos aprobados e inscritos no rexistro de clubs, federacións e entidades deportivas da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.

Artigo 82º

Terán a mesma consideración para efectos estatutarios no ámbito de actuación da Federación Galega de Voleibol, as seccións de voleibol de todas aquelas entidades con persoalidade xurídica que, sen ánimo de lucro, cumpran os requisitos establecidos para os clubs de voleibol, no relativo ó fomento da práctica del.

Artigo 84º

Os clubs de voleibol elaborarán e aprobarán os seus estatutos de acordo coas disposicións lexislativas vixentes.

As entidades afiliadas conforme o artigo 83 serán recoñecidas coa presentación dos seus propios estatutos legalmente inscritos no rexistro de clubs, federacións e entidades deportivas da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, sempre que non estiveran en contradicción cos fins da Federación Galega de Voleibol, recollidos no presente estatuto orgánico.

Artigo 85º

Tódolos clubs e entidades afiliadas á Federación Galega de Voleibol quedarán sometidos ás normas, disposicións e acordos da mesma no ámbito da súa actuación e competencia.

Artigo 86º

A participación dos clubs e entidades nas competicións oficiais da Federación Galega de Voleibol será regulada polo presente estatuto, o Regulamento de réxime interno e demais normas de aplicación que, para o efecto, se fixen e as súas inscricións formalizaranse ante a delegación correspondente.

Artigo 87º

Os clubs e entidades afiliados á Federación Galega de Voleibol poderán asociarse ou fusionarse ó remate dunha temporada, en beneficio da súa actividade deportiva, dentro da normativa legal e regulamentaria vixente.

Neste suposto, a entidade resultante (aprobada previamente polas correspondentes asembleas das entidades participantes) terá os dereitos de competición inherentes á máxima categoría correspondente ás entidades asociadas.

Artigo 88º

Tódolos clubs e entidades afiliados veñen obrigados, polo simple feito da súa afiliación, e moi especialmente, a mante-la harmonía entre eles e cos órganos federativos, non podendo levar a cabo accións ou omisións que atenten contra a mesma, debendo cooperar activamente ó seu logro e mantemento, e respondendo das accións que en tal sentido realicen as persoas sometidas á súa disciplina.

Artigo 89º

É dereito dos clubs e entidades, polo feito da súa afiliación:

a) Interviren na elección da asemblea xeral e do presidente da Federación Galega de Voleibol dentro das porcentaxes e normativas que a lexislación vixente estableza para o efecto.

b) Participaren nas competicións oficiais que, pola súa categoría, lles puidesen corresponder.

c) Concertaren e participaren en torneos e encontros amigables.

d) Organizaren nas súas instalacións, propias ou arrendadas, actividades de voleibol.

e) Asistiren ás reunións que lles corresponda e recibir da Federación Galega de Voleibol a asistencia necesaria nas materias que foran competencia dela.

Artigo 90º

Son deberes dos clubs e entidades afiliadas, fundamentalmente:

a) Coidaren da formación deportiva dos seus xogadores, achegando os técnicos e instalacións axeitados.

b) Atención médica e deportiva, por parte do seu club e da organización federativa.

c) Participación na elección da asemblea xeral e presidente da federación segundo a normativa vixente.

d) Respecto e consideración no trato por parte dos seus directivos e técnicos, tanto dentro do seu club coma nas distintas seleccións ás que puideran ser convocadas.

Artigo 91º

A Federación Galega de Voleibol terá plena potestade para sanciona-los clubs e entidades afiliadas que incumpran as súas obrigas de acordo co presente estatuto e regulamentacións vixentes, logo de incoación do oportuno expediente.

Os clubs e entidades afiliadas precisarán da autorización expresa da Federación Galega de Voleibol para organizar torneos e encontros amigables no ámbito de Galicia ou para a súa participación nos seus iguais no estranxeiro.

Capítulo II

Dos xogadores

Artigo 92º

Teñen o recoñecemento de xogadores todas aquelas persoas físicas que practican o voleibol e subscriben a correspondente licencia federativa para iso.

Artigo 93º

Serán dereitos fundamentais:

a) Liberdade para subscribir licencia federativa, coas únicas limitacións que fixen as normas e regulamentacións que regulen esta actuación.

b) Atención médica e deportiva por parte do seu club e da organización federativa.

c) Participación na elección da asemblea xeral e presidente da federación, de acordo coa normativa vixente.

d) Respecto e consideración no trato por parte dos seus directivos, tanto dentro do seu club coma nas distintas seleccións ás que puideran ser convocados.

e) Achega por parte do seu club ou organización federativa da indumentaria deportiva precisa para o desenvolvemento da súa practica deportiva, da que será unicamente depositario.

Artigo 94º

Son deberes fundamentais dos xogadores:

a) Someterse á disciplina de réxime interno dos clubs ou entidades nas que se atopen adscritos, e á correspondente da Federación Galega de Voleibol.

b) Non aliñarse con equipo distinto ó seu, sen a previa autorización escrita do propio club.

c) Asistir ás probas e cursos a que sexan convocados pola federación e participar nas seleccións nacionais, autonómicas e provinciais.

d) Coidar e devolver, a requirimento do club ou da Federación Galega de Voleibol, o material deportivo que teña recibido e do cal sexa depositario.

Artigo 95º

A Federación Galega de Voleibol clasificará os xogadores en razón da súa idade e sexo, e, dentro destas, pola categoría da competición na que o xogador participe.

Os xogadores non poderán subscribir licencia máis ca dentro da categoría correspondente á súa idade, nin aliñarse no decurso dunha temporada con equipo distinto ó que se vincula pola licencia, agás as excepcións que se establezan.

Capítulo III

Dos adestradores

Artigo 96º

Son adestradores as persoas físicas con dedicación profesional á preparación e dirección técnica dun equipo de voleibol ou ó ensino e promoción do mesmo, ben con caracter retribuído ou gratuíto, e en posesión da correspondente titulación oficial.

Cando os adestradores subscriben licencia federativa que os vincula a un determinado club ou federación considéranse adestradores en activo para tódolos efectos.

Artigo 97º

O dereitos fundamentais dos adestradores titulados son:

a) Liberdade para subscribir licencia, coas únicas limitacións que impoñan as regulamentacións vixentes.

b) Atención médica e deportiva por parte do seu club e da organización federativa.

c) Participar na elección da asemblea xeral e presidente da federación, de acordo coa normativa vixente.

d) Fixa-la planificación, desenvolvemento, seguimento e execución da actividade competitiva do seu equipo, sen inxerencias na súa actuación.

e) Aboamento, por parte do club contratante, de tódalas cantidades libremente acordadas entre as partes, cando exista contrato legalizado para o efecto.

Artigo 98º

Son deberes dos adestradores:

a) Someterse á disciplina dos clubs, entidades e organización federativa a que estean adscritos.

b) Mante-la debida corrección deportiva de e entre os xogadores integrantes dos seus equipos.

c) Non dedica-la súa actividade profesional como técnico a ningunha outra entidade no ámbito da competición federada, no decurso dunha mesma temporada, agás autorización expresa, que o club contratante deberá formalizar por escrito e co visto e prace da Federación Galega de Voleibol.

Artigo 99º

As titulacións oficiais dos adestradores serán outorgadas polos órganos correspondentes, baseándoose nos requisitos que a regulamentación vixente fixe.

A Federación Galega de Voleibol procurará a mellor formación dos seus técnicos, facilitándolle-la asistencia a cursos para a obtención de títulos de superior categoría e organizando cantos cursos, seminarios e publicacións coadxuven a tal fin, ben en forma directa ou polo asinamento dos correspondentes convenios coas entidades que para o efecto estime oportuno.

Artigo 100º

A Federación Galega de Voleibol, co obxecto de velar pola mellor formación técnica de tódolos titulados, promoverá o asociacionismo destes dentro de asociacións de adestradores de voleibol.

Artigo 101º

A Federación Galega de Voleibol recoñecerá as asociacións de adestradores de voleibol cando estas estean plenamente constituídas e os seus estatutos aprobados e inscritos no rexistro de clubs, federacións e entidades deportivas da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, e trala comunicación efectiva que as mesmas deberán efectuar.

A Xunta de Goberno da Federación Galega de Voleibol poderá desenvolver actividades conxuntas coas asociacións de adestradores de voleibol, tendentes á promoción, desenvolvemento e investigación dentro do ámbito que lle é propio, logo de aprobación por parte da asemblea xeral da Federación Galega de Voleibol cando aquelas comporten a xeración de gastos con cargo ó orzamento anual da mesma.

Capítulo IV

Dos árbitros e anotadores

Artigo 102º

Teñen a clasificación de árbitros e anotadores as persoas que coidan da aplicación das regras e normas do xogo durante os encontros, baseándose na titulación oficial conseguida e en posesión da correspondente licencia anual.

Artigo 103º

Son dereitos básicos dos árbitros e anotadores:

a) O respecto e corrección deportiva de tódolos afiliados no decurso das súas actuacións.

b) A atención médica e deportiva por parte da organización federativa.

c) A elección da asemblea xeral e presidente da Federación Galega de Voleibol.

Artigo 104º

Son deberes ineludibles dos árbitros e anotadores:

a) Someterse á disciplina dos órganos federativos ós que se encontren adscritos.

b) Asistir ás probas e cursos ós que sexan convocados pola federación.

c) Estar ó día nas modificacións das regras de xogo que se introduzan e nas normativas que os afecten por razón do seu cometido.

d) Asistir ós encontros para os que previamente fosen designados.

Artigo 105º

A titulación dos árbitros e anotadores outorgarana os organismos competentes, tendo en conta os requisitos que a normativa vixente impoña.

O regulamento de réxime interno da Federación Galega de Voleibol regulará as competencias da comisión técnica de regras de xogo e arbitraxes da FGVb, a asunción do Regulamento de réxime interno da FEVb polos mesmos e a súa adscrición estatutaria ós órganos técnicos correspondentes.

O réxime económico inherente ó estamento arbitral quedará integrado no sistema xeral contable da FGVb coas xestións de tipo autónomo que lle foran conferidas pola xunta de goberno.

Capítulo V

Dos auxiliares

Artigo 106º

Terán o recoñecemento de auxiliaresas persoas físicas en posesión dunha licencia federativa que as autorice para desenvolve-la súa actuación, adscritos a un club, entidade ou organización federativa dentro das distintas competicións que organice a Federación Galega de Voleibol, como delegados, médicos, masaxistas, etc., e calquera dos supostos dos integrantes das definicións descritas nos capítulos II, III e IV do título VI do presente estatuto e que prevexa a lexislación vixente.

As súas actividades, dereitos e obrigas estarán detalladas no Regulamento de réxime interno da Federación Galega de Voleibol.

Artigo 107º

A Federación Galega de Voleibol procurará a mellor formación dos seus auxiliares, facilitando o desenvolvemento de seminarios e a asistencia a cursos nos distintos campos da súa actuación, como poden

se-la medicina deportiva, xestión de instalacións, xurisprudencia deportiva, etc.

TÍTULO VII

Incompatibilidades e inelixibilidades

Capítulo único

Desenvolvemento

Artigo 108º

Son causas de inelixibilidade para o desempeño dos seus cargos directivos da Federación Galega de Voleibol, as seguintes:

1. Non posuí-la nacionalidade española.

2. Ter sido condenado mediante sentencia penal firme que leve anexa a pena principal ou accesoria de inhabilitación absoluta ou especial para cargo público.

3. Estar suxeito a sanción disciplinaria deportiva grave.

4. Calquera outra que se estableza na normativa vixente.

Artigo 109º

O cargo directivo na Federación Galega de Voleibol será incompatible con aqueles que estableza a normativa vixente.

Tódolos cargos directivos, técnicos ou administrativos, incluído o do presidente, poderán ser retribuídos na forma e condicións que aprobe a asemblea xeral.

Artigo 110º

O presidente e os membros da súa xunta de goberno, ou calquera dos integrantes dos órganos administrativos, xurisdiccionais, técnicos e auxiliares que se presenten como candidatos á Presidencia da Federación Galega de Voleibol deberán dimitir do seu cargo antes de presentaren a súa candidatura.

TÍTULO VIII

Réxime disciplinario

Capítulo único

Artigo 111º

A Federación Galega de Voleibol disporá do oportuno Regulamento de réxime interno que desenvolva o réxime disciplinario, definindo as faltas e sancións e establecendo os procedementos que se seguirán en cada caso, de conformidade co disposto nas normas vixentes na materia.

Artigo 112º

A Federación Galega de Voleibol regulará nos seus estatutos a composición dos órganos competentes en materia disciplinaria, que serán:

a) En primeira instancia, un comité de competición ou xuíz único.

b) En segunda instancia, un comité de apelación. Contra as resolucións definitivas da federación en

materia disciplinaria cabe recurso ante o comité galego de disciplina deportiva.

TÍTULO IX

Extinción e disolución da Federación Galega de Voleibol

Capítulo único

Desenvolvemento

Artigo 113º

A Federación Galega de Voleibol extinguirase ou disolverase nos casos e polo procedemento previsto no ordenamento xurídico xeral.

Nos supostos de extinción ou disolución da Federación Galega de Voleibol, o patrimonio neto resultante reverterá á colectividade, de acordo co disposto na lexislación vixente.

A Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia acordará o destino dos ditos bens de cara ó fomento e desenvolvemento de actividades relacionadas co voleibol.

TÍTULO X

Reforma dos estatutos

Capítulo único

Desenvolvemento

Artigo 114º

A iniciativa de reforma dos estatutos e Regulamentos de réxime interno da Federación Galega de Voleibol corresponderalles nas formas que regulamentariamente se establezan á xunta directiva e mais á asemblea xeral.

Artigo 115º

Os proxectos de reforma dos estatutos serán presentados por escrito, facendo consta-las modificacións ou reformas que se pretenden introducir no seu articulado ou, se é o caso, o novo redactado que se propón.

A citación para a asemblea xeral que haxa de coñecer e, se é o caso, aproba-la reforma, será enviada no prazo máximo de quince días contados desde a data de presentación do proxecto de reforma.

Artigo 116º

O proxecto de reforma deberá ser aprobado pola maioría dos asistentes á asemblea xeral.

Artigo 117º

Non se poderá inicia-la reforma dos estatutos da Federación Galega de Voleibol unha vez convocadas as eleccións para a constitución da asemblea xeral ou a elección da xunta de goberno da Federación Galega de Voleibol.

TÍTULO XI

Réxime electoral

Capítulo único

Artigo 118º

A elección do presidente, levarase a cabo mediante convocatoria extraordinaria, constando na orde do

día o procedemento que se seguirá para a elección e nomeamento da xunta electoral, a cal estará integrada por tres membros titulares e tres suplentes que se elixirán entre persoas que non sexan candidatos, en elección libre, directa, igual e secreta.

Artigo 119º

O Regulamento electoral regulará:

a) Número de membros da asemblea e distribución deles por estamentos.

b) Número de representantes por estamentos.

c) Calendario electoral: prazos, presentación e proclamación de candidatos, así como o sistema de desempate.

d) Censo electoral.

e) Composición, competencias e funcionamento da xunta electoral.

f) Procedemento de resolución de conflictos e reclamacións.

g) Recursos electorais.

h) Composición, competencias e funcionamento da mesa electoral.

i) Elección do presidente.

j) Elección da comisión delegada da asemblea.

Artigo 120º

Na apertura do prazo para a presentación de candidaturas e elección do presidente, deberá estar publicada a relación dos membros elixidos para a asemblea xeral. E o prazo de presentación de candidaturas para a elección do presidente non poderá ser inferior a dez días naturais.

Artigo 121º

O presidente da federación e os membros da comisión delegada serán elixidos na primeira reunión da nova asemblea xeral.

Artigo 122º

Aprobado o Regulamento de elección, as xuntas directivas procederán no prazo sinalado no mesmo, á convocatoria de eleccións da asemblea xeral. A partir deste momento, as xuntas directivas constituiranse en comisións xestoras.

Artigo 123º

A comisión xestora garantirá a máxima difusión e publicidade das convocatorias de elección á asemblea xeral e a presidente, así como a regulación das eleccións coas medidas previstas, que permitan asegura-la recepción da dita notificación. A regulamentación debe ser exposta en cada circunscrición electoral o mesmo día da convocatoria.

Artigo 124º

As eleccións serán controladas pola xunta electoral e os interventores designados polos candidatos, os

cales levantarán acta unha vez finalizada a votación e o reconto. Esta acta debe ser debidamente certificada e remitida á Secretaría Xeral para o Deporte no prazo de 3 días.

Artigo 125º

No suposto de que se presente un só candidato, non se efectuará a votación, debendo o secretario xeral para o Deporte, ou persoa na que delegue, proclamar presidente a este candidato unha vez vista a acta da xunta electoral.

Artigo 126º

Se non se presenta ninguha candidatura ou non fosen válidas as presentadas, a xunta directiva, constituída en comisión xestora, administrará a federación e convocará novas eleccións nun prazo de 3 meses.

Artigo 127º

Contra as resolucións e acordos das xuntas electorais de cada federación, poderase interpoñer recurso ante o comité galego de disciplina deportiva.

TÍTULO XII

Disposicións transitoria, derrogatoria e derradeira

Disposición transitoria

Aprobada pola asemblea xeral a adecuación do estatuto ás novas estructuras do voleibol en todo o ámbito estatal, aquel entrará inmediatamente en vigor con carácter provisional, ata a súa definitiva homologación pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.

As correccións que puidera achega-la sección xurídica da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia en razón do debido cumprimento da lei, antes da inscripción definitiva do estatuto, quedarán incorporadas de forma automática ó articulado do mesmo, sen requirimento de nova convocatoria da asemblea xeral, da cal se dará traslado ós seus membros do redactado definitivo.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogados os estatutos da Federación Galega de Voleibol na súa redacción rexistrada no rexistro de clubs, federacións e entidades deportivas da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia no número 321 e data 13 de xuño de 1984 e cantas normas e regulamentos estivesen en contradicción co novo estatuto que se aproba, actuándose para o efecto para obte-la nova inscrición no referido rexistro coa vixente actualización.

Disposición derradeira

Os presentes estatutos entrarán en vigor de forma definitiva o día seguinte da súa aprobación e inscrición no rexistro de clubs, federacións e entidades deportivas da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, debéndose facilitar copia deles a tódolos integrantes da asemblea xeral e ás delegacións provinciais da Federación Galega de Volei

bol, no prazo máximo dos sesenta días naturais seguintes, contados a partir da data da súa comunicación á Federación Galega de Voleibol.

Miguel Veiga NovoaFco. Pedrosa Seijas

Presidente da FGVbSecretario xeral

96-1569