Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Luns, 04 de marzo de 1996 Páx. 1.786

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 20 de febreiro de 1996 pola que se convoca un curso sobre protección de personalidades e escoltas, dirixidos ós membros dos corpos da Policía Local de Galicia.

Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 1996, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a celebración dun curso sobre protección de personalidades e escoltas, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

O curso ten por obxectivos:

a) Coñecer e perfecciona-las técnicas aplicables na protección de personalidades.

b) Coñecer qué unidades operativas interveñen nos dispositivos de protección a personalidades.

c) Coñece-los medios técnicos utilizables na protección de personalidades.

d) Coñece-los métodos de actuación de organizacións terroristas.

e) Conseguir coñecementos sobre os explosivos utilizados por organizacións terroristas e as medidas a adoptar.

Destinatarios.

O curso vai dirixido ós membros dos corpos da policía local de Galicia.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Prazas.

O número de prazas que se ofertarán neste curso será de 40.

Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar, cuberta a máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo, acompañada dunha fotocopia do DNI, e do carné profesional.

2. O prazo para a presentación de instancias ramatará o día 18 de marzo de 1996, ás 14 horas.

3. As instancias deberán enviarse á sede da Academia Galega de Seguridade, rúa de Madrid, 2-4, polígono das Fontiñas, 15703, Santiago de Compos

tela, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992 do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Contido e duración.

O curso celebrarase en sesións de tarde, de luns a venres, e nel trataránse, entre outros, os seguintes temas:

a) Aspectos xerais da protección de personalidades.

b) Protección de personalidades: dinámica e estática.

c) Grupos de apoio.

d) Caravanas.

e) Planos de seguridade: dispositivos.

f) Transmisións, etc.

Datas.

O curso celebrarase do 25 ó 29 de marzo de 1996.

O horario será de 16 a 20 horas.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos publicarase o día 21 de marzo de 1996 no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono (981) 56 34 00.

Lugas.

Academia Galega de Seguridade, sita na rúa de Madrid 2-4, no polígono das Fontiñas en Santiago de Compostela.

Certificado de asistencia e aproveitamento.

Ó remate do curso entregaráselles un certificado de asistencia e aproveitamento, a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada a el, non podendo supera-las faltas de asistencia un 15% do total da duración de horas lectivas do curso; unha inasistencia superior ó 15%, aínda que sexa xustificada, e a non superación das correspondentes probas de coñecementos, impedirá a expedición do certificado.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 1996.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridad

1383