Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 38 Xoves, 22 de febreiro de 1996 Páx. 1.446

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 11 de xaneiro de 1996 pola que se convocan bolsas de estudios para titulados e estudiantes de técnicas de empresas e actividades turísticas.

Debido á grande importancia que o sector turístico ten no desenvolvemento da nosa economía, requírese que por parte das administracións públicas, se dediquen recursos para xerar iniciativas con tendencia a mellorar cada día o sector, para así mante-la demanda existente e incrementala en todo o que sexa posible.

A Xunta de Galicia, a través da súa Secretaría Xeral para o Turismo, está a adoptar unha serie de iniciativas para acada-los fins sinalados. Entre estas medidas está a de favorece-lo acceso a prácticas de información turística ós estudiantes e titulados na materia de técnicos de empresas e actividades turísticas para así procurar para o sector turístico uns profesionais o máis preparados posible, xa que unha das demandas actuais do sector é a de que cada día exista unha maior profesionalización.

Por todo isto convócanse unha serie de axudas para a realización de prácticas de información turística das que se poden beneficia-los estudiantes e titulados na materia de técnicos de empresas e actividades turísticas.

Todo isto de conformidade coas siguientes,

BASES:

Primeira.-Beneficiarios.

A Secretaría Xeral para o Turismo, dentro do seu programa «Ordenación, promoción, xestión e fomento do turismo», dos presupostos xerais da Comunidade Autónoma para 1996, poderá concederlles ós estudiantes e titulados como técnicos de empresas e actividades turísticas, bolsas de estudios para realizar prácticas de:

A) Información turística nas oficinas que a Xunta de Galicia ten dedicadas a tal actividade nas localidades da Coruña, Ferrol, Ribeira, Santiago de Compostela, Lugo, Ribadeo, Ourense, O Carballiño, A Gudiña, Pontevedra, Tui, Vigo e Vilagarcía de Arousa e de,

B) Promoción turística na Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia, S.A. (en adiante TURGALICIA).

A concesión das ditas bolsas estará limitada polos créditos dispoñibles para este fin na aplicación pre

supostaria 04.05.651-A.480.0 e que ascenden a seis millóns (6.000.000) de pesetas.

Segunda.-Condicións.

A Secretaría Xeral para o Turismo adxudicarálle-las bolsas de estudios:

A) Ós estudiantes na materia de técnicos de empresas e actividades turísticas ou ós titulados nela con posterioridade ó 1 de xaneiro de 1994 para realización de prácticas nas oficinas de información turística da Xunta de Galicia.

B) Ós titulados como técnicos de empresas e actividades turísticas para a realización de prácticas relacionadas coa promoción turística en TURGALICIA.

3. A condición e desfrute das bolsas de estudios, que se adxudiquen en virtude da presente orde, non implicará ningunha relación nin de carácter laboral nin contractual coa Xunta de Galicia.

Terceira.-Dotación das bolsas de estudios.

1. As bolsas de estudios para prácticas nas oficinas de información turística da Xunta de Galicia estarán dotadas con 250.000 (duascentas cincuenta mil) pesetas cada unha se o adxudicatario reside no municipio no que vaia face-las prácticas ou nun limítrofe, e con 365.000 (trescentas sesenta e cinco mil) pesetas cada unha cando resida en calquera outro da Comunidade Autónoma.

2. As bolsas de estudios para prácticas en TURGALICIA Estarán dotadas con 400.000 (catrocentas mil) pesetas cada unha.

3. Os beneficiarios de bolsas de estudios desfrutarán dun seguro individual de accidentes durante o período que comprendan as prácticas.

Cuarta.-Obrigas dos beneficiarios das bolsas de estudios.

Os beneficiarios das bolsas de estudios comprométense a:

A) Realizar, no caso dos adxudicatarios de bolsas de estudios na realización de prácticas nas oficinas de información turística da Xunta de Galicia, a tarefa de facilitarlles ós turistas e viaxeiros que o soliciten información en materia de aloxamento, transporte, espectáculos, gastronomía, bibliotecas, arquivos, museos, feiras, festas, romarías, exposicións e servicios en xeral, así como calquera outra manifestación que polas súas características ofreza atractivos turísticos.

B) Realizar, no caso dos adxudicatarios de bolsas de estudios para prácticas relacionadas coa promoción turística en TURGALICIA, Actividades de apoio ás accións de promoción que se estean a realizar.

C) Á realización das prácticas nos períodos seguintes:

-Para os das bolsas de estudios nas oficinas de información turística da Xunta de Galicia, do 1 de abril ó 7 de abril, ambos inclusive, e do 1 de xullo ó 15 de setembro, tamén ámbolos dous inclusive.

-Para prácticas relacionadas coa promoción turística en TURGALICIA, os meses de xullo, agosto e setembro.

D) Á plena dispoñibilidade horaria, calquera día da semana, laboral ou festivo, para a realización das actividades obxecto da bolsa concedida, de acordo co horario que se lle sinale polo correspondente Servicio Provincial de Turismo.

Quinta.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes serán remitidas ós servicios provinciais de Turismo, en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de quince días hábiles, contados a partir do día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, cubríndose do seguinte xeito:

-Solicitude segundo o anexo.

-Fotocopias compulsadas do DNI ou NIF.

-Certificado de residencia, emitido polo concello.

-Certificación bancaria da conta onde deberá aboarse a bolsa de estudios, se é o caso.

-Os estudiantes, certificación académica completa ou fotocopia compulsada dela, que inclúa as cualificacións do curso 1994-1995. Os titulados, fotocopia do título ou do recibo do depósito do título compulsadas e certificación académica completa ou fotocopia compulsada dela.

-Certificacións ou fotocopias compulsadas das notas en idiomas obtidas no último ano cursado en cada idioma, en centros nacionais ou estranxeiros recoñecidos.

-Certificacións ou fotocopias compulsadas, da realización de prácticas en axencias de viaxes, hoteis, campings, congresos, museos ou calquera outra actividade relacionada co turismo.

-Certificacións ou fotocopias compulsadas da realización de prácticas de información turística.

-Fotocopias compulsadas de diplomas acreditativos de asistencia a cursos especializados en idiomas.

As compulsas que cumpran faranse na Secretaría Xeral para o Turismo ou nos servicios provinciais de Turismo.

2. Os interesados só poderán realizar unha solicitude.

Sexto.-Selección das solicitudes e resolución.

-Para a valoración das solicitudes de bolsas de estudios presentadas para prácticas nas oficinas de

información turística da Xunta de Galicia en TURGALICIA, terase en conta o seguinte baremo:

-Nota media das cualificacións, engadíndolle 0,5 puntos por curso superado e 1 punto máis ós titulados.

-0,25 puntos por curso de idiomas superado, e 0,10 puntos por asistencia a cursos especializados en idiomas.

-0,15 puntos por cada mes completo de prácticas desenvolvendo actividades relacionadas co turismo.

-0,35 puntos por cada mes completo de prácticas de información turística realizadas.

2.1. No caso de que dous ou máis aspirantes a bolsas de estudios acaden a mesma puntuación no concurso para unha mesma oficina de información turística ou para TURGALICIA, a selección establecerase a prol do peticionario de máis idade.

2.2. No caso de que, unha vez adxudicadas as bolsas de estudios xurdisen renuncias, adxudicaráselle a axuda ó seguinte aspirante en puntuación, procederase do mesmo xeito en renuncias consecutivas.

3. O secretario xeral para o Turismo resolverá a concesión de axudas de conformidade co establecido na presente orde antes do 26 de marzo de 1996, agás as consideradas nos puntos 2.2 e 2.3 anteriores, que as resolverá segundo as circunstancias.

4. Entenderanse desestimadas as solicitudes sobre as que non recaese resolución expresa no prazo indicado no punto 3 anterior.

Sétima.-Aboamento das axudas.

1. A Secretaría Xeral para o Turismo aboaralles mensualmente, na contía que corresponda, as bolsas de estudios ós estudiantes e titulados adxudicatarios, unha vez remitidos polos servicios provinciais de Turismo e TURGALICIA, segundo corresponda, informe sobre a asistencia regular ás prácticas e aproveitamento dos beneficiarios.

2. Así mesmo e unha vez remitido o informe do correspondente Servicio Provincial de Turismo a que se fai referencia no apartado anterior e do total da dotación da bolsa concedida, aboaránselles ós beneficiarios das bolsas, trala prestación da actividade a realizar no período do 1 ó 7 de abril, as cantidades de 25.000 ou 35.000 ptas, en función de se o importe da bolsa é, respectivamente, de 250.000 ou de 365.000 ptas.

Oitava.-Incumprimento das obrigas.

A Secretaría Xeral para o Turismo, logo do trámite de audiencia, poderá anula-la axuda por incumprimento das obrigas contraídas polos adxudicatarios.

Disposición derradeira

Facúltase o secretario xeral para o Turismo para que, no ámbito das súas competencias, dicte as resolucións oportunas para o desenvolvemento desta orde.

Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 1996.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

95-1059