Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 35 Luns, 19 de febreiro de 1996 Páx. 1.329

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE CARIÑO

EDICTO do 22 de xaneiro de 1996 polo que se fan públicas as bases da convocatoria unitaria para a provisión das prazas incluídas na oferta de emprego público deste concello para 1995.

O Concello Pleno, en sesión do 2 de decembro de 1995, aprobou as bases da convocatoria unitaria para a provisión en propiedade das prazas de funcionarios incluídas na oferta de emprego público desta corporación para 1995.

En consecuencia, publícase o texto íntegro da convocatoria unitaria para información xeral, e convócanse as probas selectivas.

Cariño, 22 de xaneiro de 1996.

Fernando Tallón Cabana

Alcalde de Cariño

Convocatoria unitaria para a provisión en propiedade de prazas de funcionarios de carreira incluídas na oferta de emprego público do Concello de Cariño para 1995.

Bases xerais

1.-Obxecto da convocatoria.

1.1.-O obxecto da convocatoria é a provisión en propiedade das prazas incluídas na oferta de emprego público deste concello para 1995 a través do procedemento de selección que para cada unha delas se sinalan. Estas bases e o procedemento selectivo adecúanse ó que dispón a Lei 30/1992, a Lei 30/1984, coas modificacións establecidas na Lei 23/1988, a Lei 7/1985, o Real decreto lexislativo 781/1986, o Real decreto 896/1991 e a Lei 4/1988, da función pública de Galicia.

Prazas:

a) Grupo, segundo o artigo 25 da Lei 30/1984: C.

Clasificación: escala de Administración xeral, subescala administrativa.

Número de vacantes: unha.

Denominación: administrativo.

b) Grupo, segundo o artigo 25 da Lei 30/1984: D.

Clasificación: escala de Administración xeral, subescala auxiliar.

Número de vacantes: unha.

Denominación: auxiliar.

2.-Condicións dos aspirantes.

Para participaren nas probas selectivas, os aspirantes deberán reuni-los seguintes requisitos:

a) Ser cidadán español.

b) Ter cumpridos 18 anos de idade e non pasar daquela na que falten 10 anos para a xubilación forzosa por idade.

c) Te-lo título esixido ou estar en condicións de obtelo na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes para participar na presente convocatoria.

d) Non ter enfermidade ou eiva física que impida o desempeño das funcións correspondentes. As persoas que padezan minusvalidez deberán facelo constar na instancia sinalando se precisan adaptación das probas.

e) Non ter sido separado mediante expediente disciplinario do servicio do Estado, das comunidades autónomas ou das entidades locais, nin se encontrar inhabilitado para o exercicio de funcións públicas.

Os anteriores requisitos, así como os específicos que se esixen para cada unha das prazas, deberanse posuír con referencia ó último día do prazo de pre

sentación de solicitudes e conservarse polo menos ata a data de nomeamento. Será nulo o nomeamento como funcionario dos aspirantes que estean incursos en causas de incapacidade conforme a normativa vixente.

3.-Presentación de instancias.

3.1.-Quen queira participar deberá facelo constar en instancia dirixida ó alcalde-presidente do Concello de Cariño. A instancia presentarase directamente no rexistro xeral do concello ou por calquera outro dos sistemas previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de vinte días naturais, contados desde o seguinte ó da publicación do anuncio da convocatoria no BOE.

3.2.-Á instancia unirase carta de pagamento ou xustificante acreditativo do ingreso na tesourería municipal deste concello da cantidade de 2.500 pesetas en concepto de dereitos de exame; xuntarase tamén fotocopia do documento nacional de identidade.

3.3.-Cando exista fase de concurso coa instancia achegaranse os documentos que acrediten os méritos que se aleguen de acordo co que se establece nas bases específicas.

3.4.-Se algunha das instancias tivese algún defecto, requirirase ó interesado, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, para que no prazo de dez días repare a falta ou achegue os documentos preceptivos, con apercibimento de que, de non facelo, se arquivará a instancia sen máis trámite.

4.-Admisión de candidatos.

4.1.-Para ser admitido a tomar parte nas respectivas convocatorias será suficiente con que os aspirantes manifesten nas instancias que reúnen tódalas condicións, tanto as sinaladas na base segunda coma as que para cada praza se sinalan nas respectivas bases específicas. Deben tamén acredita-los méritos conforme se establece nas bases específicas.

4.2.-Rematado o prazo de presentación de instancias o alcalde-presidente do concello dictará resolución, no prazo dun mes, aprobando a lista de aspirantes admitidos e excluídos, que se publicará no BOP e no taboleiro de anunciós do concello. Os aspirantes excluídos disporán dun prazo de 10 días hábiles, contados a partir do día seguinte ó da publicación da resolución, para reclamacións, que serán resoltas pola corporación.

Contra a dita resolución poderase interpoñer, comunicándollo previamente á corporación, recurso contencioso-administrativo de acordo co previsto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico

das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de dous meses contados a partir do seguinte ó da súa notificación, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

4.3.-Na mesma resolución da presidencia, incluirase a composición do tribunal e o lugar, hora e data de comezo dos exercicios.

5.-Tribunal cualificador.

5.1.-Os tribunais das probas selectivas serán designados consonte o disposto no artigo 4, alíneas e) e f) do Real decreto 896/1991, do 7 de xuño, facéndose pública a súa composición conforme se establece na base anterior.

5.2.-O tribunal non poderá constituírse, nin actuar sen a presencia, cando menos, de tres dos seus membros, titulares ou suplentes, indistintamente. En todo caso requírese a asistencia do presidente e do secretario ou os que legalmente os substitúan.

5.3.-Os membros do tribunal absteranse de intervir e comunicaranllo á autoridade convocante cando concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 28.2º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Os aspirantes poderán recusa-los membros do tribunal cando concorran aquelas circunstancias.

5.4.-O tribunal resolverá tódalas dúbidas que xurdan na aplicación das presentes normas así como nos casos non previstos por elas.

5.5.-O tribunal non poderá aprobar nin declarar que superaron as probas un número superior de aspirantes ó de prazas convocadas.

5.6.-Tódolos membros do tribunal que asistan ás probas percibirán as asignacións que lles correspondan segundo a súa categoría de conformidade coa Resolución do 22 de marzo de 1993 (BOE Núm. 73) que actualiza o Real decreto 236/1988, do 4 de marzo.

6.-Comezo e desenvolvemento das probas selectivas.

6.1.-A orde de actuación dos opositores farase por orde alfabética segundo a primeira letra do seu primeiro apelido, iniciándose polo primeiro da letra «O», de conformidade co establecido na resolución da Secretaría de Estado para a Administración Pública, do 16 de maio de 1995 (BOE do 19 de maio).

6.2.-Os aspirantes serán convocados para cada exercicio en chamada única, excluíndose da oposición os que non comparezan, non sendo en caso xustificado que estime o tribunal. Deberán acredita-la súa personalidade coa exhibición do DNI.

6.3.-O primeiro exercicio anunciarase como dispoñen as bases 4.2 e 4.3. A publicación dos sucesivos anuncios de celebración do segundo exercicio e seguintes faraa o tribunal no taboleiro de anuncios do concello.

6.4.-Entre o final dunha proba e o comezo da seguinte deberán transcorrer cando menos 48 horas e non máis de 20 días.

7.-Probas selectivas e cualificación dos exercicios.

7.1.-As probas e os sistemas de cualificación de cada proba desenvólvense nas bases específicas.

7.2.-As cualificacións dos aspirantes aprobados en cada exercicio publicaranse o mesmo día en que se acorden no taboleiro de anuncios do concello.

7.3.-A puntuación final e a orde de cualificación dos aspirantes aprobados virá dada pola suma das puntuacións obtidas no conxunto das probas, que incluirá a puntuación obtida na fase de concurso.

7.4.-O tribunal poderá acorda-la lectura pública dos exercicios que se fagan por escrito, se o xulga oportuno, e conversar cos aspirantes sobre o seu contido durante un tempo máximo de 15 minutos.

7.5.-Rematadas as probas, o tribunal publicará a relación de aprobados pola orde de puntuación, que remitirá coa acta da última sesión ó alcalde-presidente da corporación para que faga o nomeamento.

8.-Presentación de documentos, nomeamento e toma de posesión.

8.1.-No prazo de vinte días naturais contados desde o seguinte ó da publicación das listas de opositores aprobados ou da comunicación do aprobado, estes deberán presentar no rexistro xeral do concello os seguintes documentos:

a) Copia autenticada do documento nacional de identidade.

b) Título esixido para participar nas probas selectivas ou copia autenticada del.

c) Declaración xurada de non ter sido separado mediante expediente disciplinario de ningunha Administración pública nin atoparse inhabilitado para o exercicio das funcións públicas.

d) Certificado médico de non padecer enfermidade ou eiva física que impida o normal desenvolvemento da súa función expedida polo xefe provincial ou xefe local de Sanidade.

Os aspirantes que desexen acredita-la súa condición de minusvalidez deberán presentar un certificado que a acredite expedido polo órgano competente, e tamén xustificarán a compatibilidade co desenvolvemento dos traballos e funcións correspondentes á praza.

Os que teñan a condición de funcionarios de carreira estarán exentos de xustificar documentalmente as condicións e requisitos xa probados para obte-lo seu nomeamento, presentando, neste caso, certificación da Administración pública da que dependan que acredite esta condición.

8.2.-Os que no prazo sinalado, e non sendo por causa de forza maior, non presenten a documentación esixida, non poderán ser nomeados, e quedarán anu

ladas tódalas súas actuacións, sen prexuízo das responsabilidades nas que puideran incorrer por falsidade.

8.3.-Cumpridos os mencionados requisitos, o presidente da corporación fará o nomeamento dos aspirantes propostos, os cales deberán tomar posesión no prazo dun mes, contado desde o día seguinte a aquel no que lles foi notificado o nomeamento.

9.-Norma final.

A presente convocatoria, as súas bases e tódolos actos administrativos que dela deriven poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma dispostos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

10.-Públicidade da convocatoria.

As presentes bases publicaranse no BOP, no Diario Oficial de Galicia e no taboleiro de anuncios do concello.

BASES ESPECÍFICAS PARA A PROVISIÓN EN PROPIEDADE DUNHA PRAZA DE ADMINISTRATIVO-RECADADOR.

1ª.-Sistema.

Concurso-oposición libre.

2ª.-Praza, posto de traballo e funcións.

A praza de administrativo está encadrada na escala de Administración xeral, subescala administrativa, pertencente ó grupo «C» segundo o artigo 25 da Lei 30/1984, do 2 de agosto.

De conformidade coa relación de postos de traballo do persoal funcionario do Concello de Cariño para 1995, aprobada xunto co orzamento xeral do concello en sesión plenaria celebrada o 29 de abril do presente ano, e en relación co cadro de persoal do concello, as funcións que desenvolverá a persoa que acade a praza de administrativo serían as de responsable da recadación municipal, así como o desempeño das funcións de estatística.

3ª.-Titulación.

Os aspirantes precisan estar en posesión do título de bacharelato, formación profesional de segundo grao ou equivalente.

4ª.-Fases de selección.

Concurso.-

4.1.-A fase de concurso será previa á de oposición, non terá carácter eliminatorio nin poderá terse en conta para supera-las probas da fase de oposición. O tribunal non poderá valora-lo non alegado e probado polos aspirantes nos documentos achegados no momento de presenta-las solicitudes para admisión ás probas selectivas.

4.2.-Na fase de concurso valoraranse os seguintes méritos:

1. Servicios prestados na Administración pública.

-Servicios prestados con anterioridade en calquera Administración pública en postos de administrativo,

ben sexa como funcionario, ben sexa como contratado laboral, en calquera das súa modalidades.

Valoración deste mérito: 0,10 puntos por mes traballado ata un máximo de 2,5 puntos.

Acreditaranse os servicios prestados mediante certificación expedida por autoridade ou funcionario competente.

2. Título de licenciado en ciencias económicas ou empresariais: 2 puntos.

Outro título superior universitario: 1,5 puntos.

Diploma en ciencias económicas ou empresariais: 1 punto.

Título universitario de grao medio ou 3 anos de outra carreira superior: 0,5 puntos.

A valoración do título de lincenciado exclúe a do título de grao medio inferior da mesma carreira. A puntuación máxima deste mérito será de 4 puntos.

3. Coñecemento do idioma galego.

Título de iniciación. Valoración: 0,25 puntos.

Título de perfeccionamento. Valoración: 0,50 puntos.

Título básico de traductor de linguaxe administrativa local. Valoración: 1 punto.

Título medio de traductor de linguaxe administrativa local. Valoración: 1,5 puntos.

A valoración do título superior -o de máis puntuación- exclúe a do título inferior -o de menor puntuación- sendo polo tanto a puntuación máxima deste mérito de 1,5 puntos.

Acreditaranse mediante presentación do diploma ou certificación da entidade que expide o título.

4. Cursos e diplomas.

Só se terán en conta aqueles dunha duración mínima de quince horas.

Cursos oficiais impartidos por calquera Administración pública e referentes a facendas locais, recursos tributarios municipais, estatística, recadación, xestión tributaria, ou calquera outro relacionado co posto de traballo segundo se describe na base 2ª. Valoración: 0,5 puntos por curso cun máximo de 2,5 puntos.

Cursos oficiais impartidos por calquera Administración pública e referentes a: informatización municipal nos seus diversos aspectos (secretaría, contabilidade, etc.), procedemento administrativo, contratación administrativa, contabilidade pública local, ou calquera outro relacionado coas tarefas administrativas de trámite e colaboración. Valoración: 0,25 puntos por curso cun máximo de 2,5 puntos.

Acreditaranse mediante certificación expedida pola Administración correspondente.

4.3.-As acreditacións pódense presentar ben en orixinal ou en fotocopias compulsadas por fedatario público.

4.4.-As puntuacións obtidas na fase de concurso publicaranse no taboleiro de edictos do concello con anterioridade á celebración do primeiro exercicio da oposición.

Oposición.-

4.5.-Constará de catro exercicios de caráter obrigatorio, dos cales os tres primeiros teñen, ademais, carácter eliminatorio, non podendo pasa-los aspirantes á seguinte fase sen ter superada a anterior.

O tribunal procederá á cualificación dos exercicios por votación, podendo cada menbro do mesmo valora-los exercicios eliminatorios de 0 a 10 puntos. A suma dos puntos outorgados polos membros do tribunal dividirase polo número destes e o cociente resultante será a puntuación acadada polo opositor en cada exercicio, sendo necesario acadar un mínimo de 5 puntos en cada un deles para superalos. O último exercicio non eliminatorio avaliarase de 0 a 3 puntos.

Primeiro exercicio.-Consistirá en desenvolver por escrito, no prazo máximo de dúas horas, un tema a elixir entre dous sinalados polo tribunal en relación coas materias comprendidas no programa anexo, aínda que non sexa coa mesma denominación que figura no programa, avaliándose a facultade de redacción, o nivel de formación xeral, e a claridade na expresión.

Segundo exercicio.-Consistirá en contestar brevemente e por escrito un cuestionario de corenta preguntas relacionadas cos temas contidos no programa, que será elaborado polo tribunal inmediatamente antes de celebra-lo exercicio.

Terceiro exercicio.-De carácter práctico.

Desenvolverase por escrito nun tempo máximo de tres horas e consistirá en resolver dous supostos prácticos determinados polo tribunal inmediatamente antes de celebra-lo exercicio e referentes ás tarefas administrativas propias do posto de traballo. Pode implica-la utilización dun ordenador con procesador de textos de sistema WordPerfect, nas súas distintas versións.

Cuarto exercicio.-Consistirá en traducir do castelán para o galego un texto que sinale o tribunal nun tempo máximo dunha hora, sen axuda do diccionario.

5ª.-Tribunal cualificador.

Constituirase do seguinte xeito:

1. Presidente: o da corporación ou membro desta en que delegue.

2. Secretario: o secretario do concello ou suplente.

3. Vocais: un representante designado pola Comunidade Autónoma; un representante designado pola Escola Galega da Administración Pública; e un representante dos grupos políticos da oposición.

Programa das probas de administrativo de Administración xeral

Materias Comúns.

Tema 1.-A Constitución española de 1978. Principios xerais.

Tema 2.-Dereitos e deberes fundamentais e liberdades públicas dos españois.

Tema 3.-A división de poderes. Relacións entre os poderes do Estado.

Tema 4.-A Coroa. O poder lexislativo.

Tema 5.-O Goberno e a Administración do Estado.

Tema 6.-O poder xudicial.

Tema 7.-A organización territorial do Estado na Constitución. Os estatutos de autonomía.

Tema 8.-Ordenamento tributario español. Principios constitucionais.

Materias específicas: dereito administrativo.

Tema 9.-A Administración pública no ordenamento español. Administración do Estado. Administración autónoma. Administración local. Administración institucional e corporativa.

Tema 10.-Principios de actuación da administración pública. Eficacia, xerarquía, descentralización, desconcentración e coordinación.

Tema 11.-Sometemento da Administración á lei e ó dereito. Fontes do dereito administrativo. A lei: as súas clases.

Tema 12.-O regulamento: as súas clases. Outras fontes do dereito administrativo.

Tema 13.-O acto administrativo. Concepto. Elementos. Requisitos: motivación e forma.

Tema 14.-O procedemento administrativo. Principios xerais. Normas reguladoras. Dimensión temporal do procedemento administrativo. Días e horas hábiles: cómputo de prazos. Recepción e rexistro de documentos.

Tema 15.-As fases do procedemento administrativo. Actos presuntos positivos e negativos e certificación para a súa eficacia.

Tema 16.-A invalidez do acto administrativo. Supostos de nulidade de pleno dereito e de anulabilidade. Principio de conservación do acto administrativo.

Tema 17.-Os recursos administrativos: principios xerais. A comunicacuón previa. Recurso ordinario. Recurso de revisión.

Tema 18.-Principios xerais e clases de contratos administrativos. A selección de contratistas. Dereitos e deberes dos contratistas e da administración.

Tema 19.-A intervención administrativa na propiedade privada. A expropiación forzosa.

Tema 20.-As formas de actividade administrativa. O fomento. A policía.

Tema 21.-O servicio público. Nocións xerais. Os modos de xestión do servicio público.

Tema 22.-A responsabilidade da Administración pública.

Materias específicas: dereito local.

Tema 23.-Réxime local español. Principios constitucionais e regulación xurídica.

Tema 24.-A provincia no réxime local. Organización e competencias.

Tema 25.-O municipio. Organización e competencias. O termo municipal. A poboación e o empadroamento.

Tema 26.-Ordenanzas e regulamentos das entidades locais. Clases. Procedemento de elaboración e aprobación.

Tema 27.-A función pública local e a súa organización. Os funcionarios públicos locais. Concepto e clases. Dereitos, deberes e incompatibilidades. Réxime disciplinario.

Tema 28.-Intervención administrativa local na actividade privada: as licencias.

Tema 29.-Procedemento administrativo local. O rexistro de entrada e saída de documentos. Requisitos na presentación de documentos. Comunicacións e notificacións.

Tema 30.-Funcionamento dos órganos colexiados locais. Convocatoria e orde do día. Actas e certificacións de acordos.

Tema 31.-Facendas locais (I). Principios inspiradores da Lei reguladora das facendas locais. Clasificación dos ingresos. As ordenanzas fiscais.

Tema 32.-Facendas locais (II). Impostos municipais. I.B.I., I.V.T.M., I.A.E., I.C.I.O. e I.V.T.N.U.

Tema 33.-Facendas locais (III). Taxas, contribucións especiais e prezos públicos.

Tema 34.-Os orzamentos locais. Contido, aprobación, execución e liquidación.

Materias específicas: recadación.

Tema 35.-Principios xerais do Regulamento xeral de recadación. Xestión recadatoria na Administración local. Órganos recadadores na Administración local.

Tema 36.-Os obrigados ó pago das débedas tributarias e non tributarias. O seu domicilio.

Tema 37.-Extinción das débedas tributarias (I). Pago ou cumprimento. Medios de pagamento. Xustificantes e garantías do pago. Efectos do pagamento. Aprazamento e fraccionamento do pago.

Tema 38.-Extinción das débedas tributarias (II). Outras formas de extinción da débeda tributaria.

Tema 39.-Procedemento de recadación en período voluntario.

Tema 40.-Procedemento de recadación en vía executiva. Disposicións xerais. Título para a execución. Embargo de bens: depósito e alleamento. Finalización do expediente de constrinximento.

Tema 41.-Recursos administrativos e responsabilidades.

BASES ESPECÍFICAS PARA A PROVISIÓN EN PROPIEDADE DUNHA PRAZA DE AUXILIAR ADMINISTRATIVO

1ª.-Sistema.

Concurso-oposición libre.

2ª.-Praza.

A praza de auxiliar administrativo está encadrada na escala de Administración xeral, subescala auxiliar, pertence ó grupo «D» segundo o artigo 25 da Lei 30/1984.

3ª.-Titulación.

Os aspirantes precisan estar en posesión do título de graduado escolar, formación profesional de primeiro grao ou equivalente.

4ª.-Fases de selección.

Concurso.

4.1.-A fase de concurso será previa á de oposición, non terá carácter eliminatorio nin poderá terse en conta para supera-las probas da fase de oposición. O tribunal non poderá valora-lo non alegado e probado polos aspirantes nos documentos achegados no momento de presenta-las solicitudes para admisión ás probas selectivas.

4.2.-Na fase de concurso valoraranse os seguintes méritos:

1. Servicios prestados na Administración pública.

Servicios prestados con anterioridade en calquera Administración pública en postos de auxiliar administrativo, ben sexa como funcionario, ben sexa como contratado laboral en calquera das súas modalidades.

Valoración deste mérito: 0,10 puntos por mes traballado ata un máximo de 2,5 puntos.

Acreditaranse os servicios prestados mediante certificación expedida por autoridade ou funcionario competente.

2. Coñecemento do idioma galego.

Título de iniciación. Valoración: 0,25 puntos.

Título de perfeccionamento. Valoración: 0,50 puntos.

Título básico de traductor de linguaxe administra tiva local. Valoración: 1,5 puntos.

Título medio de traductor de linguaxe administrativa local. Valoración: 2 puntos.

A valoración do título superior -o de máis puntuación- exclúe a do título inferior -o de menor puntuación- sendo polo tanto a puntuación máxima deste mérito de dous puntos.

Acreditaranse mediante presentación do diploma ou certificación da entidade que expide o título.

3. Cursos e diplomas.

Só se terán en conta aqueles dunha duración mínima de quince horas.

Cursos oficiais impartidos por calquera Administración pública e referentes a: informática municipal, nos seus diversos aspectos (tratamento de textos, secretaría, contabilidade, etc.), procedemento administrativo, arquivos e rexistros, contratación administrativa, contabilidade pública, ou calquera outro relacionado coas tarefas enumeradas no artigo 169.1º.c) do Real decreto lexislativo 781/1986, do 18 de abril, polo que se aproba o texto refundido de disposicións legais vixentes en materia de réxime local. Valoración: 0,5 puntos por curso cun máximo de 3 puntos.

Acreditaranse mediante certificación expedida pola Administración correspondente.

4.3.-As acreditacións pódense presentar ben en orixinal ou en fotocopias compulsadas por fedatario público.

4.4.-As puntuacións obtidas na fase de concurso publicaranse no taboleiro de edictos do concello con anterioridade á celebración do primeiro exercicio da oposición.

Oposición.

4.5.-Constará de tres exercicios de carácter obrigatorio, dos cales os dous primeiros teñen, ademais, carácter de eliminatorio; estes serán puntuados de 0 a 10 puntos, e é preciso acadar un mínimo de 5 puntos en cada un deles para superalos. O último exercicio avaliarase de 0 a 3 puntos.

Primeiro exercicio.-Consistirá en contestar brevemento e por escrito, no prazo máximo de dúas horas, un cuestionario de vinte preguntas relacionadas cos temas do programa, que será elaborado polo tribunal inmediatamente antes de celebra-lo exercicio.

Avaliaranse os coñecementos do tema, o nivel de formación xeral e a calidade da exposición.

Segundo exercicio.-De carácter práctico e composto de dúas fases:

a) A primeira consistirá en mecanografar durante dez minutos o texto que sinale o tribunal a unha velocidad mínima de 175 pulsacións por minuto para máquina normal e 200 para máquina eléctrica. Non se admitirá uso de memoria nin de cintas correctoras. Avaliarase a velocidade desenvolta, e a limpeza, exactitude e corrección do escrito.

b) A segunda consistirá en resolver un suposto determinado polo tribunal inmediatamento antes de celebra-lo exercicio e referente ás tarefas administrativas propias do posto de traballo. Pode implica-la utilización dun ordenador con procesador de textos de sistema WordPerfect, nas súas distintas versións.

Terceiro exercicio.-Consistirá en traducir do castelan para o galego un texto que sinale o tribunal nun tempo máximo de trinta minutos.

5ª.-Tribunal cualificador.

Constituirase do seguinte xeito:

1. Presidente: o da corporación ou membro desta no que delegue.

2. Secretario: o secretario do concello ou suplente.

3. Vocais: un representante designado pola Comunidade Autónoma; un funcionario de carreira deste concello ou outra Administración; e un representante dos grupos políticos da oposición.

Programa das probas de auxiliar de Administración xeral

Materias comúns.

Tema 1.-A Constitución española de 1978. Principios xerais. Dereitos e deberes fundamentais e liberdades públicas dos españois.

Tema 2.-Organización territorial do Estado. Os estatutos de autonomía. As entidades locais.

Tema 3.-O Goberno e a Administración do Estado.

Tema 4.-Ordenamento tributario español. Principios constitucionais.

Materias específicas: dereito administrativo.

Tema 5.-A Administración pública no ordenamento español. Administración do Estado. Administración autónoma. Administración local. Administración institucional e corporativa.

Tema 6.-Principios de actuación da Administración pública: eficacia, xerarquía, descentralización, desconcentración e coordinación.

Tema 7.-Principio de legalidade. Fontes do dereito público.

Tema 8.-O administrado. Colaboración e participación dos cidadáns nas funcións administrativas.

Tema 9.-O acto administrativo. Principios xerais do procedemento administrativo.

Tema 10.-O procedemento administrativo. Concepto. Fases. Fins.

Tema 11.-Formas de acción administrativa. Fomento. Policía. Servicio público.

Tema 12.-A responsabilidade da Administración.

Materias específicas: dereito local.

Tema 13.-Réxime local español. Principios constitucionais e regulación xurídica.

Tema 14.-A provincia e o municipio. Organización e competencias.

Tema 15.-Ordenanzas e regulamentos das entidades locais. Clases. Procedemento de elaboración e aprobación.

Tema 16.-A función pública local e a súa organización. Os funcionarios públicos locais. Concepto

e clases. Dereitos, deberes e incompatibilidades. Réxime disciplinario.

Tema 17.-Os contratos administrativos na esfera local. A selección do contratista.

Tema 18.-Intervención administrativa local na actividade privada: as licencias.

Tema 19.-Procedemento administrativo local. O rexistro de entrada e saída de documentos. Requisitos na presentación de documentos. Comunicacións e notificacións.

Tema 20.-Funcionamento dos órganos colexiados locais. Convocatoria e orde do día. Actas e certificacións de acordos.

Tema 21.-Facendas locais. Clasificación dos ingresos.

Tema 22.-Os orzamentos locais.

0393