Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Venres, 16 de febreiro de 1996 Páx. 1.260

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 19 de xaneiro de 1996 pola que se lle outorga a Gas Galicia SDG, S.A. concesión administrativa para a prestación do servicio público de subministración de gas natural para usos domésticos, comerciais e industriais nos termos municipais de Ferrol e Fene, así como para a subministración de aire propanado, nunha primeira etapa, no termo municipal de Ferrol.

A empresa Gas Galicia SDG, S.A., con enderezo en Santiago de Compostela, rúa A Rosa, 16-3º B, solicitou con data 1 de xullo de 1993 a concesión administrativa para o servicio público de subministración de gas natural a usuarios domésticos, comerciais e industriais nos termos municipais de Ferrol e Fene, mediante o correspondente proxecto que recolle as redes de distribución e a planta de aire propanado, para a subministración deste gas mentres non estea dispoñible o gas natural.

As características principais das instalacións son as seguintes:

A rede primaria operará a unha presión máxima de 4 bar e terá a súa orixe na rede industrial de Enagas, S.A., a través das correspondentes estacións de regulación e medida. Desta rede básica partirá a rede secundaria e as ramificacións precisas para atender ós diferentes puntos de consumo, operando, unha parte, á presión máxima de 4 bar e, outra, á presión máxima de 0,4 bar.

O caudal máximo previsto será o necesario para atende-la demanda máxima prevista para os diferentes mercados dos termos municipais obxecto da concesión. Con base nos cálculos previstos, estímase en 2.350 m3(n)/h o caudal máximo (1ª Fase).

A lonxitude aproximada dos encanamentos que compondrán a rede será:

-Rede primaria: 11.250 m.

-Rede secundaria: 51.926 m.

A planta de aire propanado subministrará ó municipio de Ferrol un gas totalmente intercambiable co gas natural, previo á interconexión das redes de Gas Galicia SDG, S.A. coa rede industrial de Enagas S.A., cunha capacidade de producción de 2.000 m(n)/h de aire propanado de 13,5 terminas/m(n).

O orzamento total estimado ascende a mil douscentos nove millóns seiscentas unha mil pesetas (1.209.601.000 ptas.).

Cumpridos os trámites regulamentarios no expediente instruído para o efecto, de conformidade co previsto no Regulamento xeral do servicio público de gases combustibles, aprobado polo Decreto 2913/1973, do 26 de outubro, que continuará en vigor de acordo co establecido na disposición transitoria primeira da Lei 10/1987, do 15 de xuño,

de disposicións básicas para un desenvolvemento coordinado de actuacións en materia de combustibles gasosos, mentres non se aproben as disposicións de desenvolvemento dela, considerando que a Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia é competente para outorga-la correspondente concesión administrativa con base ó Estatuto de autonomía de Galicia; ó Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia; ó Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas; ó Decreto 209/1990, do 15 de marzo, modificado polo Decreto 140/1991, do 2 de maio, en relación coa Lei 10/1987, do 15 de xuño e o Decreto 2913/1973, de 26 de outubro, e por proposta da Dirección Xeral de Industria,

RESOLVO:

Outorgarlle á empresa Gas Galicia, SDG, S.A. a concesión administrativa solicitada para o servicio público de subministración de gas natural para usos domésticos, comerciais e industriais nos termos municipais de Ferrol e Fene, así como para a subministración de aire propanado, mentres non estea dispoñible o gas natural, no termo municipal de Ferrol.

A presente concesión outorgase conforme as seguintes condicións:

Primeira.-Gas Galicia SDG, S.A. constituirá nun prazo de dous meses, contados desde o momento do outorgamento da concesión, unha fianza por valor de 24.192.020 pesetas, importe do 2% de orzamento que figura no expediente, para garanti-lo cumprimento das súas obrigas, conforme o artigo 7, apartado b) da Lei 10/1987, de 15 de xuño, e o artigo 13 do Regulamento xeral do servicio público de gases combustibles. A dita fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Economia e Facenda da Xunta de Galicia en calquera das formas sinaladas no artigo 11, apartado 3º do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, fianza que será devolta unha vez que se formalice a acta de posta en marcha das instalacións.

Segunda.-A presente concesión outórgase deixando a salvo os dereitos concesionais recoñecidos con anterioridade a Enagas S.A. para a subministración de gas natural para usos industriais en diversos termos municipais, entre os que figuran Ferrol e Fene, por Orde do 12 de marzo de 1993, sen prexuízo dos acordos que se establezan entre Gas Galicia SDG, S.A. e Enagas S.A. para a subministración ós mercados industriais para conseguir unha utilización óptima dos recursos e unha máis rápida penetración do gas natural.

A Consellería de Industria e Comercio reserva para si a aprobación ou arbitraxe, se é o caso, dos correspondentes criterios de ordenación do mercado de gas natural para usos industriais, para unha utili

zación máis racional dos recursos e mellor calidade do servicio público.

Terceira.-Dentro do prazo de cinco meses, contado a partir da data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, Gas Galicia SDG, S.A. solicitará da Dirección Xeral de Industria a autorización para a montaxe das instalacións, presentando o proxecto detallado delas.

Cuarta.-O prazo para a posta en marcha das instalacións será dun ano a partir da data da súa autorización.

Quinta.-Nas instalacións e nas súas montaxes deberase cumpri-lo establecido no Regulamento de redes e acometidas de combustibles gasosos, aprobado por orde do Ministerio de Industria, do 18 de novembro de 1974, modificada polas ordes do Ministerio de Industria e Enerxía do 26 de outubro de 1983 e 6 de xullo de 1984. Estas instalacións deberán preverse para responder ós avances tecnolóxicos no campo do gas e lograr abastecementos flexibles e seguros.

O cambio das características do gas subministrado ou a substitución por outro intercambiable, requirirá a autorización da Dirección Xeral de Industria da Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, de acordo co artigo 8, apartado c), do Regulamento xeral do servicio público de gases combustibles.

As instalacións receptoras de gas, a partir da acometida, tanto as comúns como as individuais, deberán cumpri-lo disposto no Regulamento de instalacións de gas en locais destinados a usos domésticos, colectivos ou comerciais e normas complementarias.

Sexta.-O concesionario deberá manter unha correcta subministración e unha axeitada e eficiente conservación das instalacións, sendo responsable da conservación e bo funcionamento deles. Así mesmo, queda suxeito a cantas prescricións se establecen no citado regulamento xeral e a cantas outras disposicións fosen dictadas ou se dicten polo Ministerio de Industria e Enerxía ou a Xunta de Galicia sobre subministración de gases combustibles e as súas instalacións.

Sétima.-A determinación das tarifas de aplicación ás subministracións de gas rexerase polas disposicións vixentes no seu momento sobre a materia.

Oitava.-A presente concesión outórgase por un prazo de setenta e cinco anos. As instalacións obxecto desta concesión reverterán á Comunidade Autónoma de Galicia ó transcorre-lo prazo sinalado, de acordo co artigo 7, apartado c) da Lei 10/1987, do 15 de xuño.

Novena.-Gas Galicia SDG, S.A. poderá transferir en calquera momento a concesión, requiríndose a autorización previa desta Consellería de Industria e Comercio, subrogándose o novo titular en tódalas obrigas e dereitos do transmitente derivados da concesión.

Décima.-A Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio na Coruña coidará do exacto cumprimento das condicións estipuladas por esta resolución. Os recoñecementos, ensaios e probas, de carácter xeral ou parcial, que segundo as disposicións en vigor deban de realizarse nas instalacións obxecto da concesión deberán ser comunicadas polo concesionario á citada delegación provincial coa debida antelación.

Décimo primeira.-Nos casos de incumprimento das obrigas do concesionario que poidan afectar á continuidade e seguridade do servicio público, e co fin de garanti-lo mantemento do servicio ós usuarios del, a Xunta de Galicia poderá acorda-la intervención da correspondente empresa concesionaria, de acordo co artigo 128 da Constitución, adoptando as medidas oportunas para mante-las subministracións.

Décimo segunda.-Serán causas de extinción da presente concesión, ademais das sinaladas no apartado e) do artigo 7 da Lei 10/1987, do 15 de xuño, as seguintes:

a) O incumprimento do apartado b, do artigo 7 da Lei 10/1987.

b) A introducción de calquera variación ou ampliación na execución dos proxectos, non autorizadas pola Dirección Xeral de Industria da Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, salvando as modificacións precisas para que se cumpran as disposicións vixentes.

c) Se non se levasen a cabo as instalacións de acordo coas condicións impostas na presente resolución e na autorización para a súa montaxe.

Sen embargo, se por evolución da técnica ou a distribución de gas, por utilización de diferentes materias primas ou por outras causas, non fose adecuado o mantemento dalgunha ou dalgunhas das instalacións obxecto da presente resolución, Gas Galicia SDG, S.A., poderá solicitar desta consellería:

1.-Autorización para a modificación ou substitución das instalacións, sen altera-las restantes condicións da concesión e coa mesma data de reversión que as instalacións substituídas, ou ben

2.-O outorgamento da correspondente concesión para as novas instalacións, se pola importancia dos investimentos que estas supoñan non puidese obter unha compensación económica axeitada durante o prazo que restase para a caducidade da concesión antes mencionada, tendo en conta sempre os dereitos que a Comunidade Autónoma de Galicia poida ter sobre os elementos cambiados.

Décimo terceira.-A concesión outórgase sen prexuízo de terceiros e deixando a salvo os dereitos particulares.

Décimo cuarta.-Esta concesión outórgase sen prexuízo e independentemente das autorizacións, licencias ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros, necesarios para a realización das obras das instalacións de gas.

Contra a presente resolución, que é definitiva en vía administrativa, poderá interpoñerse, se é o caso, recurso contencioso administrativo no prazo de dous meses a contados desde o día seguinte ó da súa publicación, logo de comunicación a esta consellería, conforme o establecido no artigo 57.2º da Lei reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa, do 27 de decembro de 1956 coa nova redacción dada pola disposición adicional décimo primeira da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 1996.

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

775