Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 31 Martes, 13 de febreiro de 1996 Páx. 1.184

VI. ANUNCIOS

OUTROS ANUNCIOS

CAIXA DE AFORROS DE GALICIA

ELECCIÓN de conselleiros xerais representantes de impositores.

Designados por sorteo notarial os señores compromisarios que procederán á elección de conselleiros xerais representantes dos impositores da entidade, as comisións electorais das circunscricións da Coruña, Ferrol, Lugo, Santiago de Compostela, Ourense e Pontevedra, acordaron celebra-los actos de votación e escrutinio o día 18 de marzo de 1996.

A elección aterase ás normas do Regulamento de procedemento para a designación dos membros dos órganos de goberno de Caixa Galicia. En especial deberán ser tidas en conta as seguintes regras:

1. Serán electores e poderán ser elixidos en cada circunscrición exclusivamente os que figuren inscritos na sección da relación definitiva de compromisarios correspondente á dita circunscrición.

2. A sección da relación provisional de compromisarios correspondente a cada circunscrición exporase en tódalas oficinas de Caixa Galicia adscritas a ela a partir do día 15 de febreiro inclusive.

Durante os 10 primeiros días hábiles do período de exposición, as persoas inscritas na lista de impositores aprobada no seu día poderán impugna-la

designación dos compromisarios nos que non concorran as condicións de elixibilidade ou que incorran nalgunha das causas de incompatibilidade ou de prohibición, mediante escrito dirixido á comisión electoral, que deberá ser presentado na oficina principal da capitalidade da circunscrición á que represente o compromisario afectado. Será rexeitada taxativamente toda reclamación que non xunte a xustificación documental axeitada. Esta carga entenderase cumprida se se designan concretamente os elementos de proba en poder de Caixa Galicia.

Os escritos de impugnación, sen necesidade de notificación previa, quedarán en disposición de seren consultados polos compromisarios afectados, durante os 2 días hábiles seguintes, nas mesmas oficinas. Nese prazo poderán formula-las alegacións que conveñan ó seu dereito.

Resoltas as impugnacións pola comisión de control, a relación definitiva de compromisarios quedará exposta, con 5 días hábiles de antelación, como mínimo, á data fixada para as votacións, na sede central da entidade e nas oficinas de cada circunscrición. Esta exposición terá o carácter de notificación ós interesados para tódolos efectos.

3. Calquera compromisario, a título exclusivamente persoal, poderá dirixirse, ata o momento da votación, ós restantes compromisarios para difundi-las súas circunstancias e programa.

4. A votación será persoal e secreta. O dereito de voto acreditarase unicamente pola inscrición na sección correspondente da relación definitiva de compromisarios e o elector deberá exhibir no momento de enmiti-lo seu voto, o documento nacional de identidade ou documento que o supla.

5. A mesa abrirá o período de votación ás 10 horas e pecharao ás 16 horas do mesmo día.

6. Constituirase unha mesa na oficina principal da capitalidade de cada circunscrición. Os compromisarios deberán exercita-lo seu voto precisamente na mesda da circunscrición á que representen.

A Coruña, 5 de febreiro de 1996.

Os presidentes das comisións electorais

AVISO PARA OS ANUNCIANTES

PREZOS PARA A PUBLICACIÓN DE ANUNCIOS

NO DOG A PARTIR DO 1 DE XANEIRO DE 1996

(Decreto 289/1995, do 3 de novembro,

DOG do 9 do mesmo mes)

-Tramitación ordinaria: 445 pesetas/liña de 54 espacios.

-Tramitación urxente: 890 pesetas/liña de 54 espacios.