Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 31 Martes, 13 de febreiro de 1996 Páx. 1.166

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 2 de febreiro de 1996 pola que se convocan unhas xornadas de estudio sobre austeridade no gasto público.

Dentro do plan de actividades da EGAP para 1996, figura a realización dunhas xornadas de estudios sobre austeridade no gasto público.

1. Obxecto.

Os días 13 e 14 de marzo de 1996 terán lugar, no salón de actos da EGAP, unhas xornadas de estudio sobre austeridade no gasto público, actividade que será dirixida por José Manuel Canales Aliende, profesor titular de ciencia política e da administración da Universidade Complutense de Madrid e secretario da Asociación Española de Ciencias Administrativas.

2. Obxectivos.

Analizar e debate-la problemática actual do gasto e da xestión pública en xeral, coa intención de atopar e propoñer alternativas posibles para a súa mellora e maior eficacia no marco ineludible da austeridade e da ética pública.

3. Contido.

Entre outras cuestións, examinaranse as seguintes:

-Reflexións sobre austeridade no sector público.

-Austeridade na reforma administrativa da Xunta de Galicia.

-Novos sistemas de información para o control da xestión e para a racionalización do gasto público.

-A racionalización dos gastos de persoal.

-A xestión da escaseza.

4. Destinatarios.

Persoal ó servicio de calquera das administracións públicas galegas, e interesados en xeral.

5. Desenvolvemento e duración.

As xornadas abriranse o mércores, 13 de marzo, ás 10 horas, e rematarán ás 14 horas do xoves, 14 de marzo.

6. Inscrición.

-Prazo: remata o luns, día 11 marzo de 1996.

-Lugar de presentación: no rexistro xeral da EGAP (Polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4 - 15703, Santiago de Compostela). Tfno. 57 08 00. Telefax nº 57 15 40.

-Forma: as solicitudes de inscrición faranse por escrito, no modelo oficial que figura ó final destas bases. Serán rexeitadas todas aquelas peticións que non reúnan o dito requisito.

As peticións de admisión poderanse enviar por correo ordinario ou por telefax ó número consignado.

-Inscrición fóra de prazo: só se admitirán de quedaren prazas baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

A partir do 12 de marzo, os peticionarios poderán obte-la confirmación da súa posible admisión, chamando por teléfono en días laborables, de 11.30 a 14.45 horas, ó seguinte número: (981) 57 08 00 (Ext. 229), ou ben consultando a lista de admitidos que se exporá no taboleiro de anuncios da EGAP, 24 horas despois do remate do prazo de presentación de solicitudes.

7. Certificación de asistencia.

Entregaráselles ó remate desta xornada a aqueles asistentes que concorresen asiduamente á ela, e expresarase neste documento a natureza da actividade e a data da súa realización.

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 1996.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración Pública

326