Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 31 Martes, 13 de febreiro de 1996 Páx. 1.162

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 31 de xaneiro de 1996 pola que se convocan bolsas de especialización para a realización de estudios sobre a pesca en Galicia.

Maila indubidable importancia que ten o sector pesqueiro en Galicia, e da súa tradición histórica, áchase de menos un maior número de estudios e traballos tanto de carácter histórico, como socioeconómico ou técnico, sobre os diversos aspectos da pesca e as actividades con ela relacionadas.

Parece conveniente tratar de impulsar estudios específicos sobre determinadas áreas, mediante bolsas de estudios que impulsen os traballos relacionados coa historia da pesca en Galicia, os seus aspectos socioeconómicos ou tecnolóxicos, que á vez contibúan á formación de titulados universitarios nestes campos.

Polo exposto esta consellería,

DISPÓN:

Artigo 1º

Con cargo á aplicación orzamentaria 12. 04. 612.B. 480.00, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996, convócanse catro (4) bolsas para a realización de estudios no campo da pesca destinadas a titulados superiores.

A concesión destas axudas rexerase polas bases do anexo a esta orde.

Artigo 2º

O importe global máximo que alcanzarán as axudas é de cinco millóns duascentas oitenta mil pesetas (5.280.000 ptas.), a razón dun millón trescentas vinte mil pesetas (1.320.000 ptas.) por bolsa, das que serán deducidas as correspondentes retencións fiscais.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a directora xeral de Formación Pesqueira e Investigación para dicta-las normas necesarias para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 1996.

Juan Caamaño Cebreiro

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura

BASES:

Primeira.-Obxecto e dotación.

O obxecto da presente convocatoria é a concesión de catro (4) bolsas ou axudas económicas dun ano de duración, prorrogable por outro para a realización de estudios sobre a pesca e o sector pesqueiro nas seguintes áreas:

1. Dúas bolsas para estudios de carácter social, etnográfico, ou histórico sobre a pesca en Galicia.

2. Dúas bolsas para estudios de carácter económico ou tecnolóxico sobre a pesca e o sector pesqueiro en Galicia.

As bolsas concedidas poderán ser prorrogadas seguindo o establecido na base novena.

A contía das axudas será de un millón trescentas vinte mil pesetas (1.320.000) cada unha, aboables en doce mensualidades de cento dez mil pesetas (110.000) nas que se aplicará a correspondente retención fiscal.

Segunda .-Carácter da bolsa.

Dado o seu carácter formativo e de apoio ó estudio que vai realiza-lo bolseiro, a concesión destas bolsas non implica relación laboral ou administrativa entre o beneficiario e a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, aínda que si a necesaria e natural coordinación e supervisión, nin dará lugar á súa inclusión na Seguridade Social.

O bolseiro deberá dedicarse de maneira plena a realiza-los estudios para os que foi concedida a bolsa, con aceptación das indicacións da dirección do traballo. É incompatible o desfrute da bolsa coa percepción doutras remuneracións, bolsas ou axudas.

Terceira.-Condicións xerais.

Para optar a estas bolsas é necesario:

a) Ser galego maior de idade, a teor do artigo 3º do Estatuto de Autonomía de Galicia.

b) Posuí-la titulación requerida na data da solicitude.

c) Que non transcorresen máis de seis anos desde a obtención da titulación requirida.

Cuarta.-Centros de realización.

As bolsas serán de realización en calquera centro universitario ou de investigación de Galicia, ó que o bolseiro se incorporará, segundo o que se estableza no escrito de aceptación do dito centro da realización e dirección do estudio.

Quinta.-Documentación e trámites.

1. A solicitude destas bolsas farase mediante escrito dirixido ó conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, segundo modelo do anexo, xunto ós seguintes documentos:

a) Fotocopia do DNI compulsada.

b) Currículum vitae do solicitante, cos documentos acreditativos dos méritos alegados.

c) Certificación académica completa e fotocopia do título correspondente, ou, no seu defecto, xustificación do pagamento dos dereitos de expedición.

d) Outros datos que se poidan xustificar documentalmente e que o solicitante considere de interese en relación coa bolsa.

e) Escrito da entidade na que se vai desenvolve-lo traballo no que figure a súa aceptación expresa.

f) Escrito do director do traballo manifestando a súa aceptación e o compromiso de dirixilo.

g) Memoria descritiva do estudio que se vai realizar, con meción dos seus obxectivos, metodoloxía, tempo de duración previsto, e cantos outros se consideren de interese, en especial se o dito estudio forma parte dun proxecto máis amplo realizado pola entidade na que se integra o bolseiro. A memoria debe estar conformada polo director do traballo.

h) No caso de formar parte dun proxecto máis amplo, memoria sinxela onde se relacionen os traballos xa realizados e en curso, e composición e pequeno currículum do equipo que o integra, asinado polo director do proxecto.

2. A presentación das solicitudes farase no rexistro xeral da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura (edificios administrativos de San Caetano, Santiago de Compostela), ou ben por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. O prazo de presentación rematará ós 15 días da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

4. A Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación comprobará que tódalas solicitudes reúnen os requisitos establecidos na presente orde e exporá no taboleiro de anuncios da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura e as súas delegacións, unha resolución coa lista de admitidos e excluídos, indicando, se é o caso, as causas de exclusión. Contra a dita resolución poderán os interesados formula-la reclamación, para emendar erros e faltas de documentos, ante a Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación, no prazo de 10 días, a partir da publicación da resolución, achegando, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se corrixan as causas de exclusión procederase ó arquivo do expediente sen máis trámites.

Sexta.-Outorgamento das bolsas.

1. As bolsas serán adxudicadas polo conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, por proposta da comisión de selección.

2. A comisión de selección estará presidida e será nomeada pola directora xeral de Formación Pesqueira e Investigación, e a súa composición farase pública no taboleiro de anuncios da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

3. Na fase de selección teranse en conta como criterios de valoración:

a) Expediente académico e currículum vitae.

b) Obxecto do estudio que vai realizar, priorizandose no caso das bolsas da base primeira 1, os estudios de historia económica e etnográficos sobre outros temas, e no caso das bolsas da base primeira 2 os estudios sobre o proceso de comercialización en primeira venda sobre outros temas.

c) A integración do estudio obxecto da bolsa en programas de traballo máis amplos, e en equipos de investigación que xa traballen sobre o tema.

Só se valorarán os méritos acreditados documentalmente.

Ademais a comisión poderá convoca-los solicitantes para unha entrevista persoal e para as probas obxectivas que coide procedentes.

4. Efectuada a selección pola comisión, a Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación fará pública a relación provisional de beneficiarios seleccionados mediante anuncio no taboleiro da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura e as súas delegacións. Contra esta resolución poderase formular reclamación no prazo de 10 días; transcorrido o dito prazo a comisión procederá a estudia-las reclamacións presentadas e elevará a proposta definitiva ó conselleiro para que resolva.

5. A resolución do conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, pola que se adxudicarán as bolsas, publicarase no Diario Oficial de Galicia, e porá fin á vía administrativa, segundo o disposto no artigo 109 c) da Lei 30/1992.

6. Se transcorridos 10 días desde a publicación da resolución de adxudicación no Diario Oficial de Galicia, os bolseiros non formalizasen a adscrición, perderán a bolsa e procederase a cubri-las vacantes cos suplentes nomeados.

7. As solicitudes entenderanse desestimadas se nun prazo de tres meses a partir do remate do prazo de presentación de solicitudes, non se dictou resolución.

Sétima.-Pagamento e efectividade.

1. Incorporado ó lugar de realización da bolsa, e logo de notificación da incorporación polo responsable do proxecto ó que se incorpora o bolseiro, procederase ó pagamento da cantidade mensual fixada na base un, con efecto a mes vencido.

O abandono inxustificado da realización dos traballos será causa de perda da bolsa.

2. a) A Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación poderá en calquera momento da realización da bolsa, solicitarlle ó bolseiro un informe sobre as súas actividades.

b) Antes do pagamento da última mensualidade, o bolseiro fará entrega dun informe por escrito sobre os traballos desenvolvidos no período de formación, ó que se xuntará informe do director do proxecto. O incumprimento deste requisito dará lugar á perda desta mensualidade.

Oitava.-Renuncia á bolsa concedida.

No caso de renuncia á bolsa concedida, o bolseiro presentará a correspondente solicitude fundamentada.

Novena.-Condicións da prórroga.

Transcorrido un ano, e logo de informe favorable da Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación, e sempre que exista partida orzamentaria, a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, pola solicitude do bolseiro, poderá acorda-la prórroga por un ano da bolsa que este tiña concedida, nas mesmas condicións nas que se concedeu a orixinaria.

740