Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 31 Martes, 13 de febreiro de 1996 Páx. 1.146

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 50/1996, do 1 de febreiro, polo que se declara a urxente ocupación de bens e dereitos co obxecto de impoñe-la servidume de paso para o establecemento e conservación da liña eléctrica que une a subestación de Cesuras co enlace Mesía-Boimorto (Expte. número 116/1994); da liña subestación de Laracha-C.T. de Alvite (Expte. número 118/1994); e da liña subestación de Cabana a Ponteceso (Expte. número 158/1994).

Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., con domicilio para efectos de notificacións na r/ Fernando Macías nº 2 da Coruña, solicitou desta Consellería de Industria e Comercio, a concesión dos beneficios de expropiación forzosa e a declaración de urxente ocupación dos terreos afectados pola execución dos proxectos de construcción das liñas eléctricas aéreas seguintes: a) Expte. nº 116/1994, liña eléctrica aérea, a 20 kV, sobre apoios de formigón e conductor LA-110, de 3.587 m de lonxitude, en dobre circuíto, con orixe na 2ª saída da liña subterránea á subestación de Cesuras e remate na liña Mesía-Boimorto, percorrendo os concellos de Cesuras e Mesía (A Coruña); b) Expte. nº: 118/1994, liña eléctrica aérea a 20 kV, de 6.237 m de lonxitude, con orixe na subestación de Laracha e final no C.T. de Alvite, sobre apoios de formigón, con conductor LA-110, nos concellos de Arteixo, Laracha e Carballo (A Coruña) e c) Expte. nº: 158/1994, liña eléctrica a 15/20 kV dentro dos concellos de Cabana e Ponteceso

(A Coruña), con orixe na subestación de Cabana, nos seguintes tramos: I.- desde a subestación ó apoio nº 7, en dobre circuíto aéreo, sobre apoios metálicos e conductor LA-110, de 646 m de lonxitude; II.- desde o apoio nº 7 ó apoio nº 20, en simple circuíto, sobre apoios de formigón e conductor LA-110, de 2.386 m de lonxitude; III.- desde o apoio nº 20, en subterráneo, baixo tubo, con conductor R.H.V. 12/20 de 3 (1x240) mm Al e 960 m de lonxitude, dentro do núcleo urbano de Ponteceso.

As ditas instalacións autorizáronse, declaráronse de utilidade pública, e aprobouse o seu proxecto de execución, a primeira por resolución da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña do 17-2-1995, a cal foi obxecto de publicación, inseríndose no DOG do 22-3-1995, no BOP da Coruña do 4-5-1995, e no BOE do 23-3-1995, a segunda por resolución do mesmo organismo do 10-3-1995 que se publicou no DOG do 27-4-1995, no BOP da Coruña do 22-4-1995 e no BOE do 20-4-1995, e a terceira por resolución da devandita delegación provincial do 10-3-1995 publicada no DOG do 27-4-1995, no BOP da Coruña do 29-4-1995 e no BOE do 2-5-1995.

As solicitudes de urxente ocupación fixéronse de acordo co disposto no artigo 31 do regulamento que desenvolve a Lei 10/1966, do 18 de marzo, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, aplicable ós presentes expedientes en virtude do establecido pola alinea 2 da disposición

transitoria segunda da Lei 40/1994, do 30 de decembro, de ordenación do sistema eléctrico nacional.

Os anuncios de información pública aberta en función destas peticións, coas relacións de interesados, bens e dereitos afectados, publicáronse, no DOG do 10-7-1995, no BOP da Coruña do 26-7-1995 e no xornal El Ideal Gallego da Coruña do 26-7-1995; ó mesmo tempo na forma regulamentaria notificouse individualmente a cada un dos interesados que figuran nas ditas relacións.

A tramitación do expediente fíxose de acordo coa Lei 10/1966, do 18 de marzo, e co seu regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, durante o período no que se someteu a trámite de información pública presentáronse as alegacións seguintes: no expediente 116/1994 presentou escrito de alegacións o titular do predio nº 31, solicitando diversa información, a que lle foi achegada pola empresa beneficiaria; no expediente nº 118/1994 os titulares dos predios nº: 63, 64, 65, 66, 67, 68, 69, 69/1, 71, 72, 73, 74, 75, 76, 77 e 78 solicitan o cambio de trazado, alegacións que se desestiman xa que o dito trazado considérase o máis idóneo en canto a lonxitude, custo e menor prexuízo posible, e correspóndese coa traza aprobada, non se entra no resto das alegacións formuladas polos ditos titulares, xa que corresponde a outra fase do procedemento.

Unha vez efectuada, por técnicos da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña, a inspección sobre o terreo seguindo os trazados aprobados para as instalacións destas liñas, púidose comprobar que nos bens afectados sobre os que se solicitan os beneficios de expropiación, para os efectos da imposición de servidume, non se dan os supostos prohibitivos previstos nos artigos 6 de Lei 10/1966, do 18 de marzo, e 25 de Decreto 2619/1966, nin lles son de aplicación as limitacións do artigo 26 do dito decreto.

Estímase xustificada a urxente ocupación solicitada pola compañía Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., xa que con estas liñas preténdese amplia-las redes de distribución de enerxía, para mellora-la subministración eléctrica nos sectores de establecemento das instalacións e poder garanti-las máximas condicións de seguridade da subministración nas ditas zonas, atendendo as constantes reclamacións polo mal servicio no sector e debido a que a imposición da servidume de paso, polo procedemento ordinario, faría imposible cumpri-los prazos previstos para estas instalacións.

Na súa virtude, e por proposta do conselleiro de Industria e Comercio, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día un de febreiro de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo único.-Para os efectos previstos na Lei 10/1966, do 18 de marzo, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, e no seu regulamento de aplicación, aprobado polo

Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, declárase urxente a ocupación de terreos e bens gravados coa servidume de paso imposta co alcance previsto no artigo 4 da lei citada, para realiza-las instalacións proxectadas e propostas por Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., das liñas eléctricas aéreas, a) liña eléctrica que une a subestación de Cesuras co enlace Mesía-Boimorto, afectando ós termos municipais de Cesuras e Mesía (A Coruña); b) liña da subestación de Laracha ó C.T. de Alvite, nos concellos de Arteixo, Laracha e Carballo; e c) liña da subestación de Cabana a Ponteceso, concellos de Cabana e Ponteceso.

Santiago de Compostela, un de febreiro de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

792